3 poemas de <em>Exhumación</em>, de Marcos Abalde

3 poemas de Exhumación, de Marcos Abalde

0 comentários 🕔10:15, 06.Out 2016

Agradecemos a Marcos Abalde o envio de 3 poemas de “Exhumación“, a obra que ganhou o IV Premio Lueiro Rey de poesia 2016.

*

Autoaxuda

Baleirábanse.
Roían os labios.
Tiñan o privilexio do pesimismo.
Sen o percibiren,
lambían mansamente
as botas militares.
Obviaron que faltabamos moitas.
Viráronnos as costas.
Dicían que xa superaran esa etapa.
Os libros de autoaxuda
ocultaban a axuda mutua.
Rumiaban a obediencia.
Terrorífica a ruína moral,
os fenómenos morbosos,
a caída para dentro.

Tantas escusas acharon,
tanto ousaron esquecer,
tantas preguntas calaron,
que o río se desbordou
e ninguén intuía as marxes.

Uns poucos sobreviviron.
Para os máis foi demasiado tarde.

*

Francisco Martínez Leira “Pancho”

Un deles achegouse a min
e ofreceume un isqueiro, se confesaba
onde estaba o seu agocho.
Entón comprendín porque na aldea
aquela xente
era recibida cun silencio sepulcral.

Nós que nada tiñamos,
todo o partillabamos con el.
Eles chamábanlle “bandolero”.
Para nós era un fuxido máis.
Nunca lle fixo mal a ninguén.
Só lle quitaba o diñeiro a quen lle sobraba.
Así a todo, non era a caridade nin o medo
o que nos movía a arriscar a vida
para que puidese aguantar no monte.
Era algo que moitos anhelabamos
e poucos ousaban pronunciar.

O día que o mataron
levaba unha pistola nove milímetros,
uns versos escritos a man e dous anacos de turrón.
Caeu o trinta e un de decembro de 1954.
Segundo os xornais, coa súa morte
a rexión ficaba totalmente pacificada.

Na nosa casa
aínda lle gardamos o sitio.

*

Amianto

Cumpría decepar a efeméride futura.
O abismo tamén afloraba aquí.
As malleiras non acababan
nas alfándegas nin nas comisarías.
Normalizábase o estado de excepción,
a fenda na esperanza de vida, a asfixia.
Nunha sociedade necrófila,
a alegría viraba un perigo social.
Xeren, segregan, encerran, deportan.
Eles obrigábannos a entoar
o alalá proletario do lume.

*

marcos-abalde-exhumacion-300

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *