Entrevista à escritora galega María Alonso

Entrevista à escritora galega María Alonso

0 comentários 🕔11:15, 06.Out 2016

- Palavra Comum: Que é para ti a literatura?

- María Alonso: A miña opinión varía dependendo da conxuntura do momento. Cando era estudante e tiña que ler vinte novelas nun mes para preparar exames, a literatura era un pesadelo; mais cando entre esas vinte novelas atopaba unha historia que fixese que me esquecese de min mesma e de todo ao meu redor, a literatura convertíase no máis marabilloso dos placebos. Agora son eu a que escribe e, con sorte, quen ten a posibilidade de ensinar literatura nas aulas. Coido que esta nova experiencia mudou bastante a miña idea sobre a literatura. Agora xa non é nin un pesadelo nin un placebo, máis ben todo o contrario. Non concibo a escrita ou a docencia dende outro punto de vista que non sexa o do activismo, xa que para min é un dos mellores medios que coñezo para poder chegar a entender o mundo.

- Palavra Comum: Como entendes (e levas a cabo, no teu caso) o processo de criação literária?

- María Alonso: No meu caso, o proceso de creación xorde da frustración. Moi a pesar das persoas que viven ao meu redor, coido que teño unha personalidade un tanto obsesiva. É por iso que cando teño que escribir un texto esa idea, esa personaxe ou esa historia convértese no único que importa namentres que o día a día transcorre fóra da miña mente coma se nada. Normalmente tardo semanas ou meses en facer que unha idea funcione, polo que a frustración vaise acumulando e acumulando até que finalmente estoupa. Entón é aí cando substitúo esa sensación pola máis total e absoluta das ledicias ao ver que o texto comeza a ter vida propia. Despois vexo o resultado publicado e síntome satisfeita, pero non tarda en aparecer outra idea e comeza outra vez a miña obsesión. E confío en que sexa así namentres haxa historias que contar.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (música, fotografia, plástica, etc.)? Tens experiências neste sentido?

- María Alonso: Todas as miñas ideas para a escrita xorden de fotografías anónimas, cancións ou ritmos que suxiren tramas, esculturas que vexo nalgún museo e que parecen ocultar algo. As historias das que escribo non aparecen do nada, senón que sempre hai un detonante que motiva a necesidade de contar algo. Polo tanto, considero que a relación entre literatura e outras artes é indispensable e tería que ser enfocada dende un punto de vista multidisciplinar e transcultural. A miña única experiencia tanxible neste senso dáse entre o ámbito académico e o creativo. Foi durante a escrita da miña tese de doutoramento cando comecei a escribir a miña primeira novela, Despois do cataclismo (2015, Urco Editora). Algo moi similar aconteceu co resto dos textos nos que traballei ou estou a traballar. Esta experiencia é realmente enriquecedora e espero que continúe sendo o produtiva que está a ser.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes (num sentido amplo)?

- María Alonso: Non son de idolatrar a ninguén. Durante os meus anos como doutoranda tiven a sorte de ter a mellor directora de tese posible, Ana Bringas, e con ela aprendín que as historias máis fascinantes son as que xorden da subalternidade. Non me interesan as historias de triunfador@s e será por iso que as miñas referentes son as fracasadas coma min; xente con pouca sorte pero con moita vida. Con isto non quero dicir que teña a máis mínima intención de apropiarme do discurso de ninguén para darlle voz, no sentido Spivakiano do asunto. Todo o contrario. Por exemplo, a miña nova novela, Terras estrañas, trata da diáspora galega pasada, actual e futura. Escribina mentres estaba a buscarme a vida como boamente podía en Edimburgo. É dicir, a ficción detrás deste texto sae da miña propia subalternidade; concibino como unha especie de manifesto creativo propio para plasmar as experiencias do precariado transmigrante, un colectivo inxustamente invisibilizado tanto nos países de orixe como nos de acollida. Non preciso apropiarme da voz de ninguén, do mesmo modo que non vexo preciso que ninguén se apropie da miña propia voz.

- Palavra Comum: Resides em Escócia. Como é o estado do gaélico e da cultura escocesa em geral, ao teu ver? Que aspectos dessa cultura consideras conectam com Galiza?

- María Alonso: Unha vez as cousas comezan a funcionar minimamente ben, calquera galeg@ emigrad@ en Escocia séntese coma na casa. A paisaxe, as súas xentes, a comida, e mesmo a música suxiren que temos unha raíz celta común. Mais algunhas das dúas diferenzas máis obvias entre estes dous países están relacionadas coas preguntas que me fas. Ao meu parecer, o estado do gaélico é lamentable mais o estado da cultura escocesa é fantástico, dentro da dinámica capitalista na que se moven as artes por estas terras.

Tanto o gaélico escocés como o scots son linguas mortas de facto. Sobreviven de xeito residual nalgunhas illas afastadas do norte ou noutras rexións periféricas, polo que non hai dúbida de que as consecuencias da colonización lingüística do inglés son probablemente irreversibles. Tiven a oportunidade de vivir in situ o antes durante e despois do referendum pola independencia escocesa e o primeiro que me chamou a atención foi a falta de presenza destas linguas. O que eu pensaba, dun xeito bastante inxenuo, que ía ser unha campaña polo ‘aye’ converteuse dunha campaña polo ‘yes’. Para unha galega o feito de que a lingua neste contexto non sexa un elemento de empoderamento é, cando menos, sorprendente, o que me fai pensar que en Escocia considérase que o inglés tamén é unha lingua escocesa e, polo tanto, non é propiedade exclusiva d@s ingles@s.

En canto ao estado da cultura escocesa, pois a miña impresión é que non podería gozar de maior saúde como produto de consumo. Vivo na capital e no verán coinciden sete festivais durante o mes de agosto, entre aqueles relacionados coas artes ou outros sobre as ciencias. Con cartos podes gozar deles ao máximo; sen cartos, dificilmente. Para asistir a calquera evento, xa sexa literario ou científico, hai que pagar un mínimo de dez libras na maioría dos casos. Mesmo o Fringe, que é o festival de teatro alternativo, ten de alternativo soamente o nome xa que toda a organización do mesmo xira en torno ás sinerxías do capital.

O que si é certo é que o goberno escocés ofrece un grande apoio institucional á creación. Aquí a arte é unha profesión, e non un pasatempo.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, etc.) estimas interessantes para a literatura, e quaisquer outras artes, na sua comunicação com a sociedade?

- María Alonso: Parto da base de que, ademais de ser unha das miñas obsesións, a literatura tamén é un produto de consumo e, até certo punto, entendo que a industria editorial teña que estar ao tanto das sinerxías do mercado. A pesares disto, como consumidora de literatura teño a impresión de que ás veces consumo o que outr@s deciden que teño que consumir. Por pór dous exemplos, o mercado editorial escocés é incriblemente ‘mainstream’, por non dicir ‘branco’. É moi difícil atopar nomes de fóra da Commonwealth (da Commonwealth branca, claro) entre @s galardonad@s cos Scottish New Writers Awards ou entre as novas voces convidadas á Short Story Shop do Edinburgh Book Festival, por citar algún. Algo moi similar acontece no mercado galego; cant@s autor@s de comunidades inmigrantes en Galiza, de galeg@s emigrad@s ou de xente nova que chega a este mundo da escrita teñen cabida no mercado editorial galego? Coñezo inmigrantes en Galiza que escriben en galego, como coñezo emigradas galegas que escriben en inglés (eu mesma, for instance) ou noutras linguas pero tanto uns coma outras ás veces non nos atrevemos a enviar os nosos escritos ás editoriais porque temos a impresión de que non nos darán cabida nese mercado.

Marlon James é un bo exemplo disto. Unha das súas novelas foi rexeitada máis de setenta veces, probablemente polo emprego do patois na súa obra. Quizais esas editoriais anglófonas consideraban que o público lector non consumiría un produto escrito nun inglés non normativo; e equivocáronse cando o ano pasado foi galardoado co Booker Prize. Como pode ser que o texto dun Booker Prize fose rexeitado por setenta editoriais diferentes? Cant@s Marlon James hai escribindo en galego, mesmo en galego non normativo, e teñen a impresión de que o mercado editorial non está aberto a el@s?

Neste respecto, a lusofonía antóllaseme como un destes camiños estéticos máis interesantes no noso caso en particular. Hai novas vías que se están a abrir para reflectir na literatura galega outras experiencias lingüísticas e culturais. A literatura, e volvo a unha das anteriores preguntas, ten que axudarnos a comprender o mundo, e tanto Galiza como o mundo xa non son nin ‘mainstream’ nin normativas. Confío en que o esforzo dalgunhas editoriais que apostan por estes proxectos non quede en algo simbólico e que conte co apoio institucional que estas iniciativas merecen.

- Palavra Comum: Que perspectiva tens sobre o estado da língua e a cultura galegas?

- María Alonso: Eu falo e escribo en galego nun país que non é o meu e, ás veces, penso que tanto a lingua como a cultura galega goza de maior saúde na diáspora que na terra. Chéganme emails institucionais da UVigo en español, leo por internet novas de que nos plenos do Concello de Vigo vaise deixar de empregar o galego, escoito a polític@s en campaña que falan galego como lingua estranxeira; e ao tempo crúzome nos corredores da universidade de St. Andrews con compañeiras e saudámonos en galego, vexo un vídeo do metro de Londres onde se fala galego, autoras galegas visitan Escocia como escritoras convidadas para recitar as súas creacións en galego. Que perspectiva vou ter?

- Palavra Comum: Como seria a tua Galiza Imaginária? Há algo dela que exista já, do teu ponto de vista?

- María Alonso: Por un lado son autora distópica, polo que a miña imaxe dun mundo ou dunha Galiza futura non é moi positiva. Por outro lado son anarquista de opereta, así que o das patrias e as bandeiras non vai moito comigo. A miña Galiza imaxinaria, coma calquera outra parte do mundo, concíbese dende o apoio mutuo e a autoxestión, polo que a revolución sería o único camiño posible e, aínda así, isto non sería garante de nada. Agora mesmo parece que se está a dar unha evolución (que non unha revolución) no eido político, algo que sigo con interese pero con moi pouca esperanza.

- Palavra Comum: Que projectos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- María Alonso: Son filla da precariedade, así que os meus proxectos dependen das posibilidades que teña para levalos a cabo. Por sorte, entro e saio do mundo académico con bastante frecuencia, polo que non teño posibilidade de aburguesarme e podo estar conectada coa realidade deseguido. Nos vindeiros meses sairán á luz dous textos xa rematados: un ensaio e unha novela. Ademais, nestes momentos estou a traballar en dous relatos en galego para unha antoloxía e tamén estou a escribir outro texto en inglés para un proxecto PodWalk baseado na cidade de Edimburgo.

Polo demais, sigo atenta a calquera oportunidade para poder volver a casa. En Escocia vai moito frío en inverno.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *