<em>O Somarinjo</em>, primeiro capítulo de <em>Non hai outro camiño</em>, de Isaac Xubín

O Somarinjo, primeiro capítulo de Non hai outro camiño, de Isaac Xubín

0 comentários 🕔10:00, 10.Out 2016

Desde a Palavra Comum agradecemos enormemente a Isaac Xubín que nos tenha facilitado o primeiro capítulo da sua nova obra, “Non hai outro camiño” (editado por Xerais) para ser publicado aqui.

*

Cando chove arreo, con forza e persistencia sobre Staro Selo, non hai outro destino posible para a auga que escorre polos tellados e polas rúas tortas que vertebran a parte vella da cidade que non sexa o de formar pequenos regatos que desembocan, que van dar inevitablemente ao porto. As pingas, os fíos, os regueiros limpan lambendo o pé dos predios, xúntanse, collen inercia ao esvararen na gravidade das pendentes e percorren as lousas de granito polas que agora, que chove arreo, con forza e persistencia sobre Staro Selo, unha persoa avanza ás alancadas na procura dun acubillo que lle é descoñecido.

Porque se non empezase a chover con abundancia, con esa intensidade diluviana, Radoslav non entraría na taberna que está fronte á entrada principal do porto e continuaría o camiño cara ao seu apartamento na parte alta da cidade. Pero entrou naquela concretísima taberna e pediu un viño á hora en que alí adoitan ocupar os seus asentos algunhas persoas que certas teorías da socioloxía chamarían desviados, persoas que non están no lugar da cadea que a sociedade lles demanda. É certo que caía auga das nubes, con abastanza, e que ía frío, é certo tamén que non había outro sitio onde gorecerse da inclemencia, pero todos os que se atopaban no local poderían alegar a mesma escusa e, de feito, Picallo, o avogado na procura dunha sensación ou algo así como mor fina ou heroína, tamén se atopaba aquela noite no local por mor das inclemencias atmosféricas. E foi deste xeito como acabaron, Picallo e Radoslav, un ao carón do outro, na barra daquela taberna situada na porta principal do porto da cidade ao mesmo tempo que os operarios saían dos seus traballos.

No intre en que Radoslav ingresara pola porta e pedira o seu viño branco tentando ignorar a extraña presenza impoluta e traxada de Picallo, a meirande parte dos consumidores do local mantiñan os seus sentidos nas imaxes da televisión, no fútbol e nas copas cheas de alcol, en silencio. Unha colla de homes vestidos con fundas azuis que entrara unha hora antes ca Radoslav agardaba en círculo o final do partido para empezar a falar de certas prácticas e actividades, todas ilegais, relacionadas coa posible fundación dun sindicato, e un outro grupello dunhas dez persoas, as que se situaban no curruncho máis afastado da barra e se permitían facer algún que outro comentario sen relación ningunha co desenvolvemento do xogo, agardaban a que o seu reloxo biolóxico sinalase a hora en que botar man doutras substancias coas que adobiar o seu espírito e permanecer en pé durante un número de horas que abarcan bastante máis do que ten de duración a noite.

Esa mesturanza deforme e desigual de voces e volumes pasaba totalmente inadvertida para a consciencia de Radoslav e en tanto o camareiro pousaba coa man esquerda a cunca branca sobre a barra e servía coa dereita o viño branco do país, o mozo aproveitaba para liberar ao seu propio corpo da presión húmida da zamarra enchoupadísima e fregaba con forza as frías mans ao tempo que observaba a feitura rural da taberna que lle recordaba os anos da infancia en Vajari, na granxa comunal, na zadruga: madeira, pedra e unha interminable sucesión de antigas ferramentas que sostiñan a recargada decoración dun lugar que Radoslav contemplaba por primeira vez. E foi entón, no intre en que tentaba imaxinar as posibles funcións agrícolas dun aparello de madeira que semellaba toco e incompleto, cando se achegou a el dende o fondo da taberna unha moza para pedirlle en voz baixa e máis que insinuante unhas pílulas de ST-RN.

Nun primeiro isaac-xubin-non-hai-outro-camino-300momento Radoslav sentiuse acosado e sorprendido polo feito de que aquela moza soubese da súa ocupación profesional, pero a observación e non a casualidade adoita estar sempre precedendo o éxito das angueiras das persoas. Para os traballadores que saen da fábrica ao final de calquera das tres quendas en que se divide a vida da fábrica farmacéutica, élles imposible evitar pasar por diante duns consumidores que tentan desesperadamente sacar tallada do negocio ilegal que xira ao redor da vella industria ao carón do río, polo que é tamén inevitable que moitas caras sexan familiares para eses que agardan, sentados nas beirarrúas do arrabalde, a que soe a sirena que sinala o inicio e final das roldas de traballo. Aquela tarde de martes Radoslav deixara con resignación a bata branca sobre a cadeira do seu gabinete e saíra coa intención de dar un paseo polos peiraos antes de camiñar cara ao seu apartamento na parte alta da cidade. E foi ao pasar pola porta principal do porto cando se viu sorprendido por unha intensísima bátega de auga que o obrigou a meterse nunha taberna onde foi recoñecido, nada máis entrar, polo ollo adicto dunha seareira do local.

Radoslav, que xa tiña os labios prestos a recibir o primeiro chopo da cunca de viño, non tivo dúbida en facerlle un rapidísimo aceno de desaprobación á moza amortuxada que aínda permanecía ao seu carón co cóbado apoiado sobre a superficie de madeira e que agardaba unha resposta máis clara e evidente daquel home con medo a ser escoitado por algún membro incógnito das forzas de seguridade. Radoslav permaneceu en silencio e liberou a cunca dos dedos da man que a suxeitaba aínda sobre a barra até que a moza marchou e os seus compañeiros de esmorga, dos que o mozo sabería o nome e moitos detalles máis no futuro próximo, a miraron interrogadores primeiro e claramente decepcionados despois cando volveu sentar no bordo dunha mesa onde deu en xogar, taciturna e amargada, cos xeos dun vaso mediado de vodka con laranxa.

Daquela, ao recuperar a presenza de ánimo e así que a mestura de voces empezou a adquirir coherencia e a separarse, a discriminarse na súa cabeza segundo as orixes que as producían, Radoslav reconsiderou a presenza do home con traxe ao seu carón. Bebía cervexa sen vaso e agarraba a gorxa da botella empregando só os tres dedos centrais da man, brancos, grosos e impecablemente limpos, dunha forma peculiar que a Radoslav lle semellou un alarde típico dunha persoa que gusta de facer algo dun xeito moi concreto, pareceulle que a aquel home lle gustaba rodearse de xente entre a que gabarse da pertenza a outro status social, dunha posición na sociedade que lle permitía, de cando en vez, baixar a un inframundo en que se sentía amplamente superior.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *