3 poemas do poemário inédito <em>O silencio de Hammershøi</em> (I), de Carlos Penela

3 poemas do poemário inédito O silencio de Hammershøi (I), de Carlos Penela

0 comentários 🕔10:00, 17.Out 2016

Para o pensador Gaston Bachelard, o tempo do “crear poético” equivalía ao instante, era “o tempo dos agromares”, “o tempo silencioso”. Así, a poesía sería, certamente, o primeiro fenómeno do silencio. Por baixo das imaxes, das luces, dos espectros de sombra, vibra o silencio, a súa verdade. O poema vaise formando sobre ese tempo de enmudecemento, sobre un tempo intacto, firme, como a nosa liberdade.

Estas palabras queren ser unha partitura de inverno. Viven nunha estampa sen rostros de Selandia, en días vieneses que son escarcha, fascinios prometidos, nun tremor de algas da outra banda do mundo que hai tempo ficou distante…

Carlos Penela

***

winter-landscape-1909-george-seeley

(‘Winter Landscape’, 1909, George Seeley)

Desertos, Lichtenberg

Aos silenciosos non se lles pode arrebatar a palabra.(Stanisław Jerzy Lec)

Tronos da luz branca, vieiros sen pegada
nin memoria.
A linguaxe remota dos fentos,
a dor que se abre
como un froito azul na sombra.

En Sils Maria,
logo do naufraxio, logo dos paxaros de cinza.
A través dun estío de dragóns:
pasos á procura
do ronsel, do pó adamantino
(febre tornasolada dos soños).

Tentando honrar o mundo ferido,
-como escribira o poeta de Lvov,
os días longos de xuño,
o gusto dos amorodos crecendo
agochados alí fóra,
o veludo do viño novo
brillando nas bocas.
A lesta que avanza entre os muros dos desterrados.

Na habitación insomne do albor
contempla
o silencio que acolle o pranto,
as cicatrices frías
do que será imposíbel salvar
perante ao deserto.

(© Carlos Penela)

És apenas un soño, unha imaxe,
apenas un debezo és.
Cando marches, como as nubes,
Tinguirase de bronce a túa lembranza.

E rondarás os ríos
E as sombras das árbores,
mais naufragarás na terra, na terra, na terra.

(‘A min mesmo na miñas memorias’, Adam Zagajewski)

***

alfred-kubin_der-sumpf

(‘O pantano’, Alfred Kubin)

Pan de cinza
(paráfrase a un poema de Christine Lavant)

É inútil: esta época estéril non me reterá
(‘O rapaz aos seus sensatos conselleiros’, Friedrich Hölderlin)

Quixeches encetar un pan de cinza
xunto aqueles que habitan o mundo
como Scardanelli:
día a día, poldra a poldra.
Desde o espello ferido
que se quebra entre as mans,
desde unha illa escura, interior
feita silencio,
presidio dos días, lousa vella.
Alí ollabas o tremor do mundo,
a pasaxe fría dos cormoráns.
Aprenderás no entanto
a destrenzar con furia
algas e novelos;
contra as arañeiras do tempo
alzarás o teu corpo
o teu corpo de arxila
contra sombras e ondas.
Quixeches encetar un pan de cinza
xunto aos nomes que naufragan,
xunto ás aves ceibas,
pola banda abrasada
dos conxuros e as noites.

(© Carlos Penela)

Eu quero compartir cos tolos o pan,
migallas diarias do desespero grande…

(Christine Lavant)

***

landschaft-1919-erich-buchwald-zinnwald

(‘Landschaft’, Erich Buchwald Zinnwald)

Fala máis suave, non abandones a poesía
(‘Fala máis suave’, Adam Zagajewski)

Escolle as palabras, aquelas…

Escolle as palabras, aquelas, que xa foron ditas,

para cruzar, como un conxuro interior, as noites,

as ondas, o clamor da vida. Escolle a visión fonda

por onde todos os ríos pasan, as voces que te pertencen.

Atesoura o frescor de acenos que regresan sempre,

a presenza de todo o que acubilla no seu manto sereo,

a mesma constancia con que unha pel pode ser amada.

A choiva xa batera antes nesta terra e a sombra foi vencida

de xeración a xeración. Na area trazáronse promesas

e o seu lume acabou como pó azul, sen nome, de vez…

Non temas, fica do lado daquilo que non se ausenta:

o poema soñado onde todo agroma, a mensaxe rexa do mar,

as cores secretas de vellos mestres en froitos e pavanas.

Escolle as palabras, escólleas, como quen está fóra do tempo,

fóra do fastío.

(© Carlos Penela)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *