A pintura de Alfonso Sucasas: o costumismo transcendido

A pintura de Alfonso Sucasas: o costumismo transcendido

0 comentários 🕔10:30, 17.Out 2016

A vizosa obra de Alfonso Sucasas (Lalín, 1940 – Vila de Cruces, 2012) estivo marcada polas súas fondas fidelidades pictóricas configurándose como froito dunha elaboración moi meditada. Os anos setenta semellan a chave da súa evolución que poderiamos balizar entre referentes do movemento renovador da arte galega d’Os Novos, en especial Laxeiro, e os ecos da pintura de Francis Bacon que se manifestan en boa parte da figuración dos anos setenta no contexto galego e español. No que atinxe ao noso artista, velaí está o conxunto da súa obra dos setenta e primeira metade dos oitenta como proba desta asimilación de referentes estéticos, un bo exemplo é Os tres amigos do Lamela (1980, colección do Museo Provincial de Lugo).

A pintura de Sucasas non nos aparece, pois, illada, senón imbricada nos dificultosos esforzos modernizadores que se desenvolven no espazo cultural galego destes anos, nun contexto en que os maiores contactos internacionais e a propia dinámica interna fai que vaian aparecendo síntomas de renovación que favorecerán a eclosión artística. Un proceso que se comeza a forxar na segunda metade dos setenta e que terá un punto culminante nos oitenta, un momento que sen dúbida abriu unha nova traxectoria para a arte do noso país, e que tamén na obra persoal do lalinense é especialmente brillante.

A situación da nosa cultura e arte nesta altura debemos enxergala repasando condicionantes históricos, especialmente a ausencia dunha normalización cultural e política que xa viña do período inmediatamente anterior e o divorcio entre as clases dirixentes e a cultura nacional galega, problema que vén do pasado pero que segue a ser evidente no presente.

O horizonte cultural dos setenta destacou –e isto é xa un lugar común– por unha maior liberdade expresiva, pola multiplicidade de liñas, conceptos e linguaxes, sen unha única tendencia dominante, aínda que en moitos creadores era notoria a pegada da nova figuración, en obras que abalan entre unha figuración de ecos baconianos e baixo a sombra de Gordillo, non faltando tampouco o influxo das correntes da abstracción –desde as máis xeometrizantes até as máis expresivas ou matéricas–, un panorama que delata a vontade de romper con modelos ancorados en certo tradicionalismo e provincialismo que aínda luxaban o mundo artístico galego desta década.

Un cúmulo de influencias que se iría limitando posteriormente na procura de acentos persoais de cada autor. O que si se percibe na maioría das obras e artistas desta altura é a firmeza, a enerxía, a integridade e a ausencia de mediacións; valores que deberían ser irrenunciábeis para a toda a pintura moderna. Enténdase integridade como un valor pictórico, no sentido de valor de orde conceptual e tamén de vixencia. En moitas obras esta integridade compositiva faise máis que evidente con esa inmediata conexión entre o icónico e a cor que evita a teatralidade máis simple.

Non debemos esquecer que, neste contexto, os artistas con inquietudes tiñan que facer fronte a unha situación na que sobrevivía o remol do localismo tradicional e folclórico e que non sempre era doado superar estas pexas, o que frecuentemente levaba a intentos desnortados dunha modernidade que non era quen de transcender as nosas fronteiras.

Sucasas viaxasucasas-festa-114x146 e reside nos sesenta en Madrid, Venezuela e o Brasil e regresa a Galiza en 1968, instalándose en Vigo, traendo consigo unha bagaxe formativa ben notábel. Pintor de trazo firme e persoal sempre vai reclamar a liberdade do artista, a soidade da creación e a singularidade da súa visión. Así e todo, e sendo esta afirmación no persoal certeira, a súa pintura aparece nun contexto definido –o xa sinalado– e inserida nos dificultosos esforzos modernizadores na Galiza deses anos.

Que Sucasas supera estas dificultades percíbese con toda rotundidade ao contemplarmos o seu traballo destes anos, eis os seus expresionistas –e beconianos– “Polípticos”. En obras como estas á intensa forza plástica e á calidade hai que unir o profundo desacougo que causa o seu tratamento da figura humana. Corpos encerrados en espazos claustrofóbicos e que, sen explícitas referencias, nin metafísicas nin filosóficas, fan densa, tanxíbel, a condición dolorosa e angustiada do ser humano. Mais, ao tempo, o artista propón un novo tratamento espacial dos temas, esmiuzándoos, analizándoos e relacionando de diferentes xeitos as diferentes partes representadas para conectalas máis intensamente co espazo circundante.

É evidente que a investigación plástica de Alfonso Sucasas se fai en diálogo coa tradición –unha tradición que é moi afín ao popular e ao escultórico, como acontece con moita arte galega– escolmando dela elementos significativos, perseguidos de xeito obsesivo, e cheos dunha intensa forza plástica. Desde os retablos e tímpanos de igrexas rurais até boa parte da tradición pictórica figurativa, o lalinense sérvese de elementos de grande alento expresivo para forzar a rosca, para escavar todo o pasado artístico, mais coa plena consciencia de que fai parte del e para amosármonos non só a percepción angustiada da existencia senón a máis vitalista, que acabará dominando na súa produción das últimas décadas.

Sucasas vai permanecer fiel ao seu horizonte estético e a estes postulados: tradición galega e nova figuración, coa figura humana sempre presente, e con esa propensión expresionista e nórdica que tamén caracterizou e reivindicou boa parte da tradición plástica galega do século XX, fundamentalmente desde os anos vinte. A respecto da liña de continuidade coa historia da arte galega, o poeta Ramiro Fonte falaba de que Sucasas seguía estratexias pictóricas que se podería denominar dun “costumismo transcendido”, aludindo a un proceso de distanciamento do artista a respecto do puro costumismo e do ruralismo e que, xaora, o superaba.

O que resulta evidente é que o cúmulo de influencias que sinalamos, sen desaparecer, iranse limitando posteriormente na procura de acentos persoais: a firmeza, a enerxía, a integridade e a ausencia de mediacións; valores que deberían ser irrenunciábeis para a toda a pintura moderna, e que o artista desenvolve ao longo da súa dilatada traxectoria. Enténdase integridade como un valor pictórico, no sentido de valor de orde conceptual e tamén de vixencia. En moitas obras esta integridade compositiva faise máis que evidente con esa inmediata conexión entre o icónico e a cor que evita a teatralidade máis simple, un aspecto ben perceptíbel nas súas composicións fieis á tradición máis clásica, como nos nus femininos ou nos temas relixiosos ou mitolóxicos, estes últimos ben afastados das concepcións tradicionais, como tamén se afastan da convención as revisións da cultura popular galega, velaí obras como As ofrecidas (1996, colección particular).

A obra de Alfonso Sucasas é un todo que mestura plástica académica e primitivismo popular, psicoloxía e percepción, comunicación e expresión, o que explica de xeito rotundo a súa peculiar visión do ser humano, da vida e mais do mundo que o rodea.

No seu traballo, desde as súas obras dos anos sesenta, enxergamos a progresiva conformación do seu estilo dentro da estética fondamente alicerzada na figuración. O noso pintor é un notábel debuxante, conxugando a atenta observación da realidade –ese ser humano omnipresente no seu traballo– cunha precisa execución gráfica, marcadamente expresiva. Adopta sempre un ollar que ten moito de antropolóxico mais nunca distanciado, interesado pola realidade ordinaria pero tamén por dotar a esta dun sentido máis fondo, xerando tensións. Velaí os frecuentes xogos de máscaras ou as reelaboracións de motivos clásicos, con esa inquedanza que se manifesta entre o real representado e o oculto, que xa estaba presente na arte europea dos anos vinte e trinta e na obra de artistas do movemento renovador da arte galega como Manuel Torres, Arturo Souto ou Laxeiro.

Sucasas, debuxante e pintor, é un creador que pertence ao que o coñecido artista expresionista Oskar Kokoschka denominaba “pintores lexítimos”, os que non teñen máis remedio que ser expresionistas; para os que a pintura é unha respiración fonda, para os que a arte é confesión, porque parten dunha tensión íntima, dun conflito que está na cerna da súa identidade.

O traballo plásticoOLYMPUS DIGITAL CAMERA de Sucasas móvese, xa que logo, no territorio do grotesco, no amplo sentido que o termo abrangue, unhas veces esaxerado, noutras ocasións asimilado ao deforme, outras achegado ao satírico ou mesmo ao incongruente. De todas estas lecturas do grotesco participa a arte de noso pintor, co seu gusto polo esperpento e as carautas, o entroido e o caricaturesco. É o seu un “grotesco” popular que afunde as súas raíces no mundo social das camadas máis baixas da sociedade que comezara a ser representado na grande arte no século XIX (Gustave Courbet, Honoré Daumier…) e que en Sucasas é tamén unha forma de pintar Galiza, o seu país, só entendíbel desde os fundamentos ligados ao pobo, por medio dun variado conxunto de imaxes populares espalladas en disfraces choqueiros e carautas de entroido mais tamén en escenas clásicas como o “Rapto de Europa” ou Susana e os vellos (2002, colección particular), ou relixiosas, velaí os temas de “Adán e Eva”, que pasadas polo seu estilo singular acaban por conformar un todo indistinguíbel, é dicir “un estilo”.

A figuración de Sucasas está chea de figuras mergulladas en mundos enleados entre soños e xogos ocultos: esas parellas que beben e/ou xogan ás cartas ou eses grupos enleados en perigosas ligazóns, ás veces con evidentes alusións eróticas. Nas obras centradas na presenza feminina mostra outra das características que singularizan o seu estilo, como é a capacidade de recrear e transmitir os sentimentos e emocións humanas cunha clara suxestión erótica facendo que se respire frecuentemente unha tensión psíquica e sexual.

O mundo creado polo noso pintor é, daquela, unha mestura de inocencia e perversidade, un mundo recoñecíbel e que, ao tempo, pode ser prohibido. É unha pintura feita de silencios e envolvida nunha atmosfera tensa mesmo cando recrea temas clásicos, con ilustres precedentes que van desde o barroco a Paul Cézanne. Son temas que permiten reelaborar os xogos e tensións psicolóxicas entre os personaxes, as miradas, os movementos convulsos e tamén favorecen o pormenorizado estudo compositivo que novamente nos recorda os interiores de escenas semellantes da tradición barroca e moderna. O pintor de Lalín utiliza, xa que logo, a linguaxe realista como fidelidade á tradición e ao popular, prefirindo a aposta polo diálogo coa tradición e polo enigma.

A pintura de Alfonso Sucasas é, pois, todo menos incoherente. Realiza unha aposta decidida pola modernidade, que reivindica a tradición do movemento renovador galego, e que se sitúa no vieiro dos artistas que poñen ao día a nosa arte, mais sen concesións á moda de última hora. Os sólidos alicerces de identidade que percibimos no conxunto da súa obra, son nel dunha extrema naturalidade e non funcionan como freo, senón todo o contrario, para que a súa obra supere, con moito, un valor simplemente local.

En Alfonso Sucasas observamos, xa que logo, algunhas das características destas correntes figurativas contemporáneas máis creativas como é a tensión entre obxecto e abstracción, evidenciando a dialéctica interior-exterior e suxeito-obxecto, facendo agromar os equilibrios inestábeis e os desprazamentos a respecto da experiencia habitual da realidade que está en condicións de provocar no observador do cadro unha intensificación misteriosa das súas capacidades emotivas, mantendo a tensión entre a descrición puntual e mais a narración enigmática.

NOTA: as obras de Sucasas son “Festa” e “O fillo da do Viso”..

Sobre o autor / a autora

Carlos L. Bernárdez

Carlos L. Bernárdez

(Galiza)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *