Charles Baudelaire comenta a Thomas de Quincey: <em>Un comedor de opio</em> (II)

Charles Baudelaire comenta a Thomas de Quincey: Un comedor de opio (II)

0 comentários 🕔12:00, 20.Out 2016

Para sentir deste modo hai que ter sufrido moito; hai que ser un deses corazóns que a desgraza, no canto de retraer e insensibilizar, fixo expansivos e sensíbeis. O beduíno da civilización encontra no Sahara das grandes cidades moitos motivos de entenrecemento que ignora o home cuxa sensibilidade está limitada polo home e a familia. No barathrum (5) das capitais, como no deserto, existe algo que fortalece e modela o corazón humano doutra maneira, se non o deprava e debilita até a abxección e o suicidio.
Un día, pouco despois deste accidente, encontrou en Albermale Street un vello amigo de seu pai o recoñeceu polo seu ar de familia; respondeu a todas as súas preguntas con candor, non lle agachou nada, esixíndolle só a promesa de que non o entregaría aos seus tutores. Finalmente deulle o enderezo do seu caseiro, o singular attorney (6). O día seguinte, recibía unha carta, que este lle entregou fielmente, un talón por valor de dez libras.
O lector pode asombrarse de que o mozo non procurase desde o principio un remedio contra a miseria, ben mediante un traballo regular, ben demandando axuda aos amigos da familia. No que respecta a este último recurso, evidentemente corría un risco. Os tutores podían decatarse, e a lei conferíalles todo o poder para facer regresar pola forza ao mozo á escola da que fuxira. Ora, unha enerxía que se encontra a miúdo nos carácteres máis femininos e máis sensíbeis proporcionáballe o valor necesario para soportar todas as privacións e todos os perigos antes que arriscarse a unha tan humillante eventualidade. Por outra parte, onde atopar a eses amigos de seu pai morto había dez anos, amigos dos que esquecera o nome, da maioría cando menos? En canto ao traballo, é certo que puido encontrar unha remuneración aceptábel na corrección de probas de grego, e sentíase capaz de realizar estas funcións dunha maneira exemplar. Pero unha vez máis, como amañarse para se facer presentar a un editor honorábel? En fin, para dicilo todo, confesa que nunca se lle ocorrera que o traballo literario puidese converterse para el en fonte de proveito. Nunca, para saír da súa deplorábel situación, abrigara máis que unha única saída, a de pedir emprestado diñeiro sobre a fortuna que tiña o dereito a esperar. En fin, coñecera tamén a algúns xudeus, que o attorney en cuestión servía nos seus negocios tenebrosos. A máis difícil non estribaba en lles demostrar que as súas asercións podían ser verificadas no testamento de seu pai aos Doctors’ commons’ (7). Mais quedaba un detalle absolutamente imprevisto para el, o da identidade persoal. Exhibiu entón algunhas cartas que mozos amigos, entre outros o conde de…, e mesmo seu pai o marqués de…, lle escribiran mentres moraba no País de Gales e que levaba sempre no peto. Finalmente, os xudeus dignáronse prometer dúas ou trescentas libras, coa condición de que o xove conde de… (que, entre parénteses, non era moito maior que el) consentise en garantir o reembolso, chegada a maioría de idade. Adivíñase que a finalidade do prestamista era non soamente tirar un proveito para el, senón entrar en relacións co xove conde, do que se coñecía a inmensa fortuna que lle esperaba. Así, apenas recibidas as dez libras, o noso mozo vagabundo prepárase para partir a Eton. Tres libras, máis ou menos, déixallas ao futuro prestamista para pagar as actas da escritura; tamén lle dou algúns cartos ao attorney como indemnización pola súa hospitalidade sen móbeis; empregou quince chelines no seu aseo (e que aseo!) persoal; finalmente, a pobre Ann tivo tamén a súa parte nesta boa fortuna. Nun escuro atardecer de inverno, diríxese cara a Picadilly, acompañado da pobre rapaza, coa intención de descender até Salt Hill co baúl de Bristol. Como tiñan tempo por diante, entran no Golden Square e sentaron nun recanto de Sherrard Street, para evitaren o tumulto e os ruídos de Picadilly. Prometera non esquecela e acudir na súa axuda en canto lle fose posíbel. En realidade, era como un deber, e mesmo un deber imperioso, e sentía naquel momento a súa tenrura por aquela irmá do azar multiplicada pola piedade que lle inspiraba o seu extremo abatemento. A pesar de todos os ataques que recibira a súa saúde, el estaba comparativamente alegre e mesmo cheo de esperanzas, mentres que Ann estaba mortalmente triste. No momento dos adeuses, ela lanzoulle os brazos arredor do se pescozo e se púxose a chorar sen pronunciar unha soa palabra. Esperaba regresar como máis tarde nunha semana e acordaron os dous que a partir do quinto serán, e cada serán seguinte, ela viría esperalo ás seis ao final de Great Totchfield Street, que era como o seu porto habitual e o seu lugar de descanso no enorme Mediterráneo de Oxford Street. Pensaba así que tomara todas as precaucións para volver encontrala; só esquecera unha: Ann nunca lle dixera o seu apelido ou, se llo dixera, esquecérao como cousa pouco importante. As mulleres galantes de moitas pretensións, grandes lectoras de novelas, teñen moito gusto en que as chamen miss Douglas, miss Montague, etc., pero as máis humildes de entre estas pobres rapazas só que dan a coñeceren polo seu nome de bautismo, Mary, Jane, Frances, etc. Por outra parte, Ann estaba nese momento aflixida polo reuma e un forte rouquén, e ocupado naquel momento supremo en reconfortala con boas palabras e aconsellarlle que coidase o seu reuma, esqueceu totalmente preguntarlle o seu apelido, que era o medio máis seguro para encontrar o seu rastro en caso dunha cita frustrada ou dunha prolongada interrupción das súas relacións.
Abrevio moito os detalles da viaxe, que só é ilustrada pola tenrura e a caridade dun enorme sumiller, sobre cuxo peito e entre cuxos brazos, adurmiñado pola debilidade e polo balanceo do coche, se durme como sobre o seu dunha nutriz –así como por un longo sono ao ar libre entre Slough e Eton; viuse obrigado a desandar o camiño pé, pois, cando espertou bruscamente en brazos do seu veciño pasara sen darse conta seis ou sete millas de Salt Hill. Ao chegar ao final da viaxe, soubo que o xove lord non estaba xa en Eton. Como último recurso, pide comer con lord D…, outro antigo camarada, con quen, no entanto, a súa amizade era menos íntima. Era a primeira mesa decente á que lle foi permitido sentarse desde había moitos meses e, non obstante, non puido comer nada. Xa en Londres, o mesmo día que recibiu o seu talón, comprara dous pequenos pans nunha panadaría; panadaría que devoraba coa ollada desde había dous meses ou seis semanas cun desexo tan íntimo que só a lembranza era para el case unha humillación. Mais o pan tan desexado puxérao enfermo e durante varias semanas aínda foille imposíbel probar sen perigo calquera alimento. En medio do luxo e do comfort, o apetito desaparecera. Cando explicou a lord D… o lamentábel estado do seu estómago, este pediu para el viño, o que lle produciu unha inmensa alegría. –No que respecta ao obxecto real da viaxe, o servizo que se propuña pedir ao conde de…, e que na súa ausencia solicita a lord D., non consigue obtelo do todo; este, non querendo mortificalo por unha total negativa, consinte en lle ofrecer a súa garantía, mais en certos termos e en certas condicións. Reconfortado por este éxito a medias, volve a Londres, despois de tres días de ausencia, e volve buscar os seus amigos xudeus. Infelizmente, os prestamistas rexeitan aceptar as condicións de lord D…, e a súa horríbel existencia puido volver a empezar, esta vez con máis perigos, se ao inicio desta nova crise, por un azar que non nos explica, os seus tutores non lle fixesen unha proposición e se unha completa reconciliación non cambiase a súa vida. Abandona Londres a toda presa e, finalmente, ao cabo dalgún tempo, entra na universidade. Só moitos meses máis tarde puido volver ao teatro dos seus sufrimentos de mocidade.
Mais, que acontecera coa pobre Ann? Buscouna cada serán; cada serán esperábaa no recanto de Titchfield Street. Preguntou por ela a todos os que podían coñecela; durante as últimas horas da súa estadía en Londres puxo en marcha, para encontrala, todos os medios ao seu alcance. Coñecía a rúa onde vivía, mais non a casa; por outra parte, cría vagamente lembrar que antes de se despedir fora obrigada a fuxir da brutalidade do seu hoteleiro; entre aqueles a quen se dirixía, algúns, polo ardor das súas preguntas, xulgaban deshonestos os motivos da súa busca e só respondían con risos; outros, pensando que buscaba unha rapaza que lle roubara algunha bagatela, estaban por suposto pouco dispostos a se converteren en delatores. Finalmente, antes de abandonar Londres definitivamente, deixou o seu futuro enderezo a unha persoa que coñecía a Ann de vista, mais nunca volveu oír falar dela. Entre as turbacións da súa vida, esta foi a súa máis pesada aflición. Nótese que quen fala así é un home grave, recomendábel tanto pola espiritualidade dos seus costumes como pola dignidade dos seus escritos.
«Se estaba viva, debemos buscarnos mutuamente con frecuencia a través do inmenso labirinto de Londres; talvez a algúns pasos un do outro, distancia suficiente, nunha rúa de Londres, para crear unha eterna separación! Durante algúns anos confiaba en que vivise e penso que nas miñas distintas excursión a Londres examinei varios miles de rostros femininos coa esperanza de atopar o seu. Se a vise só que fose un segundo, recoñeceríaa entre mil; pois, aínda que non fose bonita, tiña a expresión doce e a súa cabeza era unha figura particularmente graciosa. Busqueina, digo, con esperanza. Si, durante anos! Mais agora temería vela; e aquel temíbel reuma que tanto me atemorizaba cando nos deixamos, sérveme hoxe consolo. Xa non desexo vela, mais soño con ela, e non sen pracer, como con alguén que xace desde hai moito tempo na tumba –na tumba dunha Magdalena, gustaría crer–, raptada deste mundo antes de que a aldraxe e máis a barbarie maculasen e desdebuxasen a súa inxenua natureza, ou que a brutalidade dos tunantes completase a ruína de quen recibira deles os primeiros golpes.
»Así pois, Oxford Street, madrasta de corazón de pedra, ti que escoitaches os suspiros dos orfos e bebiches as bágoas dos nenos, por fin me librara de ti! Chegara o momento en que deixaba para sempre de estar condenado a recorrer dolorosamente os teus interminábeis paseos, de me axitar en horríbeis soños ou nun insomnio famento! Ann e máis eu tivemos sucesores demasiados numerosos que triparon as nosas pegadas; herdeiros das nosas calamidades, outros orfos suspiraron e foron derramadas bágoas por outros nenos; e ti, Oxford Street, ti repetiches desde entón o eco dos xemidos de innumerábeis corazóns. Mais para min, a tempestade da que sobrevivira semellaba ser a promesa dunha fermosa estación prolongada…»
Ann, desapareceu completamente? Oh, non!, volveremos vela nos mundos do opio; fantasma estraño e transfigurado, xurdirá lentamente do fume da lembranza, como o xenio d’As mil e unha noites dos vapores da botella. Canto ao comedor de opio, as dores da infancia deixaron nel fondas raíces que se converteran en árbores, e estas árbores arroxarán sobre todos os obxectos da vida a súa fúnebre sombra. Mais estas dores novas, que as últimas partes das páxinas biográficas nos deixan ventar, serán soportadas con valor, coa firmeza dun espírito maduro e grandemente alixeiradas pola máis profunda e tenra simpatía. Estas páxinas conteñen a invocación máis nobre e as accións de grazas máis tenras cara a unha valerosa compañeira, sempre sentada na cabeceira onde repousa este cerebro atormentado polas Euménides. O Oreste do opio encontrou a súa Electra, que durante anos enxugou do seu fronte os suores da angustia e refrescou os seus labios apergamiñados pola febre. «Porque ti fuches a miña Electra, cara compañeira dos meus anos posteriores! E ti non quixeches que a esposa inglesa fose vencida pola irmá grega nin en nobreza de espírito nin en paciente afecto!». Noutro tempo, nas súas miserias de mocidade, ao vagabundear por Oxford Street, nas noites de luar, sumía a miúdo a súa ollada (era o seu pobre consolo) nas avenidas que atravesan o corazón de Mary-le-bone e que conducen até o campo; e, viaxando co pensamento por aquelas extensas perspectivas divididas entre a luz e a sombra, dicíase: «Velaí o camiño cara ao norte, velaí o camiño cara a…, e se tivese as alas da rula, é por aí que botaría a voar en procura de consolo!» Home como todos os homes, cegos nos seus desexos.! Porque era alá, no norte, naquel mesmo lugar, naquel mesmo val, naquela mesma casa tan desexada, que debía atopar os seus novos sufrimentos e todo un exército de crueis fantasmas. Mais alí fica tamén a Electra das bondades reparadoras e aínda agora, cando, home solitario e pensativo, percorre o inmenso Londres, o corazón oprimido por incontábeis desditas que reclaman o doce bálsamo do afecto doméstico, ao ollar as rúas que desde Oxford Street se lanzan cara ao norte, e a soñar na Electra ben amada que o espera neste mesmo val, nesta mesma casa, o home exclama, como fixera noutrora o neno: «Oh, se tivese as alas da rula, é por aí que botaría a voar en procura de consolo!»
O prólogo terminou, e podo prometer ao lector, sen temor a mentir, que o pano só se erguerá sobre a máis asombrosa, a máis complicada e a máis espléndida visión que xamais alumeara sobre a neve de papel a fráxil ferramenta do literato.

III

VOLUPTUOSIDADES DO OPIO

Tal como baudelaire-2dixen ao principio, a necesidade de alixeirar as dores dunha organización debilitada por aquelas deplorábeis aventuras de mocidade foi a que xerou no autor destas memorias o uso frecuente primeiro, logo diario, do opio. Que o irresistíbel desexo de renovar as misteriosas voluptuosidades descubertas desde o principio, o inducise a repetir frecuentemente as súas experiencias, non o nega, mesmo confésao con candor; invoca soamente o beneficio dunha escusa. Mais a primeira vez que o opio e el trabaron coñecemento, foi nunha circunstancia trivial. Sufrindo un día de mal de moas, atribuíuno a unha mala hixiene e, como tiña, desde a infancia, o costume de mergullar cada día a súa cabeza na auga fría, recorreu imprudentemente a esta práctica, perigosa no caso presente. Logo, os cabelos completamente mollados, volveuse deitar. Desta operación resultou unha violenta dor reumática na cabeza e na cara, que non durou menos de vinte días. O vixésimo primeiro, un domingo chuvioso de outono, en 1804, como erraba polas rúas de Londres para distraer o seu mal (era a primeira vez que volvía ver Londres desde a súa entrada na universidade), encontrouse cun camarada que lle recomendou o opio. Unha hora despois de absorber a tintura de opio, na cantidade prescrita polo farmacéutico, a dor desaparecera. Mais o beneficio, que antes lle parecera tan grande, non era nada comparado cos novos praceres que repentinamente se lle revelaron. Que arrebato do espírito! Que mundos interiores! Sería a panacea, o pharmacon nepentes (8) para todas as grandes dores humanas?
«O gran segredo da felicidade sobre o que os filósofos discutiran séculos e séculos estaba pois decididamente descuberto? Por un penny podía comprar a felicidade e levala no peto do chaleco; o éxtase deixaríase encerrar nunha botella e a paz de espírito podía expedirse nunha dilixencia! O lector pensara quizais que pretendo rirme, mais en min é un vello costume brincar coa dor e podo afirmar a aquel que vai soster un comercio co opio que non rirá moito tempo. Os seus praceres son de natureza grave e solemne e, no seu estado máis feliz, o comedor de opio non pode presentarse co carácter do allegro; mesmo entón fala e pensa como convén ao penseroso.»
O autor quere, antes que nada, vingar o opio de certas calumnias: o opio non é adormentador, cando menos polo que respecta á intelixencia; non embriaga; se o láudano, tomado en demasiada cantidade, pode embriagar, non é a causa do opio senón da esencia que contén. Estabelece a continuación unha comparación entre os efectos do alcohol e os do opio e define claramente as súas diferenzas: ao pracer causado polo viño segue unha marcha ascendente a cuxo termo vai descendendo, mentres que o efecto do opio, unha vez obtido, fica igual durante oito ou dez horas; un, pracer agudo; o outro, pracer crónico; aquí, unha laparada; alá, un ardor constante e sostido. Mais a gran diferenza estriba sobre todo en que o viño perturba as facultades mentais, mentres que o opio introduce a orde suprema e a harmonía. O viño priva ao home do goberno de si mesmo, e o opio fai este goberno máis lixeiro e máis repousado. Todo o mundo sabe que o viño dá unha enerxía extraordinaria, mais momentánea, ao desprezo e á admiración, ao amor e ao odio. Mais o opio comunica ás facultades o sentimento profundo da disciplina e unha especie de saúde divina. Os homes ebrios de viño xúranse amizade eterna, chócanse as mans e derraman bágoas, sen que ninguén poida comprender porqué; a parte sensual do home sobe evidentemente ao seu apoxeo. Mais a expansión de sentimentos condescendentes causada polo opio non é un acceso de febre; é máis ben o home primitivamente bo e xusto, restaurado e reintegrado no seu estado natural, liberado de todas as amarguras que ocasionalmente corromperan o seu nobre temperamento. En fin, por grandes que sexan os beneficios do viño, pode dicirse que roza con frecuencia a loucura ou, cando menos, a extravagancia, e que máis alá dun certo límite volatiliza, por así dicilo, e dispersa a enerxía intelectual; mentres que o opio semella sempre apouvigar o que foi axitado e concentrar o que estaba diseminado. Nunha palabra, é a parte puramente humana, e mesmo con demasiada frecuencia, a parte brutal do home que, co auxilio do viño, usurpa a soberanía, mentres que o comedor de opio sente con plenitude como a parte purificada do seu ser e as súas afeccións morais gozan ao máximo da súa lixeireza, e, sobre todo, como a súa intelixencia adquire unha lucidez consoladora e sen nubes.
O autor nega igualmente que a exaltación intelectual producida polo opio vaia seguida necesariamente dun abatemento proporcional, e que o uso desta droga xere, como consecuencia natural e inmediata, un estancamento e unha torpeza das facultades. Afirma que durante dez anos gozou sempre, no día que seguía á súa orxía, dunha notábel saúde intelectual. No que respecta á torpeza, da que tantos escritores falaron, e á que deu creto sobre todo o embrutecemento dos turcos, afirma que nunca a coñeceu. Que o opio, consonte á cualificación baixo o que é encadrado, actúe ao final como un narcótico, é posíbel; mais os seus primeiros efectos son sempre estimular e exaltar o home, e esta exaltación do espírito non dura nunca menos de oito horas. De maneira que o comedor de opio é o único culpábel se non regula convenientemente a súa medicación para depositar sobre o sono natural o peso da influencia do narcótico. Para que o lector poida xulgar se o opio é o máis axeitado para entorpecer as facultades dun cerebro inglés, dará, di, dúas mostras dos seus praceres, e tratando o problema con ilustracións máis que con argumentos, contará a maneira como empregaba a miúdo as súas noites de opio en Londres, no período comprendido entre 1804 e 1812. Era entón un rudo traballador e, ao ter todo o seu tempo ocupado en severos estudos, xulgábase co dereito de procurar de cando en vez, como todos os homes, o alivio e o recreo que mellor lle conviñesen.
«O próximo venres, se Deus quere, propóñome emborracharme», dixo o defunto duque de…, e o noso autor fixaba así por adiantado canto e cantas veces nun tempo determinado se entregaría ao seu delirio favorito. Unha vez cada tres semanas, raramente máis, en xeral a noite do martes ou do sábado, días de ópera. Eran os días felices da Grassini (9). A música entraba entón nos seus oídos, non como unha simple sucesión lóxica de sons agradábeis, senón como unha serie de memoranda, como os acentos dun embruxo que evocaba perante a ollada do seu espírito toda a súa vida pasada. A música interpretada e iluminada polo opio, esta era a orxía intelectual, da que calquera espírito un pouco refinado pode facilmente concibir a grandeza e a intensidade. Moita xente pregúntase cales son as ideas positivas contidas nos seus sons; esquecen, ou máis ben ignoran, que a música, por este lado parente da poesía, representa sentimentos máis que ideas. Suxerindo ideas, certamente, mais sen contelas elas mesma. Toda a súa vida pasada vivía nel, di, non mediante un esforzo de memoria, senón como presente e encarnada na música; xa non era doloroso contemplala. Toda a trivialidade e a crueza inherentes ás cousas humanas estaban excluídas desta misteriosa resurrección, ou fundidas e afogadas nunha bruma ideal, e as súas antigas paixóns achábanse exaltadas, ennobrecidas, espiritualizadas. Cantas veces debeu volver ver neste segundo escenario, iluminadas no seu espírito polo opio e a música, os camiños e as montañas percorridas, cando estudante emancipado, e os seus amábeis caseiros do país de Gales, e as tebras entrecortadas polos raios de luz das inmensas rúas de Londres, e as súas melancólicas amizades, e as súas interminábeis miserias aliviadas por Ann e pola esperanza dun futuro mellor! E despois, na sala, durante os descansos dos entreactos, as conversas italianas e a música dunha lingua estranxeira falada por mulleres, viñan engadirse tamén ao encanto da velada. Xa se sabe que a ignorancia dunha lingua volve o oído máis sensíbel á súa harmonía. Da mesma maneira que ninguén é máis apto para saborear unha paisaxe que aquel que a contempla por vez primeira, cando a natureza se presenta con toda a súa estrañeza, ao non ser atenuada aínda por unha ollada demasiado frecuente.
Mais algunhas veces, o sábado pola noite, outra tentación dun gusto máis singular e non menos encantador triunfaba sobre o seu amor pola ópera italiana. O gozo en cuestión, bastante tentador para rivalizar coa música, podería chamarse diletantismo na caridade. O autor foi infortunado e singularmente posto a proba, abandonado moi mozo ao remuíño indiferente dunha gran capital. Aínda que o seu espírito non fose, como debeu observar o lector, de natureza boa, delicada e afectuosa, podería facilmente suporse que aprendeu, nas súas longas xornadas de vagabundaxe e nas súas noites de angustia aínda máis longas, a amar e a compadecer ao pobre. O antigo escolar quere volver ver á vida dos humildes; quere mergullarse no seo desta multitude de desherdados e, como o nadador abraza o mar e entra así en contacto máis directo coa natureza, aspira a tomar, por así dicilo, un baño de multitudes. Aquí, o ton do libro faise tan elevado que me obriga a deixar a palabra ao propio autor:
«Este pracer, como dixen, só podía ter lugar o sábado pola noite. En que se diferenciaba a noite do sábado de calquera outra noite? De que labores debía eu descansar? Que salario recibiría? E por que me preocupaba na noite do sábado que me preocupaba máis que escoitar á Grassini? É certo, lóxico lector: o que dis é irrefutábel. Mais os homes dan un curso variado ao seus sentimentos e, mentres que a maioría testemuña o seu interese polos pobres simpatizando dunha maneira ou outra coas súas miserias e as súas mágoas, eu chegara nesta época a expresar o meu interese por eles simpatizando cos seus praceres. Vira recentemente as dores da pobreza; víraas demasiado ben como para amar reavivar a súa lembranza; mais os praceres do pobre, os consolos do seu espírito, os relaxamentos da súa fatiga corporal, non poden converterse nunca nunha contemplación dolorosa. E a noite do sábado marca o retorno do descanso periódico para o pobre; as seitas máis hostís únense e recoñecen o lazo común da súa fraternidade; esta noite case toda a cristiandade descansa do seu traballo. É un repouso que serve de introdución a outro repouso; un día enteiro e dúas noites sepárano da próxima fatiga. É por isto que a noite do sábado me semella sempre que son eu quen se liberou do xugo do traballo, que mesmo teño un salario a recibir e que vou poder gozar do luxo do descanso. Así, para ser testemuña, a unha escala tan ampla como posíbel, dun espectáculo co que simpatizaba tan fondamente, tiña o costume, o sábado pola noite, despois de tomar opio, de me afastar, sen me inquietar polo camiño ou a distancia, cara a todos os mercados en que os pobres se reúnen para gastaren os seus salarios. Espiei e escoitei a máis dunha familia, composta por un home, a súa muller e un ou dous fillos, mentres discutían os seus proxectos, os seus medios, a forza do seu orzamento ou o prezo dos artigos domésticos. Gradualmente familiarizábame cos seus desexos, os seus apuros ou as súas opinións. Algunhas veces cheguei a oír murmurios de descontento, pero as máis das veces as súas fisionomías e as súas palabras expresaban a paciencia, a esperanza e a serenidade. E a este respecto teño que dicir que o pobre, en xeral, é moito máis filósofo que o rico, en canto mostra unha resignación máis disposta e máis alegre ao que considera como un mal irremediábel ou unha perda irreparábel. Sempre que tiña ocasión, ou que podía facelo sen semellar indiscreto, mesturábame con eles e daba a miña opinión a propósito do tema en discusión, que se non sempre era atinada, sempre era recibida con benevolencia. Se os salarios subiran un pouco, ou se se esperaba que subisen en breve, se a libra de pan era un pouco menos cara, ou se corría o rumor de que as cebolas e a manteiga ían axiña a baixar, sentíame feliz; mais se acontecía o contrario, tiraba do meu opio os medios de consolo. Porque o opio (semellante á abella que tira indiferentemente os seus materiais da rosa ou da feluxe das chemineas) posúe a arte de calibrar todos os sentimentos e regulalos ao seu diapasón. Algúns destes paseos levábanme moi lonxe, porque un comedor de opio é demasiado feliz para observar a fuxida do tempo. E algunhas veces, nun esforzo por poñer rumbo cara á miña casa, coa ollada fixa, segundo os principios náuticos, na estrela polar, buscaba ambiciosamente a miña travesía ao nordeste, para evitar percorrer de novo todos os cabos e os promontorios que atopara na miña primeira viaxe, entraba repentinamente en labirintos de ruelas, nos enigmas e problemas de canellóns e rúas sen saída, feitos para ridiculizaren o valor dos mozos de corda e confundiren a intelixencia dos condutores de fiacre. Podería crer ás veces que acababa de descubrir, eu o primeiro, algunhas daquelas terrae incognitae, e dubidaba que estivesen indicadas nos planos modernos de Londres. Mais, algúns anos despois, paguei cruelmente todas estas fantasías, cando o rostro humano veu tiranizar os meus soños, e cando as miñas vagabundaxes perplexas no seo do inmenso Londres se reproduciron nos meus soños cun sentimento de perplexidade moral e intelectual que achegaba a confusión á miña razón e a angustia e o remorso á miña conciencia…»
Así o opio non xera, necesariamente, a inanición ou a torpeza, xa que, pola contra, guindaba con frecuencia o noso soñador aos centros máis formiguexantes da vida común. Non obstante, os teatros e os mercados non son xeralmente as obsesións preferidas dun comedor de opio, sobre todo no seu estado perfecto de pracer. A multitude é entón para el como un estado de opresión; a propia música ten un carácter sensual e groseiro, mais ben procura a soidade e o silencio, como condicións indispensábeis das súas éxtases e dos seus soños profundos. Se, ao principio, o autor destas confesións se lanzou entre a multitude e a corrente humana, era para reaccionar contra unha demasiado viva inclinación á ilusión e a unha sombría melancolía, resultado dos seus sufrimentos de mocidade. Nas investigacións da ciencia, como na sociedade dos homes, refusaba unha especie de hipocondría. Máis tarde, cando se restabeleceu a súa verdadeira natureza e se esvaeceron as tebras das antigas tempestades, xulgou poder sen perigo sacrificar o seu gusto pola vida solitaria. Máis dunha vez chegou pasar toda unha fermosa noite de verán sentado preto dunha xanela, sen se mover, sen mesmo desexar cambiar de lugar, desde o solpor até o abrente, enchendo os seus ollos da vasta perspectiva do mar e dunha gran cidade, e o seu espírito de longas e deliciosas meditacións suxeridas por este espectáculo. Entón, unha grande alegoría natural se estendía diante del:
«A cidade, esvaecida pola bruma e as débiles luces nocturnas, representaba a terra, coas súas tristezas e as súas tumbas, situadas alá ao lonxe, mais non totalmente esquecidas, nin fora do alcance da miña vista. O Océano, coa súa respiración eterna, mais mimado por unha extensa calma, personificaba o meu espírito e a influencia que o gobernaba entón. Parecíame que, por vez primeira, me mantiña a distancia e fóra do tumulto da vida; que o estrondo, a febre e a loita se interromperan; que se acordara unha tregua ás secretas opresións do meu corazón; un descanso semanal; unha liberación de calquera traballo humano. A esperanza que florece nos camiños da vida non contradicía xa a paz que habita nas tumbas; as evolucións da miña intelixencia parecíanme tan infatigábeis como os ceos e, non obstante, todas as inquietudes apouvigáranse mediante un tranquilo alcionio; era unha tranquilidade que semellaba o resultado, non da inercia, senón do antagonismo maxestoso entre forzas iguais e poderosas: actividades infinitas, infinito descanso!
»O xusto, sutil e poderoso opio… ti posúes as chaves do paraíso!…»
Aquí é cando se elevan aquelas estrañas accións de grazas, arranques de recoñecemento, que relacionei textualmente ao principio deste traballo e que poderían servirlle de epígrafe. É como o ramallete co que acaba a festa. Porque moi cedo o decorado vai ensombrecerse e as tempestades acumularanse na noite.

IV

TORTURAS DO OPIO

É en 1804 cando por vez primeira traba coñecemento co opio. Transcorreron oito anos felices e ennobrecidos polo estudo. Estamos agora en 1812. Lonxe, moi lonxe de Oxford, a unha distancia de duascentas e cincuenta millas, encerrado nun retiro no fondo das montañas, que fai agora o noso heroe (sen dúbida, merece o título)? Pois, toma opio! E que máis? Estuda a metafísica alemá; le Kant, Fichte, Schelling. Sepultado nunha casiña, no campo, cunha única criada, contempla o paso das horas serias e tranquilas. Aínda non casou? Non. E sempre co opio? Cada sábado pola noite. E este réxime dura impudicamente desde o famoso domingo chuvioso de 1804? Ai, si! E a súa saúde, tras esta longa e regular orxía? Nunca se sentiu mellor que na primavera do 1812, afirma. Observemos que, até o presente, non foi máis que un diletante e que o opio non se converteu para el aínda nunha hixiene cotiá. As doses sempre foron moderadas e prudentemente afastadas por un intervalo dalgúns días talvez esta prudencia e esta moderación retardaran a aparición dos terrores vingativos. En 1813 comeza unha nova era. Durante o verán precedente, un feito doloroso, que non explica, afectara violentamente o seu espírito, repercutindo sobre a súa saúde física; a partir de 1813, sufriu unha terríbel irritación do estómago, sorprendentemente semellante á que lle fixera sufrir tanto nas súas noites de angustia, no fondo da casa do procurador, e que viña acompañada dos seus antigos soños mórbidos. Velaí finalmente a gran xustificación! Para que prestarmos atención a esta crise e detallarmos todos os seus incidentes? A loita foi longa, as dores fatigantes e insoportábeis, a liberación estaba sempre alá, ao alcance da man. Diría compracido a todos os que desexaron un bálsamo, un nephentes para as dores que perturban diariamente o exercicio regular da súa vida e se moquean de todo o esforzo da súa vontade, a todos os enfermos do espírito, enfermos do corpo, diríalles: aquel que de vós se considere sen pecado, sexa de acción ou de intención, lance sobre o noso enfermo a primeira pedra! Así pois, estamos en paz; por outra parte, suplícovos que se lle crea, cando comezou a tomar o opio diariamente, tiña unha urxente necesidade, unha fatalidade; non era posíbel vivir doutro xeito. E, son, xa que logo, tan numerosos os valentes que saben afrontar con paciencia, cunha enerxía renovada a cada minuto, a dor, a tortura, sempre presentes, nunca fatigadas, por un vago e afastado beneficio? Para o que semella tan valente e tan paciente non tivo tanto mérito vencer, e o que resistiu pouco tempo despregou nese tempo unha vasta enerxía descoñecida. Os temperamentos humanos non son tan infinitamente variados como as doses químicas? «No estado nervioso en que me encontro, éme tan imposíbel aturar un moralista inhumano como o opio sen ferver!» Velaí unha fermosa sentenza, unha irrefutábel sentenza. Non se trata xa de circunstancias atenuantes, senón de circunstancias absolventes.
Finalmente, esta crise de 1813 tivo un desenlace, desenlace fácil de adiviñar. A partir deste momento preguntar ao noso solitario se tal día tomou ou non tomou opio, sería igual que informarse se aquel día os seus pulmóns respiraron ou se o seu corazón cumpriu as súas funcións. Non máis coresma de opio, non máis ramadán, non máis abstinencia! O opio forma parte da vida! Pouco tempo antes de 1816, o ano máis fermoso, máis límpido da súa existencia, dinos, baixara, repentinamente e case sen esforzo, de trescentos vinte grans de opio, é dicir, oito mil gotas de láudano, a corenta grans, diminuíndo así a súa estraña alimentación sete oitavos. A nube de fonda melancolía que descendera sobre o seu cerebro disipouse un día como por maxia, a axilidade espiritual volveu aparecer e puido acreditar de novo na felicidade. Non tomaba máis de mil gotas de láudano por día (que temperanza!). Era como un verán espiritual de San Martiño. Volveu ler a Kant, e comprendeuno ou creu comprendelo. De novo se deron intensamente nel aquela lixeireza, aquela alegría de espírito –tristes palabras para traducirmos o intraducíbel– igualmente favorábeis ao traballo e ao exercicio da fraternidade. Este espírito de benevolencia e de compracencia polo próximo, digamos máis, de caridade, que se semella un pouco (insinúo isto sen intención de faltar ao respecto a un autor tan grave) á caridade dos bébedos, manifestouse un día da maneira máis estraña e espontánea en proveito dun malasio. –Anotade ben este malasio, volveremos atopalo máis tarde; volverá aparecer multiplicado dunha maneira terríbel. Porque, quen pode calcular a forza de reflexo e de repercusión de calquera incidente na vida dun soñador? Quen pode pensar, sen se estremecer, na infinita prolongación en círculos das ondas espirituais axitadas por unha pedra lanzada ao azar? –Un día, un malasio peta na porta do silencioso retiro. Que procuraba un malasio nas montañas de Inglaterra? Quizais se dirixía a un porto situado a corenta millas de alí. A criada, nacida na montaña, que non sabía mellor a lingua malasia que a inglesa e que nunca vira un turbante na súa vida, ficou singularmente asustada. Mais lembrándose de que o seu amo era un sabio, e presumindo que debía saber todas as linguas da terra, talvez mesmo as da lúa, correu chamalo para lle rogar que conxurase aquel demo que se instalara na cociña. Era un contraste curioso e divertido as dúas caras mirándose unha á outra; unha, revelando o orgullo saxón, a outra, servilismo asiático; unha, rosa e fresca; a outra, amarela e biliosa, iluminada por pequenos ollos móbiles e inquietos. O sabio, para salvar a súa honra ante a súa criada e os seus veciños, faloulle en grego; o malasio sen dúbida respondeu en malasio; non se entenderon e todo aconteceu ben. O malasio descansou sobre o chan da cociña durante unha hora e despois fixo o xesto de se pór de novo en camiño. O pobre asiático, se viña de Londres a pé non puidera, desde había tres semanas, intercambiar unha idea con ningunha criatura humana. Para consolar as probábeis penalidades daquela vida solitaria, o noso autor, supondo que un home daquelas latitudes debía coñecer o opio, regaloulle, antes de marchar, un grande anaco da preciosa substancia. Pódese concibir unha maneira máis nobre de entender a hospitalidade? O malasio, pola expresión da súa fisionomía, mostrou que coñecía ben o opio e o que fixo foi meterse na boca un anaco que podería matar varias persoas. Existían motivos para inquietar un espírito caritativo; mais non se oíu falar no país de ningún cadáver de malasio achado na estrada; este estraño viaxeiro estaba, xa que logo, suficientemente familiarizado co veleno e obtivérase o resultado desexado pola caridade.
Entón, como dixen, o comedor de opio era aínda feliz; verdadeira felicidade de sabio e de solitario namorado do comfort: unha casiña encantadora, unha fermosa biblioteca, paciente e delicadamente amasada, e o inverno a facer estragos na montaña. Unha bonita habitación, non fai o inverno máis poético, e o inverno, non aumenta a poesía da habitación? A branca casiña descansaba no fondo dun pequeno val rodeado de montañas bastante altas; estaba como vendada por arbustos que espallaban unha tapizaría de flores sobre os muros e proporcionaban ás xanelas un fragrante marco durante a primavera, o verán e o outono; empezaba co espiño e acababa co xasmín. Mais a estación fermosa, a estación da felicidade, para un home de ilusión e de meditación coma el, é o inverno, e o inverno na súa forma máis ruda. Hai xentes que se felicitan por obter do ceo un inverno benigno e son felices ao velo partir. Mais el demanda anualmente ao ceo tanta neve, pedra e xeada como pode conter. Necesita un inverno canadense, un inverno ruso, necesítao para o seu diñeiro. O seu niño será máis quente, máis doce, máis amado: as velas acesas ás catro, un bo lume, boas alfombras, pesadas cortinas ondulantes até o chan, unha fermosa teteira, e o té despois das oito do serán até as catro da mañá. Sen inverno, ningún destes praceres é posíbel; calquera comfort esixe unha temperatura rigorosa, por outra parte, custa caro; o noso soñador ten, por tanto, o dereito de esixir que o inverno pague honestamente a súa débeda, coma el a súa. O salón é pequeno e serve para dous fins. Podería chamarse máis exactamente a biblioteca; é aí que están acumulados cinco mil volumes, comprados un a un, verdadeira conquista da paciencia. Un enorme lume brilla na cheminea; nunha bandexa repousan dúas cuncas e dous pratiños; porque a caritativa Electra, que nos fixo ventar, embelece a casiña con todo o embruxo dos seus anxélicos sorrisos. Para que describirmos a súa beleza? O lector podería pensar que esta potencia luminosa é puramente física e pertence ao dominio do pincel terrestre. Ademais, non esquezamos o frasco de láudano, unha enorme garrafa, abofé!, porque estamos demasiado lonxe dos farmacéuticos de Londres para renovarmos frecuentemente a nosa provisión. Un libro de metafísica alemá enriba da mesa, testemuña as eternas ambicións intelectuais do propietario. Paisaxe de montañas, retiro silencioso, luxo ou máis ben benestar sólido, vasto lecer para a meditación, inverno rigoroso, axeitado para concentrar as facultades do espírito, si, era a felicidade ou máis ben os resplandores da felicidade, unha intermitencia na fatalidade, un xubileo na desgraza; porque nos imos achegando á época funesta onde «hai que dicir adeus a esta doce beatitude, adeus ao inverno e ao verán, adeus aos sorrisos e aos risos, adeus á paz de espírito, adeus á esperanza e aos soños apracíbeis, adeus aos benditos alivios do soño!». Durante máis de tres anos, o noso soñador será como un exiliado, expulsado do territorio da felicidade común, porque chegou agora a «unha Ilíada de calamidades, chegou ás torturas do opio». Sombría época, ampla rede de tebras, esgazada a intervalos por ricas e angustiosas visións:

Era como se un gran pintor mergullase
O seu pincel na escuridade do terremoto e do eclipse.

Estes versos de Shelley (10), dun carácter tan solemne e tan verdadeiramente miltoniano, reproducen ben a cor dunha paisaxe opiácea, se está permitido falar así; está tamén o ceo morno e o horizonte impermeábel que envolven o cerebro sometido polo opio. O infinito no horror e na melancolía e, aínda máis, máis melancólica que todo, a impotencia para afastarse por si mesmo do suplicio.
Antes de seguirmos adiante, o noso penitente (poderíamos, de cando en vez, chamalo así, aínda que pertence, segundo todas as aparencias, a unha clase de penitentes sempre dispostos a recaer no pecado) advírtenos que non hai que buscar nesta parte do seu libro unha orde cronolóxica moi rigorosa, cando menos unha orde cronolóxica. Cando o escribiu, estaba só en Londres, incapaz de construír un relato regular cunha morea de lembranzas pesadas e repugnantes, e exiliado lonxe das mans amigas que sabían clasificar os seus papeis e acostumaban a lle facer as veces de secretario. Escribiu sen precaución, case sen pudor, imaxinándose diante dun lector indulxente, quince ou vinte anos alén da época presente, e desexando sinxelamente, antes de nada, estabelecer unha memoria dun período desastroso, e faino con todo o esforzo de que aínda é capaz hoxe, sen saber moi ben se máis tarde encontrará o valor ou a ocasión favorábel.
Mais, por que, diráselle, non se liberou vostede dos horrores do opio, ben abandonándoo, ben diminuíndo as doses? Realizou longos e dolorosos esforzos para reducir a cantidade; mais os que foron testemuñas destas lamentábeis batallas, destas agonías sucesivas, foron os primeiros en lle suplicaren que renunciase. Por que non diminuír a dose dunha gota cada día, ou non atenuar a potencia mediante a adición de auga? Calculou que serían necesarios varios anos para obter por este medio unha vitoria incerta. Por outra banda, todos os amantes do opio saben que antes de alcanzar un certo grao, pódese reducir a dose sen dificultade, e mesmo con pracer, mais que, unha vez superada esta dose, toda redución causa dores intensas. Mais por que non consentir un abatemento momentáneo, dalgúns días? Non hai tal abatemento. A dor non consiste nisto. A diminución do opio aumenta, pola contra, a vitalidade; o pulso é mellor; a saúde perfecciónase; mais disto resulta unha terríbel irritación do estómago, acompañada de suores abundantes e dunha sensación de malestar xeral, que nace da falta de equilibrio entre a enerxía física e a saúde do espírito. Con efecto, é fácil comprender que o corpo, a parte terrestre do home, que o opio pacificara vitoriosamente e reducira a unha perfecta submisión, queira retomar os seus dereitos, mentres que o imperio do espírito, que até entón unicamente fora favorecido, se acha diminuído na mesma proporción. É un equilibrio roto que quere restabelecerse e non pode restabelecerse sen crise. Mesmo prescindindo da irritación do estómago e das transpiracións excesivas, é doado figurarse a angustia dun home nervioso cuxa vitalidade sería normalmente reanimada, e o espírito permanecería inquieto e inactivo. Nesta terríbel situación, o enfermo xeralmente considera o mal preferíbel á curación e sométese facilmente ao seu destino.
Había tempo que o comedor de opio interrompera os seus estudos. Algunhas veces, a petición da súa muller e doutra dama que viña tomar o té con eles, consentía en ler en voz alta as poesías de Wordsworth. Por arrebatos, lía momentaneamente os grandes poetas; mais a súa gran vocación, a filosofía, fora completamente descoidada. A filosofía e as matemáticas reclaman unha aplicación constante e sostida, e agora o seu espírito retrocedía diante esta obriga diaria cunha íntima e desconsoladora consciencia da súa debilidade. Unha obra, á que xurara consagrar todas as súas forzas e cuxo título lle fora suxerido polas reliquiae de Spinoza: De emendatione humani intellectus, ficaba na canteira, inacabada e pendente, co aspecto desolado desas grandes construcións emprendidas por gobernos pródigos ou arquitectos imprudentes. O que debía ser, para a posteridade, a proba da súa forza e da súa dedicación á causa da humanidade, non serviría máis que de testemuño da súa debilidade e da súa presunción. Felizmente quedáballe aínda, como diversión, a economía política. Aínda que deba ser considerada como unha ciencia, é dicir, como un todo orgánico, non obstante algunhas das súas partes integrantes poden separarse e considerarse illadamente. De cando en vez a súa muller líalle os debates do parlamento ou as novidades libreiras en materia de economía política; mais para un literato profundo e erudito, era un triste alimento; para alguén que manexou a lóxica, non son máis que restos do espírito humano. Un amigo de Edimburgo, non obstante, envioulle en 1819 un libro de Ricardo e, antes de acabar o primeiro capítulo, lembrando que el mesmo profetizara a vinda dun lexislador desta ciencia, exclamou: «Velaí o home!» Resucitaron o asombro e a curiosidade. Pero a súa maior, a súa máis deliciosa sorpresa, era que puido interesarse aínda por algunha lectura. A súa admiración por Ricardo aumentou. Unha obra tan profunda, nacera verdadeiramente na Inglaterra do século XIX? Supuña que en Inglaterra calquera clase de pensamento estaba morto. Ricardo, inesperadamente, atopara a lei, creara a base; lanzara un raio de luz sobre todo ese tenebroso caos de materiais onde os seus devanceiros se perderan. O noso soñador, inflamado, rexuvenecido, reconciliado co pensamento e o traballo, ponse a escribir, mellor dito, dita á súa compañeira. Pareceulle que o ollo escrutador de Ricardo deixara escapar algunhas cousas importantes, cuxa análise, reducida por procedementos alxebraicos, podía dar materia para un interesante volume. Deste esforzo de enfermo saíron os Prolegómenos para todos os futuros sistemas de economía política (11). Chegara a un acordo cun impresor de provincias que vivía a dezaoito millas da súa residencia; chegárase mesmo, co fin de compor a obra o máis rápido posíbel, a contratar un caixista suplementario; o libro fora anunciado dúas veces; pero, ai!, faltaba un prólogo por escribir (a fatiga dun prólogo!) e unha magnífica dedicatoria a Ricardo; duro labor para un cerebro debilitado polas delicias dunha orxía permanente! Oh humillación do autor nervioso, tiranizado pola atmosfera interior! Apareceu a impotencia, terríbel, infranqueábel, como os xeos do polo; anuláronse todos os acordos, o caixista foi despedido, e os Prolegómenos, vergoñentos, deitáronse para un longo sono, a carón do seu irmán maior, o famoso libro suxerido por Spinoza.
Horríbel situación! Ter o espírito inzado de ideas e non poder atravesar a ponte que separa os campos imaxinarios da ilusión das colleitas positivas da acción! Se quen me le agora coñeceu as necesidades da produción, non teño necesidade de lle describir o desespero dun nobre espírito, clarividente, hábil, a loitar contra esta condena tan particular. Abominábel encantamento! Todo o que dixen sobre o empequenecemento da vontade no meu estudo sobre o haxix é aplicábel ao opio. Responder cartas? Traballo xigantesco, postergado hora tras hora, día tras día, mes tras mes. Asuntos de cartos? A economía doméstica descóidase entón máis que a economía política. Se un cerebro debilitado polo opio estivese totalmente debilitado, se, para me servir dunha innobre expresión, estivese totalmente embrutecido, o mal sería evidentemente menor, ou cando menos máis tolerábel, mais un comedor de opio non perde ningunha das súas aspiracións morais; percibe o deber, ámao; quere cubrir todas as condicións do posíbel, mais o seu poder de execución non está xa á altura da súa concepción. Executar? Pero que digo! Pode mesmo intentalo? O noso infeliz convértese entón nunha especie de Tántalo, amando ardentemente o seu deber, impotente para correr a el. Un espírito, un puro espírito, ai!, condenado a desexar o que non pode obter. Un valente guerreiro insultado no que máis quere e fascinado por unha fatalidade que o obriga a gardar cama, onde se consome nunha rabia impotente.

NOTAS
(5) Abismo, sima, etc.
(6) En inglés no orixinal.
(7) Asociación londinense de avogados competentes en dereito civil, canónico e marítimo.
(8) Remedios contra a tristeza.
(9) Josephina Grassini (1773-1850), contralto italiana, dominou a ópera de Londres a inicios do século XIX.
(10) De The revolt of Islam.
(11) A pesar do que diga De Quincey sobre a súa impotencia espiritual, este libro de Ricardo, ou algo análogo, apareceu posteriormente. Ver o catálogo das súas obras completas (Nota de Baudelaire).

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *