Pierre-Auguste Renoir é un dos esteos da pintura europea. Hogano segue a ser controvertido

Pierre-Auguste Renoir é un dos esteos da pintura europea. Hogano segue a ser controvertido

1 comentário 🕔09:00, 24.Out 2016

O impresionismo foi un vendaval artístico, curto, radical, que abalou o bosque estético europeo ata guindar follas vellas e facilitar o xermolo dos vangardismos. Pierre-Auguste Renoir estivo no ollo dese furacán. A emblemática pintura Bal du Moulin de la Galette regresa a Barcelona cen anos despois.

Lito Caramés

Bal du Moulin de la Galette
Renoir adoraba ese lugar tan tipicamente representativo da forma bondadosa que tiña o pobo de París de divertirse. Esa desenvoltura que nunca era groseira, aquela desvergonza que nunca era choqueira (Jean Renoir. Renoir, o meu pai).
O ben coñecido óleo de Pierre-Auguste Renoir, Bal du Moulin de la Galette, está en Barcelona. Esta obra da plenitude do impresionismo ofrece unha panorámica do espazo que o matrimonio Debray decidiu converter as fins de semana en salón de baile. Daquela (1876) Moulin de la Galette (Montmartre) atopábase ben lonxe de París, un lugar popular e barato, razón pola que moitos artistas noveis e de escasos recursos vivían de alugamento por ese promontorio que divisa a Cidade da Luz. Non estrañe, logo, que no lenzo de Renoir se poidan identificar moitos dos seus compañeiros de profesión. A composición está organizada a partir de círculos, un á dereita diante de todo, outro á esquerda, en segundo plano no espazo da pista de baile. E aínda dentro destas circunferencias emerxen triángulos, como o do primeiro plano e centro. Ten unhas dimensións grandes para un lenzo impresionista: 131×176 cm. (unha das máximas destes mozos e mozas radicais era elaborar pintura au plein air sobre telas cativas, boas de transportar). A tarde cae sobre Montmartre e sobre o baile popular de traballadoras téxtiles, obreiros, labregos e artistas, e a través das follas das árbores fíltranse algunhas raiolas de sol que provocan manchas de cor máis clara sobre vestimentas, canotiers, anatomías e sobre o chan. A obra pintouna en 1876, en plena efervescencia impresionista, e coa teoría das cores ben aplicada a espazos de luz e de sombra.
É un dos poucos cadros impresionistas que se atreve a propor a interpretación dunha multitude; e desde logo debe ser o primeiro que se enfronta a tal cousa. Para iso adopta a mirada dun fotógrafo. A súa máquina de retratar (o ollo do artista) desenfoca levemente o primeiro plano, como se os tres pintores e as dúas amigas que están na mesa e no banco, á dereita, estivesen tan preto que o ollo ten deles unha visión borrosa. O mesmo fai co fondo, coa multitude de corpos e cabezas que se insinúan nunha mancha, nunha leve pincelada de cor. E o diafragma queda enfocado no segundo plano, no pintor cubano Pedro Vidal e a súa amiga Margot e outros danzantes. Renoir case sempre pintou mulleres felices, ou polo menos mulleres resoltas, donas do seu momento. No Bal du Moulin de la Galette tamén; nese baile reflíctese a harmonía cidadá.

renoir-bal-du-moulin-de-la-galette-1876

Renoir. Bal du Moulin de la Galette. 1876

Bal du Moulin de la Galette, un centenario, unha homenaxe
Segundo reza a ficha técnica de Bal du Moulin de la Galette na páxina oficial do Musée d’Orsay, a peza só saíu de París cinco veces. E as cinco veces viaxou fóra de Francia. Unha das primeiras saídas foi a Xenebra (Suíza), á exposición que alí se fixo de Art Français, no ano 1918. Desde entón non viaxou -segundo a información oficial de museo- ata 2015, en que foi ao Hermitage de San Petersburgo, e hogano foi ao Extremo Oriente: Renoir: chefs-d’oeuvre des musées d’Orsay et de l’Orangerie (The National Art Center, Tokyo). E as outras dúas veces, a primeira e polo de agora a última, veu a Barcelona. En Barcelona estivo no ano 1917, na mostra de arte francesa que pintores modernistas como Santiago Rusiñol e Ramon Casas organizaron: Exposition d’Arts Français. Barcelone, polo feito de que, en plena Gran Guerra, na capital francesa non se puidesen celebrar os famosos Salóns de arte: le Salon des Artistes Français, le Salon d’Automme, e le Salon de la Societé Nationale de Beaux Arts. Aquí a portada do catálogo. Durante a Gran Guerra Barcelona foi centro de acollida de moitos artistas. Exposition d’Arts Français xuntou pezas representativas de todas as tendencias artísticas que se deran en Francia desde comezos do século XIX, superando as 1.500 obras. A antolóxica -organizada polo Concello de Barcelona e inaugurada o día 23 de abril de 1917- celebrouse no Palau de Belles Arts de Barcelona, que se construíu para a Exposición Universal de 1888 (aquela que comezou a organizar Serrano de Casanova, e que non lle deixaron rematar) e estaba sito case que á entrada do Parc da Ciutadella. Foi derruído en 1942 para instalar os xulgados.
E agora Bal du Moulin de la Galette regresa a Barcelona. Na presentación da mostra Renoir Entre dones De l’ideal modern a l’ideal clàssic, Pablo Jiménez afirmou que un dos motivos de organizar en Barcelona esta antolóxica de Renoir era o feito de poder contar coa obra citada e facer así unha homenaxe ás persoas e institución que en plena Gran Guerra mostraron a súa solidariedade coa sociedade francesa e parisiense, que, antes e despois, acollera a tantos e tantas artistas. A Fundación Mapfre alonga esta exposición ata o día 8 de xaneiro de 1917, para que -aínda que por poucos días- coincida a estadía de Bal du Moulin de la Galette en Barcelona co centenario da primeira vez que visitou a cidade.

renoir-madame-darras-1868

Renoir. Madame Darras. 1868

pierre-auguste_renoir_-_maternite_-_02

Renoir. Maternité. L’Enfant au sein. 1885

Renoir entre dones. De l’ideal modern a l’ideal clàssic. Col·leccions del Museus d’Orsay i de l’Orangerie
A exposición que neste setembro brinda a Fundación Mapfre á poboación de Barcelona e aos seus visitantes, leva por título Renoir entre dones. De l’ideal modern a l’ideal clàssic. Col·leccions del Museus d’Orsay i de l’Orangerie, unha mostra con clara hipótese de traballo: como reflectía Pierre-Auguste Renoir (Limoges, 1841 – Cagnes-sur-Mer 1919) a figura feminina. Na Casa Garriga i Nogués é doado contemplar a presenza das mulleres parisienses, modernas, desenvoltas, nos lenzos impresionistas (como Bal du Moulin de la Galette), para observar logo que a mirada do pintor bascula cara a fasquías intimistas e de maternidade (Gabrielle e Jean, 1895), e para rematar coa beleza clásica do espido, integrado na natureza, propio dos últimos anos de creación (Les Baigneuses, 1918). Esta exposición está comisariada por Guy Cogeval, actual presidente do Musée d’Orsay e do Musée de l’Orangerie, e por Pablo Jiménez Burillo, Director da Área de Cultura da Fundación Mapfre; e conta cun comisario especial, Paul Perrin, conservador de pintura do Musée d’Orsay.
A mostra ofrece aos visitantes 70 obras, corenta delas de Renoir. As outras trinta son de amigos e compañeiros que complementan os vieiros polos que foron camiñando moitos dos artistas que se iniciaron no impresionismo: Van Gogh, Denis, Degas, Bonnard, Maillol, ou outros máis novos: Picasso. E tamén hai un apartado para artistas cataláns que viviron no Moulin de la Galette, e que coñeceron a atmosfera que emanaba aquel lugar tan peculiar: Rusiñol, Casas, Casagemas. As obras destes artistas -algúns deles organizadores da Exposition d’Arts Français. Barcelone (1917)- dan un marco xenuíno e próximo aos espazos do barrio de Montmartre, cando este era ben rural e alternativo (unha das pinturas de Rusiñol, de 1890 e presente na mostra, capta as obras de construción do Sacre Coeur). Renoir entre dones. De l’ideal modern a l’ideal clàssic reserva sorpresas aos visitantes: unha escolma de esculturas, disciplina á que era moi afeccionado Renoir, e que elaborou coa axuda do escultor catalán Richard Guino. Esculturas de pequeno formato, que escoran pola banda dos traballos de Auguste Rodin (movemento, anatomías tensas) e outras tamaño natural, posteriores (L’Eau ou La Grande Laveuse Accroupie, 1917), que beben máis do clasicismo harmónico de Aristide Maillol.
Sobre as obras de artistas franceses que acompañan ás de Renoir, dicir unha vez máis que sorprende que, tendo o Musée d’Orsay tantas pinturas de mulleres artistas como ten, e de temas ben adecuados para a ocasión, saian do Musée pezas creadas por homes e non por mulleres. Co gallo doutra grande exposición na que había préstamos do Orsay, Veronique Kientzy, traballadora do museo, enviou ao que subscribe a lista de mulleres artistas con obra no Orsay. En total unhas 176 (escultura, deseño, pintura, fotografía), moitas ben coñecidas. Delas como mínimo 80 crearon obra entre 1880 e 1910, datas apropiadas para estar representadas en Renoir entre dones. De l’ideal modern a l’ideal clàssic. Col·leccions del Museus d’Orsay i de l’Orangerie. E non o están. Berthe Morisot, unha das impresionistas máis coñecidas, que expuxo en todas as mostras do grupo impresionista, está representada no Orsay por máis de dez obras, e moitas delas de temáticas idénticas ás que foron seleccionadas para viren a Barcelona. Outro tanto pode dicirse de Mary Cassatt. Algún meigallo anda solto polas ribeiras do Sena.

renoir-etude-torse-effecte-de-soleil-1876

Renoir. Étude. Torse, effecte dsu soleil. 1876

Viaxe a Italia, 1881. Abandono do impresionismo. Clasicismos
Tendo en conta a época na que vivimos, non parece inútil que o noso espírito volva ao pasado. É máis, se queremos evitar fosilizarnos nas formas que herdamos, non debemos afastarnos, nin esgrimindo o noso amor polo progreso, dos séculos que nos precederon (P-A. Renoir, 1910).
Pierre-Auguste Renoir foi un dos mozos que primeiro se adheriron ao impresionismo, ese movemento minoritario, desprezado, que só buscaba os efectos de luz e cor sobre os obxectos. Neses tempos -década dos 70- pinta principalmente parisienses que participan da vida social da capital: mulleres que len, que montan a cabalo, que van a festas; o ideal de muller moderna que goza da grande urbe e das novidades que a ela chegan: luz eléctrica, fotografía, modas xaponesas, ferrocarril. A primeira sala de Renoir entre dones. De l’ideal modern a l’ideal clàssic está dedicada a elas (La Liseuse, 1874, Madame Darras, 1868).
E logo acontécelle o que a moitos outros dos seus compañeiros: o impresionismo estivo ben, pero non enche. Gauguin e Cézanne, por exemplo, comezan a pescudar outros xeitos de reprodución da realidade ata chegar ás antípodas dos xeitos impresionistas: cores planas e arbitrarias (Cristo Amarelo, 1889) de Gauguin, e volumes precubistas (Xogadores de cartas, 1890-95) de Cézanne.
Á maioritaria deserción de impresionistas, hai que sumar que Renoir se especializara en facer retratos de boas familias parisienses, o que lle aportaba bos ingresos e lle abriu as portas dos Salóns (Salon des Artistes Français ou Salon d’Automme) -onde antes fora rexeitado (coma todos os impresionistas)-, feito que seguía rezando para os seus compañeiros. Estas novidades provocan unha crise no pintor. Así que en febreiro de 1881 viaxa a Arxelia á procura do sol e mais de certo exotismo que xa lle indicaran Delacroix e outros predecesores. En outubro do mesmo ano vaise a Italia para visitar Venecia, Florencia, Roma, Nápoles, Pompeia e pasa a Sicilia a comezos de 1882. Esta viaxe por Italia marcará para o resto dos seus días as súas creacións; regresa coa admiración por Tiziano e por Rafael instalada nos adentros.
Eu fora ata o extremo do impresionismo e cheguei á conclusión de que xa nin sabía pintar nin sabía debuxar (P.-A. Renoir, 1905). Na vida de Renoir a década dos 80 é decisiva. Á xa mencionada viaxe a Italia cómpre engadir que logo lle comezan a nacer fillos (Pierre, Jean) e todo o seu entorno muda. Sente agora un atractivo especial polo nu feminino, ao que trata con liñas de deseño firmes e claras e mostrando as influencias de Rafael, ou do Veronés, ou de Ingres. A tales características responde o lenzo Femme nue dans un Paysage (1883), que tamén se pode contemplar na Fundación Mapfre. As pinceladas soltas impresionistas aínda revoan pola suxerida paisaxe, pero o corpo da moza xa vén marcado por trazos limpos e ben definidos. Desde agora o tema “muller integrada na natureza” pasa a ser un dos seus grandes motivos creadores. Renoir ofrecendo versións amables, á procura da harmonía. Sería hoxe ecoloxista? E feminista?
Sempre tivo unha óptica hedonista. Quizais esa procura da harmonía impúñalle tamén o respecto polos demais seres que o rodearon, ao xeito que o fixera o pintor paisaxista Camille Corot. Corot soubo dar á paisaxe un estilo propio, combinando clasicismos do XVIII con romanticismos. A súa influencia nos impresionistas é clara: Cézanne copia del as paisaxes que atopa polo Midi francés, Pisarro ou Sisley téñeno por un mestre, e Renoir aproveita da súa mestría as cores da campiña e a combinación nu-paisaxe.

renoir-gabrielle-et-jean1895

Renoir. Gabriele et Jean. 1895

Les Baigneuses (1918-19). Estilo tardío
Os seus nus (…) os máis marabillosos que se pintaron nunca: ninguén os puido facer mellor, ninguén. Moitas veces era quen de rematalos nunha tarde; pero conservou a súa última obra (Les Baigneuses) máis dun ano. É a súa obra mestra, unha das pinturas máis bonitas que se pintaron nunca (…) sempre pensei que non hai outra época que poida ofrecer unha historia máis nobre, máis heroica, de mellores éxitos que a que representa Renoir (Henri Matisse, 1923).
Nos derradeiros anos de vida, afectado pola artrose e outra doenzas, Renoir esculpe coa axuda de Richard Guino e pinta cos pinceis atados ás mans. E con ese panorama, na casa que tiñan os Renoir en Cagnes-sur-Mer (entre Niza e Antibes) pinta bañistas e ninfas. Semella que o pintor vive nunha arcadia intemporal onde o clasicismo impón os seus criterios. Pero os seus nus no medio da natureza mediterránea non son como os de Ingres, Velázquez ou Tiziano. Teñen unha modernidade que gaba Matisse e que ten moito que ver coas progresións que van facendo as vangardas. Renoir pinta Les Baigneuses (1918-1919, de 110×160 cm) dez anos despois de que Picasso publicitase as súas Demoiselles d’Avignon, que tanto molestaron aos mesmos vangardistas (o mesmo Matisse que se atrevía a dicir que Les Baigneuses “é unha das pinturas máis bonitas que se pintaron nunca”, comentou cando viu a obra de Picasso por primeira vez: “é como engulipar un grolo de gasolina”). Este óleo -considerado o testamento do pintor, e que como tal foi doado polos fillos do artista ao estado francés- mostra o xardín de oliveiras da súa casa de Cagnes-sur-Mer e estrutúrase a partir das dúas mulleres núas que ocupan todo o primeiro plano (o que lle outorga á obra repouso e sensualidade), mentres á dereita, máis lonxe, outras tres bañistas permanecen no estanque. O corpo das mulleres remite a Rubens e a paisaxe mantén curtas pinceladas impresionistas. O resultado: unha visión idílica de plenitude vital, moi afastada dos problemas físicos que sufría o artista mentres pintaba a súa derradeira peza, e dos horrores da Gran Guerra.
Segundo informa o Musée d’Orsay no seu portal web, Les Baigneuses saíu de París bastantes veces, para formar parte de mostras en varias cidades de Italia, en Londres, en Chicago, Boston, e outras vilas dos EEUU; en 2015 estivo en Madrid e hogano en Tokio. Para consultar calquera peculiaridade das numerosas obras do Musée d’Orsay só cómpre visitar este enderezo electrónico.
Moito se leva falado en conferencias e escrito sobre a existencia, ou non, do chamado Estilo tardío. O primeiro que reflexionou sobre este concepto foi Theodor W. Adorno, cando se refería ás últimas composicións de Beethoven e á simplificación de formas e propostas que denotaba no compositor. Logo, quen mirou de estruturar e dar forma a tal maneira de crear foi E. W. Said, atendendo á produción de escritores e músicos. Segundo os teóricos do Estilo tardío tal cousa pode darse só nos grandes creadores, nunha etapa final da súa vida, onde se mesturan a debilidade física, o cansazo e a actitude consciente do artista de que calquera cousa nova que faga pouco ou nada vai aportar á súa traxectoria artística. Esas últimas creacións caracterízanse por apostar por esencialismos e pola simplificación. O Estilo tardío prodúcese (no caso que se produza): nun intre no que o artista, a pesar de ser dono absoluto do seu medio, abandona a comunicación coa orde social establecida da que forma parte e alcanza unha relación contraditoria e alienada con el mesmo (Adorno). Algúns estudosos observan esas especificacións do Estilo tardío nas derradeiras creacións de Picasso, cando ataca con forza os seus temas esenciais, ou na queima de lenzos por Miró, xa con 80 anos, ou nas pinturas negras de Goya.
Cabe, entón, aceptar que cando Pierre-Auguste Renoir, un ano antes de morrer, pinta Les Baigneuses (1918) (unha das pinturas máis bonitas que se pintaron nunca) estivese facendo un diálogo consigo mesmo e cos seus esencialismos: o nu feminino, a natureza; cores e formas elementais. E que cen anos despois esta obra sorprenda e emocione, como o fan as últimas pezas de Francis Bacon na súa etapa madrileña. A senectude encrespa os conflitos entre eros e tánatos.

renoir-femme-nue-cauchee-gabrielle-1906

Renoir. Femme nue couchée (Gabriele). 1906

renoir-les-baigneuses-1918

Renoir. Les Baigneuses. 1918-1919

Renoir, moderno antimoderno?
Na súa etapa impresionista Pierre-Auguste Renoir fora moi criticado, por revolucionario. Tamén foi tido por artista feminista, pois presentaba ás mulleres “modernas”: lendo, facendo vida social, felices, donas dos seus corpos e vidas. Non semella que Renoir quixese presentar unha imaxe idealizada, estereotipada -como fixera Ingres- cando mostra ás mulleres nas intimidades menos ideais: peiteándose, lavándose, dando de mamar; esa cotidianeidade non se levara á pintura ata entón. Ata entón só se aceptara unha maternidade, unha maternidade divina, a de María, nai de Xesús, que para iso era virxe.
Na crítica actual non agrada cando un artista recúa, cando desanda vieiros de vangarda. Iso non llo perdoan a Renoir, que despois de ser o radical impresionista volvese ao clasicismo. Antano e hogano hai unha liña de crítica “politicamente correcta” que esixe fidelidades a aqueles movementos rachadores nos que se militou.
Pero Matisse e Picasso -eses enfants terribles da arte de comezos do século XX- adoraban o Renoir tardío. Henri Matisse, que viviu tamén na Provenza, visitaba con asiduidade ao artista de Limoges, e o autor da Raia Verde era quen de dedicar ao autor de Bal du Moulin de la Galette -xa morto- verbas tan potentes como: sempre pensei que non hai outra época que poida ofrecer unha historia máis nobre, máis heroica, de mellores éxitos que a que representa Renoir.
O doutor Enrique Mallen, un dos grandes especialistas en Pablo Picasso, director de Online Picasso Project (OPP; Mallen, Enrique, ed. Online Picasso Project. Sam Houston State University. 1997-2016), que está a executar a catalogación e dixitalización de toda obra do artista malagueño), profesor na Sam Houston State University e autor de varios libros sobre a obra de Picasso (entre eles La sintaxis de la carne); o doutor Mallen tivo a xentileza de informar a quen firma esta reseña que o artista malagueño xa posuía no ano 1918 a magnífica peza de Renoir La Liseuse, xa que o seu marchante quixo comprarlla por un prezo moi elevado. E que ao final da súa vida Pablo Picasso tiña en propiedade sete pinturas de Pierre-Auguste Renoir, do artista que máis tiña, agás Matisse. As sete pezas (agora no Musée Picasso de París) son: Études de personnages antiques (1895), Baigneuse assise dans un paysage (Eurydice) (1895-1896), La Coiffure (1900-1901), Paysage méditerranéen, Cagnes (1905-1910), Portrait d’enfant (1910-1912), Modèle en buste (1916) e Nature morte aux poissons (1916). Como se pode apreciar polas datas, todas elas de etapas de madurez e senectude de Pierre-Auguste Renoir.
A maior abundamento, no ano 2010, Los Angeles County Museum (LACMA) programou a mostra Renoir in the 20th Century (que foi -segundo rezaba a propia publicidade da institución museística- a primeira monografía dedicada a estudar os derradeiros 30 anos de produción do artista, xusto nos intres de retorno ao clasicismo, e á pretendida “antimodernidade”). Unha das comisarias da exposición, Patrice Marandel, declarou daquela: Se Picasso e Matisse se fixaban en Renoir, poida que haxa algunha cousa nel que nós non estamos vendo. Nesa exposición do LOCMA mostráronse varias obras que agora están en Barcelona.
En 2015 apareceu un movemento anti-Renoir en Boston: Renoir sucks at painting, que pretendeu, con manifestacións diante de museos, que se retirasen todas as obras do pintor das institucións públicas. Tamén fixeron parte da súa campaña polas redes, mostrando o seu desagrado posando ante pezas do autor de Bal du Moulin de la Galette. A primeira sospeita pode levar a pensar que o que “apesta” de Renoir son os seus nus femininos que, pasados cen anos, vense machistas, ou fóra das estéticas máis actuais. Pero se se observan as fotos dos activistas desprezando os lenzos de Renoir, comprobarase que non critican nus femininos, senón escenas familiares ou paisaxes. Houbo xornalistas que lle preguntaron directamente a Max Geller (un dos promotores de Renoir sucks at painting), por que facían isto; a resposta foi: Odio a Renoir porque é o artista máis sobrevalorado (…) Coido que na vida real as árbores son fermosas e que os globos oculares humanos transmiten forza emocional. Se del dependese, as árbores serían unha colección de desagradables liñas verdes e os globos oculares serían negro acibeche. Pois se estas mulleres e homes queren seguir coa protesta, deben presentarse en Philadelphia, diante da Barnes Foundation, que é a institución que máis Renoir ten polo de agora nos seus fondos, a maioría das últimas etapas de creación. Preguntada directamente a Barnes Foundation por cantas obras posúen de Pierre-Auguste Renoir, Emily Kinslow, traballadora da mesma fundación, informou que conservan 181 pezas.
Os ataques contra grandes mestres e as súas obras son numerosos. Nin a Gioconda se librou de tal agresión. O 10 de marzo de 1914, Mary Richardson, feminista de 25 anos, entrou na National Gallery londiniense e asestoulle catro coiteladas á Venus del Espejo, de Velázquez.
Paralelamente a Renoir entre dones. De l’ideal modern a l’ideal clàssic. Col·leccions del Museus d’Orsay i de l’Orangerie, o Museo Thyssen de Madrid programa Renoir Intimidad. Xa é casualidade. Os préstamos que conseguiu o Thyssen para lograr as 70 pinturas que se exhiben en Renoir Intimidad proveñen de moitos museos e institucións: do propio museo, de centros museísticos de EEUU, de Europa, de México, entre outros lugares; ningunha do Orsay. Será, como se preguntaba a comisaria do LACMA que algo hai en Renoir que non estamos vendo, e por iso cómpre remiralo? Rivalizarían ambas entidades por obter préstamos de algunhas obras?

Lito Caramés

EXPOSICIÓN: Renoir entre dones. De l’ideal modern a l’ideal clàssic. Col·leccions del Museus d’Orsay i de l’Orangerie
Fundación Mapfre, Barcelona
ata o 8 de xaneiro de 2017

Sobre o autor / a autora

Lito Caramés

Lito Caramés

(Galiza-Catalunha) Nado en Caroi, Cotobade, en 1949. Profesor de Ensino Secundario, e de Cultura e Lingua Galegas (Proxecto Galauda). Autor do libro de relatos "E agora pasa un tren" (Biblos) e coautor de traballos de historia e antropoloxía: "América, América" (Roure), "Galicia a lo claro" (Popular), "El Islam en las Aulas" (Icària), entre outros. Membro de Furafollas Agrupación Teatral.

1 comentário

  1. 🕔 21:14, 31.Out 2016

    Rosa Vidal

    Hoy fuimos a ver la exposición. Nos encanto y nos sirvió mucho tu escrito para entender mejor los cuadros de este maravilloso pintor. Gracias Lito por tus claras explicaciones.

    Responder comentário

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *