O mestre lobo-do-mar Serafín Mourelle

0 comentários 🕔11:45, 27.Out 2016

O vídeo (pode ver-se também aqui) e a foto do autor são obras de Xosé Iglesias. A entrevista final é de Ramiro Torres. O poema a seguir, do próprio Serafín Mourelle:

*

O oeste de Irlanda

Nun ceo azul de indescritible pureza, sen nubes,
as estrelas penduradas da bóveda celeste
danzan coquetas na inmensidade do tempo.
Nun mar calmo,
a lúa, mestra de cerimonias de tan grandísimo
e subxugante ballet,
tende sobre a chaira a fermosura
da súa prateada cabeleira,
poñendo a danzar as nereidas do mar.
Facendo un todo coas estrelas
no inmenso espello enmarcado
polo que se ve pero nunca se toca
e sempre está máis lonxe.
Dentro da conca, completando unha tocata
da máis fermosa fantasía,
avanza silandeira unha fráxil molécula
entoando un solo que dá vida
a un conxunto de elementos,
homes, redes, mastros, ferros,
máquinas, hélices…..
Labrando sen acougo no seu elemento,
xerando un carreiro de luz
que semella quere competir coa lúa
Riiiiing, riiiiing, riiiiiing
A VIRAR!!!!!!!

*

ENTREVISTA

- Palavra Comum: Que é para ti a poesia?

- Serafín Mourelle: Poesía é algo así como a música: gusta ou non gusta nada!

- Palavra Comum: Como é, no teu caso, o processo de criatividade literária?

- Serafín Mourelle: Non me considero un creador literario. Escribir un poema ou un conto, ler, facer un comentario sobre a situación social ou política, segundo se me ocorra, vén ser para min un interesante xeito de pasar o tempo e manifestar algúns temas que doutro xeito me serían máis incómodos. Creo que en toda creación hai poesía, principalmente na música, a pintura, a fotografía, etc. A vida en todas as súas manifestacións non tería sentido sen as artes.

Por outra banda, confeso as miñas moitas carencias gramaticais como para imaxinar que escribo ben. Eu só fun pescador. Poeta e pescador é o meu amigo Xosé Iglesias, que domina as dúas facetas, principalmente a poesía: Xosé sabe atopar as verbas e as metáforas máis aló do cerne das moléculas mariñas.

- Palavra Comum: Que opinas da situação do mar galego? Que alternativas de presente e futuro consideras mais necessárias?

- Serafín Mourelle: Levo vinte e tres anos afastado do oficio. Non obstante, penso que a problemática, dende a perspectiva sociolóxica, segue sendo a mesma. Outro tema sería falar da tecnoloxía, asunto moi extenso do que conviña falar longo. A seguridade e hixiene no traballo no mar foi e segue sendo un tema prioritario que, por desatención, xa é un problema crónico. En xeral, a situación do mar de Galicia non é moi diferente á doutros caladoiros, coa vantaxe da produción do molusco, moi interesante se o coidasemos. Podía dar moitos máis postos de traballo.

- Palavra Comum: Que aspetos do trabalho no mar são mais desconhecidos, do teu ponto de vista?

- Serafín Mourelle: A actividade da pesca, que ao longo da historia seguramente foi a máis rendible, nunca, ou case nunca, foi tida en conta polos organismos públicos, e ata foi menosprezada pola mesma sociedade. Mesmo os intelectuais nunca lle dedicaron excesivo tempo. Unha mostra do que afirmo témola nesta mesma cidade da Coruña: nos primeiros noventa vendéronse todos os dereitos que tiñamos para as augas comunitarias, resultando que a cidadanía nin sequera lle dedicou unha bágoa… O que foi en toda a Historia a actividade máis rendible para Galicia, e moi principalmente para esta cidade.

- Palavra Comum: Que experiências na tua vida ressaltarias especialmente para conhecimento das gerações mais novas (de qualquer perspetiva)?

- Serafín Mourelle: A pesca pola costa, ou propiamente o que eu entendo por pesca de baixura, vén ser máis cousa de outras persoas que miña. Isto non quere dicir que pase (xa me gustaría pasar de todo, pero nunca fun quen a pasar de nada). Entendo que neste colectivo precísanse moitas mesas redondas e charlas nas que os propios pescadores sexan os protagonistas. En calquera caso, gustaríame lembrarlles unha máxima que poucos pescadores tiveron en conta: “vale máis un ollomol que cen panchos”.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *