“This Thing of Darkness”. A cara escura do Brexit

“This Thing of Darkness”. A cara escura do Brexit

0 comentários 🕔10:30, 31.Out 2016

“And thus I clothe my naked villany
With odd old ends stol’n out of holy writ,
And seem a saint, when most I play the devil”
(Shakespeare)

“Estamos fóra”, díxenlle á miña parella cando abriu os ollos na mañá do 24 de Xuño. Eu xa o sabía desde as catro da madrugada, porque a incerteza (e a curiosidade) non me deixaran durmir. Como moita outra xente, non pensara que realmente fose suceder. Por iso, desde as catro até as oito aínda gardara unha pequena e irreal esperanza de que cambiasen as tornas no derradeiro momento. Non foi así. O Reino Unido votara a favor de saír da Unión Europea.

Sacudiunos aos dous (ambos cidadáns da UE residentes desde hai unha década no UK) unha profunda tristura. Non fomos os únicos. Ao longo dos días seguintes, nas conversas con amigos e compañeiros de traballo aparecía de novo esa sensación, sumada á inquedanza e a incomodidade. Unha delas díxome que pasara o día chorando e que xa non se vía vivindo neste país a longo prazo. E iso que, polo menos no meu caso, tampouco eramos partidarios da UE neoliberal do austericidio. De onde procedía, logo, este baixón anímico? Se cadra estas sensacións non terían sido tan fortes se a campaña previa á votación non tomase un cariz xenófobo que acabou por ocupar o lugar central das mensaxes emitidas polos partidarios do Leave. Non cabe dúbida de que había moitas posibilidades de que a realidade post-Brexit deviñese máis complexa para nós. A saída da UE limitaría a nosa liberdade de movemento e os nosos dereitos laborais. Malia residir nun país no que non naceramos, en certo modo aínda nos atopabamos no noso territorio, tomado nun sentido amplo (non nos contaran acaso, desde o Estado español, que traballar na UE non era emigrar?). Interpretando os nosos sentimentos, poderíase dicir que nos sentimos desposuídos da nosa cidadanía no país de acollida. Onte estabamos vivindo aquí de xeito totalmente lexítimo; mañá, quen sabía?

Teñamos en conta que o Reino Unido non soamente conta cun status privilexiado dentro da UE, senón que non ten sufrido os efectos da crise, en termos xerais, do mesmo xeito que os países do sur de Europa. Por dar un par de datos, os desfiuzamentos non son noticia e a taxa de desemprego é de 5,1% en 2016. Non quere isto dicir, desde logo, que non existan a desigualdade económica e os seus efectos derivados; trátase, de feito, dunha sociedade moi clasista. Mais, na miña opinión, sería moi aventurado dicir que isto é debido á influencia da UE e non ás políticas conservadoras e neoliberais que arrincan co Thatcherismo. Cales eran, xa que logo, as razóns esgrimidas para pedir unha saída da Unión Europea? A principal foi a de recuperar a soberanía, fronte a políticas e leis impostas desde fóra do país por parte de funcionarios que non foran elexidos polos cidadáns. Levado ao absurdo, este argumento converteuse nalgúns casos en “así os nosos políticos non poderán escusarse en que fan o que lles impoñen e terán que, por fin, asumir responsabilidades” (lido en foros de internet). A efectos prácticos, isto non só obvia que existen unhas eleccións ao Parlamento Europeo (que UKIP – o ultradereitista Partido pola Independencia do UK e maior impulsor do Brexit – gañou en 2014), senón que o cataclismo político causado polo resultado do referendo no Partido Conservador tivo como paradoxal consecuencia que o Reino Unido estea actualmente gobernado por unha Primeira Ministra, Theresa May, que non foi elixida pola cidadanía nas urnas.

Dentro dos argumentos económicos, colleu moito peso a idea de que o Reino Unido contribúe en exceso á UE. En termos coloquiais isto traduciuse en “poñemos máis do que recibimos”. De xeito máis populista, a campaña do Leave propuxo que a cantidade aportada polo Reino Unido (350 millóns de libras á semana, aparentemente) fose investida no maltreito sistema de sanidade pública (NHS). Tal proposta foi literalmente paseada polo país, en letras grandes, nun bus vermello que levou de ruta ás caras visibles de Leave, como Boris Johnson: “We send the EU £350 million a week. Let’s fund our NHS instead. Vote Leave. Let’s take back control”. Para sorpresa de todo o Reino Unido, esta pomposa declaración foi desmentida por Nigel Farage (líder de UKIP) na mesma mañá do 24; de xeito semellante, desapareceu da web da campaña despois do referendo. Recentemente, Theresa May anunciou que non haberá unha inxección extra de cartos no NHS.

Dentro do debate económico falouse tamén das limitacións impostas pola UE para que o Reino Unido puidese comerciar a nivel planetario e de reactivar a Commonwealth. Ditos argumentos, en vez de ser presentados dunha maneira rigorosa, foron ás veces acompañados por slogans baleiros e de corte neocolonial, tales como “Let’s Make Britain Great Again” (na liña do “Make America Great Again” de Trump), “Put the Great Back into Britain Again”. Porén, os efectos inmediatos do Brexit non puideron ser máis negativos para a economía británica, coa libra en caída libre por mor da postura do goberno de levar a cabo un “hard Brexit” (manter unha posición dura nas negociacións de saída da UE). Non son economista, e polo tanto non podo avaliar se a saída da UE beneficiará ao Reino Unido a longo prazo, pero polo que levo lido na prensa, o poder financieiro non parece moi entusiasmado coa opción do Brexit “duro”. Lembremos que en Londres, entre outras cousas capital económica de Europa, gañou Remain. Hai uns días, o seu alcalde Sadiq Khan avisaba das consecuencias negativas que un “hard Brexit” podería ter para os negocios no país. Por poñer outro exemplo, durante a campaña recibín na miña mesma casa unha carta de Lord Sugar, o multimillonario famoso polo concurso de televisión “The Apprentice” (si, o equivalente nos EUA era Donald Trump), pedindo o voto para Remain. De xeito similar, un 88% dos economistas consultados polo Observer estimaron que o Brexit tería consecuencias negativas para a economía do país nos cinco anos posteriores á consulta.

Se o Brexit non parecería estar no interese das elites financieiras británicas, quen se beneficia da saída da UE? Desde o meu punto de vista, trátase principalmente dunha batalla por outro tipo de poder: o político. Rebobinemos por un momento. En 2014, UKIP gaña as eleccións ao Parlamento Europeo. Con eleccións ao Parlamento Británico en 2015, David Cameron inclúe un referendo de saída da UE como parte do seu programa electoral, a pesar de que el mesmo é partidario de non saír. A razón? Atraer cara ao seu partido os votantes que perdeu nas eleccións europeas a mans de UKIP. A partir de aquí, temos unha traxedia digna de Shakespeare (quen xa inventara isto antes de Games of Thrones e House of Cards): Cameron é traizoado polos seus amigos Boris Johnson e Michael Gove, que pasan a facer campaña para marchar. No caso do primeiro, non porque realmente queira marchar, senón agardando (e desexando) unha vitoria pírrica de Cameron para postularse como líder do partido e candidato a mudarse a 10 Downing Street. Para sopresa de todos, Cameron perde o referendo e dimite. Pese a que Johnson é o candidato principal na liña de sucesión, decide retirarse da batalla case inmediatamente. Inesperado, mais a ver quen é quen de enfrontarse a todo o lío do Brexit despois de facer unha campaña chea de mentiras diante daquel bus vermello. Se cadra debeu pensar que retirándose non se desgastaría e podería entrar de novo en liza cando o fume deste combate se apagase. Nun claro exemplo de puñalada polas costas, o seu camarada Gove manifesta que, efectivamente, Johnson non pode aportar a unidade que o partido precisa e fai ben en apartarse, e preséntase el mesmo como candidato. Pero dentro do partido a elixida é Theresa May, quen nomea a Johnson “Foreign Secretary”. Xogada mestra para neutralizar o seu opoñente: por unha banda, Boris Johnson é coñecido pola súa falta de tacto (por dicilo dalgún xeito) con dirixentes doutros países; por outra, créase un novo cargo de “Brexit Secretary” que deixa o de Johnson con menos poder; e finalmente, ao ter que estar ausente do país, Johnson terá máis dificultades para crear unha oposición a May dentro do partido. A todo isto, onde estaba May durante a campaña? Pois do lado de Remain…, aínda que parece que non de xeito moi convincente (nin convencida) e xa foi acusada de usar o referendo para impulsar a súa carreira política. A xogada, polo de agora, saíulle ben. A súa frase “Brexit means Brexit” e a proposta dunha saída “dura” da UE parecen encamiñadas a fortalecer o seu liderado diante da dereita máis conservadora (ou dos conservadores máis de dereitas) do seu partido, e de aparecer ante os votantes como unha candidata sólida que mantén o mandato decretado nas urnas até as derradeiras consecuencias.

A crise política non se produciu só dentro do Partido Conservador. Acusado de falta de liderado e de non ser quen de facer unha campaña convincente a favor de Remain debido ao seu euroescepticismo, unha gran parte do gabinete de Jeremy Corbyn dimitiu para forzar a súa marcha como líder do partido. Certamente, a campaña de Remain non estivo á altura ao non ser quen de neutralizar con maior afouteza os argumentos do seu contrincante. Porén, segundo un dos pesos pesados do Scottish National Party, o ex Primeiro Ministro de Escocia Alex Salmond, esta rebelión interna podería ter sido causada para apartar a Corbyn da dirección do partido precisamente cando se estaba a investigar a participación do Reino Unido (e por tanto de Tony Blair) na guerra de Irak. Sería moito dicir que o fracaso da campaña de Remain do Partido Laborista (no que non todos os seus membros apoiaron quedar na UE) foi unha maneira de “facerlle a cama” a Corbyn, mais de novo temos os conflitos internos e as loitas de poder como foco arredor do referendo.

Por certo, que foi de Farage? Despois de ver cumprido o seu soño persoal de recuperar a “independencia” para o Reino Unido decidiu apartarse da política. Ao fin e ao cabo, para que dar a cara cando van comezar a chover as tortas?

Mentres tanto, a sociedade británica, despois de ser usada como un xoguete polos políticos para o seu propio beneficio, quedou profundamente fracturada. A división é clara se miramos a mínima diferenza coa que se saldou a votación (51,9% para Leave, 48,1% para Remain). Con todo, penso que os maiores prexudicados do referendo (non só do resultado en si senón tamén de como se levou a cabo) non foron os cidadáns británicos, senón os estranxeiros que residen no país (mención e liñas aparte merecerían os británicos residentes no estranxeiro). O Reino Unido post-Brexit é sen dúbida un lugar máis escuro do que era antes, e non debido ao seu clima. Desde o referendo houbo unha subida sen precedentes de abusos verbais e físicos a inmigrantes e mesmo a ostentación pública de símbolos Nazis ou de ultradereita. Os ataques non están tampouco necesariamente restrinxidos a estranxeiros: persoas de diferente cor ou relixión e mesmo de orientación sexual non heteronormativa, nadas no UK, tamén foron vítimas deste tipo de abuso. Un dos afectados pola onda de racismo foi o instituto español Cañada Blanch de Londres, que ten alumnos de orixe galega e onde se ensina a nosa lingua. Na mente dalgúns indesexables, o resultado do referendo parece ter servido como lexitimación para un racismo subxacente que até o de agora non tiña lugar na maioritariamente tolerante e multicultural sociedade británica. Se neste momento se di que os cidadáns da UE residentes no UK poderían ser usados polo goberno como “bargain chips” (moeda de cambio) nas negociacións de saída, durante a campaña os estranxeiros (non só pertencentes á UE senón, de xeito totalmente ilóxico, os de calquera procedencia) encarnaron para a campaña de Leave unha especie de “homes do saco” no que, á vista da febleza doutros argumentos, poñer o foco da campaña, sobre todo cara ao final. Utilizáronse ideas como que o UK non ten suficiente control sobre as súas fronteiras (nun foro de internet cheguei a ler que non tiña ningún control), cando ao ser unha illa ten maior control ca outros países da UE, xa que hai que chegar forzosamente por mar ou aire. Esta discusión desvirtuouse de tal xeito que en declaracións a periódicos e televisións, algúns cidadans expresaron a súa intención de votar por saír para evitar a chegada de refuxiados, musulmáns e terroristas. Os políticos de Leave tamén usaron a posible entrada de Turquía na UE como unha ameaza de “invasión” de inmigrantes musulmáns. Neste sentido, fíxose famoso o póster usado por UKIP na derradeira fase da campaña, denunciado por incitar ao odio racial. Outro colectivo que foi o centro da difamación da vertente racista de Leave foi o dos europeos do leste. Os polacos, en concreto, son unha das poucas nacionalidades europeas sobre as que tiña escoitado comentarios racistas en anos previos ao referendo. Despois deste, os ataques contra europeos do leste incrementaron e mesmo chegaron a cobrarse unha vítima mortal. Xa son varias as declaracións aparecidas na prensa de estranxeiros que din que evitan falar a súa lingua materna en público para non se converter en diana deste tipo de ataques.

Ádaily-mail_jobless-migrants the-sunparte dos propios políticos, especialmente de UKIP, e o seu irresponsable e inmoral uso dos inmigrantes na campaña (mesmos despois do asasinato da deputada laborista Jo Cox a mans dun presunto fanático de ultradereita), a gran culpable de que se abrise a “caixa de Pandora” do racismo no UK foi a prensa sensacionalista, en particular tabloides coma The Sun, The Daily Mail e The Daily Express. A presenza dos inmigrantes como axente negativo nas súas portadas e titulares foi (e segue a ser) abrumador. Emporiso, debaixo desta mensaxe de odio non se escondían outros argumentos de peso, máis aló das soflamas semi-imperialistas mencionadas anteriormente. Descoñezo a tallada que sacarán estas publicacións da saída da UE (ademais da venta de xornais) pero a súa estratexia tivo un grande éxito entre unha porción importante da poboación británica (e con isto non quero dicir que todos os partidarios de Leave seguisen un razoamento racista no seu voto). Proba disto é o desconcerto no que aparentemente se viron sumidos algúns “Brexiters” cando un destes xornais explicou as consecuencias da saída. É tamén sabido que nos días posteriores ao referendo houbo unha grande incidencia de buscas en Google do tipo “para que serve a UE?”. Isto explica até que punto tanto as campañas e a prensa non foron capaces, ou non quixeron, explicar a complexidade do que se estaba a votar. Así emerxeu unha terceira categoría de votante (ou post-votante), o do “Bregret” ou arrepentido de votar pola saída da UE.

O ue-beaumaris-walléxito da retórica baleira do medo impulsada pola prensa sensacionalista e algúns políticos ten a súa máxima expresión en Ebbw Vale, unha vila do sur de Gales, na que non só non hai apenas inmigración senón que recibiu importantes investimentos do fondo de desenvolvemento rexional da UE, e aínda así votou Leave cun 62%. Este paradoxo pódese extrapolar ao resto do País de Gales, onde o Leave gañou cun 52,5%. Como se explica isto nunha nación que se beneficiaba economicamente da pertenza á UE, e que non parece que vaia recibir un apoio monetario semellante desde Westminster? Un amigo galés interpretoumo desde unha dobre perspectiva. Por unha banda, Gales carece de prensa propia (á marxe de publicacións locais), e os tabloides teñen grande popularidade. A pesar de que as mensaxes destes xornais non teñen sentido na realidade de moitas vilas galesas, callan de tal xeito que levan a contadicións como a de Ebbw Vale. Por outro lado, en Gales si que hai outro tipo de inmigración, a de ingleses que en ocasións marchan das cidades por mor da multiculturalidade, o que se deu en chamar “White Flight”. Este sería polo tanto un tipo de votante afín a UKIP e a Leave. Como no resto do Reino Unido, a isto hai que sumarlles aqueles que votaron por un euroescepticismo de esquerdas máis clásico, e parte da clase traballadora que votou como protesta contra as políticas do Partido Conservador encarnadas na figura de David Cameron (o que de novo indica a confusión de certos votantes cara o que se estaba a decidir).

Maiscaernarfon-1 noncaernarfon-2 todo son nubeiros na Gran Bretaña post-Brexit. En contraste coa desoladora emerxencia do racismo e a máis que criticable actitude do actual goberno cara os estranxeiros (como se puido ver na recente convención do Partido Conservador), foron moitos os cidadáns británicos que mostraron a súa repulsa polas noxentas consecuencias das campañas racistas e o seu apoio por unha sociedade aberta e tolerante. Esta foi tamén unha mensaxe repetida desde os partidos nacionalistas en Gales (Plaid Cymru) e en Escocia (SNP). En Escocia, onde Remain gañou cun 62%, a súa Primeira Ministra Nicola Sturgeon prometeu recentemente a convocatoria dun novo referendo de independencia con vistas a reintegrarse na UE se se confirma o “hard Brexit”. Non en van, unha das razóns esgrimidas polos convervadores na campaña de 2014 fora que abandonar o UK supuña a indesexable saída de Escocia da UE. Na política as opinións parecen cambiar dependendo de onde veña o vento… O nacionalismo galés tamén avoga por unha Gales independente dentro da UE. Ese foi o lema dun evento celebrado en Caernarfon (no norte) ao que puiden asistir. Despois da labazada de tristura provocada polo triunfo dunha campaña baseada en gran medida na xenofobia, a experiencia de sentir a calor humana e o apoio aos estranxeiros por parte dos galeses alí congregados foi, cando menos, revitalizadora. Fíxome sentir que, malia todo, aínda non estaba completamente fóra da sociedade que me me dera a benvida dez anos antes.

CODA

Se ben a UE dista moito daquel soño dunha Europa unida e libre de conflitos, son dos que opinan que o problema non estriba no proxecto en si senón na súa apropiación por parte das elites financieiras e as políticas neoliberais. Como ben predixo Yanis Varoufakis nunha conversa con Owen Jones, o Brexit deu ás aos partidos de ultradereita no continente. Por iso me chamou a atención que certos líderes da esquerda galega simplificasen a complexa vitoria do Brexit como un éxito da clase traballadora, cando na práctica foi capitalizada e está a ser xestionada pola ultradereita.

O enfrontamento coas políticas austericidas de Bruxelas é necesario, mais non creo que a desmembración da UE sexa a resposta. A idea de quedar na UE para mudala foi precisamente o eixo doutra posición se cadra menos coñecida durante a campaña, a de Another Europe is Possible. Para que dito cambio se producise, habería que comezar por frear a austeridade e o neoliberalismo a nivel estatal. No caso do Reino Unido, de pouco serve deixar a UE para caer en mans da dereita máis á dereita do Partido Conservador.

Sobre o autor / a autora

David Miranda Barreiro

David Miranda Barreiro

(Galiza-Gales) David naceu na Coruña, onde se licenciou en Filoloxía Hispánica. En 2005 emigrou ao País de Gales. Tras obter o seu doutoramento, acadou a praza de profesor titular de Estudos Hispánicos na Universidade de Bangor. Xunto con Martín Veiga, é co-editor da revista Galicia 21: Journal of Contemporary Galician Studies. Ademais da súa actividade académica, David foi membro de diversos grupos musicais, entre eles Nouvelle Cuisine. En 2011 publicou un disco con María do Cebreiro, titulado ‘Lembrarás este cuarto?’(https://bangor.bandcamp.com/album/lembrar-s-este-cuarto).

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *