Entrevista ao filósofo Ignacio Castro

Entrevista ao filósofo Ignacio Castro

0 comentários 🕔10:30, 17.Nov 2016

- Palavra Comum: Que é para ti a filosofia/pensamento?

- Ignacio Castro: Se cadra o prestixio de pensar vén simplemente de acadar darlle por fin unha forma á existencia. Pensar é unha cousa que se fai a golpes, cando un humano é premido polos traumas. Trátase de admitir na conciencia o fío do vivido, algo máis vello e elemental que o que chamamos Filosofía. Trátase dalgo que ninguén pode evitar, pois vivir é unha cousa tan dífícil que non se pode lograr sen un pensamento moi abstracto. Case sempre os nosos conceptos non son dabondo abstractos para pensar os espectros da vida individual. Habería que ver, pero iso se cadra non é para hoxe, se toda forma de vida, se vivir e sentir, non é xa unha forma de pensamento.

En todo caso, temos o imperativo de non despegarnos do que chamamos supervivencia. É un imperativo case máis corporal que moral, como se fose unha cuestión radical de saúde que inclúe a forma de vivir dun neste eido mortal. Pensar nace dos traumas inevitables de vivir, e se non fose por eles, polo que poderiamos considerar intolerable, non pensariamos nada. Se repasamos as vidas dos grandes do pensamento, sexan Heidegger, Wittgenstein, Deleuze ou Badiou -pero tampouco temos ningunha razón para deixar fóra os poetas-, veremos nas súas biografías unha pegada de algo moi distinto á mera formación ou erudición. Digamos que hai sempre un accidente fatal, unha deformación case demoníaca que os obrigou a pensar. É o caso tamén de dúas pensadoras do século pasado, Simone Weil e Clarice Lispector, que indican que o pensamento e a escrita é unha función da existencia. Vivimos baixo o frío prestixio dunha intelixencia cerebral. Pero ao mellor quen pensa é a mesma materia, sometida a tormento. Todos os grandes do pensamento -de Platón a Nietzsche, de Lacan a Agamben, de Sokurov a Malick- pensaron cun órgano moi distinto ao puramente intelectual. Por iso, dito sexa de paso, os clásicos da literatura e da filosofía enténdense mellor que os seus discípulos.

- Palavra Comum: Como entendes (e levas adiante, no teu caso) o processo de criação cultural?

- Ignacio Castro: Xa dicía que para min o importante non é o que chamamos cultura, senón máis ben o que poderiamos nomear aínda natureza. Rilke dille a un poeta novo atormentado pola calidade da súa obra: Pregúntese se podería vivir sen eses poemas. Aquí está a cuestión. Se a obra naceu dunha necesidade parecida á fame, que máis da o que digan despois os críticos e o público? Un non tivo máis remedio que curarse con iso, creando algo novo que serve para saír dunha doenza. A comunidade, veña ou non o éxito público, xa está -dicía María Zambrano- nesa intensidade formal e material que non se puido evitar.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a filosofia/pensamento e as diversas artes coma literatura, fotografia, música, artes plásticas, etc.? Tens experiências, neste sentido?

- Ignacio Castro: Se non hai experiencias non hai nada. Estou ademais con Hegel neste punto: arte e pensamento, estética e ética, son formas externas dunha mesma vivencia, real por mortal, que non ten xénero. As diferenzas canónicas entre literatura, poesía e filosofía son unha ocupación de especialistas que non teñen moito que dicir, e se cadra tampouco moito que crear. Se un está ocupado nun proceso de creación, non ten moito tempo de pararse a reflexionar sobre o campo que escolleu. Non hai ao mellor tal campo. Joyce, Canetti, Novoneyra: a arte é unha ética inmediata, sen conceptos; acada dun golpe o que a filosofía logra soamente despois dun longo arrodeo.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos (num sentido amplo)?

- Ignacio Castro: Podería ignacio-castro-2dicir moitos nomes. Pero non sei se convén… No campo da filosofía hai tempo que rompín co paradigma de Heidegger -e Marzoa-, excesivamente fiel ás présas de Nietzsche. Non me trago dende hai tempo -dende Roxe de Sebes- esa idea dunha metafísica da subxectividade que, de Descartes a Leibniz, estaría empeñada en tomar distancias conceptuais coa inmediatez da terra. Nin Heidegger nin Nietzsche, para desgraza de todos nós, puideron entender un libro labiríntico pero máxico chamado Monadoloxía. Se entendesemos a Leibniz, estariamos moito máis preto da arte e a ciencia contemporáneas, de Twombly a Schrödinger. Mágoa dese equívoco fatal, pois dende entón Occidente corre o perigo de quedar detrás doutras culturas. Simplemente entender unha bomba de profundidade chamada A paixón segundo G. H., de Lispector, aforraríanos moitas tribulacións inútiles. Pero que se lle vai facer, somos como somos, unha cultura decadente que non entende nin aos seus fillos. Con todo, quedan nomes, tamén en Galicia. No campo da literatura e da estética, derivados ou non de nomes de fóra, están Emilio Araúxo, Xavier Seoane, Antón Patiño, María do Cebreiro, Manuel Vilariño… e un longo etcétera.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação cultural hoje?

- Ignacio Castro: Un pensador “menor” coma Badiou diría, e eu estou dacordo: o primeiro é rachar coa conexión perpetua, esta obsesión por unha cobertura que nos impide vivir e nos enferma. É urxente fuxir desta cultura da protección total que nos paraliza. Sen o trauma do fóra non somos máis que seres patéticos, emporcados ademais na caza do home. A relación moral co inhumano é o único que pode darlle outro sentido ao home. O camiño non existe, faise ao andar por desertos sen marca.

- Palavra Comum: Que vínculos existem, do teu ponto de vista, entre Filosofia/Arte(s) e Vida(s)?

- Ignacio Castro: Case non se pode falar de vínculos, pois trátase do mesmo eido terreal, mortal de necesidade. É a vida mesma, descoñecida no que ten de común entre homes, pedras e bestas, o que explica a historia dunha filosofía que non progresa, pois vira sobre un mesmo vértice. Por iso Sócrates é máis actual que pensadores nacidos antonte.

- Palavra Comum: Que projectos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Ignacio Castro: Primeiro, vivir esta vida alucinante, que abanea -sen avisar- entre o máxico e o intolerable. Ás veces a vida dos escravos antigos paréceme doce fronte á presión, macroeconómica e microfísica, á que se nos somete. Segundo, dentro desa laboura inconfesable de supervivencia, seguir sentindo, pensando, escribindo, amando, odiando… Estou actualmente co traballo de difundir un libro case descoñecido en Galicia, Roxe de Sebes, que vén de saír na versión castelá. Tamén estou esperando a publicación dun longo libro de filosofía en Pre-Textos. Por en medio, cen artigos de ocasión e moitas lecturas e compromisos públicos. Todo isto, se cadra, para lograr o que os nosos pais tiñan a man de xeito máis elemental. Non sei se isto parece pesimista, pero non o é en absoluto. Grazas a este mundo implacable e mortal, temos a obriga ética, filosófica e política de perseverar, moi preto dunha humanidade mítica, de antano, o de fóra.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *