Recensións da versión catalá de <em>Cousas</em> (<em>Coses</em>)

Recensións da versión catalá de Cousas (Coses)

0 comentários 🕔11:00, 21.Nov 2016

No 2000, co gallo do cincuentenario do pasamento de Alfonso Rodríguez Castelao, a Editorial Empùries, hoxe do Grup 62 –é dicir, Planeta– deu ao prelo unha versión catalá de Cousas. Ese mesmo ano, na Galería Sargadelos de Barcelona, hoxe desaparecida, houbo unha exposición Castelao e unha serie de conferencias sobre o prócer galego (para máis información: Xosé María Costa & Xesús González Gómez, Presencias de Castelao en Barcelona (1939-1975). Dous momentos artístico-literarios). A verdade é que Castelao foi sempre ben recibido tanto en Barcelona como no resto do Principado (ver: Xosé Lois García, Castelao i Catalunya, Lugo, E. Alvarellos, 1979, Castelao dende Catalunya, Sada, Ediciós do Castro, 1988, do mesmo autor, e Xesús González Gómez, Unha montaxe de Os vellos non deben de namorarse en español. Recepción da crítica barcelonesa á representación da versión española da obra de Alfonso R. Castelao, A Coruña, Cadernos de teatro, 2001), e cabe lembrarmos, por exemplo, que en 1947, no número 2 da revista Antologia dels fets, les idees i els homes de Occident, publicada en Barcelona e pertencente a xuño dese ano, reproducíanse, en galego, diversas Cousas de Castelao: Se eu fora autor…, Unha rúa nun porto lonxano e Os cruceiros na vellez, pp. 24-26; ou que en abril 1971, no Colexio Maior Ilerdense de Barcelona, o Taller Teatro, dirixido por Antonio Viejo representou a versión española de Os vellos…, que logo representaría «comercialmente» en novembro de 1973 outro grupo. Se o lector entra na Hemeroteca de La Vanguardia, atopará, á parte dos artigos de Blanco Amor sobre o rianxeiro, infinidade de información sobre Castelao, mesmo fotos pouco coñecidas.

Non obstante, e á bibliografía que demos me remito, no 2000 as informacións sobre Castelao na prensa non foron moitas (case todas reproducidas en Presencias de Castelao) ou, cando menos, non tan amplas como, por exemplo, 1975 ou 1986, o ano do centenario. Tamén cabe consignarmos, como curiosidade, que todas as grandes cidades de Cataluña, e algunha vila menor, teñen unha avenida, unha praza ou unha rúa Castelao, dedicada, evidentemente ao rianxeiro. Mais estamos a nos afastar do tema.

Como diciamos, no 2000 apareceu a versión catalá de Cousas («Coses»), publicada por unha importante editorial, e se ben case todos os xornais de Barcelona e algúns das outras cidades catalás deron a noticia ou comentaron a aparición nas páxinas de cultura, recensións do libro só coñecemos tres. Iso si, feitas por xente «importante». En El Periódico de Catalunya asinaba a recensión o novelista e escritor Sebastià Roig, na revista Presència (Presència naceu como revista quincenal para se converter cos anos en semanario, en principio bilingüe aínda que maiormente en español, apareceu en Girona en 1965, dirixido por Carme Alcalde, e entre os seus colaboradores estaban Terenci Moix, daquela asinaba Ramón, a súa irmá Ana, María Aurèlia Capmany, Manuel Pizán, José Corredor Matheos, Julio C. Acerete, Manuel Serrat Crespo, Salvador Clotats, Victor Mora, Francisco Candel, José María Rodríguez Méndez, etc…, e Xavier Costa Clavell e a súa compañeira Nurià Clarà, que trataban temas galegos ás máis das veces. Nesta revista, lembrémolo, no número 45, ano II, 14 de maio de 1966, p. 6, publicouse o famoso artigo de Xosé Luís Méndez Ferrín «”Nova narrativa” y compromiso social». En 1968 cambiou a dirección e a maioría dos colaboradores, en 1978 converteuse en mensual e a partir de 1982 distribuíuse como dominical do xornal xerundense El Punt, e a partir do 2001 con varios xornais de Cataluña, tendo unha tiraxe na actualidade duns 60.000 exemplares. En 1971 sufriu unha sanción de ano e medio). En Presència asinaba a recensión Ponç Puigdevall, un dos máis interesantes narradores catalás da actualidade e á vez, un dos máis duros «críticos»: durante anos era o crítico máis odiado, publicaba nas páxinas do «Quadern català» da edición barcelonesa do xornal El País, sección que volveu recuperar hai uns dos anos despois dun longo «descanso». E, finalmente, no Avui a recensión ía asinada por Enric Vila, autor de excelentes libros sobre Néstor Luján, sobre Josep Pla, sobre a Rambla de Barcelona –que recomendo encarecidamente aos lectores, sobre todo o dedicado a Pla–, e editor e tradutor de Salt a la foscor, de Augusto Assía, volume que se recolle os escritos antinazis de Felipe Fernández Armesto, cando era alguén, e que se publicaban no xornal barcelonés La Vanguardia, do que era correspondente en Berlín. Lembre o lector que Fernández Armesto, en 1938, na revista Y da Falange, número 6-7, xullo-agosto, publicou un longo artigo titulado «Yo vi al Führer acariciar a los niños», esquecendo que tivo que fuxir de Alemaña cando Hitler subiu ao poder. Se a colleita ese 2000 non era moita, a calidade, porén, era excelente. Compróbeo o lector.

***

EL PERIÓDICO DE CATALUNYA
Narrativa
Galicia, sitio distinto

Coses

Autor: Alfonso Rodríguez Castelao
Traducción: Lluís Felip
Editorial: Empúries
Páginas: 136
Precio: 1600 pts.

Em vaig ver metge per amor al meu pare, però per amor a la humanitat no vaig exercir la carrera“. Aunque la cita parece digna de Groucho Marx, la frase es en realidad de Alfonso Rodríguez Castelao y sirve para ilustrar el tono que el lector encontrará en Coses, la obra que le encumbró como un clásico del gallego moderno. Antes de eso, Castelao publicaba caricaturas y viñetas satíricas en los periódicos; transcribía el mundo que le rodeaba con ironía y trazos rápidos.

Poco a poco, los textos de este escritor fueron ganándole terreno a las viñetas y relegaron su talento gráfico. En Coses, el Castelao escritor y el Castelao dibujante dialogaban en perfecta armonía, se complementaban a la perfección. El volumen, aparecido en 1926, recogía prosas e ilustraciones aparecidas en la prensa. El resultado es un delicioso baúl lleno de cultura popular, cotidiana y socarrona, aliñada con tintes negros. Con los mimbres mínimos, Castelao conforma historias fascinantes, llenas de carcajadas amargas. Si jo fos autor teatral o Quan jo era petit son buenas muestras de ello.

Coses nos deja claro que, en el primer cuarto del siglo XX, Galicia era un sitio distinto. La miseria y la pobreza desertizaban las aldeas, empujando a los emigrantes a la otra orilla del Atlántico. En ese contexto histórico, lo extraño y lo grotesco forman parte de lo cotidiano: las calaveras se utilizan como huchas, los fetos se conservan en potes de aguardiente y algunos pocos locos, con alma de brujo, vagan por las montañas.
Castelao nos muestra todo esto a modo de estampas breves y retratos cortantes. Nos sirve un mundo ajeno a la modernidad, a las vanguardias y el cosmopolitismo y es que a Castelao, a diferencia del futurista Filippo Tommasso Marinetti, le entristecía ver a los chiquillos corriendo tras los automóviles.

Sebastià Roig
El Periódico de Catalunya, 24 de novembro de 2000, «Suplemento de libros», p. 7.

***

Presència. Domingo 25 de febreiro de 2001.
TESOUROS
«COSES»
Autor: Alfonso R. Castelao
Tradución: Lluís Felip Aced
Editorial: Empùries
Páxinas: 132 / Prezo: 1.600 pta.

Coses écoses-castelao unha obra mestra na que o escritor galego Alfonso R. Castelao (Rianxo, 1886-Buenos Aires, 1950) sobresaíu na súa dupla vertente de caricaturista e narrador. Basilio Losada explica, no prólogo, que Castelao é unha das personalidades máis ricas e fecundas do movemento galeguista.

Agradécese que alguén lembre a Alfonso R. Castelao e, despois desta proba, talvez conviría que algún día se traducise Sempre en Galiza, un contundente libro autobiográfico no que a memoria convive sen tropezar coa especulación ideolóxica arredor do galeguismo (1). E é precisamente da esencia popular galega de onde saen os contos que integran Coses, unha pequena obra mestra en que Castelao sobresae na súa dupla vertente de caricaturista e narrador. Cada conto vai acompañado dun debuxo que se revela como un elemento imprescindíbel para o texto, unha mestura de microrrelatos, pensamentos morais e prosas líricas que toman como base as traxedias da vida vulgar da xente humilde da súa terra natal. A brutalidade e a desesperación, as dores de cabeza do traballo diario, a picaresca e outros afáns de supervivencia, os disturbios da ambición, o trato cotián coa morte, todo é ollado desde unha tranquilidade moral contaxiosa, a favor sempre dun humorismo perfumado cunha gotas de bondade e comprensión. Fuxindo da nostalxia azucrada, milimetrando os límites da tenrura, Castelao entende e acepta a realidade despoticamente imperfecta dos seus personaxes. De tantas traxedias, escribe Castelao, só quedan tres ou catro cruces de pedra cravadas nas pedras da costa, mais tamén engade que, se alguén as olla con atención, é probábel que descubra múltiples tesouros. É o rumbo que el escolle, como se pretendese contradicir á xente que se bota a rir porque xa non sabe emocionarse e quixese avisar que o progreso trae tanto a riqueza como a fame. Entón, grazas á observación e á memoria, ao dominio dunha lingua minuciosamente depurada, a un ritmo e a uns procedementos estilísticos tirados da narrativa popular, as cousas triviais transfórmanse e adquiren o resplandor aceso da alta literatura: cando atravesa a ría nunha barca, a señora Sinforosa roga por todos os que se afogaron, unha vella namorada despídese do marido morto coa voz amorosa da súa mocidade, e un raio de luz asusta unha aldea até que alguén lles di que é a luz eléctrica da escuadra inglesa. Son anécdotas fútiles que emocionan pola súa lacónica expresividade, pola música triste que quere alegrar unhas vidas e uns feitos marcadas pola grisura. Castelao converte en poesía as supersticións, a inocencia e os rituais e, mentres se le Coses, se produce o milagre de acreditar que as traxicomedias banais de cada día conseguen a altitude pletórica da beleza.

Ponç Puigdevall

***

Avui, 14 de decembro de 2000, suplemento «Cultura», p. XVI

GALICIA «MON AMOUR»

Alfonso R. Castelao: Coses, Traducció de Lluís Felip. Empùries, Barcelona, 2000.

Mesmo nos anos oitenta, cando a mili era para min pouco máis que unha vaga e afastada varicela que aceptara pasar algún día, a emotividade que o Nadal infunde ás sobremesas familiares conduciu a conversa cara a aquel momento tan aborrecido en que o neno da casa se converte nun homiño na imaxinación dos adultos e pode acontecer mesmo o que aconteceu, que con estas, unha tía me avisase: «Se che toca facer de soldado en Galicia ten coidado coas rapazas ou volverás casado, que as galegas van tolas para atopar un noivo que as leve moi lonxe do seu país!»

A memoria, ademais de ser selectiva, ten intuición e retén en suspensión experiencias aparentemente fútiles, como esta que, co paso do tempo, collen sentido ou fan de pedernal cando unha idea demanda unha anécdota que a ilumine. Se a cosmovisión da miña tía me puxo sobre a pista da influencia que o reducionismo folclórico promovido polo franquismo tivo na sociedade catalá, Castelao deu vida e fondura ao tópico que inspirou o seu comentario. O autor de Coses é sen dúbida o mellor cronista da Galicia preindustrial que a finais do século XIX e a primeiros do XX pagaba cunha importante sangría emigratoria o prezo da modernidade europea.

Non é casualidade que os dous mellores escritores galegos daquela época vivisen na súa propia pel a aventura americana: medio millón de compatriotas seus tamén o fixeron. Julio Camba (Vilanova d’Arousa, 1884) embarcou de polisón cos trece anos rumbo á Arxentina e non volveu até que un decreto de expulsión o fixo fóra. O caso de Castelao (Rianxo, 1886) é diferente: seu pai, mariñeiro, montou unha tenda na Pampa e o escritor non tivo outro remedio que ir vivir alá entre os nove e os catorce anos. Camba e Castelao aturaron a experiencia emigratoria de maneira absolutamente oposta, un pola vía universalista e o outro pola localista, mais na literatura de ambos resoa a mesma sabedoría ancestral, a mesma ollada tenra e a súa inevitábel humanidade.

Digo isto porque poucos escritores europeos deste século deben ter conseguido, como eles, contradicir con tanta contundencia a Oscar Wilde (por certo, felicidades polo centenario, mestre!) cando dicía que «é bo lembrar de cando en vez que nada que pague a pena pode ser ensinado». Seguramente porque naquela Galicia onde viviron o camiño que ía da cultura adquirida á natureza herdada aínda era posíbel desfacelo con palabras, poucos describiron a esencia humana con tanta simplicidade e concisión. Falando claro, Castelao e Camba tiñan aquela maxia que hoxe a miúdo procuramos nos escritores do Terceiro Mundo e nos barrios marxinais das nosas cidades, onde aínda podemos achar o rastro da nosa humanidade primixenia que perdemos baixo o disfrace.

Coses, colección de pezas literario-pictóricas publicado en 1934 (sic), goza, xa que logo, da intemporalidade do clásico porque é unha magnífica estampa das sociedades terceiromundistas de hoxe, ademais de retratar perfectamente a Galicia de hai un século. A base de contos curtos que el mesmo ilustraba con debuxos de corte goyesco, Castelao compuxo nas revistas da época unha completísimo retablo da sociedade precapitalista que lle tocou vivir e defender desde a acción política. A diferenza de Retrincos, o outro conxunto de textos dispersos de Castelao, en Coses a diáspora non é o tema central do libro, mais latexa disolvido nun variado mar de temas en que a denuncia, a orientación moral e a descrición bucólica van de mans dadas.

Co amor á terra e o retraso tecnolóxico de fondo, Castelao reflexiona sobre o misterio da vida e da morte, o peso da tradición, o paso do tempo, a solidariedade individual, a insolidariedade social, as ilusións colectivas, os soños persoais e vai trenzando, conto tras conto, os signos que conforman a identidade galega sen avergonzarse dos seus alicerces humildes e rurais. Dificilmente a sensibilidade escrupulosa de Castelao podería dar pé a un nacionalismo soberbio, que non xurdise da observación detida da realidade ou condicionase o mito ao benestar das persoas. A súa prosa de pinceladas poéticas é un berro desacomplexado que reclama axuda ao exterior e dá ánimos aos marxinados do interior.

En Coses, como no resto da obra de Castelao, os desherdados son os homenaxeados. Bébedos, vellos, visionarios, tolos, incomprendidos e toda clase de miserábeis en xeral forman unha galería de personaxes valleinclanescos que enlazan a sensibilidade do autor co seu nacionalismo. Ao cabo, Castelao debía achar na figura dos perdedores unha precisa metáfora da súa Galicia, a Irlanda peninsular, descolgada do proceso de modernización europeo, economicamente colonizada por ingleses e cataláns e deixada da man de deus por parte do goberno de Madrid.

A dignidade con que os protagonistas dos seus contos aturan as mágoas, os risos e a incomprensión allea, sabíaa el de memoria grazas aos seus discursos nas Cortes para pedir ao goberno do Estado que axudase ao seu país ou o deixase bulir só. Non puiden deixar de copiar un fragmento do final do discurso que pronunciou o 5 de maio de 1933: «Aquel gran túnel ideado polo gran novelista americano Kellerman que debía unir América con Europa remataba en Galicia, mais a fogosa imaxinación deste escritor non chegou a concibir, non puido ver unha desidia como a do Estado español […] Gustaría ter un pretexto, un só, para felicitar ao goberno pola súa actuación en Galicia […] Nestas condicións, créanme, señores ministros, non podemos defender os poderes públicos na nosa terra». Cando un non pode decidir por si mesmo, non ten outra saída que dar a culpa os outros.

Enric Vila

NOTA
(1) En catalán existe unha escolma de Sempre en Galiza: Castelao, El problema de les nacionalitats ibèriques. Antologia de SEMPRE EN GALIZA, Barcelona Edicions 62, 1983, ao coidado de Xosé Lois García.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *