Entrevista a Marián Bañobre

Entrevista a Marián Bañobre

0 comentários 🕔12:30, 24.Nov 2016

- Palavra Comum: Que representa para ti o teatro e o audiovisual?

- Marián Bañobre: O teatro é o meu oficio, polo cal, como calquera artesán, dedícolle unha boa parte do meu tempo, non só a facelo, senón tamén a pensalo, imaxinalo e aprendelo. O teatro e o audiovisual ademais representan algunhas das miñas afeccións favoritas, así que procuro ver todo o que podo. Sempre digo que se algún día teño que deixar de facer teatro polo que sexa, podería soportalo, pero o que non concibo é vivir sen poder ser espectadora do mesmo. Nese sentido, respecto ao audiovisual, e concretamente ao cine, ata o momento apenas me teño achegado doutro xeito que non sexa como espectadora, pero aínda así é moi importante na miña vida e faime moi feliz.

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação cultural e artística?

- Marián Bañobre: Como un continuo. É unha máquina que nunca para. É un permanente estado de alerta, de escoita… andar polo mundo cos ollos ben abertos é un maná para calquera artista. Na miña mente eu sempre estou creando, imaxinando pezas, performances… e cando chega o momento axeitado algunhas chegan a materializarse, mentres outras quedan aí, na carpeta de esbozos agardando o seu momento.

- Palavra Comum: Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre o teatro e outras artes (literatura, artes plásticas, etc.)?

- Marián Bañobre: Eu creo que a multidisciplinariedade en calquera obra artística é unha riqueza. Mais tamén penso que ás veces non se pode abarcar todo e dentro da especificidade de cada artista, son máis partidaria do traballo colectivo e da relación entre os distintos artistas para crear algo en común, que na pretensión de ser polifacético e facer moitas cousas e ningunha ben. No teatro moitas veces vémonos obrigados a facer moitas tarefas (non necesariamente artísticas) debido á precariedade do traballo, cando o ideal sería poder contar con máis artistas especializados en cada materia.

- Palavra Comum: Que referentes tens no teu trabalho criativo (num sentido amplo)?

- Marián Bañobre: Pois a verdade é que máis alá dos meus gustos e referentes a nivel teatral e cinematográfico, con nomes propios máis ou menos coñecidos por todas/os, a verdade é que á hora de traballar os meus referentes están sempre moi pretiño de min, e céntranse bastante na observación das persoas que me rodean. Por exemplo:

Os nenos cando crean cousas do nada, metamorfosean obxectos ata o infinito, falan con seres imaxinarios…

As mulleres galegas, heroínas e artistas, que sacan horas de debaixo das pedras para crear, criar e manter un sentido do humor e unha retranca que é patrimonio histórico-cultural.

A natureza e a súa explosividade, que non deixa de sorprenderme…

- Palavra Comum: Que caminhos entendes seria interessante transitar prioritariamente no teatro e o audiovisual, nomeadamente na comunicação com o público e a sociedade hoje?

- Marián Bañobre: Eu creo que temos que traballar moito por conseguir contar historias de xente real, que os guións se baseen en personaxes que reflictan a realidade, que dean conta da nosa cultura, da nosa historia. Cando o teatro e o audiovisual se converten en “industria” córrese o perigo de collermos un camiño que -para min- os desconecta da realidade.

Considero que neste país existen excelentes profesionais; actores e actrices, directoras e directores, técnicos, etc…pero temos que loitar por que se leven adiante bos guións e non poñer todo ese talento ao servizo de canles e intereses políticos que o único que fan é produtos ridículos nos que todas as mulleres son “guapas e parvas”, e os homes uns corruptos encantadores. E así nos vai, porque logo acabamos crendo as nosas propias mentiras e semella que neste país empezamos a confundir a realidade coa ficción a costa de tanta estratexia de marketing. Só hai que ver o que acaba de pasar nas eleccións.

Creo que temos unha responsabilidade moi grande no noso traballo e temos que esixir que non se pode dicir calquera cousa na boca dun personaxe, perpetuando valores machistas, sexistas ou conservadoristas só polo feito de ser actriz, converténdonos moitas veces máis en ”putas” (como diría o gran David Mamet) que en artistas.

- Palavra Comum: Que vínculos existem, do teu ponto de vista, entre arte(s) e Vida?

- Marián Bañobre: Sen vida non hai arte, e a vida sen arte está condenada a morrer.

- Palavra Comum: Que perspectiva tens sobre a língua e a cultura galegas, e que conexões -reais ou potenciais- encontras com outros espaços culturais (nomeadamente a Lusofonia)?

- Marián Bañobre: Procuro ser unha persoa positiva na vida, pero desgraciadamente hai temas nos que poñerse positivo pode resultar a estas alturas demasiado inxenuo. Tal e como vai a cousa, “a lingua galega é augardente a queimar que se evapora”, como dicimos no noso espectáculo O Furancho de Ibuprofeno Teatro.

Enfádome moito cando alguén di que pasa da política, pois da política non se pode pasar aínda que se queira. O que comes, o que dis, o que ves, o que che ensinan no colexio, o que che receitan no médico, a estrada pola que transitas, o bus que colles ou non, o edificio no que traballas, mesmo a forma na que te relacionas cos demais ou coa túa parella ou os teus fillos, é política. A política está en todas e cada unha das cousas que facemos, por iso non podo ser optimista co tema do galego e o respecto pola nosa cultura, pois todo apunta á amputación e aniquilación. Oxalá me equivoque.

Respecto á conexión con Portugal, por exemplo, creo que hai moito potencial, pero a comunicación non acaba de consolidarse nin de facerse fluída, xustamente polo que comentaba no punto anterior: non hai intereses políticos nisto e entón a cousa complícase.

Agora ben, eu son partidaria de que cada un particularmente loite por facer realidade as cousas nas que cre; creo no poder de mobilización dalgunhas persoas, e creo tamén no dito de que a esperanza é o último que se perde.

- Palavra Comum: Como seria a tua Galiza Imaginária? Que partes dessa Galiza existem já, do teu ponto de vista?

- Marián Bañobre: A miña Galicia imaxinaria non hai que imaxinala, existe realmente. Só hai que respectala en lugar de maltratala, amala tal e como é, deixala falar e que se exprese, observar a súa beleza natural, sen maquillaxes. En resumo, poñela en valor.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Marián Bañobre: Dentro da compañía Ibuprofeno Teatro, que Santiago Cortegoso e mais eu levantamos hai xa case sete anos para levar adiante o proxecto A filla de Woody Allen, teño un espazo de desenvolvemento artístico no que me sinto moi libre e moi a gusto. A pesar de todo o traballo administrativo e demais que supón ter unha compañía, é un espazo moi creativo onde xuntos tomamos decisións sobre os proxectos que queremos desenvolver; teño a oportunidade de traballar como actriz de xeito continuado, desenvolvo outra das miñas grandes paixóns, que é o deseño de vestiario, e emprendemos procesos moi creativos nos que simplemente facemos o que nos apetece.

Actualmente estamos centrados nas xiras de O Furancho e Raclette, que son os nosos últimos espectáculos, cos que estamos moi satisfeitos tanto a nivel de distribución como de acollida do público. Acabamos de inaugurar nova web, por se alguén quere curiosear.

Cara o 2017 teño tamén varios proxectos en marcha fóra do que é a compañía, algún mesmo no ámbito da dirección e do teatro infantil, así que todo isto son retos para min e estou entusiasmada coa idea de traballar con novos equipos e desenvolvendo novas tarefas.

Ademais de todo isto, quédame aínda a espiña co audiovisual, no que non acabo de entrar, pero agardo que apareza algunha oportunidade para poder sacala.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *