Entrevista ao escritor galego Ramón Blanco

Entrevista ao escritor galego Ramón Blanco

0 comentários 🕔11:30, 15.Dez 2016

Autobiografia: Ramón Blanco (Outes – A Coruña, 1979) é membro do colectivo literario Sacou. Moitos dos seus primeiros textos apareceron na revista A Caramuxa, que era o voceiro deste grupo fundado na vila de Noia a finais dos noventa. A publicación escolar Casa da Gramática segue a editarlle versos. No 2005, aproveitando que traballaba na editorial Toxosoutos, xuntou unha escolma poética no libro Orfeu en soños. Co selo da editora Acha Escrava, proxecto herdeiro do colectivo Sacou, publicou un novo poemario: Emily on the road. Mantén o blogue A Outra Banda. Gañou recentemente o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón co libro Se pedra na brétema.

- Palavra Comum: Que é para ti a poesia?

- Ramón Blanco: Hoxe é unha atadura invisíbel coa última adolescencia, cando a poesía era o centro de luz arredor do cal o meu eu daquela xiraba, batendo torpemente contra o cristal, como as avelaíñas do prólogo de Rafael Dieste.

Xa non leo tanta poesía, pero sigo pensando que, se é boa, ten unhas causas e uns efectos similares aos da filosofía.

Como autor, sérveme para canalizar as miñas obsesións a través da arte literaria. Sen deixar de sentirme impostor, é o xénero no que me movo con maior soltura.

- Palavra Comum: Como entendes -e levas a cabo, no teu caso- o processo de criação literária?

- Ramón Blanco: Escribo poesía regularmente desde os dezaseis anos, co cal levo vinte anos xuntando letras sen ter por finalidade nin o espazo escolar nin o laboral. En tanto tempo salvo moi pouco do que saíu da miña mente; cústame atoparlle valor literario. Son de ritmo lento e cada vez son máis os períodos totalmente improdutivos ou nos que só escribo algunha colaboración de encarga. Penso moito o que quero contar, a redacción non me leva tanto. O ritmo dámo unha lectura interna en voz alta, unha e outra vez. Pero cando releo o escrito, ao día seguinte, xa perdeu todo valor. Deixo que descanse uns días, unhas semanas, uns meses… Volvo lelo e, se aguanta, comezo a transcribilo na computadora. Aí dáse unha nova reelaboración. Varias correccións e reescrituras. Nunca deixo de corrixir, o cal vai en contra da publicación.

Os temas que máis trato talvez sexan a morte, a escritura, a noite, a loucura e outras realidades que eu asocio entre si, que me parece que teñen moito en común. Porque penso que escribir é un pouco como morrer, como estar ás escuras ou estar tolo.

En canto aos hábitos de escrita, válenme calquera hora e calquera lugar. Gústame esborranchar cadernos e servilletas nos bares, que moitas veces sobreviven até o poema publicado. No entanto, o sitio onde mellor traballo é no estudio da casa. Cando teño gana de escribir en serio érgome moi cedo, ás cinco ou seis da mañá e poño a mente a furrular. Teño o cerebro máis afectado pola cafeína ca pola poesía.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (plásticas, música, etc.)? Como é a tua experiência nestes âmbitos?

- Ramón Blanco: A arte é transversal. Se non igualo o aprezo que sinto pola arte literaria co que sinto polas outras artes é pola miña ignorancia ou porque nos presentan como arte o que non debía selo.

De rapaz pensei en facerme escultor, mais descubrín rapidamente que non era ese o meu talento; tamén son un músico frustrado (na miña familia hai moita tradición de bos músicos e bos canteiros). Loitando contra a falta de talento comecei a esculpir versos desafinados e os azares da vida fixéronme relacionar con artistas de todo tipo. Os meus primeiros referentes, polo menos os máis próximos, foron músicos, poetas e pintores.

Cando escribo adoito escoitar música clásica ou jazz, e penso que algo diso permea no texto. A música axúdame a concentrarme nas emocións. Podo deixarme levar por unha melodía que me suxire unha certa disposición de palabras.

A última experiencia poética de peso na que participei foi a “xira” de presentacións do libro Emily on the road, hai catro anos, na que contei co saxofonista Pablo Sax, cuxas improvisacións foron a alma dos recitais, aínda que el diga que a partitura é o propio texto. Algunha xente díxome que esta multiactividade lembraba á que había nos noventa.

E non podo esquecer a afinidade que teño co músico e pintor m. m. reino (Manuel Mariño), que ilustrou os meus libros como se fosen seus.

- Palavra Comum: Que vínculos há, do teu ponto de vista, entre Vida e Arte(s)?

- Ramón Blanco: Cando gozamos da arte creamos un espazo de soidade e intimidade, estamos fechando a porta do noso “cuarto propio”, que quería Virginia Woolf. Hai como un segredo que se traduce ao noso corpo, porque son dos que cren que a alma existe, como existe a mente, mais chámase cerebro, e con el pensamos e sentimos e soñamos. Se o poema participa dun certo ritmo (e coido que isto vale para calquera arte) tamén o noso corpo participa dese ritmo como participa do ritmo da vida: a lúa, as mareas, os ciclos do ano, o envellecemento…; durmimos, soñamos, espertamos, traballamos, fodemos, respiramos… seguindo un ritmo preciso como a febre. Ningún artista perde o vínculo da vida, pois esta é o material co que traballa.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos (num sentido amplo)?

- Ramón Blanco: Demasiados. O meu poeta preferido, é dicir, o que máis releo, é Derek Walcott. Mais déixome influír tanto ou máis por prosistas como Enrique Vila-Matas ou Mircea Cărtărescu. E quen me dera que A conxura dos necios levase a miña sinatura! Tamén me chama moito a imaxe fílmica (Clint Eastwood é o meu ídolo vivo). Talvez o xenio musical que máis estime sexa Bach, aínda que durante anos vivín nas cancións de Silvio Rodríguez. Nas artes plásticas, canto máis coñezo máis me interesa a Idade Media.

- Palavra Comum: Que perspectivas tens sobre a língua galega (e também sobre a sua relação com a Lusofonia)?

- Ramón Blanco: A lingua galega é unha preocupación constante para min. Sobre todo desde que me licenciei en Filoloxía Galega, tamén a miña vida laboral estivo ligada ao idioma. Dá moita mágoa ver como o galego esmorece mentres labramos na escrita a súa lápida, que será o que del perdure. Sendo optimista, síntome coma un dos últimos Mohicanos. Un maior achegamento á lusofonía podería ser unha forma de salvación, mais non comparto as teses morfolóxicas e ortográficas reintegracionistas. Acataría sen problema a normativa portuguesa. Mais a ver quen convence aos que aínda falan galego… O primordial non é que se escriba, senón que se fale. E aí, coido que nin as bondades da lusofonía chegan a tempo.

- Palavra Comum: Como vês a literatura galega hoje?

- Ramón Blanco: A literatura está no mellor momento da súa historia. Cada vez hai voces máis interesantes (e xa ían facendo falta). Outra cousa é o soporte editorial; a precariedade condena a literatura á volta ás catacumbas. A única vantaxe que podería derivarse sería unha maior selectividade á hora de publicar; por desgraza, que se publique pouco non significa necesariamente que publiquen os mellores, senón simplemente os que máis venden ou (aínda peor) os que máis amigos teñen.

- Palavra Comum: Fala-nos da tua experiência no Colectivo Sacou…

- Ramón Blanco: Cando cheguei ao colectivo xa levaba algún tempo facendo poemas, mais foi para min unha constante lección poética e un senfín de estímulos. Del saíron algúns dos meus mellores amigos, cos que sigo a compartir lecturas e conversas sobre literatura. Cadaquén tiña un estilo moi diferenciado, e ademais de poetas había narradores e pintores. A cohesión viña dada máis ben, nalgúns casos, pola ideoloxía política. Tiñamos moita vontade de escribir ben e aprendiamos uns dos outros. As xuntanzas dos venres pola noite nas tascas eran marabillosas. O que primeiro me vén á mente son os recitais que faciamos e todos os actos que temos organizado, como é o caso das xornadas reivindicativas da nosa cultura, todo un éxito para a Noia de hai máis de quince anos.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação cultural hoje -e para a galega, em particular-?

- Ramón Blanco: A dispersión das “escolas” lévanos a fixarnos máis en figuras individuais que aínda poden dar o mellor de si. Valoro positivamente as novas canles de difusión do libro, mais coido que o filtro aínda segue a ser o formato papel. A xestión editorial é necesaria, e aínda máis no campo dixital. Agora que os blogues semellan agoniar, terán que desenvolverse novos proxectos virtuais, máis interactivos, formatos dos que hoxe apenas sabemos pero que os creadores máis novos irán perfeccionando.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Ramón Blanco: Estou a traballar nun libro-reportaxe-río (por chamarlle dalgunha maneira) sobre historias que me contaron ou lin; a editora xa agarda por el desde hai uns cinco anos, mais o seu caudal e a miña preguiza literaria non paran de medrar. Tamén teño varios proxectos narrativos en marcha. E imaxino que volverá outra vez a poesía, pois como daba a entender ao inicio desta entrevista, é o único xénero no que non me sinto alleo.

NOTA: a foto do autor é de Nieves Blanco.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *