Os policiais potenciais de Georges Perec

Os policiais potenciais de Georges Perec

0 comentários 🕔10:00, 15.Dez 2016

Nun afastado día de marzo de 1982, á idade de 46 anos, morría un dos grandes escritores franceses da segunda década do século XX: Georges Perec. Se vivise, cumpriría 80 anos. Non imos, aquí e agora, facer a súa biografía: na rede hai abondo delas para mallar agora ao lector.
Durante uns anos, uns cinco despois do seu pasamento, houbo unha certa moda Perec en España, incluída Galiza, xa que a Fundación Luís Seoane lle dedicou unha exposición, e ao noso idioma vertéronse, que saiba eu, dúas obras súas: As cousas (Edicións do Cumio, 1990, trad. Gonzalo Navaza) e Ellis Island (Franourén edicións, 2011; trad. de Eduardo Estévez; ambas excelentes versións). Anotemos tamén a moi boa tradución de La disparition, novela en lipograma ou lipogramática, na que nunca aparece a letra e, a máis frecuente en francés, cuxa edición española publicou Anagrama (contou entre os seus tradutores coa investigadora e novelista Rexina Vega).
Mais non vimos aquí para falarmos da obra de Perec, senón a facer algo que, acho, a el lle gustaría, un xogo.
Na súa obra mestra, La vie mode de emploi (A vida modo de emprego ou A vida instrucións de uso), Perec divírtese en sementar, aquí e acola, títulos de falsas novelas policiais. Así, no cuarto de Madame Marcia hai unha novela «posibelmente policial titulada Clocks and Cloud, cuxa capa representa un taboleiro de escaques sobre o que están colocadas un par de alxemas, unha estatuíña de alabastro que reproduce L’Indifferent, de Watteau, unha pistola, un pratiño sen dúbida cheo cunha solución azucarada, xa que varias abellas están a zugar, e unha ficha hexagonal, de ferro branco, na que a cifra 90 foi limada» (p. 199-200) (1).
En casa dos Beaumont, unha bata permite evocar «un profesor de historia no Carson College de New York, Arnold Flexner, autor dunha notábel tese sobre Les voyages de Tavernier et de Chardin et l’image de la Perse en Europe de Scudéry à Montesquieu, e, con diversos pseudónimos –Morty Rowlands, Kex Camelot, Trim Jimenewicz, James W. London, Harvey Elliot–, de novelas policiais inzadas de escenas, senón pornográficas, cando menos francamente libertinas: Asasinatos en Pigalle, Noite quente en Ankara, etc.» (p. 230). A máis célebre novela de Flexner é «O sétimo crack de Saratoga, historia dun carteirista que opera nos hipódromos, que pola súa destreza e a súa habilidade é coñecido como le Chat, e que se atopa metido, ao seu pesar, nunha enquisa criminal que resolve con malicia e brío» (p. 230). Aquí Perec, que leu moi ben, fai unha chiscadela a David Dodge, cuxa novela, To catch a Thief, serviu de base para o guión do filme do mesmo título, de Alfred Hitchcock, que en España se estreou co título de Atrapa a un ladrón, e que narra unha aventura similar, e cuxo protagonista é igualmente alcumado le Chat.

La masque
O vello erudito Monsier Jérôme, que mesmo asinou diversos manifestos ou chamamentos do Comité de Vixilancia dos Intelectuais Antifascistas nos anos 1930, publicou algún artigo na revista de esquerdas Vendredi, durante a Frente Popular francesa, onde foi agregado cultural, etc., e foi especialista na Igrexa Católica en España, que «en cinco anos redactou sete mil catrocentas setenta e dous biografías de eclesiásticos en exercicio baixo os reinados de Filipe III (1598-1621) e Filipe IV (1621-1665) e Carlos II (1665-1700) e os clasificou despois baixo vinte e sete rúbricas diferentes (por unha admirábel coincidencia, engadía sarcasticamente, 27 é precisamente, na clasificación decimal universal –máis coñecida co nome de C.D.U.–, a cifra reservada á historia xeral da Igrexa cristiá»), ao non publicar nada das súas investigacións, matou o erudito (queimou os papeis) e dedicouse a adaptar ao francés unha serie de títulos infantís americanos –o que foi durante anos o seu ganapán. O chan da súa casa estaba sementado «de novelas policiais e de Kleenex (estaba constantemente constipado); engulipaba de dúas a tres novelas policiais por día e gabábase de ler e de se lembrar dos cento oitenta e tres títulos da colección L’Empreinte e de cando menos douscentos títulos da colección La Masque. Só amaba as novelas policiais de enigma, as boas vellas novelas policiais clásicas anglosaxoas de antes da guerra con cuarto pechado e coartadas perfectas, cunha pequena preferencia polos títulos unha miga incongruentes: O asasino traballador, O cadáver vaivos tocar o piano ou O agnado cabreouse (busque o lector a palabra agnado ou agnato no dicionario)», (p. 264-266). Digamos que L’Empreinte foi a primeira colección de novela criminal, policial, publicada pola editorial Gallimard até os inicios da Segunda Guerra Mundial. Despois desta guerra a Editorial Gallimard, coa dirección de Marcel Duhamel, creou a coñecida Série Noire. La Masque, é unha colección francesa de novela policial que comezou a editarse a finais dos anos 1920 e que aínda continúa.
No cuarto de Geneviève Foirletor áchase un cadro, obra de seu avó paterno –o único dos seus familiares dos que non renegou–, e que lle foi inspirado por unha novela policial titulada O asasinato dos peixes vermellos, «cuxa lectura lle procurou un pracer suficiente para que pensase facer dela materia para un cadro, que axuntaría nunha escena única case todos os elementos do enigma». Perec entrega un fascinante resumo desta novela en cinco páxinas que non traduciremos, claro, nin faremos un resumo do resumo. Simplemente, recomendamos a súa lectura a todos os posíbeis lectores deste artiguiño. Na edición usada por min, o resumo vai da páxina 285 á 289. Para máis información, digamos que este resumo está no capitulo «L. Foulerot, 3», da Terceira parte.
Na casa de Madame Orlowska, outra habitante do predio en que se desenvolve a novela, a biblioteca, heteroxénea, comporta, cando menos, unha novela policial, de «Lawrence Wargrave: O Xuíz e o Asasino: X matou a A de tal maneira que a xustiza, que o sabe, non pode inculpalo. O xuíz de instrución mata a B de tal maneira que X é sospeitoso, arrestado, xulgado, declarado culpábel e executado sen nunca poder facer nada para demostrar a súa inocencia» (p. 334-335). O tema pódese recoñecer doadamente, dá a impresión de que Perec o argallou mesturando os argumentos de diversas novelas policiais.
Na lista dos vinte e catro retratos imaxinarios (p. 352-354) que se propón realizar o pintor Hutting, o número «7. Nero Wolfe sorprende ao capitán Fierabrás forzando a caixa forte do Chase Manhattan Bank», é, a todas luces, unha homenaxe a Rex Stout. Entre outros retratos que quere realizar Hutting, sinalemos algúns, aínda que nada teñen a ver coa novela policial: «2. Coppelia ensina a Noé a arte náutica», «Maximiliano, ao desembarcar en México, engulipa elegantemente sete tortillas» ou «19. O actor Archibald Moon dubida para seu próximo espectáculo entre Xosé de Arimatea ou Zaratrusta», etc.

O texto dunha lapela
O criado dos Altamont le, «totalmente aborrecido, a lapela dunha novela en cuxa portada unha muller case que núa deitada nunha hamaca, unha longa boquilla nos labios, apunta indolentemente en dirección ao lector cun pequeno revólver con culatas de nácar». O texto da lapela é o seguinte: «En A rateira, a última novela de Paul Whinter, o lector volverá encontrar con pracer o heroe favorito do autor de Déitaa entre as flores, Os escoceses están cabreados, O home do impermeábel e tantos outros valores seguros da novela policial de hoxe e de mañá: o Capitan Horty, que esta vez se enfrontará a un perigoso psicópata que sementa a morte nun porto do Báltico» (p. 98-99).

A carón de Mann (Thomas)
Na biblioteca de Percival Bartelboot, o policial Dog Days está a carón de A montaña máxica, de Thomas Mann (p. 597-598). O estudante Gilbert-Berger, é encargado «cos seus dous condiscípulos, Claude Courtant e Philippe Hémon (…) de escribir unha novela-folletón. A histórica titúlase La Piqûre mystérieuse». Das páxinas 207 a 210, Perec entrega un resumo, por episodios, deste folletón, que os tres mozos non saben moi ben como acabar: «(…) Os tres mozos deben exculpar todos os outros sospeitosos e non saben moi ben como facelo. Philippe Hémon suxeriu que, como O crime do Orient-Express (2), sexan todos culpábeis, mais os outros dous rexeitárono enerxicamente» (p. 210).
No cuarto do vello mordomo de Bartlebooth, Mortimer Smauff, «a carón da cama, nunha pequena mesiña de noite, hai un cinceiro en vidro tallado, de forma triangular, no que está gravado a palabra “Guinness”, un libriño de encrucillados e unha novela policial titulada Os sete crimes d’Azincourt» (p. 80). E no apartamento dos Louvet, que neste momento están de viaxe, hai unha «foto que os representa durante unha cacería de osos nos Andes, na rexión de Macondo; posan en compaña dunha parella (…) Un quinto personaxe, que é sen dúbida o guía encargado de acompañalos, mantense un pouco apartado: un home alto con cabelos curtos case ao rape que semella un G. I. americano; vestido cun uniforme de campaña (battle-dress) camuflado, parece enteiramente absorbido pola lectura dunha novela policial barata, de portada ilustrada, titulada El crimen piramidal(3) (p. 219).

Conclusión
Esta biblioteca policial imaxinaria complétase con numerosas alusións a obras e autores reais, que non vou enumerar (o lector pode mirar o índice da obra). Mais Perec, auténtico coñecedor da novela criminal, do «terreo policial» –membro eminente do Oulipo (Obradoiro de literatura potencial), que traballou a novela policial até a creación do OULIPOPO (Obradoiro de literatura potencial policial)– deita na súa novela, tan latexante como un policial, que din os críticos que nada teñen que dicir, trece historias policiais coas que se mesturan algúns dos seus personaxes.
Perec propúñase –a enfermidade non llo permitiu– desenvolver estes temas en trece auténticas novelas policiais. A non dubidar que serían apaixonantes. Con todo, Perec deixou, cando menos no terreo policial, esta vez sen aspas, un fabuloso caso límite titulado La disparition, vertixinosa acrobacia que alcanza a perfección. (Evidentemente, recomendamos a tradución española citada ao inicio, mais se o lector sabe francés, recoméndase encarecidamente a edición da Gallimard na colección L’Imaginaire: a toda cor).
Unha pregunta: alguén escribirá algún día os policiais de Georges Perec? Unha suxestión: lector, se coñeces Oulipo, ti podes facelo. Aínda que un, eu, recoñeza, ou pense, que talvez os mellor preparados de entre os nosos escritores para escribiren estas novelas sexan os citados Rexina Vega e Gonzalo Navaza.

NOTAS
(1) Citamos pola edición de Livre de Poche, París, Le Livre de Poche, 1986.
(2) Como sabe todo o mundo, novela de Agatha Christie.
(3) En español no orixinal.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *