<em>No volver que seremos estamos</em> (I), por Rafael Catoira

No volver que seremos estamos (I), por Rafael Catoira

0 comentários 🕔10:00, 26.Dez 2016

Desde a Palavra Comum agradecemos a Rafael Catoira que escolhesse este espaço para publicar, em diversas entregas, o seu poemário inédito No volver que seremos estamos.

Começamos esta semana com estes poemas.

Antigo dito da tribo Hopi:
Nós somos aqueles aos que estabamos a agardar.

***

O futuro que nos chama

É un ruído secreto,
algo que vén axuntado a ondas de silencio.
Así se sente o petar das ondas contra as rochas
no interior do fondo mariño, eco esluído
e expandido en son de carriza.
Rumor dun esnaquizar antigo.
O esmigallar lento dos continentes.
Reverbero en aceite dunha branda sustancia.

Unha pedra que baldeira en oco a pel do lago
ondeando as láminas da auga
semella amosar un coñecemento que esperta
coma sinais dun saber lacustre
e álzase como raio invertido
cara á superficie nun devir espido,
limpo e puro, así a dor esquecida dorme a súa cicatriz
agochada entre as fendas da alma.
A dor do futuro é unha ferida quente
que palpita nun antigo coñecemento.

*

Nós vémolo chegar porque nos inquieta ese presentimento.
É coma horizonte de vidro, claro e quebradizo.
É algo incerto que reclama a autoridade
do descoñecido e a curiosidade adorna
con faíscas de fulgor en brasa apagada.

Debemos recibir o futuro coma un froito,
residencia do tempo madurando no seu interior.
Algo que se transforma en principio para o regreso.
Algo que iniciou a súa lapa co furor agarrado
a un pétalo gallardo e terso pero que adiviñaba o incendio
na pequena dobra da corola queimada
e axiña é cinza para xermolar.

Sabemos do ruído do futuro polos seus ecos doutra hora.
Polas pedras da historia desmontadas das súas ábsidas.
Da ruína que é carriza nas crebas do seixo.
Dese alacrán fuxindo pola boca do desarmado guerreiro
esnacado no estupor da derrota.
Do seu cabalo feito pedra, coas patas desmontadas
e engarzadas a hedras que se espallan
entre templos rotos de deuses envellecidos.
Do rincho de cabalo que tamén un día esvarou
polo ar co aviso do neno que solicita
no medo nocturno o adianto da madrugada,
e cabalgou en batallas cruentas
e pastou en herbas de sangue.
Mais tamén bebeu nas augas de ríos tan puros
que a auga era zume dun vapor frío,
dun frío que para nacer
asubiaba entre as rañuras de montañas
que noutrora foron magma,
fervenza acesa para fermentar a historia.

Sabemos que o futuro vén dalgunha zona descoñecida
ou zonas que convidan ao desconcerto.
Todos sabemos do seu carnívoro dente
porque todos sentimos a súa mordedura que chegará
coma o tren que se avisa raspando os nervios do ferro.

Ás veces, coma no soño, poñemos os pés
fóra da saba, ao frío da intemperie,
para resarcirnos desa visión que queima
arrastrando o lume desde algún confín estraño.
O berro que lanzamos detrás dos ollos nas noites pechadas.

Somos estes seres raros, fillos dese asombro vello
que limita co abraio nun mapa antigo
que herdamos sen testamento.
Sentimos esta febre que nos arrastra,
que nos desposúe porque antes nos vestiu
para o seu aparecer ruidoso, de tremor axitado.

Vén de alén, dese espazo en espera,
onda que se achega crecente por ese mar en calma,
esa rodante muralla polo val da auga.
Vén sen demora aínda que, como escudo, poñas as túas costas
a cargar coa fábrica de toda a túa pequena historia.
Vén coa crueza das esquinas agudas
que rasgarán a néboa coa que envolviches o teu ser
de agora. O teu agora nun ser de néboa gastada.

Vén con novos brillos que saben da opaca tristura
porque tamén coñece da luz unha doce agonía.
Volve para espertar o noso asombro,
voraz porque é cara ao que imos, coma un meteoro
se interna no betume do espazo sideral sen deterse,
sen a demora que adiviña un pensar do choque brutal
que esnaquiza para xerminar.

Non pisamos un verdear de herba e ao erguer o pé,
non xorde un manancial que farta raíces e ascende talos
para ese florecer que pacientemente esperaba o noso pisar?

Pero son tan intensas as súas labaradas,
tantas as imaxes que perverten o horizonte
con difumino de sombras atrapadas,
de sombras que se achegan sen chamada,
que, sen ver, agardan a que pechemos os ollos
para amosarse como son: ruído silencioso,
estremecer dese rostro no revés dun espello
que xa reflicte ese achegar, ese futuro que nos agarra agora
para traspasarnos e abandonarnos
á súa próxima chegada que se albisca
en sombra con nova pel para vestirnos
con novo tempo que xa nos reclama.

***

O Gardián

É eterna esta pregunta.
Esvaece no tempo esa luz que queda atrás,
observada polo retrovisor; pero que non se afasta,
permanece en constante visión
cun fulgor que talvez cega pola súa insistencia.
O anuncio
de algo que vagamente necesitamos,
pero non sabemos darlle corpo
porque non coñecemos o seu tacto,
nin as súas formas son as que, seica invisibles,
percibimos como reais.

Son este que agora son,
co fulgor dos ollos en plena chama?
É un risco este recoñecer que ás veces nos fere
e outras se perde coa herdanza do seu pouso?
O seu lodo tan sólido, que no decantar
da auga turbia, descendeu
por entre rochas agudas destilando a impureza
para que os seus brillos non se cegasen?
É coma a couza que morde esa madeira
que de tan exótica nunca puidemos ver o seu nacer,
nin a súa patria, pero na súa cortiza notamos
o seu envellecer lento, desde dentro,
os seus recendos aínda zumegando,
as súas follas altivas negándonos a comprensión
da súa dor calada, de rei destronado
e en exilio?

Son este que sinto ser? O que estou a ver
desde o interior do meu mirar,
ou esta forma esnacada de min que deambula
cos meus órganos e as súas máquinas
traballando para que ti sintas a miña presenza
como algo que tamén a ti che dá forma,
se me ves ou me nomeas?

Hai unha luz na noite escura, treme
ao lonxe. É un tremor como de ollo
que non dá creto. Acéndese para ver
e cégase descrido. Por iso volve iluminar
o que axiña é sombra,
retrinco dun algo impreciso. Como se a dúbida
xustificase a intermitencia da volta atrás,
do volver a cabeza con ese descoido
interesado do que necesitamos comprobar.

*

Notamos, seica, este brando corpo
como se retorce, como esvaece?
É unha impresión do sentir esta forza
interior que creba a pel que nos envolve
para que a imaxe nos mostre
a estrañeza coa que os ollos nos miran
en ollada de seu que semella allea?
É a imposibilidade de ceibar esa atadura
de barco encallado no peirao?
De transgredir a gravidade e o seu chumbo
de peso forte, inerte mais moldeable,
como todo o que se imaxina no universo do soño?

É agora o momento do altivo voo?
De saltar sobre o sangue das cousas,
os seus zumes repletos que afogan as aortas?
Sobre eses xestos absurdos do que contempla
as túas costas e xa che di o espazo que ocupas,
xa te incorpora á tribo, xa dirixe o teu destino,
e nese xogar a deus cativo ti aumentas
a óptica das túas dúbidas e xa caes dese voo
que programabas para ascender?
É a túa mirada a que determina a miña liña na sombra?

Eu sei que teño a antiga inquedanza
que creou a mitoloxía.
Eu son o que xoga co urdido do barro.
Son o oleiro que fabrica monecos que atraen
os agoiros. Eu sei da parede do bisonte
e da máxica atracción dos espellos.
Por iso pésame tanto o que nada pesa.

Poida que imantado polo resplandor
sopre para que a chama se acenda
e sexa eu este gardián que mantén o lume
diante da caverna. E se teño medo
a quen levo dentro, a peito descuberto
interpóñome como porta
e non sairá, nin entrará, sentará á miña banda
e aquí ficará,
ombreiro con ombreiro, absorbendo as marxes
dentro do meu ser.
Quizais, entón, xa consiga que nada turbe
o descanso dos meus eus
que guerrean comigo nesta loita inacabable
de contenda sen fin,
e eu sexa ese gardián que mantén
a chama eterna para iluminar a miña sombra
dentro da caverna.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *