Vidoiros III

Vidoiros III

1 comentário 🕔11:00, 29.Dez 2016

Vidoiro” é a última obra publicada até agora de Neno Escuro, autor tanto da música como das imagens. Nas suas palavras, trata-se de “um projeto de experimentação sonora e visual enraizado na procura de uma linguagem híbrida entre os dois âmbitos, mas que se abre também ao campo literário —especialmente o poético—, e se concretiza na criação de peças visuais, sonoras, concertos performáticos, projeções e visuais ao vivo.”
Na Palavra Comum, sempre aberta aos novos caminhos que aparecem sem cessar, encontramos nesta obra um intenso motivo de diálogo com a poesia e as artes. Trás a publicação da primeira e a segunda parte damos a conhecer a terceira, com textos criados explicitamente para “Vidoiro” por Márcio-André e María do Cebreiro.
Vai o nosso agradecimento expresso a Neno Escuro por permitir a reprodução desta sua obra aqui e por facilitar estes diálogos que, talvez, nos transportem para um outro lugar já existente desde sempre à nossa volta. E, evidentemente, animamos ao público a conhecer as demais obras deste autor publicadas até agora, tão prezadas para nós!

*

MÁRCIO-ANDRÉ

névoaflauta
névoapedra
pedraflauta
pedrapedra

flautapedra
pedranévoa
névoapedra
névoanévoa

flautasolo
névoasolo
pedraoiro

soloduro
oiroescuro
vidrovidoiro

*

MARÍA DO CEBREIRO

O REINO

E eses foron os días de deixar saír á luz as ganas que o corpo
de un preparaba para o corpo do outro. Os días do sol,
de fitar para as árbores algo máis de dous minutos seguidos
e ver unha nova árbore. De entender que o sagrado non estaba fóra
do mundo, senón na mesma cerna do mundo. Que a erección
seguía viva no seme derramado. Que a morte seguía viva no medio
da vida e a vida morta no medio da morte. Ese era o Reino,
o que facía fondamente inútil a nosa procura da felicidade,
o que de súpeto nos levou a esquecer a posibilidade
de coñecernos a nós mesmos para internarnos na posibilidade
(máis incerta e real) de tentar coñecer un pouco os outros.
E bañámonos no medio de todo iso, no medio dun sol espléndido,
suspendido e brillante, un astro escuro a aboiar entre augas
tamén escuras. A nosa imaxinación disparouse de vez
e non foi diferente da verdade. As nosas palabras eran comúns
e exactas, idénticas ás que usaría calquera outro. Eramos
calquera outro. O Reino non estaba nin nas tundras nin nos manglares.
Estaba en calquera tempo, en calquera lugar. E amámonos nun leito
(sempre do mesmo lado, sempre no mesmo leito) do que fixemos
unha casa e a posibilidade dunha casa. Amámolo e amámonos,
rebentando cada músculo, calcinando cada óso, e con apetito mesmo
da nosa destrución derrubamos todos os ídolos e todas as imaxes.

*

1 comentário

  1. 🕔 8:55, 10.Jan 2017

    amilamia

    Marabilloso o diálogo entre os tres poemas. Impresionante Vidoiro, esa voz visual-musical que nos leva alén do son, quizais a ese reino primixenio de María do Cebreiro. Grazas.

    Responder comentário

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *