No volver que seremos estamos (IV), por Rafael Catoira

No volver que seremos estamos (IV), por Rafael Catoira

0 comentários 🕔09:30, 12.Jan 2017

Desde a Palavra Comum agradecemos a Rafael Catoira que escolhesse este espaço para publicar, em diversas entregas, o seu poemário inédito No volver que seremos estamos.

Antigo dito da tribo Hopi:
Nós somos aqueles aos que estabamos a agardar.

***

Fría mañá de vidro

Esta fría mañá de vidro
co cristal do ceo ferindo a xeada,
nos prados as nubes imitan á brétema
e acoitelan xeos de verdura.
Canta o río o seu borboriño
e arrola aos peces no seu espertar nocturno.
Todo permanece grave,
estendido veo branco.
A miña mirada da infancia xa tan afastada,
énchese no ar da esencia íntima desta pureza.
É pura, si, coma é puro isto virxinal
que amence coma a primeira ollada
do primeiro ser que habitou esta terra
e descubriu o que estaba na súa visión
ou fixo fabricar o nacer das cousas,
aparecidas por vontade da súa aparición.
Como negar a potencia da pureza
neste mundo onde o artificio amosa as súas moléculas alteradas
do que foi creado para o seu uso elemental?
É a miña ansia, quizais, este desexo de non modificar
o que configurou o mundo:
o paseo coa amizade no seu silencio que o enche todo
pola húmida herba que se inclina desde o monte,
o amor na súa canción antiga que desborda a pel da cordura,
o sentir do palpitar
da subterránea auga que xorde do ventre
da montaña e vaise facer río cara ao mar.
É esta constancia sinxela do universo,
semente, choiva que crea
o sementado, luz que extrae o fulgor do talo
e o alimento que agroma negando a gravidade.
Isto faise coa maxia dos dons do universo
creados por fonte propia, se acaso
o sortilexio do bruxo que atrae o bisonte
á fame da tribo, inventando palabras novas
para nomear o innomeable,
ese verbo primeiro e preciso escondido nese máxico desexo.

Estala en semellanza do orixe esta mañá,
a memoria ábrese á vida coas experiencias
desa lembranza baixo o pálido manto da bruma.
Entón penso nos xeos máis fondos
onde flores eternas ou outros materiais aínda virxes
resgan as escuridades
coas súas afiadas corolas ou linguas de lava en aviso
e alí, nese pálido cristal duro, de aceiro puído,
agardan para espertar ou deixarse inventar
e tremer a primeira chama dun sol primeiro.
Seica non é esta mañá o amencer primeiro
e cada mañá a creada para espertar
e pensar con que materias formar o mundo
para este paseo polo soño
orixe das cousas soñadas que son reais
porque as miras, e se as miras,
ao mirar danse forma e vida?

***

Parque esquecido

Os paxaros marcan co seu voo errático
a tristeza do ar.
O son audíbel do silencio coma o grito cara a dentro.
Un despois da palabra antes de que naza a voz.
Un latexo detido de socate.
Un gritar pretérito que o tempo converteu nun borboriñar
e agora está subitamente calado,
coma en alerta de algo que, sen avisar, se achega.

Un fallo do son
sorbido por un eco baleiro. (Un lugar onde a voz
se perde afastándose nun eterno deambular
sen montaña que o deteña e a traslade á súa orixe,
coa súa volta multiplicada en varias voces
creando un idioma crebado na súa razón,
pero dun falar solemne, doutro mundo.
Algo que recorda a orixe da palabra
e que semella un misterio a piques de revelarse)

Así quedaron nestes recantos os ecos escondidos
daqueles gritos dos nenos
que descubriron aquí a vida entre as voces dos xogos
e as bágoas de mentira para achegar as caricias
das nais en precaución de tódolos perigos.

Aquí, na amplitude do parque, agora minguado pola ausencia,
aínda fica o reflexo de vidro dos seus gritos.
Un ledo crepitar deses estalidos
aínda na fragua da vida. Delgadas voces
baleiraron as pulsións e o ar limpo
axiña volveu encher os pulmóns
xa facéndose á medida deses tórax
marcados por músculos de discóbolo ou seos virxinais
dispostos a alimentar as xeracións que veñen
nun vindeiro sangue que non remata.
As xeracións coma ondas flotantes, un único ser no espello
que inventa carreiros para camiñar con novos pasos
un carreiro xa pisado.

Aquí, neste parque, aniña a nostalxia que xa ninguén lembra.
Aquí amoréanse os esquecidos xogos, a perdida peza
dun xoguete eivado e todos aqueles soños
que a adolescencia foi demorando, e despois, coa hedra
da idade agatuñando polo sangue, agocháronse
entre a lama da lembranza.

Neste lugar onde medraron os ósos dunha xeración,
cando os raios do sol
petaban nas costas daqueles inquedos nenos,
agora unha poeira escura recobre o chan.

Un vento lene, xurdindo do océano, revolvía
aqueles pelos de suor cun fluír que irrigaba vida
naquelas vidas que devoraban o vivir.

Agora, neste parque, o vento vira elípticos tornados
para levantar os papeis que algún día levaron dentro
aquel bocadillo que deron ás formigas coa determinación do capricho.
Arrodean ás randeeiras este po seco que outrora se arrastrou
baixo o zapato dalgún neno ou nena que deixou no cano alargado da fonte
esa sede de afogo e cansazo,
ese esgotar de músculo novo que espreguizaba un paseniño medrar.

Xa deixaron de vir os anciáns co seu pasar lento.
Xa deixaron de gardar as migallas de pan do xantar
para o picar de resorte delgado das medorentas pombas.
Xa deixaron de tirar aquela chuvia que levaban na man fechada,
aquela man que bulideiros escondían na calor dos petos.
Xa non se pousan no cemento gretado do chan
as alas de betume dos pícaros corvos,
nin as pombas de branca cordura,
nin as gaivotas de estraña mirada nos ollos de xeo
que espantan os pardais cos seus pequenos corpos
sostidos por arames de correr inquedo.
Pero aínda baixan do ceo coa súa fame e, enganados
polo costume, achéganse aos bancos de ferro
que renxían co peso daquel home
coa súa artrite de metal que se agachaba lentamente
co brando peso da súa idade, a agardar o sol da tarde
dilatando a calor do seu sangue.

*

Aínda esperan esas migallas de pan voando un intre
para caer espalladas como neve ou un maná
dun deus que se apiadaba deses seres.
Anxos habitando corpos estraños.

Neste chan de cemento ata os ecos son murchos recordos.
Nada fica daquela algarada, daquelas feridas iniciáticas
naqueles xeonllos, nin daqueles balóns que saían
a voar sen límites, nin parada.

Pero, agora, dos amantes é o parque, e aínda voces,
laios de escándalo contido,
escollen esta soidade acrecentada de sombra.
Algo queda, no ar do parque, destes silencios nocturnos
alterados por un remexer de corpos afanados en espir
un exceso de roupa. O óxido dos bancos e as súas desgastadas táboas
teñen gravados para sempre esas posturas horizontais
que fixeron voar abraios sempre renovados.

Con todo, están esnaquizados aqueles engaiolados xardíns por valados
de escasa medida. Aínda pendura o seu murcho verde algún anaco de zume
nalgunha folla, pero non asubía o ar apagado da súa forza
e o vento desfíxose polos recantos do tempo
e xa non fabrica eses abanos verdes que espallababan recendos de menta
e clorofila.
Xa nada purifica os pulmóns espesados co óxido da vida.

Ao redor, altos cristais, reflexos en ollos planos de vidro,
montañas de aceiro e aluminio, gaiolas con corpos
asomados ás fiestras.
E de lonxe,
a senlleira figura dun paseante
envolto na súa fatiga, que se vai, atravesa o rancio recendo
dunha flor aburrida
e agachada a cabeza, pérdese na distancia.

O ar silandeiro do abandono
instalouse aquí coas súas horas mortas
e ningún vento volverá levantar o dourado po do onte,
que agora é cinza gris
óxído e seco lodo.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *