Para lembrarmos Franco Fortini

Para lembrarmos Franco Fortini

0 comentários 🕔11:00, 16.Jan 2017

Este 2017 que agora se inicia conmemorará o centenario do nacemento do poeta, e ensaísta, italiano Franco Fortini. Como homenaxe, entregamos aquí varios textos seus, un poema e dous textos en prosa. O poema, como todo poema, fala por si só. É un poema contra moitas cousas, en poucos versos. Un poema contra a mentira, contra a nostalxia, contra o stalinismo e os seus herdeiros, reformistas ou non, un poema a prol da revolución que virá –se vén.

Fortini, neste poema escrito a inicio dos anos 1960, percibía xa daquela que había que esquecer a revolución pasada (a soviética –da que este ano se conmemorará o centenario: tempo haberá de falar sobre o tema), que xa non era espello para cambiar a sociedade nin, por suposto, para cambiar a vida: era, simplemente, unha miraxe, un espellismo. Mais no poema non só ve iso, ve tamén o oportunismo dos vellos stalinistas. Dos stalinistas que pasaron a ser os máis anti-stalinistas de todos: Erhenburg –como te atreves a escribir un prefacio a Babel, ti que tanto loaches o seu asasino?–, Garaudy, Neruda, Louis Aragon, etcétera, etcétera. Fortini escribe o seu poema contra estes e coloca ben alto a verdade, esa verdade que quixeramos nosa, humillada, imperfecta talvez, mais verdade fronte ás mentiras con que nos enganaron. Tanto nos enganaron, que hoxe non existe proxecto revolucionario en occidente, nin en oriente, todo sexa dito. E tardará moitos anos en que volva habelo, pensamos; se é que volve habelo. Mentres tanto, por que non ler os grandes poetas entre os que se acha, claro, Franco Fortini?

No que respecta aos textos en prosa, digamos tamén que o titulado «Comunismo» fala por si e era, no momento en que foi publicado, un chamamento á desesperación esperanzada, o que continúa a ser hoxe, de aí a súa actualidade, a súa «intempestividade».

O outro texto, sobre a morte de Pasolini, é, simplemente, o texto dun poeta que non se axeonlla diante de calquera chantaxe política por parte dos grupos autodenominados de «esquerda» que, consideraban, e aínda consideran, os literatos cono inimigos, portadores e inoculadores dunha ideoloxía «pequenoburguesa» no «seo das masas»…

***

PARA AS OBRAS DE ISAAK BABEL

A Illia Erhenburg, autor do prefacio

Se non saben castigar,
se non saben queimar
aquela parte de vós,
aquela parte de nós
mesmos que ficou muda,

se non sabedes dicir
por que deixamos morrer
Babel e os outros:
ou quen en nós calou
vinte anos a súa boca;

non falen, non escriban
prefacios, non douren
eses nomes con piedade.
Deixen a nosa verdade
Imperfecta, humillada

–entre a Revolución xa pasada
e aquela que virá.

***

QUE É O COMUNISMO?

1. A loita franco-fortinipolo comunismo é xa o comunismo. É a posibilidade –xa que logo, a elección e o risco asumidos en nome de valores non demostrábeis– de que o maior número de seres humanos e, en perspectiva, a súa totalidade cheguen a viviren nunha contradición diferente da que é dominante hoxe. O só e único progreso real consiste e consistirá en alcanzar un lugar máis alto, visíbel e vidente, no que será posíbel promover as potencias e as calidades de cada existencia singular. Recoñecer e promover a loita de clases é a condición necesaria para que cada vitoria particular contribúa a debilitar a forma actual deste conflito e abra unha nova fronte, dunha nova loita, rexeitando calquera ilusión dun progreso lineal e sen enfrontamentos.

2. Este conflito, tanto máis real e doloroso canto non é consciente de si, é o conflito entre clases compostas por individuos desigualmente dotados de poder de tomar ao seu cargo a súa propia vida. Os opresores e os explotadores –nós sómolo case todos en Occidente, sendo a única diferenza o grao de poder que cadaquén tira desta condición– ofrécense a ilusión, pagada pola non-liberdade doutros homes, de poder elixiren e de tomaren en cargo a súa existencia individual. Ao que supera o horizonte desta liberdade, veno, non como un límite positivo da condición humana, un límite a recoñecer e utilizar, senón como un negro Nada devorador. A fin de esquecelo, ou de rexeitalo, sacrifícanlle partes cada vez máis grandes da liberdade e, consecuentemente, da vida, doutros: e, indirectamente, das súas propias liberdades e vidas.

3. Os oprimidos e os explotados –nós sómolo todos nalgunha maneira, a única diferenza é o grao de impotencia que cadaquén tira desta condición– viven a miseria irremediábel dunha vida que escapa a calquera control, malgastada á veces na precariedade e no temor da morte, ás veces na ausencia de sentido e na non-liberdade da produción e dos consumos. E os oprimidos e os explotados non valen máis en tanto continúan ilusionándose coa perspectiva de se converteren á súa vez en opresores e explotadores doutros homes. Só comezan a valer máis cando toman a vía da loita polo comunismo, que implica, certamente, dureza e odio con respecto de todo o que, no interior e no exterior dos individuos, obstaculiza a asunción meta-individual das existencias, mais tamén do amor e da tenrura con respecto a todo o que promove e fai desenvolver esta asunción.

4. O comunismo que está en camiño –non hai outro– é un percorrido que pasa tamén por erros e violencias, tanto máis sentidas como intolerábeis canto a consciencia se fai máis clara do que son os outros, do que somos nós mesmos, e de que partes de nós mesmos constitúen tamén outros; e viceversa. O comunismo en camiño implica que homes sexan utilizados como medios co obxectivo de alcanzar un fin que nada garante, no canto de seren utilizados, como é o caso hoxe, para un fin que nunca é a súa propia vida. Utilizados, certamente, mais cada vez menos, como medios co obxectivo de alcanzar un fin que deberá coincidir cada vez máis con eles mesmos. Mais aqueles aos que a loita forza a utilizaren homes como medios –e aqueles que aceptan voluntariamente seren así utilizados– non poderán nunca ter boa consciencia e descargar as súas responsabilidades na Necesidade e na Historia.

5. O que acepta a loita convértese á vez no amigo e no inimigo dos homes. O amigo non soamente dos que nel se recoñecen e a quen dirixe a súa acción; o inimigo non soamente dos que recoñece como inimigo dos fins desta loita. Mais tamén inimigo, aínda que baixo outra forma e nunha medida diferente, dos seus propios irmáns e camaradas, e de si mesmo: porque apenas se preocupará, nin el nin os outros, de librarse e de librar os outros das trampas do esquecemento, das aparencias e do sempre idéntico.

6. Deberá evitarse o erro que consiste en acreditar nunha perfectibilidade ilimitada que permitiría ao home saír dos seus propios límites biolóxicos e temporais. Este erro, e as manipulacións que entraña, produciron, e poden sempre producir, subhomes e superhomes negando uns como outros os homes en que nos recoñecemos. Este erro optimista –herdado da Ilustración e do positivismo científico, legado pola cultura faustiana da burguesía triunfante no século XIX– está tamén en Marx e Lenin, e triunfa hoxe baixo a máscara tecnocrática do Capital. Cando se evoca unha superación do home, hai que entender por isto unha superación do home presente, e non unha superación da especie. O comunismo implica tamén o rexeitamento de calquera caste de mutantes a fin de conservar a capacidade de se recoñecer nos homes pasados e futuros.

7. O comunismo que está en camiño realiza tanto a unidade tendencial entre igualdade, fraternidade e reparto, como a do saber científico e a sabedoría ético-relixiosa. A asunción –individual, no seo dun grupo e a escala internacional– da existencia, con todos os seus nós infranqueábeis entre liberdade e necesidade, certeza e aposta, implica o coñecemento das fronteiras da especie humana e, xa que logo, da súa imperfección radical, no sentido de Leopardi. A especie humana é unha especie que define a capacidade, ou a esperanza, de se coñecer e de se gobernar ela mesma e de ter piedade de si mesma. Nela, a identificación coas miríades de desaparecidos e de aínda-non-nacidos é un xesto de amor que se dirixe aos próximos e aos afastados –alegoría e figura dos que virán.

8. O comunismo é o proceso material que intenta facer sensíbel e intelixíbel a materialidade das cousas chamadas espirituais. Até poder ler no libro do noso propio corpo todos o que os homes fixeron e foron baixo a soberaneidade do tempo; e até descifrar as pegadas do paso da especie humana sobre unha terra que non conservará ningunha pegada.

(Este texto foi publicado o 16 de xaneiro de 1989 na revista satírica Cuore. Foi recollido posteriormente no volume –póstumo– Saggi e epigrammi, Milán, Mondadori, 2001, p. 1656, edición de Luca Lenzini.)

*

SOBRE A MORTE DE PASOLINI

O único modo decente de falar de Pasolini, en medio da barafunda autopunitiva destes días, é lelo. O xornal que me pide estas palabras tivo, respecto aos outros xornais italianos, o gran mérito de sempre dar a entender que, da poesía, non lle importaba nada, interpretando desta maneira o ánimo dos seus lectores e inspiradores. Pensei durante algúns anos que isto correspondía, máis profundamente, a unha acción que se propuña, seguindo os seus propios camiños, a mesma meta que a poesía. Mais hoxe decátome de que non é así; ou se o é, acontece de tal maneira que, na práctica, como di Lu Hsun, «os políticos queren matar os homes de letras».

É unha calidade humana que odia a poesía, que atura con cansazo a literatura, que non sabe e non quere saber que lugar asignarlle na cidade presente e futura. Se se conmove pola morte de Pasolini máis que pola de calquera outro militante, é só porque era o autor de algo que é, que pode, converterse en noso; e en tal caso esta cousa, esta herdanza, mirémola. Non quere sabelo porque isto derrubaría moitas miserábeis certezas e esperanzas. Non entende que o derrubamento só a debilitaría en aparencias mentres en realidade a faría máis forte contra quen explota e tortura. Non entende que non somos, nós os poetas, os vosos inimigos e se pedimos algunhas veces piedade polos nosos erros é porque en verdade é o noso modo de pedir piedade tamén polos vosos erros. Por isto non hai nada a dicir sobre a morte de Pasolini que non dixesen xa estes días, e moitas veces moi ben, os meus colegas en literatura; fóra do consello de coller os seus libros de versos e comprendelos. Fun amigo seu durante moitos anos; adversario outros; sempre intentei entendelo e amalo. Teño en común con el a división, a duplicidade do que se fai, cando se fai, a poesía. Por outra parte, no texto auténtico, como no momento da morte, coinciden elección e destino, escolla e inevitabilidade. Menos conmoción por Pasolini, máis amor e intelixencia por aquilo que escribiu e dixo.

(Il manifesto, 4 de novembro de 1975, recollido postumamente en Disobbedienze I. Gli anni dei movimenti, Manifestolibro, 1997.)

NOTA: a foto de Franco Fortini provén da Wikipedia.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *