Modernidades e gustos burgueses definen a creación artística de Ramon Casas

0 comentários 🕔10:00, 23.Jan 2017

Chegou a exposición central coa que un fato de institucións catalás conmemoran e pechan o Any Ramon Casas, que coincide co 150 aniversario do nacemento do afamado pintor e cartelista. A mostra sitúase nos museos de Sitges e nela é doado apreciar a capacidade artística de Casas e o seu talante vividor e acomodaticio.

Lito Caramés

Ramon Casas. La Modernitat Anhelada
Entre os moitos eventos que distintas entidades organizan ao longo do ano 2016, dentro do Any Ramon Casas, agora no Museu Maricel de Sitges está instalada a exposición temporal Ramon Casas. La modernitat anhelada, definida polos propios organizadores da homenaxe a Casas como a mostra central e máis pretensiosa de cantas se levan facendo e realizan aínda estes días. As salas do museu Maricel están inzadas de obras do propio autor e de coetáneos seus que ambientan as tendencias estilísticas de finais de século XIX e comezos do XX. Son un total de 178 pinturas, deseños e carteis que favorecen a óptica dun Casas diferente, rodeado das influencias que recibiu nos anos de formación, así como de pezas de artistas nos que acabou tendo algún precedente. E non faltan tampouco un bo brazado de fotografías que acompañan algunhas das súa obras, xa para ilustrar espazos que el pintou, xa para dar fe de vestimentas e outros detalles da vida de hai un século, máis ou menos. Ramon Casas. La modernitat anhelada está organizada polos Museus de Sitges, así como pola Obra Social La Caixa e o Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC), coa colaboración do Goberno da Generalitat de Catalunya, a Deputación de Barcelona e o concello de Sitges. As magníficas casas do centro de Sitges (Maricel e Cau Ferrat), batidas polo Mediterráneo, son un marco perfecto para albergar a produción artística de Ramon Casas e as súas amizades. Nesas casas, algunhas propiedade daquela do seu amigo Santiago Rusiñol, celebráronse as sonadas Festes Modernistes (a algunha destas festas asistiu a escritora Emilia Pardo Bazán e o poeta Rubén Darío, estandarte do Modernismo).
A importancia dada á mostra Ramon Casas. La modernitat anhelada aquilátase polo alto número de pezas que estes meses colgan nas fermosas salas do museu Maricel e tamén pola procedencia dos préstamos de obra, tanto de coleccións privadas como de museos públicos. Entre os prestamistas cómpre citar ao Museu del Cau Ferrat de Sitges, o MNAC, a Colección Carmen Thyssen, o Museo Nacional del Prado, o Museo Sorolla de Madrid, o Museu Picasso de Barcelona, o Museo de Bellas Artes de Bilbao, o Museo de Bellas Artes de Córdoba, o Museu de la Garrotxa, o Museu de Montserrat, o Museu del Modernisme de Barcelona, o Institut Amatller d’Art Hispànic, o Museu d’Arts Escèniques, o Museu d’Art de Sabadell, o Museu d’Història de Barcelona, Musée d’Orsay, Musée National Picasso-París, o Museu dels Agustins de Toulouse, o Museu de Belles Arts de Burdeus, o Musée de Versalles ou a Galeria dei Uffizi de Florència.

Sala do Museu Maricel

Vista de sala de Museu Maricel.

SITGES32032

R. Casas. Bal al Moulin de la Galette. 1890

Inicios vangardistas e continuidade conformista
Os dous comisarios de Ramon Casas. La modernitat anhelada –Ignasi Domènech, xefe das coleccións dos Museus de Sitges, e Francesc Quílez, coordinador de coleccións do Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC)– informaron na presentación da mostra que buscaron obras pouco coñecidas, algunhas delas inéditas, coa pretensión de fuxir dos estereotipos e evidenciar as influencias que recibiu Casas do seu grande amigo e compañeiro, Santiago Rusiñol, así como revelar o atractivo que exerceu sobre outros artistas como Pablo Ruiz Picasso ou o uruguaio Joaquín Torres García.
Ramon Casas i Carbó (Barcelona 1866-1932) era fillo de boa familia. Viviu case toda a súa vida en Barcelona, agás estadas de xuventude en París. Tocoulle vivir, por tanto, tempos de grande conflitividade social: a loita sindical e o pistoleirismo da patronal. Pero Casas nunca entrou neses terreos. A súa traxectoria profesional como pintor iníciase, por contaxios no París convulso finisecular, con querenzas pola vangarda e por gustos salvaxes que o puxeron en relación cos post-impresionismos. Pero na Barcelona onde o mercado artístico tiña como compradores á burguesía industrial e comercial non gustaban as aventuras; non agradaban no social (por iso os pistoleiros pagados por esa burguesía mataban os dirixentes sindicais) e tampouco no artístico. E Casas logo se acomodou aos gustos conservadores desa potencial clientela. A súa arte foi pasando dunha incipiente rebeldía, demasiado atrevida para os gustos de ostentación da burguesía que facía casa modernista no Passeig de Gràcia, a un estilo ecléctico, acomodaticio, que satisfacía os gustos da clientela benestant. Gustos que levarían a Ramon Casas a usar as súas dotes de deseñador na creación dos carteis anunciadores dos produtos industriais desa mesma burguesía que tamén lle mercaba os cadros.
A magna exhibición Ramon Casas. La modernitat anhelada estrutúrase en cinco ámbitos diferentes, coidando dese xeito facilitar a visita e asimilación do volume que ten: La construcció d’una identitat artística, La poética de la multitut, La paradoxa de l’artista modern, La pulsió bohèmia e finalmente Identitats ambivalents. A exposición permite ver un Ramon Casas en moitas das súas facetas como artista: os seus traballos de cartelista, os retratos a amigos e familiares, o seus empeños por ser un cronista da sociedade na que viviu, e por suposto, como o “moderno” que presumía ser: as afeccións ao ciclismo e mais ao automobilismo. Nese senso Ramon Casas deixábase cegar por todo o que tivese perfumes de progreso. El andou en bicicleta e tándem, foi un automobilista empedernido, amante dos trens, da industria. Precisamente neste longo e interesantísimo vídeo sobre a mostra Ramon Casas. La modernitat anhelada é doado observar e escoitar algúns dos trazos máis característicos da creación do autor de La Càrrega.
Desde Barcelona, Ramon Casas vese, de xeito estereotipado, como “o pintor do modernismo”. Pero a realidade é outra. Casas nunca usou a cor negra nas súas pinturas, o que o emparenta directamente co impresionismo (os impresionistas tiñan vetada esa cor; as sombras sempre deviñan de calquera outra cor, ou mesturas), así como se deixou levar pola estética austera e limpa de Toulousse-Lautrec para os carteis. E por suposto cultivou estéticas que o arriman á corrente do xaponismo que inundou Europa a partir de 1868. A primeira vez que en Barcelona se oficiou o xaponismo foi na Exposición Universal de 1888, aquela que comezou o empresario Serrano de Casanova (Neda, 1841-Barcelona 1920); a partir de aí na capital catalá, e en vida de Casas, abriron moitos comercios que só vendían produtos importados directamente do Xapón, e tamén existiron dous museos.

PINTURA010903

R. Casas. Saída da procesión de Corpus de Santa María. 1896

R. Casas. Montmartre (Cigarrillos París), 1901

R. Casas. Montmartre (Cigarros París). 1901

La construcció d’una identitat artística, La poética de la multitut
Ramon Casas naceu nunha familia acomodada. O seu pai, Ramón Casas Gatell, dos Casas de Torrembarra, foi un indiano que se enriqueceu na provincia cubana de Matanzas. Unha das primeiras probas do nivel económico de Ramon Casas é o feito que aos 15 anos o pai mándao a París para estudar cos mellores artistas. Non é que o pai quixese un fillo artista, pero parece ser que Ramon non estudaba nin tiña inclinacións para os negocios. En París atopouse e gozou da bohemia, modos de entender a vida que nada tiñan que ver coa sociedade barcelonesa que deixara atrás e que seguía ancorada no pasado. Outra proba da posición social da familia Casas i Carbó constitúea o feito que para o panteón da súa prima, Mercé Casas i Carbó (morta en 1907), a familia encargoulle ao escultor Josep Llimona a súa obra hoxe máis coñecida: Desconsol, da que na actualidade hai varias copias. Ramon Casas chega por tanto á capital da arte europea a comezos da década de 1880, tempos de eclosións estéticas e comezo de todos os xermolos post-impresionistas que levarán en pouco tempo ás vangardas do século XX. Cos poucos anos que tiña e as correntes artísticas que abarrotaban París, Casas bebeu desde o clasicismo ata as propostas máis rachadoras. Foi alumno do coñecido pintor Carolus-Duran, un namorado de Velázquez e de Goya, e del aprendeu os gustos polo deseño; e nas rúas fervía o impresionismo e as derivas puntillistas e outras tendencias revolucionarias.
No primeiro apartado da mostra Ramon Casas. La modernitat anhelada, que leva por título La construcció d’una identitat artística, os comisarios incluíron pezas dos anos de formación do propio Ramon Casas (autorretratos, retratos dos seus amigos –Rusiñol, Amadeu Vives, Antonio Utrillo, …), xunto con outras obras de artistas próximos Casas, como Carolus-Duran, Singer Sargent (o gran retratista norteamericano) ou Toulousse-Lautrec.
Ramon Casas, co tempo, ao seu regreso á Barcelona conservadora, respecto dunha cidade como París, abandonará as súas preferencias vangardistas e optará por satisfacer os gustos tradicionais da burguesía que merca arte como un xeito máis de alcanzar ou manter elevados status sociais (obras de arte que enriquecerán os andares principal dos edificios do Eixample barcelonés). As armas estéticas coas que contaba Casas para cativar ás familias burguesas eran a súa elegancia formal, austera incluso, que se apoiaba nunha paleta cromática rica e con boas solucións técnicas baseadas no dominio do seu oficio. Casas tiña unha habilidade innata para o deseño e a pintura. Esa habilidade increméntase cos estudos en París e co contacto con cartelistas como Toulousse-Lautrec, o que lle aportará un dominio sobre a arte publicitaria.
Axudado por esas dotes especiais que posuía, Casas foi un pintor prolífico. Cóntanselle máis de 1.000 óleos e o dobre de deseños, por non falar dos moitos carteis que confeccionou ao longo da súa vida. Como curiosidade paga a pena lembrar un dos traballos que fixo Casas: o cartel para o Champagne Kola. Vigo. Desde 1900 o empresario vigués Salvador Aranda elabora unha mistura entre champagne e cocacola, un refresco que pasa por ser o primeiro champán fabricado en Galicia (como explica este artigo publicado na Voz de Galicia), e encargoulle a Ramon Casas un affiche para promocionar a súa bebida.
Ramon Casas, desde a súa posición social e económica pertencente á boa burguesía, tivo a capacidade de dirixir os seus ollares á realidade social que o rodeou. E fíxoo coa fidelidade case dun fotógrafo. Disto trata o segundo apartado de Ramon Casas. La modernitat anhelada, da aproximación de Casas ás realidades sociais da convulsa Barcelona: La poética de la multitut. En moitas pinturas plasma acontecementos colectivos relevantes, e sempre o fai desde a distancia e con frialdade; afastamento quizais permitido pola súa cualidade de vividor e gozador dos praceres mundanos. Neste senso, Casas distánciase de coetáneos como Rusiñol, Nonell ou o mesmo Picasso, que presentan as clases populares con dramatismo e coa intención de denunciar a situación dos grupos sociais que peor o pasaban. Ramon Casas elaborou algunhas das súas obras mestras representando multitudes que asisten a actos ou participan neles, pero sen destacar individualidades, e sen aplicar fasquías psicolóxicas. Pezas como Las regatas (1888), A garrote vil (1894), Sortida de la processó de Corpus de l’Església de Santa Maria ou Embarque de tropas (1896) –agora en Sitges– mostran xentíos anónimos, masas sociais, que asisten ou protagonizan feitos salientábeis, pero que en ningún caso destacan por nada. O mesmo acontece na súa máis celebrada obra, La Cárrega (1902, 298×470 cm.). Nesta última pintura –que non está en Sitges, pois seica non pode saír de Olot– Casas plasma a carga da garda civil contra uns manifestantes na área barcelonesa de Pla de Palau. A pintura, inventada, non foi ben recibida e Casas abandonou a gran tela no seu estudo. Anos máis tarde houbo grandes revoltas sindicais na capital catalá e Casas volveu mostrar o cadro, que entón agradou moito, Casas mudoulle o título polo de Barcelona 1902, e o propio estado o comprou. Un exemplo máis do oportunismo do pintor.
En todas estas pezas, de feitura fotográfica, cabe destacar dúas constantes compositivas moi do gusto de Casas. A primeira: como contrapeso á multitude, como xeito de crear tensión compositiva e de aliviar o lenzo, o pintor deixa amplos espazos baleiros. Quizais esta demostración de non ter medo ao horror vacui proveña da influencia do xaponismo. A outra peculiaridade das pinturas do propietario da revista Pèl&Ploma é a súa querenza por ficar no primeiro plano da composición –como o elemento que está máis preto do observador– unha ou varias figuras de costas, mirando para a escena social e ignorando totalmente o punto de vista do pintor, e por tanto do observador. ¿Terá algo que ver esta característica coa rebeldía de quen se presenta como moderno, e non quere seguir as sendas doutros pintores?

R. Casas. Entre dues llums. 1894

R. Casas. Entre dues llums. 1894

R. Casas. Sombras. Quatre Gats. 1897

R. Casas. Sombras. Quatre Gats. 1897

La paradoxa de l’artista modern, La pulsió bohèmia. Arte e consumo
A seguir os comisarios fan unha reflexión sobre os andares deste artista que se move entre as novidades e os gustos burgueses aos que satisfai, e dos que vive. En La paradoxa de l’artista modern abundan as pinturas e deseños sobre a tauromaquia, á que por certo Casas era moi afeccionado (daquela en Barcelona funcionaban tres prazas de touros). É doado ver escenas explícitas de corridas (picadores con cabalos mortos, toureiros, un traxe de toureiro que non se sabe a quen pertenceu) e por suposto bastantes pinturas de manolas e chulas, mulleres ataviadas con mantóns de Manila e coas roupas adecuadas para ir ás prazas de touros. A finais do século XIX e comezos do XX estas estéticas estaban moi de moda en Europa, non só en España. Unha demostración evidente dese éxito é a constatación de que na Exposition Universelle et Internationale de París, inaugurada o 14 de abril de 1900, o espectáculo que máis público logrou xuntar ao longo dos meses de exhibición foi L’Andalusie au temps des Maures, unha demostración da permanencia da visión romántica que aínda se tiña da España de comezos do XX. Á inauguración desa Expositión Universel asistiu cos pais, e con só 24 anos, Lluïsa Vidal, quen acabaría sendo unha das importantes pintoras catalás do século XX; hoxe ben esquecida e falsificada (algúns dos seus cadros xa se venderon –despois de falsificar a sinatura– como obras de Rusiñol e mais de Ramon Casas).
A súa situación económica podente e a dedicación á arte alimentaron a propensión de Casas polos vieiros da vida bohemia. Desde as súas estadas en París cultivou os ambientes e as amizades que lle cumprían para seguir eses rumbos. En París frecuentou e viviu en Montmartre, barrio frecuentado a finais de século XIX por campesiños, traballadoras téxtiles e mais por artistas pobres. Casas ten unha pintura titulada Bal al Moulin de la Galette (1890) –pintura homónima coa de Auguste Renoir, que estes meses está na cidade de Barcelona–, e outras similares no título e mais na temática; sen que nelas prime unha visión optimista da vida nese barrio das aforas do París opulento. Esa bohemia tráea para Barcelona, e reflectirase en moitas das súas facetas vitais, como a paixón polos automóbiles e as carreiras deses enxeños industriais. Na exposición Ramon Casas. La vida Moderna que houbo o pasado ano –dentro do Any Ramon Casas– no Museu del Modernisme de Barcelona, unha moi atractiva e ampla mostra do quefacer artístico de Casas, podíase ver no aparador do museo o automóbil Delaunay-Belleville 28 HP (1906), que foi un dos cinco coches que Casas usou e que se fabricou ao gusto do pintor.
A finais do século XIX nace así o cartelismo como actividade paralela á produción industrial, e o cartaz sae da sombra das empresas industriais e comerciais do Imperialismo europeo e anuncia a chegada a Europa de primeiras materias doutros continentes: cacao, café, tabaco. O cartaz é un froito artístico efémero e público. Ramon Casas foi un dos seus cultivadores en España, xunto con Alexandre de Riquer, entre outros. Á eclosión de cartaces publicitarios axudou tamén a tecnoloxía: a reprodución litográfica e mais a técnica cromolitográfica. Tal cousa permitiu que no ano 1928 houbese en Barcelona 97 talleres dedicados á litografía. En Ramon Casas. La modernitat anhelada pódense ver varios carteis, entre eles os que fixo para cigarros París e outros para Codorniu. Nos seus cartaces a figura case exclusiva é a feminina, dando unha imaxe das mulleres ben discutible. En toda a produción de Casas é evidente a Influencia de Alfonse Mucha, o famoso cartelista da Art Nouveau, no tocante ás tipografías, os motivos, as formas curvilíneas, mentres que a impronta de Toulouse-Lautrec apréciase mellor no tratamento das cores planas, fondos monocromos e na sinxeleza de liñas. Tamén usou os carteis en revistas: a primeira foi Quatre Gats (1899) da que era propietario Pere Romeu, tamén propietario do bar homónimo; e mormente Pèl&Ploma (1899-1903), revista máis ambiciosa da que Casas era propietario e ilustrador, e Miquel Utrillo director literario.

R. Casas. Angustias. 1898

R. Casas. Angustias. 1898

R. Casas. La sargantain. 1907

R. Casas. La Sargantain. 1907

Feminidades. Júlia Peraire
Ramon Casas realizou, entre os anos 1890 e 1908 unha ampla e afamada galería de retratos ao carbón. Son retratos de personalidades diversas, profesionais, artistas, literatos, entre os que se contan a Pío Baroja, Narcís Oller, Unamuno, Azorín, Rusiñol, Zuloaga, Utrillo, Picasso, Llimona, Torres García, Granados. Pois ben, ningún dos numerosos retratos representa a unha muller. As mulleres, na obra de Casas, están destinadas a outros mesteres. Por unha banda, as mulleres deben estar confinadas nos terreos físicos e morais do espazo doméstico; así corresponde ás damas da burguesía. Noutros casos nos que as mulleres saen ao exterior son mulleres anónimas, ou responden ao estereotipo da femme fatale. Esta última imaxe feminina é a que máis usa nos carteis, onde as mulleres beben alcol, fuman e levan unha vida licenciosa e relativamente libre.
O último bloque de Ramon Casas. La modernitat anhelada, denominado polos comisarios Identitats Ambivalents: models i tipologies femenines, está por enteiro dedicado á representación que Casas e coetáneos fan das mulleres. Abundan os nus en posicións ben forzadas, os retratos en espazos interiores, os carteis, as metáforas (metáfora ou denuncia por violación é o lenzo Flors desfullades, 1894).
O tema favorito de Casas –como de case todos os modernistas na súa fasquía publicista e ilustradora– é a figura feminina. A utilización da figura feminina para as imaxes das marcas industriais ten varias lecturas. Presentar as mulleres como membros da sociedade “moderna”, mulleres que fuman, beben, conducen, crea o efecto positivo de afirmar que as mulleres participan da vida activa, que son independentes, liberadas. Pero, esa mesma imaxe feminina, romántica, lánguida, sensual, que acompaña tabacos, licores, automóbiles, tamén insistir na imaxe de “muller-floreiro”. Os medios de comunicación social actuais non están libres destas imaxes estereotipadas e controvertidas.
Un caso aparte merece Júlia Peraire Ricarte. O Cercle del Liceu, creado o ano 1847, organizou, tamén dentro do Any Ramon Casas, a magnífica exposición Júlia, el desig. Ramon Casas, comisariada pola profesora da Universitat de Barcelona Isabel Coll Mirabent. O máis atractivo da investigación que realizou a comisaria foi precisamente pescudar quen era de verdade Júlia Peraire Ricarte, da que se sabían algunhas cousas e da que non se daba unha boa imaxe. Júlia Peraire era filla dun librepensador, e así criou as súas fillas. Froito desa educación é o feito de que Júlia non teña prexuízos para ir vivir con Ramón a partir de se coñecer en 1905, ela con 17 anos e el con 39. Desde entón será a súa modelo, musa e compañeira; ao final acaban casando. A profesora Coll tamén comprobou nas súas pescudas que Júlia Peraire era unha muller nova e de moito carácter, que non se deixaba levar por un vividor como Ramon Casas. Un exemplo disto pode ser o óleo La Sargantain (1907). O título desta obra débese ao amigo Miquel Utrillo, que non soportaba a Júlia, pois acaparaba ao amigo, e fixo unha mestura para chamar sarxenta a Júlia sen que tal cualificativo se puidese deducir nin do inglés, nin do castelán, nin do catalán, nin do francés. Sargantain é unha verba inventada. Ao marxe do significado do título, a obra é dunha sensualidade explícita, e o amarelo do vestido ten lembranzas con obras de El Greco (actualmente hai en Caixaforum unha exposición cos obras do Thyssen de Madrid, e unha delas é de El Greco, e aparece ese amarelo nun dos pesonaxes).
Ramon Casas tivo a Júlia Peraire como modelo para moitos cartaces. O primeiro foi o cartel de Jabon Fluido Gorgot, onde a modelo aparece de costas con intención de tirarse o xabón por enriba. A partir de 1913, Casas comeza a representar a Júlia de xeito máis formal, como unha muller que xa forma parte da boa burguesía barcelonesa, aínda que a familia Casas nunca aceptou a Júlia Peraire.
Ramon Casas. La modernitat anhelada é unha boa oportunidade para gozar da vila mariñeira e artística de Sitges.

Lito Caramés

EXPOSICIÓN: Ramon Casas. La Modernitat Anhelada
Museu Maricel – Sitges
ata o 19 de febreiro de 2017

Sobre o autor / a autora

Lito Caramés

Lito Caramés

(Galiza-Catalunha) Nado en Caroi, Cotobade, en 1949. Profesor de Ensino Secundario, e de Cultura e Lingua Galegas (Proxecto Galauda). Autor do libro de relatos "E agora pasa un tren" (Biblos) e coautor de traballos de historia e antropoloxía: "América, América" (Roure), "Galicia a lo claro" (Popular), "El Islam en las Aulas" (Icària), entre outros. Membro de Furafollas Agrupación Teatral.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *