Cuarteto celestial (conto de inverno)

Cuarteto celestial (conto de inverno)

0 comentários 🕔10:00, 30.Jan 2017

Por decembro chegaron os músicos cos seus instrumentos de corda e vento.

Eran moi novos. Tocaban entusiasmados, sen apenas descansar. E, aínda que no parecer de algúns, algo desafinaban, a maioría non se apercibiu ou non lle deron importancia. O mellor era a alegría que trouxeron consigo. As veciñas e veciños ao escoitalos sentiron que dos seus dous violíns, violonchelo e frauta doce de madeira antiga, entre chiscos de complicidade, tras de cada nota, xurdían bolboretas acariciantes, sorrisos infinitos e paxaros cantores.

En chegando o cuarteto á cidade, sorprendéronse todos, pois ninguén era quen de saber por que rutas viñeran, por que medios ou que camiños. Xurdiran sen máis… En medio da neve. Como aparecidos… Un feliz misterio, pois en oíndoos, a xente esqueceu rutinas e preocupacións; a dureza do clima e do asfalto gris cuberto de xeo que pisaban e a voz indecisa das fontes que por alí había. E seguindo cos pés o ritmo das melodías, cantaruxaban de puro contento, pois entenderon que estaban alí para alegrarlles os días.

Malia o moito frío, todo era unha festa.

Tocaban os clásicos en prazas e rúas con grande alborozo. Tanto e tan ben no parecer de moitos, que de común acordo, os veciños, deron en chamalos “O Cuarteto Celestial”.

No medio dos músicos, apareceu un tipo que se proclamou ruso. Un solitario, que interpretaba célebres arias de ópera pola súa conta. Ás veces daba uns rexistros sensacionais… Home robusto de mediana idade, meixelas coloradas, vestía un anticuado uniforme militar e un gorro estepario. Co mirar acuoso e azul, tiña as características dos bos bebedores de vodka. Resumindo: era un simpático, educado e nostálxico consumidor de alcohol, que se dedicaba a expresar, cando estaba sereno, para contento xeral, canto de bo levaba nos adentros.

De non ser polo moito que lles gustaban as lambonadas, o chocolate con churros e polas roupas que vestían os do cuarteto: pantalóns vaqueiros rotos e camisas a cadros rechamantes; cabeleiras alborotadas e sorrisos pícaros, tomaríanos por catro anxos descendidos da Gloria para interpretar música celestial. (Iso si. Desafinando moi lixeiramente, segundo os máis virtuosos).

De onde viñan? Trouxéraos un refoleo de vento? Era posible… Nas datas de Nadal, todo o mundo é proclive ás fantasías. Saber a súa procedencia foi todo un enigma, que calou nos oíntes, máis que as propias melodías.

- De onde vides? Como vos chamades? –Preguntaban.

Nada. Ningún respondía. O cuarteto limitábase a tocar con máis brío. E o ruso, todo sentimento, metido polo medio, veña a cantar, poderoso, bébedo e humano, suxeitando precavido, o peito cunha man… Moitos pensaron que pode que o fixese para impedir que o músculo cardíaco, nun daqueles cantos maxistrais, se lle escapase pola boca, estoupase no aire, bañándoos a todos co seu contido…

Chovía a xerros… E os bos veciños comezaron a preocuparse polos xuvenís músicos. Coa que estaba caendo!! Xuntos saíron a rúa, armados de paraugas, coa intención de protexelos do ballón xeado e invitalos ás súas casas.

Onde se meteran?

Buscáronos ansiosos… Por fin! Mais non o podían crer… O “Cuarteto Celestial”, sen deixar de tocar, portando brancas e plumíferas ás, ascendía tan campante cara arriba, remontando o vértice da choiva.

O ruso quedara en terra. E, coa súa mellor voz, os ollos líquidos e as meixelas moradas, malia estar colocado, cantáballes, poderoso e humano, unha sentida aria de despedida.

Sobre o autor / a autora

Chelo Suárez

Chelo Suárez

O mellor don con que fun bendicida ao nacer foi cunha sede infinita de libros. O gusto por respiralos e lelos, tan pronto aprendín a ler. Poeta e narradora, dedícome a crear universos que conxugan o realismo e a maxia.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *