Clase maxistral do fotógrafo Manuel Outumuro no Palau Robert

0 comentários 🕔10:00, 02.Fev 2017

Oitenta retratos de persoas relacionadas con Barcelona e un fotógrafo delicado e preciso, o resultado: un paseo polos cumes da arte fotográfica. Manuel Outumuro volve revelarse como o xamán da beleza que crea a través da pequena fiestra da máquina de retratar. O fotógrafo acompañado polo Álbum Familiar.

Lito Caramés

Manuel Outumuro, artesán das mellores imaxes
Teño que dicirvos que non son fotógrafo por vocación. Cheguei á fotografía un pouco por casualidade. A miña formación é de deseñador gráfico. Nos comezos pouco sabía das técnicas e de cámaras. Levaba anos, iso si, indicando aos fotógrafos como quería a foto, vixiando desde a maquillaxe e a indumentaria até o mobiliario. Facíalles apuntamentos de planos, de elementos. Só faltaba o detalle final: pórme por tras da cámara… e disparar. Un día non puido vir o fotógrafo e disparei eu (Manuel Outumuro).
Venres, día 20 de xaneiro de 2017. Palau Robert, 16 horas. Manuel Outumuro comeza a visita guiada para o alumnado dunha escola de fotografía á súa exposición Outumuro. BCN. Retrats. A exposición xa leva uns meses no Palau Robert con grande éxito de asistencia. O fotógrafo percorre as cinco salas da mostra confesando os seus xeitos de traballar, as súas filias e fobias. Mirando os resultados das sesións fotográficas que tivo coas 80 persoas que agora se ven retratadas nas paredes do Palau Robert, afirma que non é fotógrafo do instante roubado (ou instante decisivo, termo de gran fortuna no mundo da fotografía, acuñado polo mestre Henri Cartier-Bresson), senón máis ben o contrario; precisa dos seus tempos e preparativos para lograr a fotografía que busca. Buscar a beleza, atopar a poética visual. Dos oitenta retratos de persoas ben coñecidas de Barcelona e escolmados para esta exposición temporal, só dous foron froito de certa improvisación (comenta). Un é o de Pau Gasol, que chegou ao estudo dicindo que tiña cinco minutos para a sesión (algo contrario ao quefacer de Outumuro), refrescouse un pouco, agarrou unha pelota de baloncesto e… retrato feito! O outro foi o de Rosa Regàs: o fotógrafo díxolle que exhibise ese sorriso especial que ten, disparou, e esa foi a fotografía escollida. O resto xa foron froito dun proceso máis longo, e máis acompañado. Neste vídeo vese o fotógrafo diante dos seus retratos, e unha panorámica da exposición Outumuro. BCN. Retrats.
Tamén responde a preguntas. A unha delas contestou que nunha sesión fotográfica pode estar rodeado dunhas 12 ou 14 persoas. Quizais demasiadas, mormente se interfiren no traballo do creador de imaxes. Manuel Outumuro fixo moita fotografía analóxica, e custoulle pasar á tecnoloxía dixital. Agora, en troques, recoñece que o mundo dixital é máis rápido e oferta a posibilidade de retoques con moita máis facilidade do que era doado antes. A tecnoloxía dixital permite máis rapidez, máis precisión e máis depuración. Na era analóxica os retoques tamén se facían –comenta Outumuro– pero eran máis custosos e tiñan que facerse directamente sobre o negativo, con punzóns ou minipinceis. E a dificultade do transporte; en calquera momento podíase velar un carrete. Pero tamén, ás vantaxes do dixital contrapóñense algúns inconvenientes para o profesional: Cando facías unha fotografía analóxica, disparabas e o resultado era o que estaba alí no negativo; había que esperar a revelar (desexando que os líquidos estivesen ben, etc.). Pero agora, disparas e xa tes un coro de xente darredor que quere ver o resultado. Queren ver o resultado para opinar, para poñer algunha pega (a perfección é moi difícil), para propor que se repita a instantánea. A liberdade creativa é outra das vítimas dos avances tecnolóxicos. Con todo o fotógrafo radicado en Barcelona e amigo de Toni Catany (o pescador de imaxes), afirma con certa nostalxia que a el teríalle gustado ser fotógrafo das grandes divas de Hollywood: aqueles anos das fotografías analóxicas onde as divas sempre estaban divinas.

Outumuro. BCN. Retrats

Outumuro. BCN. Retrats.

Outumuro. Silvia Pérez Cruz. 2015

Outumuro. Silvia Pérez Cruz, 2015

Outumuro. BCN. Retrats. Retratos con xenerosidade
Busco a beleza, iso é o que realmente me motiva. Pero para descubrila cómpre que a persoa retratada non se sinta xulgada. E esta é unha parte importante do noso traballo, porque diante dunha cámara é difícil non sentirse agredido, non percibir o outro como un inimigo que nos apunta cunha arma. Por iso se fala de disparar (M. Outumuro).
A exposición Outumuro. BCN. Retrats xorde da proposta que lle fai a entón directora do Palau Robert, Carme Cañadell, a Manuel Outumuro: ja que fa una anys vas tenir una exposició de la teva obra de moda, ara toca fer una dels teus retrats. Meu dito, meu feito. Outumuro chega ao Palau Robert coa súa carga de retratos: máis de 500. Segundo comenta na visita o propio fotógrafo, o difícil foi que escolma facer: é imposible tanto material exhibilo en salas de reducida capacidade. Despois de darlle moitas voltas e usar diversos criterios de selección, chegouse á conclusión de que os retratos de persoas que teñen relación directa coa vila de Barcelona eran un bo criterio e suficiente cantidade de obra para os espazos de que dispón o Palau Robert. Aínda así Outumuro quéixase de que houbo que facer copias dun tamaño menor do que el quixese para que entrasen os 80 retratos; só uns poucos teñen a dimensión que el pretendía que tivesen todos. Case todas as copias de Outumuro. BCN. Retrats (58 en concreto) teñen 60×70 cm., uns poucos entre 70 e 90 cm., e só 8 alcanzan a dimensión de 150×180 cm.
Seguindo coas explicacións a estudantes de fotografía, Outumuro define os seus retratos pausados como o resultado dun proceso. Antes de retratar unha persoa procura saber que cousas lle agradan; así, ao comezo da sesión axuda á distensión se a/o personaxe se anima a explicar as súas afeccións. Todo pola comodidade do retratado; en favor da serenidade renacentista, da tensión dramática tan barroca que logra insuflar nas faces dalgúns dos retratados. Eu non quero ser como Diana Arbus –declara–. Non quero que a persoa que se somete á sesión de fotografía sufra; prefiro o lado amable de cadaquén. E, cun vocabulario próximo e ledo, comenta para o alumnado que Diana Arbus cabreaba ás persoas que ía retratar, para que na instantánea se mostrase parte do interior do retratado; o lado frustrado e fracasado que ela sabía que toda persoa agocha contra invasións externas. Conta Outumuro que a Mae West cabreouna tanto que xa non fixo a sesión fotográfica, e foise; pero Diana xa fixera unha instantánea, que publicou (sen permiso), e Mae West denunciouna.
Para axudar á comodidade da persoa a retratar, para contribuír con xenerosidade a que o resultado final sexa magnífico, Outumuro utiliza en bastantes ocasións o xogo de pedirlle a quen está sendo retratado que xogue coa referencia dos Tres Monos, tamén coñecidos como os tres monos sabios ou místicos: os micos que se tapan os ollos, a boca e as orellas. E seica funciona: despois de romper a tensión co xogo de taparse, a persoa que está sendo apuntada cunha cámara e a punto de que lle disparen móstrase máis natural. (Algo similar xa fixo Philippe Halsman coa súa técnica do Jumpology, consistente en pedir ás personalidades que viñan ao seu estudo que saltasen. Cando saltan –afirmaba Halsman– cáeselles a máscara). Por iso agora hai algúns retratos no Palau Robert que teñen un ollo tapado por unha man, un libro ou similar. Outros que tamén teñen os ollos tapados obedecen a outra causa. Por un problema de vista que tivo Manuel Outumuro coñeceu ao oculista Borja Corcóstegui, que creou a Fundación Ulls del Món coa finalidade de mellorar a saúde visual das persoas e formar equipos de profesionais para tal fin, en calquera continente. E Outumuro pediu a moitos dos retratados que fixesen unha das fotografías cun ollo tapado co gallo de elaborar unha galería de retratados e con ela contribuír á achega de medios económicos para Ulls del Món.

Outumuro. Carme Elias. 2014

Outumuro, Carme Elias, 2014

Outumuro. Quim Gutierrez, 2011 (como deus Ares de Velázquez)

Outumuro. Quim Gutierrez, 2011 (como deus Marte de Velázquez)

Manuel Outumuro Conde
Teño boas lembranzas de cando traballei para a revista ‘Por Favor’. Era o benxamín e así me chamaban Vázquez Montalbán, Marsé e o Perich. Deseños de urxencia, portadas, visitas á comisaría para declarar sobre tal ou cal viñeta. Daquela tamén publicaba unha tira gráfica n’A Región de Ourense (M. Outumuro).
Manuel Outumuro (A Merca, 1949) estudou nos Maristas de Ourense, mentres os pais traballaban en Venezuela. Logo veu cursar os anos de Deseño Gráfico na Escola Massana de Barcelona. Nos anos 80 decidiu irse a New York, para ampliar horizontes e opcións vitais. E alí tamén se atopou co Álbum Familiar: se non estudas vas ir picar ao subway. O avó de Manuel estivera traballando en New York na construción do metro. Logo, xa na aldea ourensá, cando se cabreaba co neto soltáballe o que para el era unha condena: se non estudas vas ir picar ao subway. E nos seus anos infantís, subway foi a primeira verba que o rapaz Manuel coñeceu da lingua inglesa.
Á volta de New York, cando xa tiña o seu estudo en marcha e funcionando perfectamente, foi cando deu o salto á fotografía profesional. Actualmente desde o seu estudio, sito no Palau Palmerola, crea a imaxe de moitas marcas e casas comerciais e é colaborador habitual de revistas como Vogue, Elle, Zest ou Marie Claire, e os seus traballos aparecen asiduamente nos xornais El País, La Vanguardia ou El Mundo. Ten recibido, entre outras distincións, os Premios Lux da Asociación de Fotógrafos Profesionais, diversos Laus de Ouro, e o Premio Ari como mellor fotógrafo do 2002, outorgado pola Asociación de Editores de Revistas de Información.
A finais de 2009 e comezos de 2010, Manuel Outumuro presentou en Barcelona unha extraordinaria exposición dos seus traballos de moda: Outumuro. Looks. Vint anys fotografiant moda, no que antes era o Museu del Disseny (no pazo Marquesos de Llió, un dos pazos da burguesía baixomedieval barcelonesa). Alí púidose contemplar unha escolma de 230 instantáneas, feitas ao longo de 20 anos de traballo para as mellores casas e revistas de moda (Marie Claire, Elle, Vogue, Fotogramas). Aquela ocasión permitiulle a Outumuro revisitar obra propia de anos antes, e revisala; e de comprobar como cambian as preferencias e a visión do profesional, pois vinte anos despois el tería escollido –nalgúns dos casos– outra fotografía, e non a que lle mandou ao cliente daquela. Como complemento da magna mostra, Isabel Coixet, amiga do retratista, elaborou unha curtametraxe con escenas de filmes que lle agradan ao fotógrafo.
Manuel Outumuro camiña polas salas do Palau Robert –sen deixar de falar ao atento alumnado– coa razón que lle dá saberse herdeiro dos fotógrafos populares que capturaban a vida rural e mais a urbana, que o retrataron a el de cativo; tantos e tantos Vieitez como houbo polas xeografías. Pero tamén coa formación adquirida en escolas profesionais e na escola da vida; no coñecemento de mestres do retrato do século XX.
A preguntas dos asistentes á visita da tarde do venres, Outumuro comenta que as fotografías expostas non están sometidas a moita iluminación, precaución adoptada para que a excesiva claridade non deteriore o B/N ou as cores. Aínda así sinalou un retrato onde el xa observaba os efectos de tantas horas e días de exposición. A argumentación técnica é correcta, pero cómpre recoñecer que retratos en B/N –como o de Eduard Fernández (2013) ou o de Miguel Poveda (2012)– ganan en forza e misterio con pouca iluminación. Haberá que seguir facéndolle caso a Tanizaki que en 1933 publicou o seu xa famoso ensaio Eloxio da Sombra?

Outumuro. Francesc Colomer, 2011 (como Muchacho con pipa, Picasso)

Outumuro. Francesc Colomer, 2011 (como Muchacho con pipa de Picasso)

Outumuro. El Tricicle, 2007

Outumuro. El Tricicle, 2007

65% fotografías de moda, 35%, retratos
Na tarde do venres, Manuel Outumuro díxolle aos futuros profesionais da fotografía que atendían as súas explicacións nas salas do Palau Robert, que busquen o seu propio vieiro, e non se deixen influenciar demasiado, aínda que iso hoxe é complicado. Antes, nos tempos dos carretes, dos líquidos, das ampliadoras, o fotógrafo era un tanto ditador; facía a fotografía e só el sabía o resultado que sairía, e a ninguén o mostraba. Agora, no mundo dixital, a práctica fotográfica é máis democrática. Pero tamén se reciben moitas presións. Se un fotógrafo traballa para unha revista hase someter á liña da revista, e terá sempre o control do director de arte, do representante da/do modelo, etc. É dicir, a liberdade do profesional queda bastante reducida. Dixo tamén que o único medio que el coñece que respecta absolutamente a liberdade dos profesionais é El País. Este xornal non mostra por adiantado ás persoas entrevistadas e/ou retratadas nin os textos nin as fotografías.
Ao longo da tarde o retratista afirma que no seu arquivo, de máis de 10.000 orixinais, un 65% dos traballos son fotografías de moda, e o restante 35% son retratos, como os que se poden ver agora en Outumuro. BCN. Retrats. E de todas as persoas fotografadas calcula que a metade son, posiblemente, persoas relacionadas directamente co cine: Desde o ano 1995 ata hoxe teño no meu arquivo toda a historia do cine español, comenta.
Preguntado tamén por técnicas, declara que el prefire a fotografía en branco e negro, e preguntado pola razón, solta con naturalidade: porque a pel sae máis limpa. Por iso e máis porque o B/N permite xogos de luz e sombra especiais, intensidades dramáticas e plásticas que non dá a policromía. Tamén recoñeceu ao autor desta crónica que a súa preferencia polo B/N pode vir de referencias de infancia: influencias do Álbum Familiar. As fotografías que unha vez ao ano mandaban os pais desde Venezuela eran en B/N, as que lle facían a el para mandar para o país caribeño eran tamén en B/N. Daquela a vida era en B/N. O franquismo axudou moito a tinguir as existencias de grises. A continuación engade que quizais tamén lle poden estar transmitindo predileccións polas escalas de grises as clases de debuxo ao natural, con lapis carbón, que fixo nos anos de formación na Escola Massana.

Manuel Outumuro

Manuel Outumuro

80 retratos. Xogos coa pintura, coa escultura
Vestido completamente de negro (como saído dunha das súas instantáneas en B/N) Manuel Outumuro pasea a súa figura de asceta pertencente a algunha sociedade zen, ou mesmo monxe de orde rigorosa na observancia das regras e abstinencias. Asceta, se non fose que por tras dos seus ollos lizgairos corre un caudaloso rego de retranca que de rapaz aprendeu n’A Merca. Outumuro ambiciona apelar á inventiva do visitante e transportalo ao país da imaxe cinemática; a outra realidade que excede as texturas dos obxectos captados pola pequena fiestra da cámara de retratar. Os seus retratos –como as fotografías de moda– acaban semellando en tres dimensións, e ser donos da potencia suficiente para inventar unha atmosfera interior, suxerida, que fai chiscadelas co filme Fa yeung nin wa (Desexando amar, 2000), de Wong Kar-Wai, onde por certo sitúa o retrato de Ariadna Gil.
Namorado da pintura, é quen de xogar cos grandes mestres universais para describir a luz (que iso significa fotografía), para xogar co espazo que cabe na cativa fiestra da máquina de retratar, o velado espazo onde as tebras esculpen volumes de luz sobre mármores de sombra. Precisamente, hai uns anos elaborou a serie El Arte Fotografiado, para El País Semanal. Nela rende homenaxe a mestres como Velázquez, Caravaggio, Rembrandt, Picasso, Durero, etc. Como amante da pintura e da escultura afirma con franqueza: Gústame observar e propor maquillaxes, porque algo teñen que ver coa pintura; e interésanme os peiteados porque son xeitos de escultura. Outumuro, artista total. Da serie El Arte Fotografiado hai na exposición Outumuro. BCN. Retrats algúns dos retratos. Na visita comentada explicou que para conseguir a verosimilitude no caso do Autorretrato de Durero (Jan Cornet, 2011) e máis no Muchacho con pipa, de Picasso (Francesc Colomer, 2011), encargou que pintasen os fondos a man, para logo poder situar a figura en primeiro plano e así lograr a fidelidade ao orixinal. Haberá nestes casos tamén outro encontro co Álbum Familiar? O fotógrafo d’A Merca lembra perfectamente, coa mente analítica e fotográfica que o caracteriza, as escenografías exóticas que os fotógrafos aos que ía de rapaz para facerse un retrato lle puñan por tras, para así engalanar e contextualizar (ou descontextualizar?) a figura do mozo do rural galego. O mesmo lembra das que mandaban os seus pais de volta. Por iso, esa fiestra no caso da peza de Durero, esa tea con grandes flores, no caso da de Picasso, non transportarán a imaxinación do Outumuro á infancia?
Ata finais de febreiro as salas do Palau Robert están abertas para o gozo dos traballos de Manuel Outumuro. 80 retratos doutras tantas persoas moi relacionadas con Barcelona. Algúns dos retratos son primeiros planos, coa forza do B/N, outros son máis plano americano, e aínda hai outros que inclúen certa escenificación. A escolma ofrece un amplo abano de profesións. Hai actrices e actores como Carme Elias, Eduard Fernández ou Lluís Homar, e tamén significados escritores como Rosa Regàs, o premio Cervantes Eduardo Mendoza ou o enigmático Enrique Vila-Matas. Tamén se deixaron retratar outros fotógrafos como Leopoldo Pomés, Pilar Aymerich ou Colita, a cronista gráfica da Gauche Divine da Barcelona dos anos 60. Non falta a recreación picassiana do cociñeiro Ferran Adrià, ou a presencia de Risto Mejide, con gafas. O futbolista Xavi Hernández fai malabarismos cun balón cravado na cabeza, e Pau Gasol abraza o seu instrumento de traballo. Os compoñentes do Tricicle tápanse un ollo, uns a os outros, sen que se poida saber que maxia permite a aparición doutra man pola esquerda do retrato. Por suposto –non podía ser doutro xeito– pasaron polo estudo do Palau Palmerola modelos como Martina Klein, Verónica Blume ou Judit Mascó. A este respecto Manuel Outumuro fixo a precisión ante o estudantado mixto de fotografía de que a profesión de modelo é unha anomalía na sociedade machista na que vivimos: é a única na que se paga bastante máis ás mulleres ca os homes. Se as modelos ganan dez, eles, os homes, ganan tres.
Xa cara o final do percorrido polas salas do Palau Robert, Manuel Outumuro dirixiu unhas verbas directamente ao estudantado na súa condición de aprendentes. Díxolles que el estudou na Massana, e que lle parecía que as cousas que lle querían aprender non lle servían para nada. En cambio agora –pasados os anos–, cando mira polo obxectivo e lle di aos axudantes: retirade un pouco a cortina, movede para a esquerda a butaca, lembra a súa profesora de composición. E por iso lles di que aproveiten todas as cousas que agora teñen que estudar, sempre lles poderán ser útiles; aínda non saben cando nin de que xeito, pero poida que lles sirvan Un bo consello para calquera grupo humano, de calquera idade. A recomendación dun mestre.

A fotografía, esa esquecida
A Manuel Outumuro preocúpalle que pode pasar co seu arquivo de máis de 10.000 orixinais. Gustaríalle chegar a un acordo con algunha institución para que a súa obra permanecese xunta e nas mellores condicións moito tempo. Pero ten moitas dúbidas. En España non hai un Museo da Fotografía; debe ser dos poucos estados que non ten. Xa o ten falado con Publio López Mondéjar, membro da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, a persoa que máis sabe de fotografía deste país, e autor de moitos libros sobre a historia da fotografía en España. Esa eiva –ausencia dunha institución pública que recolla a fotografía– débese ao pouco interese que esta arte esperta en autoridades e académicos. Son moitas as persoas profesionais da fotografía que están en situacións similares.
Pero en Cataluña –segundo se queixa Outumuro– é igual ou peor. Tampouco hai un lugar que albergue a fotografía. Hai algo de fdotografía (por exemplo os fondos de Joan Colom) no Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC), hai un Arxiu Fotogràfic de Barcelona (AFB), pero non acaban de recoller os traballos dos artistas. Outumuro aínda se preocupa máis sabendo que fotógrafas como Colita, a gran cronista da Gauche Divine barcelonesa dos anos 60 e 70 e a depositaria de boa parte da historia do flamenco, non sabe onde nin a quen deixar os seus arquivos, dun alto valor histórico e testemuñal. A fotógrafa Colita expón estes días na Alhambra de Granada as súas imaxes sobre flamenco: Colita. Flamenco. El viaje sin fin. E continúa as súas pescudas sobre as fotógrafas pioneiras.
A fotografía está realmente tan maltratada?

Lito Caramés

EXPOSICIÓN: Outumuro. BCN. Retrats
Palau Robert
ata o 26 de febreiro de 2017

Sobre o autor / a autora

Lito Caramés

Lito Caramés

(Galiza-Catalunha) Nado en Caroi, Cotobade, en 1949. Profesor de Ensino Secundario, e de Cultura e Lingua Galegas (Proxecto Galauda). Autor do libro de relatos "E agora pasa un tren" (Biblos) e coautor de traballos de historia e antropoloxía: "América, América" (Roure), "Galicia a lo claro" (Popular), "El Islam en las Aulas" (Icària), entre outros. Membro de Furafollas Agrupación Teatral.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *