Céline en camisa parda ou o mal do presente, por H-E Kaminski (II)

Céline en camisa parda ou o mal do presente, por H-E Kaminski (II)

0 comentários 🕔09:00, 06.Fev 2017

CÉLINE EN CAMISA PARDA OU O MAL DO PRESENTE

Hanns-Erich Kaminski

Presentación, tradución e notas: Xesús González Gómez

NOTA: A primeira parte pode verse aquí.

Segunda parte

IV

Para rir a cachón

Eu ronco por principio.
Céline

No novo libro de Céline non hai ningunha acción. Bagatelles pour un massacre non é máis que unha morea de improperios, de ofensas, de inxurias, de acusacións mentireiras e de afirmacións gratuítas, escrito coa escuma na boca, nun delirio sen matices, sen variacións, repugnante tanto no espírito como na lingua. Durante 379 páxinas o autor repítese sen cesar, sen crescendo nin diminuendo, e esa cacofonía rancorosa e vaidosa só é interrompida por tres libretos de ballets banais e sentimentais.
Céline ataca as cruzadas, os cruzados, Radek, Victor Serge, Poincaré, Litvinoff, Trotski (sempre en conivencia con Stalin), Kerenski, o presidente Lebrun, Clemenceau, Roosevelt, Douglas Fairbanks, Stalin, William Powell, Chaplin, Léon Blum («Bloum-Karfounkelstein, o Búlgaro»), os fabricantes de films Hayes e Zukkor, Cézanne, Picasso, os Marx Brothers, Gide, Millerand, a Cámara dos Lores (enteiramente xudía), Montaigne, Einstein, Maupassant, a duquesa de Windsor, Henry Bernstein, Ribot, Viviani, o Negus, Wall Street, Bergson, a SDN (6), Édouard Hesley, Levitan (7), Stendhal, Cassou, os rusos (non soamente os xudeus e os bolxeviques, senón o pobo enteiro), Proust, a Cidade de Londres, Maurois, os fabricantes de alcol, os pederastas, Madame Curie, os funcionarios, a Comedia Francesa, Checoslovaquia, Benda, os compositores (todos xudeus), o proletariado, o naturalismo, os francmasóns, a delicadeza, o progreso, Luis XIV, o capitán Dreyfus, os membros da Academia Goncourt (el non recibiu o premio Goncourt), Lenin, Zola, o ministro inglés Hoare Belisha, os banqueiros americanos: Morgenthau, Baruch, Loeb, Warbog, os viticultores, o surrealismo, Sacha Guitry, as mulleres («sempre cadelas e traidoras-natas»), J.R. Bloch, a TSF (8), o Komintern, Masaryk, Colette, o proletariado francés, o duque de Windsor, a música moderna, Vicki Baum, os directores de teatro, Racine («un cuarto de xudeu»), a aristocracia, o proletariado internacional, Hollywood, Roger Martin du Gard, o R. P. Dieux, os xornais (de esquerda e de dereita), o deporte, a democracia, o Sul («Charlatán, chupón e vaidoso»), a lingua inglesa, Anatole France, os autores de cinema, Mademoiselle Tchernoff, a Universidade de Oxford, Karl Marx (idéntico a Rothschild), a burguesía francesa, Emil Ldwing, Tardieu, Musset, Henri IV, as trade unions inglesas, Yves Gandon, o Renacemento, todos os escritores burgueses, todos os escritores proletarios, os negros, o xeneral Mordacq, Paul Bourget, Princip (o asasino de Saraievo), os vicerreis das Indias, Alain, Benès, Paris-Soir, a Paramount, o ano 1630, o amor («a palabra máis fedorenta, obscena, viscosa, do dicionario»), Duhamel, o servizo de correos, o Dr. Temple (arcebispo anglicano de Nova York), Mauriac, os romanos, Henri Bordeaux, o médico xeneral Worns (?), as escritoras, os music-halls, a Unión Universal pola Paz, a Reforma, Paul Valéry, Kaganovicth, as librarías, Marivaux, Giradoux, os xoieiros, a Frente Popular, o Intelligence Service, Jules Romains, os servizos de recrutamento do Sena, Lloyd George, Theuriet, o patriotismo, os banqueiros de Nova York Schiff e Hanauer, Chesterton, os profesores de Facultade, o cinema, René Bazin, Dos Passos, de la Rocque, a sensibilidade, a alta costura, Lawrence (pornógrafo falido), a policía, a cosmética, Huxley, Wells, Shaw, Nápoles, Descartes, a Casa da Cultura, París, o protestantismo, Carco, a película A grande ilusión, os Estados Unidos, a palabra «corazón» (tan inmunda como o amor), Paul Perrin, Sinclair Lewis, todos os franceses saídos dun liceo, o freudismo, Kay Hardy, Virginia Woolf, Cocteau, os consellos de guerra, Léon Bramson (presidente dunha obra xudía), o xurado do premio Fémina, a CGT, os peleteiros, os reis de Francia (de nariz dubidoso), Louis Jouvet, a Exposición do 37, a Academia Francesa, Alexandre Korda, Eddie Cantor, o odio dos prexuízos nacionais, a Escola de Belas Artes, Xulio César, Oscar Wilde, Mandel, o papa, o asunto Prince (só xudeus por ambos lados), o clero, sir Basil Zaharoff, os granxeiros, Faulkner, o humano, Rothschild (idéntico a Karl Marx), Verneuil, Achard, Deval, a nobreza francesa («verdadeiro refuxio dos xudeus a través das idades»), o autor de Chat-qui-pêche, os teatros, a condesa de Noailles, os consellos de administracións, o urbanismo, os autores ingleses e americanos (todos iguais e de gran tiraxe), Clément Vautel, o pobo inglés, os Sabios de Sión, etc… etc.
Ignora ou só fala en termos insignificantes de James Joyce (o seu pai literario), Mussolini, Doriot, de Wendel, dos editores, dos árabes, e de todo o que toca de preto ou de lonxe o fascismo ou o nacional-socialismo.
Loa a Napoleón (derrubado polos xudeus por facer «a suprema tentativa de unificación aria de Europa»), Paul Morand, Élie Faure (9) (aínda que francmasón e medio hebreo), Claude Farrère, Georges Simenon, Marcel Aymé, Léon Daudet (en parte soamente, porque ten orixes xudías, mais non obstante home de valor, que publicou a primeira crítica favorábel a Voyage au bout de la nuit), Eugène Dabit, Lenôtre (ambos mortos e sen defensa), Mac Orlan, Malraux (que dirán?), os países escandinavos, Irlanda.
Mais a única persoa que admira francamente, sen restricións, sen reserva, é a el mesmo, Louis-Ferdinand Céline. Posúe todo: boas orixes arias (pai flamengo, nai bretoa), a medalla militar, emotividade, un estilo magnífico, unha pornografía científica, coñecementos ilimitados, unha experiencia universal, as opinións mellor estabelecidas, xenio, humor, valor. Nunca a dúbida, esa dúbida que é a sombra do espírito, aflora neste intelectual. Mais cando fala dos sufrimentos do seu pasado, faino como todo arribista, a gabarse do camiño que percorreu, dos cartos que gañou, sen unha ollada de simpatía ou de compaixón para os compañeiros que deixou no camiño.
É o obreiro convertido en patrón, duro e sen piedade para a masa da que saíu. De lle facer caso, non tivo mestres que o animasen, un avó que o axudase. Todos os que o amaron, todos os que foron bos para el, de todos renega; e cando estivo na SDN non foi por recomendación, senón «polas circunstancias da vida»; e cando tiña que facer, pagado pola princesa, viaxes polo mundo, só era fatigante e desagradábel. Todas as censuras son para os outros. Todo recoñecemento para si mesmo. Céline está satisfeito de Céline. Áchase perfecto.

V

Ao servizo de Hitler

Eu quixera aliarme con Hitler. Por que non? Nada ten contra os bretóns, contra os flamengos… Nada de nada. Soamente falou sobre os xudeus.
Céline

Pódese estar inclinado a considerar o caso Céline como un caso de loucura que non supera un problema de crítica literaria. Mais, «se é loucura, ten método», como di Hamlet. O método dos nazis!
A enumeración do que ataca e defende semella, a primeira vista, simplemente grotesca. Examinada de preto, esta lista revela no entanto unha neta liña de conduta, un sentido determinado, un fin preciso, en suma, unha política. A política dos nazis!
Os seus improperios teñen tres obxectos principais:
1º Os críticos, os compositores, os médicos concorrentes, así como os autores que teñen máis éxito e gañan máis.
2º Todo o que representa a civilización occidental, a razón, o espírito, a dúbida, o sentido crítico, a cultura, o desexo de liberdade, o ideal de tolerancia e de solidariedade.
3º Os xudeus e os «xudaizantes», fórmula espectacular para personalizar un inimigo abstracto e para xustificar a salvación do mundo polo nacional-socialismo.
Empurrado polo resentimento e o rancor, Céline partiu en guerra contra o primeiro grupo. Na procura de apoios, caeu en mans dos nazis. É o seu exemplo o que o empurrou contra os dous outros grupos. Son as súas armas as que emprega. É os seus desexos a quen serve.
O nazis non se contentan co poder en Alemaña. Queren chegar á hexemonía mundial, velaí porque lles é necesario vencer toda resistencia espiritual, derrubando todos os valores adquiridos. Falan de Goethe ou de Descartes, de Racine ou do libre arbitrio, mais apuntan á liberdade de pensamento. Gábanse de instinto, de emotividade e de fe mística, mais o seu obxectivo é a ditadura. Invocan a supremacía racial, mais pensan nas conquistas territoriais.
É verdade que Céline non se gaba de conquistas militares, tan queridas aos seus amigos. Os nazis non teñen ningún interese en llas predicaren aos lectores franceses.
E o antisemitismo? Seguramente son antisemitas e Céline éo con eles. É no entanto curioso observar quen son os xudeus que se fan atacar por Céline, despois de reducir ao nada os xudeus alemáns. Son xudeus ou «xudaizantes» primeiramente os países que queren anexionar ou colonizar: a Rusia nacional-comunista de tendencia gran rusa e antisemita, así como a Checoslovaquia demócrata. Logo os pobos e as forzas que os incomodan: a Francia da Frente Popular, a Inglaterra dos conservadores, os Estados Unidos de Roosevelt (en loita con Wall Street), e sobre todo os movementos obreiros.
Por que Céline ataca só Checoslovaquia e non os outros países da Pequena Entente? Porque os nazis non teñen pretensións sobre eles e esperan con eles aliarse. Por que non fala de Ford, onde traballou? Porque Ford é fascista. Por que non menciona o dominio da «xudaría» en Italia onde, até nova orde, non hai lexislación racista? Porque Mussolini é aliado de Hitler. Por que non di nada dos árabes? Porque os árabes, aínda que semitas, están contra os xudeus e porque se conta con eles en Roma e en Berlín. Por que non fai ningunha alusión aos pobos de América Central e de América do Sur, todos «mestizos» e en gran parte baixo a influencia do capitalismo norteamericano, xudeu, xa que logo? Porque a maior parte destes Estados viven baixo ditadores, amigos dos fascismos alemán e italiano. Por que proclama o seu amor polos países escandinavos, socialistas e inimigos do racismo? Porque os nazis os consideran neutrais, fornecedores de víveres e de materias primas. Por que ama Irlanda? Porque Hitler conta retomar as relacións que o grande estado maior alemán tivo cos sinn-feiners durante a última guerra… Se non se trata máis que de resentimentos e de odios individuais, eses sentimentos están moi ben pesados e calculados.
Céline incluso non se viu obrigado a facer traballar a súa fantasía. Fornecéuselle toda a documentación. El, simplemente, traduciuna á súa linguaxe.
«O xudeu é un negro, a raza semita non existe, é unha invención de francmasón, o xudeu non é máis que o produto do cruzamento de negros e de bárbaros asiáticos».
«Estabelecidos, emigrados, a saquear, impostores, baixo os nosos ceos, desterrados, desequilibrados, imitan as nosas reaccións, xesticulan, raciocinan, encúan mil e mil veces a mosca antes de comezar a comprenderen vagamente o que un Ario non demasiado embrutecido, non demasiado alcohólico, non demasiado aviñado, apaña ao voo, de golpe, en vinte segundos… emotivamente, silenciosamente, impecabelmente».
«O xudeu que viola ou corrompe unha muller non xudía e mesma a mata debe ser absolto en xustiza, porque só fixo mal a unha égoa» (cita falsificada do Talmud).
«O ario, tan simple, tan frustrado, o xudeu converteuno en snob, e autoproclamándose crítico, organiza a denigración, a desconfianza cara aos seus irmáns de raza, a destrución dos seus irmáns de raza automaticamente e nunca “a crítica” da fantasmagoría xudía».
«Os sentimentos máis nobres, os máis puros e sen dúbida os máis preciosos ás sociedades humanas… piedade, afecto, amizade, lealdade, estima, escrúpulos de autenticidade, verdade, confianza, foron no curso dos anos, por todos os xudeus, moitas veces ridiculizados, atropelados, especulados, burlados, violados, vendidos, revendidos de mil maneiras, que perderon todo curso, todo valor, todo crédito de cambio».
Eu amo moito as palabras «piedade, escrúpulos de autenticidade, verdade», na boca dun home que non se preocupa da autenticidade de ningunha cita, da verdade de ningunha referencia e que falsifica conscientemente feitos, datos, cifras e pasaxes enteiras das súas pretendidas lecturas. Nalgures, di el mesmo no curso dunha longa enumeración: «Divago». Divaga, por tanto, con probas na man e todas esas probas son falsas. Non son mentiras xerais e vagas; son pormenorizadas, relacionadas á realidade, algunha veces conteñen unha miga de verosimilitude… é preciso recoñecer que os mestres de Céline teñen unha grande experiencia na arte das falsificacións.
Mesmo aquel que só ten vagas nocións sobre as publicacións escurantistas promovidas ao rango de literatura de Estado en Alemaña, encontrará en Bagatelles pour un massacre todos os seus vellos coñecementos. Todo está aquí: os protocolos dos Sabios de Sión, o escaso número de xudeus mortos na guerra, os pequenas xudías compañeiras de xogo da raíña Isabel de Inglaterra, as confesións dos rabinos. Nada falta, desde as cabezas de turco de Goebbels até páxinas escollidas de Streicher (10), repetidas cada semana no seu Stürmer. Mais deamos ao César o que é de César. Toda esta literatura foi importada para Alemaña polo ruso Rosenberg, xefe da oficina cultural nacional-socialista, e por outros rusos brancos. Provén da Okhrana tsarista; ela fomentou e xustificou xa moitos pogroms.
A dependencia de Céline tradúcese até na terminoloxía. «Xudaizante –negroide –medio xudeu –cuarto de xudeu –ario –racial –superbruto». É unha linguaxe técnica. O neo-antisemita non tiña xa necesidade de inventar termos. Non tiña máis que adoptalos, como lle reprocha aos vendedores xudeus de móbeis cos seus cosy-corners.
Mesmo a súa mestura de antisemitismo e de pornografía non é orixinal: Streicher sérvese dela desde hai moito tempo. É certo que Céline empregou sempre as palabras máis crúas, mais era para facer pensar e falar os seus personaxes. Esta vez é o propio autor quen se expresa, sen o artificio dun intermediario. E nunca a súa escatoloxía alcanzou tan algo grao!
Só citarei dous exemplos, escollendo prudentemente entre as frases máis susceptíbeis de seren repetidas.
Falando de Hollywood: «Tráfico das máis belas, das máis desexábeis raparigas arias moi mamonas, moi dóciles ben seleccionadas polos kedives negriños xudeus de Hollywood, os cuíños de arias máis tenros, máis xuvenís e delicados, todo o que hai de mellor no curral, absolutamente primeira colleita, para os grosos velloufos negroides… Tes dezaseis anos e non fas nada? Queres facer carreira… á pixa, rapaza! Abre primeiramente as túas fermosas pernas!».
Esta frase que di escrita por Rachel (outra das súas citas!): «Quixera ser encuada sobre o corpo dun home que acaban de guillotinar». Que fermosa proba da concupiscencia pervertida dos xudeus!
Que as persoas á espreita de emocións sexuais estean non obstante previdas: a pornografía en Bagatelles pour un massacre non é suxestiva. Se está feita para vender, non o consegue. É unha escatoloxía fría, semi-arrabaleira, semi-médica, completamente cerebral, produto dunha depravación enfermiza que axuda a comprender o odio de Céline por Freud.

VI

A sombra das trincheiras

A propaganda non ten como fin examinar obxectivamente a verdade en tanto que é favorábel aos outros.
Hitler

O obxectivo principal da política nacional-socialista é a preparación material da guerra. A denigración sistemática dos inimigos futuros é parte dela. Ao afirmar que eses pobos son dexenerados e de sangue impuro, os nazis demostran que son fáciles de vencer e estas destinados a sufrir a ditadura de Hitler.
Estes inimigos previsíbeis son Rusia, Checoslovaquia, e nun menor grao Inglaterra e os Estados Unidos, e sobre todo Francia.
Escoitade entón a Céline falar de Francia:
«A pesar das aparencias, das fanfurriñadas de Historia, os franceses nunca tiveron o sentido nacional».
«Francia é unha nación femia, sempre pronta a ser mallada».
«Unha magnífica reputación de mamonas, de moi delicadas putas, precede ás francesas por todas as partes».
«Todo francés de raza que toma o poder se sente perdido sen estranxeiros, sen ordes do estranxeiro. Apresúrase axiña a se vender, é a súa primeira preocupación».
«Nunca tivemos rei, presidente de consello, membro da Convención, “Xefe”, que non se vendese cando menos dúas ou tres veces a unha potencia estranxeira. É dicir, en definitiva, á xudaría».
Hai ás veces grandeza na crítica mediante a cal un home ataca a súa patria. Que coincidencia, no entanto, que as acusacións de Céline sexan exactamente as mesmas que as de Mein Kampf e outras publicacións semellantes! Non, Céline non é un moralista que inxuria o seu país porque o ama. É, simplemente, un nazi.
A verdade é que os amos actuais de Alemaña reservan en xeral esta linguaxe para uso interno. Pódese mesmo preguntarse se Céline non transgrediu a consigna para compracelos mellor.
Para uso exterior estes señores son pacifistas. Así, Hitler impide sempre a tradución integra do seu libro ao francés, aínda que nunca modificou as pasaxes odiosas sobre Francia. Polo mesmo, os dirixentes nazis aseguran, en todas as súas manifestacións destinadas ao estranxeiro, que nada aman tanto como a paz, aínda que nos seus discursos e nos seus artigos destinados a Alemaña proclaman sen cesar que o ario é guerreiro por natureza, que a guerra dá un sentido á vida dos homes, e que a morte no campo de batalla é o coroamento do esforzo supremo.
Están sinceramente convencidos de que o pacifismo debilita os pobos. Consideran todo pacifista como un traidor á patria e os campos de concentración están cheos de xente que cometeu o crime de estar contra a guerra. Mais como artigo de exportación o pacifismo parécelles extremadamente útil. É mesmo a trabe mestra da súa propaganda no estranxeiro.
Así din aos franceses: «Sabemos ben que vostedes son pacifistas e teñen razón. Non se deixen arrastrar a unha guerra contra nós! Só a desexan os xudeus e alguén que está disposto a facela é un xudeu».
Eis o sentido máis claro desta frase que Céline puxo como banda do seu libro: «Para rir a cachón nas trincheiras». Noutros termos: «Se algunha vez estades nas trincheiras, sabede que será unicamente a causa dos xudeus».
E aínda máis explícito:
«Que apañe todas Ucranias Hitler! Que as conquiste! E logo aínda Romanía! E os checos! Non teño unha palabriña a dicir… non son defensor dos ghettos… son os xudeus que o provocan… Non é de todo, de todo dos nosos… Mais quixera facer unha alianza con Hitler.»
«E despois, por estarmos colonizados, para dicirvos moi francamente a cousa, non se pode ser máis tempo o que somos hoxe polos xudeus, polos negros, polo máis inmundo aluvión que nunca destilara Oriente».
«Dous millóns de boches (11) acampados nos nosos territorios nunca poderán ser peores, máis destrutores, máis infamantes que todos eses xudeus que nos deitan polos ollos».
«Dígoo francamente, como o penso, prefiro doce Hitlers a un Blum omnipotente».
«Quixera que fose proclamado, para que o pobo sen vértebras chamado francés recobrase un pouco o seu amor propio absolutamente acabado, certo, proclamado universalmente, que unha soa uña do pé podre de non importa que aparvado completamente bébedo ario, enlamado no seu vómito, vale aínda cen mil veces máis e cen mil veces máis aínda e non importa de que maneira, e non importa en que momento, que cento vinte e cinco mil Einsteins, de pé, completamente ateigados de gloria resplandecente».
«Se son necesarias tenreiras na Aventura, que se sangre os xudeus: é a miña opinión! Se me veñen cos seus sarillos, en transo de me impeler sobre as trincheiras, atacareinos a todos e sen ferir, até o derradeiro! É a recíproca do Home!».
«Nós non temos nada a perder… Os boches, cando menos, son brancos».
Mirabeau dicía: «Estou vendido, mais non corrompido». Céline quizais non estea vendido, mais seguramente está corrompido.
O pacifismo é unilateral. Por outra parte, todo o mundo é hoxe pacifista, incluídos actualmente os xenerais. Hitler tamén e Céline con el. Todos están contra a guerra, todos a preparan e todos a farán. En verdade, Céline admite perfectamente a guerra –mais só a feita polos nazis.
Non obstante, imponse unha pregunta: por que todas as guerras teñen como instigadores os xudeus, quen arrastra os alemáns á matanza? Os xudeus? Mais entón, Hitler está tamén dominado polos xudeus? En fin, Céline debería dicírnolo: si ou non, o racismo ario é xudeu?

VII

A voz dun meteco

Dime, por que eses choros e por que esa mágoa que enchía a túa alma ao coñecer a sorte dos Danaes e da xente de Ilión.
Homero

Teño eu dereito a dicir todo isto, eu, que son alemán e xudeu?
Acho que ningún escritor ten necesidade de xustificar o obxecto do que trata. Mais, para a ocasión, é talvez útil e mesmo necesario que eu me explique.
Que son xudeu, é un feito e non o agacho. Nunca, non obstante, isto me levou a tomar unha posición determinada. Non creo nin no deus dos xudeus nin en ningún outro. Non considero tampouco os xudeus un pobo, unha nación ou unha raza. (Un pobo supón unha historia, unha lingua, un territorio comúns; unha nación só existe pola vontade ou consentimento tácito dos seus membros; a noción racial é unha simple ficción que non resiste ningún exame serio.) En verdade, ése xudeu como se é louro ou moreno, sen que iso implique unha comunidade de instintos ou de sentimentos, de lembranzas ou de opinións, de carácteres ou de intereses. Tanto como entre os louros ou os morenos, hai entre os xudeus ricos e pobres, explotadores e explotados, intelixentes e estúpidos, sans e doentes, instruídos e non instruídos, homes de esquerda e de dereita, boas esposas e grous, honestos e porcos, separados aínda pola nacionalidade, a lingua e un pasado secular. Só existen como grupo pola vontade dos seus inimigos, e o que os une é cando máis unha vaga solidariedade alimentada pola ameaza e o medo comúns.
Ao combater o antisemitismo, deféndome evidentemente a min mesmo. Mais este punto de vista é puramente negativo e non chega para determinar as miñas opinións sobre outras cuestións. O antisemitismo conduce, até nova orde, ao campo dos nazis. O anti-antisemitismo –que non quere dicir filosemitismo– permite tomar as actitudes máis diversas.
Máis profundamente que xudeu eu son alemán, quéirano ou non os nazis. Non obstante, nunca fun un nacionalista alemán e non quero converterme nun nacionalista francés porque estou refuxiado en Francia. Estou contra todos os nacionalismos. Velaí por que o nacionalismo alemán de Céline me aborrece. Eu permítome amar tanto Alemaña, á que estou unido por vínculos indisolúbeis, como a Francia, cuxo xenio me atrae e en cuxa lingua escribo. Ora, vexo Alemaña arruinada polos nazis, espiritual e economicamente. Non teño o dereito e o deber de facer todo canto estea na miña man para que Francia non sufra a mesma sorte?
A loita contra os nazis é necesaria para Alemaña e para o mundo enteiro, ao que ameazan co contaxio e a guerra. Mais proclamo con todas as miñas forzas que ningún pretexto, ningunha razón xustifica a guerra. Céline só é un propagandista: encolerízase, difama, embróllase; non razoa. Non obstante hai outros, máis expertos en demagoxia, que din: quen está contra Hitler está a favor da guerra. Por eles e contra eles, é preciso falar alto e claro. Así, declaro sen reservas, sen subterfuxios, que estou contra a guerra a calquera prezo. Porque a catedral de Reims me é tan cara como a universidade de Friburgo que frecuentei; porque os artilleiros que se gaban de que dispararon contra unha me son tan odiosos como os aviadores que están orgullosos de bombardear a segunda; porque unha xornada da próxima guerra custará tantas vítimas como un ano de terror fascista; porque non soamente os combatentes, é dicir, a mocidade de todos os países, senón tamén as mulleres, os nenos, os anciáns, serán atinxidos pola morte, as fames, as epidemias; porque do crime só poden nacer outros crimes e porque a guerra total só deixara detrás dela ruínas totais.
Non renego das razóns sentimentais do pacifismo. Mais hai outras, máis realistas e talvez máis decisivas.
Unha guerra, iniciada coas mellores intencións, non poderá senón dexenerar rapidamente en conflito imperialista en que as ideoloxías e os fins limitados cederían rapidamente o paso ao desexo de ganancias efectivas e de conquistas cada vez maiores. Ao pouco tempo non sería unha guerra entre fascistas e demócratas, senón entre competidores por materias primas e man de obra colonial a baixo prezo. A diferenza entre os réximes belixerantes desaparecería en poucas semanas. A guerra é a ditadura: dun lado como doutro loitarían pobos sen liberdade, sen dereitos cívicos, obrigados a obedecer cegamente. E os únicos que tirarían beneficios serían os fabricantes de armas, os banqueiros, as hienas de toda clase, xudeus e non-xudeus.
E se os nazis fosen vencidos, que poderiamos gañar nós, os antifascistas alemáns? Como moito, poderiamos volver entrar «no furgón do estranxeiro» nun país aínda máis empobrecido que agora e probabelmente repartido entre os vencedores. Toda a historia contemporánea semella repetirse sen cesar. Sería a repetición de 1919, do Tratado de Versalles, da fame e, finalmente, dos nazis. E quen non di que a fatiga, a miseria, a desorde que nacen fatalmente das guerras non conducirían a un réxime fascista noutros países, mesmo vencedores? Sería bonito pagar a guerra contra o fascismo ao prezo do fascismo!
Hai xentes que desexan a gran cruzada ou están dispostas a aceptala? Evidentemente. Que erro, que vilanía non teñen partidarios? (Non hai máis que ver a Céline.) Isto non impide que un antifascista digno do seu nome sexa o inimigo máis feroz da guerra. Quen asocia antifascismo e guerra pode ser todo o que se queira –ás máis das veces será un reaccionario ou un calumniador– mais nunca un verdadeiro antifascista. O antifascismo e a guerra exclúense, están en contradición absoluta.
Alemaña –e non soamente os alemáns xudeus–, Alemaña enteira, só pode ser liberada polos propios alemáns. A guerra só podería crear esa unanimidade que Hitler non conseguiu realizar e que sería o seu mellor aliado. Á espera, é Céline quen se esforza en forxar a unión sagrada alemá, ao dar aos servizos de Goebbels a posibilidade de declarar que mesmo os franceses comezan a comprender que a política do III Reich está xustificada. Bagatelles pour un massacre ofrece, con efecto, aos nazis un medio excelente para gañar aos que dubidan ou rexeitan enrolarse en Alemaña.
O fin, o resultado dunha guerra é sempre imprevisíbel. Todo o que se pode saber da próxima é que será longa e que os seus horrores superarán a imaxinación máis fértil. Mais hai unha cousa que os nazis temen moito máis que a mobilización: é a Revolución alemá e todo exemplo estranxeiro que puidese facela estalar. Contra armamentos poden responder con outros, con alianzas con outras alianzas, contra os movementos sociais non teñen poder. Cada lei social no mundo oféndeos, cada vitoria obreira inquiétaos e os proletarios españois fanos tremer. Ao afirmalo, constato simplemente feitos.
Desta maneira contribúo, por modestas que sexan as miñas forzas, á reconciliación franco-alemá. Porque estou fondamente convencido de que os dous pobos se completan e de que a súa unión é a primeira condición da paz universal. Se a paz fose posíbel mesmo coa Alemaña dos nazis, alegraríame. Mais a verdade é que isto non é posíbel, e velaí unha razón de máis para que os odie e os combata, porque todo home que desexa a paz debe odialos e combatelos. (Non pola guerra, nunca pola guerra!)
Non obstante, non se chega á paz representando os franceses como alcohólicos dexenerados e «negroides», nin declarando que os alemáns só soñan con desfilar e obedecer. E os efectos nefastos do nacionalismo denigrante son sempre os mesmos, sexa un francés que fala así dos franceses ou sexa un alemán a falar así dos alemáns. Os dous pobos son semellantes en todos os dominios –acaso mesmo no antisemitismo. Non son inimigos hereditarios. Durante dez séculos, traballaron máis veces xuntos que guerrearon. Toda a súa historia espiritual baséase, en verdade, na súa penetración recíproca.
É evidente, no entanto, e a experiencia probouno, que a súa reconciliación non é só unha cuestión de boa vontade. Moitos intereses separan Francia e Alemaña, intereses que, no sistema en que vivimos, é imposíbel conciliar. É apenas nesas condicións que se pode chegar a unha paz armada, pequena pausa entre dúas guerras. Que quen desexa verdadeiramente unha paz franco-alemá se decida entón, ou ben a renunciar aos intereses da súa nación, ou ben a rexeitar o sistema económico que os xera! Quen cala sobre esta alternativa, só é un charlatán covarde e estéril: quen declara que unicamente os xudeus son responsábeis deste conflito, é, alén diso, un home deshonesto.

***

NOTAS
(6) Sociedade das Nacións (Ndt.)
(7) Marca de móbeis (Ndt.)
(8) Corpo de telégrafos (Ndt.)
(9) Historiador da arte, libertario, de orixe xudía, amigo de Céline, a partir de Bagatelles pour un massacre, rompeu co escritor francés (Ndt.)
(10) Julius Streicher (1885-1946), político e editor nazi, un dos primeiros militantes do Partido nazi, fundador do xornal Der Stürmer («O asaltante»), de distribución gratuíta, cuxa vulgaridade e violencia chegou mesmo a molestar a algúns nazis convencidos. En 1940 perdeu todos os cargos acusado de corrupción. Xulgado en Nuremberg, foi condenado por crimes contra a humanidade e executado en outubro de 1946. (Ndt.)
(11) En francés, despectivamente, alemán (Ndt.)

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *