8 fragmentos de <em>A vertixe dos días</em>

8 fragmentos de A vertixe dos días

0 comentários 🕔09:30, 09.Fev 2017

NOTA DE PALAVRA COMUM: agradecemos a Xosé Lois García as facilidades concedidas para a publicação de 8 fragmentos do seu livro A vertixe dos días, publicado em 2016.

Do Prólogo, por Paula Vázquez Verao:

A vertixe dos días non se deixa clasificar. Ás veces, o motivo do escrito diario é unha efeméride, outras unha lembranza da nenez, unha reflexión filosófica, as sensacións que evoca o cambio das estacións… É un inventariar os lindes do que é tempo no destempo, un percorrido vital. Case poderiamos identificalo cun mural dunha famosa rede social, a xeito de posts diarios, de notas cargadas de humanismo que son escritas para ser comunicadas aos iguais. Iso si, non son pezas que deban perderse na inmediatez, senón que hai que ler con detemento A vertixe dos días para aprehender as máximas que Xosé Lois nos vai deixando neste anuario.”

***

EXUBERANCIA DUN LIBRO DE HORAS

Catívanme os miniados que ilustran os famosos libros medievais. Se tivese diñeiro sería un bo coleccionista dos mesmos. Hai poucos días que estiven observando as pinturas gótico-flamencas do presbiterio de Nogueira de Miño, concretamente o prendemento de Xesús, unha extraordinaria escena tétrica, que pode que teña o seu punto de partida no “The Hours of Margaret of Cleves” (As Horas de Margarida de Cleves), un libro holandés do século XIV, que se atopa no Museu Calouste Gulbenkian de Lisboa. O organigrama das figuras de Nogueira están abastecidas de procuras desa escola de miniaturistas flamengos que observamos no de Margarida de Cleves. Xesús e Xudas no centro, os perseguidores na nosa dereita, Malco ferido no chao e S. Pedro envaiñando a espada e con rostro rudo e fornecido, coa súa prateada espada, que moitos ollan neste xesto o iniciador do cristianismo violento. Senón, para que a levaba? As rebuscas nos libros de horas sobre a vida de Xesús non teñen desperdicio.

Podente, 20 de novembro de 2013.

*

GUILLERMINA RODRÍGUEZ ROQUEIRO

Di un verso das “Cantigas de Santa María”: “Con gran dereito todos a debemos loar”. A Guillermina foi loada no seu enterro, en Sabadelle, no día de onte. Alí estábamos os que tiñamos que estar, os que aínda sentimos a cultura e pisamos terra de labregancia. Non estaba a señoritanga vilega, á que a Guillermina ía a facer labor a prezo de sal. E mentres os “señores” comían no comedor a ela a mandaban comer á cociña. 84 anos dobrando a cerviz e manifestando desacougos. Filla de solteira da María do Oso, unha muller desaxeitada e amiga do líquido de Baco. A María tiña un deses dons de ver a súa vida ao revés, e mandou a súa filla a facer bacharelato. Era eu moi neno cando ela ía estudar, ela era unha moza e notábaselle o cariño pola xente pobre como ela. A Guillermina era xorda e ía cada 18 de outubro ao avogado da xordeira, S. Lucas. Vina comendo polbo, convidoume e probeille unhas talladas, non podía dar largas a tanta xenerosidade labrega, agradeceuno. Loada sexa na memoria.

Podente, 23 de novembro de 2013.

*

VOLVER AO CAMIÑO ANDADO

FunXosé Lois García A vertixe dos días 300 indo pola estrada vella, de Podente a Rabelas, e no Fondo da Rasa avisto os horizontes de Veiga. Mesmo no angular da paisaxe a ollada empúrrame a admirar as valgadas de Mariz, Muradelle, Mouricios e Penasillás, na ascendente da ampla costa do Faro. Os eufóricos matices dos cómaros de Veiga lévanme a pensar nestes versos do Cántico XXVIII do Purgatorio de Dante: “Camiño pola veiga a paso lento,/ Sinto o doce aroma que non me deixa”. Sento nunha pedra fariñenta, no vello muro de brión para ollar o campanario da igrexa de Veiga, cos restos dun niño de cegoña arrasado por maos e sentimentos perversos. Unha imaxe insólita e pracenteira de Veiga que me lembra aquel prodixioso relato que Flaubert fai en “Madame Bovary”, no que nos fala de campanarios con niños de cegoñas e “ramos de follas polo chan”. De neno lembro aqueles badaleos, rexos e secos, das campás de Veiga que D. Camilo daba 12 toques de Ángelus e o meu pai posto en silencio pedía pan para o seu neno.

Podente, 8 de decembro de 2013.

*

BENQUERIDO GROUCHO

Se tivese que citar algún dos meus mestres, citaría en homenaxe blindada, a un dos meus enormes pedagogos, Groucho Marx. Volvo ler extractos do seu relevante pensamento en “Memorias dun amante sarnoso”. Despois de perniciosos anos comezo á entendelo, no que respecta a política, na que estamos metidos neste carnavalesco drama. Dicía Groucho: “A política é a arte de buscar problemas, atopalos, facer un diagnóstico falso e aplicar os remedios equivocados”. Boa lección para entender o desgoberno do Sr. Rajoy, e para ver o lastre dun falso diagnóstico económico no que nos ten asolagado. Os informativos de televisión tiñan en min a un adicto, agora, grazas á previsión que fai o benquerido Groucho Marx, atéñome a seu consello: “Atopo a televisión moi educativa. Cada vez que alguén a acende, retírome a outro cuarto e leo un libro”. É verdade, nun libro atopo o magníficat da suprema liberación. Non digan os contacontos políticos que unha imaxe vale por mil palabras.

Barcelona, 29 de decembro de 2013.

*

GELMAN

A morte impresiona cando nos leva a unha grande voz cívica, ao home fulxente e amador da liberdade. Juan Gelman, o poeta impetuoso e ordenado que combateu coa espada da palabra as iniquidades dos lerchos ditadores que asolaron a súa amada Arxentina. Os sátrapas da ditadura asasinaron o seu fillo Marcelo e a súa nora, mantendo en cativerio a súa neta Macarena, que el puido recuperar. O triunfo insidioso dos covardes milikos ocasionaron mais de 30.000 mortes de arxentinos. Juan Gelman foi ese grande e universal home de repetidas pegadas concienciadoras. Un estrelecido Montonero e sempre armado coa palabra certa e desenvaiñada; co verso en fío para ilustrar, liberar, integrar e de tantos significados libertarios. O pasamento no seu exilio de México de “El poeta de los ojos tristes”, título do artigo de Juan Cruz en “El País” de hoxe. Sen el ficaremos mastigando as súas palabras: “los compañeros tienen la boca llena de silencio/ como niñito sin noticias del lugar donde la vida cabecea”.

Barcelona, 15 de xaneiro de 2014.

*

O DANTE ESOTÉRICO DE RENÉ GUÉNON

Pode que non interese o Dante Alighieri como Güelfo Branco ou como esotérico. Mais son dimensións tan puntuais que alentan ir ao menos coñecido e desatendido do home que esclareceu o renacer dun proceso histórico de relevancia. A plenitude non está na fama dun persoeiro concreto, senón do que se traduce do seu pensamento, do seu diálogo coas cousas e, aínda, coas mais impertinentes causas que piden cambiar o mundo. René Guénon (1886-1851) entrou na evidencia iniciática e concorreu ao esoterismo de Dante, que marca tendencias e desconexións coa súa obra literaria, ben exposta na cimeira de seus escritos. 9 curtos capítulos bastaron a Guénon para escudriñar as aparencias e ocultismos no que Dante procurou búsquedas en herméticas limitacións do pensamento medieval, cada vez máis suplantado no discernir do pensamento de Dante, que nos aproximou a interpretacións sistemáticas dunha cosmogonía que se esfaragullou. A “Vita nuova” promovendo ideas e destinos.

Barcelona, 8 de xuño de 2014.

*

O ROUBO DE PENICILINA

LendoXosé Lois García A vertixe dos días contracapa “The Third Man” de Graham Greene, impresionoume o seguinte texto: “Os enfermeiros militares roubaban a penicilina e logo vendíana moi cara aos médicos austriacos… Pagábanse até setenta libras por ampola. A isto chamaríalle eu unha maneira inxusta de repartila, xa que só se beneficiaban os enfermos ricos”. O lido lémbrame e remíteme ao meu período militar en Sidi Ifni, no III Tábor de Tiradores que guarnecía a fronteira con Marrocos. Naquel aramado efectuábase a entrega gratuíta de penicilina. Nas cábilas había graves problemas coas doenzas infantís, que só a penicilina curaba. Este medicamento non se servía para aqueles esquecidos habitantes pobres do Alto Atlas, por parte de Marrocos. O practicante do Tábor era un médico salmantino e antifranquista. Os dous facíamos boas migas. No aramado había un clamor angustioso por salvar nenos. O practicante roubaba a penicilina e eu pasábaa polos baleiros do arame. Salváronse nenos naquela pestilencia consentida.

Podente, 10 de xullo de 2014.

*

O CABALO E O PARASITO

Como no cadro de Tiziano, o parasito ía no cabalo a galope, pura imaxe de Carlos V en súas tropelías imperiais. Mais entre o cabalo e o cabaleiro eu escollería o cabalo e non o idiota que lle dá espora e freo seco. O cabalo é paciente, xeneroso e sufridor. O parasito cabaleiro merece un couce de ferradura na tripa gorda que é onde ten o seu cerebro disecado. Coido que o cabalo ten máis cortesía e elegancia que este tipo que naceu en forma humana mais é unha fera depredadora. A ridiculez xa non a disimula. Parece que é un tipo de arte que estes perversos exhiben no maltrato dos animais. O parasito parece que leva a conciencia entrepernas. O cabalo maltratado trota e galopa, como se dese pracer a tanta demencia dun primate –pido desculpas aos verdadeiros primates–. Pido que se protexa a estupidez dos maltratadores de animais, nun estábulo ou na reserva das ferocidades a perpetuidade, onde non haxa rosas porque eles as comen. Hai que sentenciar os parasitos que degraden aos equinos.

Podente, 18 de xullo de 2014.

Sobre o autor / a autora

Xosé Lois García

Xosé Lois García

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *