Céline en camisa parda ou o mal do presente, por H-E Kaminski (e III)

Céline en camisa parda ou o mal do presente, por H-E Kaminski (e III)

0 comentários 🕔10:00, 16.Fev 2017

CÉLINE EN CAMISA PARDA OU O MAL DO PRESENTE

Hanns-Erich Kaminski

Presentación, tradución e notas: Xesús González Gómez

Primeira parte.

Segunda parte.

Terceira parte

VIII

Vivindo a crédito

Alemaña é o país máis feliz do mundo.
Goebbels

Pouco despois da publicación de Bagatelles pour une massacre, Céline recibiu a visita dun señor da embaixada alemá que lle transmitiu unha invitación persoal do Führer para pasar uns días no III Reich.
–Imaxine, dixo este diplomático que sabía de letras, que Swift tivese a posibilidade de ir verdadeiramente ao país dos liliputienses. Vostede ten agora a ocasión de ver todos os seus desexos literarios cumpridos. En Alemaña os seus soños máis ousados convertéronse en realidade. Vaia e estude un país liberado da influencia xudía e onde a raza aria trunfa! Ben entendido, todos os gastos pagos. Entre nós, os xudeus morren a crédito, mais os hóspedes de talla viven a crédito.
Como, con todo, Céline dubidaba, o mensaxeiro de Hitler fíxolle valer outros argumentos.
–Verá cousas moi interesantes, declarou. Aconséllolle, por exemplo, que dea unha volta por Mecklemburg, onde se encontra o paraíso.
–É agradábel?
–Moito. Un dos nosos sabios descubriu que o paraíso estaba situado en Mecklenburg e que os primeiros homes eran mecklemburgueses arios. Os xudeus autores da Biblia falsificaron este feito e substituíron os arios polos seus conxéneres.
A posibilidade de ver non soamente o novo paraíso senón tamén o antigo vence a derradeira resistencia de Céline… Algúns días máis tarde partiu para a Alemaña nazi.
Unha vez pasada a fronteira, foi solemnemente recibido en Aix-la-Chapelle. Unha compañía de SS coa cruz gamada e banda de música rendeulle honras militares. O propio Streicher viñera a recibilo e ofreceulle un coxín de veludo e un documento no que a Oficina racial alemá certificáballe as súas orixes puramente arias.
–Como o saben vostedes?, preguntou Céline.
–Nós considerámolo como un xefe e, por tanto, vostede é un ario puro. Entre nós, todos os xefes son arios puros e está prohibido ocuparse da súa árbore xenealóxica.
–Hai entre vostedes xefes non-arios?
–Evidentemente, non, respondeu Streicher. Mais a busca das súas orixes raciais podería causar dificultades. Hess naceu en Exipto, Darré na Arxentina, Rosenberg en Rusia, Goebbels, que é un xermano pulido e moreno, ten un aspecto moi xudeu, e o xeneral Michel e o poeta Bronnen teñen mesmo pais xudeus.
–Mais entón, son indiscutibelmente non-arios?
–As súas nai declararon baixo xuramento que enganaran os seus maridos e os seus nenos son fillos de pais arios. Ademais, temos unha lei que autoriza ao Führer a resolver as cuestións dubidosas e proclamar a calquera home ario.
–Espero, cando menos, que Hitler sexa de sangue inmaculado.
–Xulgue! É verdade que súa nai, unha señorita de Schükelbruguer, era filla natural. Non obstante, a ascendencia de seu pai está verificada até o século XVI. Os seus devanceiros chamábanse Heidler, mais eu quixera ver o alemán que ousase dubidar que Heidler e Hitler teñen un só e mesmo nome.
–En Francia, di Céline con pesar, hai xente que discute as orixes arias de Hitler porque é austríaco e, xa que logo, súbdito dun país onde se mesturaron todas as razas de Europa. Esa xente mesmo se moquea porque non é louro.
–Sobre este punto podo tranquilizalo, replicou Streicher. O Führer ten moitos cabelos negros na cabeza, mais os pelos dos sobacos e do sexo son louros.
Durante esta conversa chegaron ao coche cama que tiña que conducilos a Berlín. Céline tiña gañas de visitar a catedral e o túmulo de Carlomagno, mais Streicher declaroulle que era imposíbel, xa que este emperador non se comportara como un verdadeiro ario e entregara Alemaña ao xudeu-cristianismo.
Así, marcharon sen perderen máis tempo. Desde o tren que atravesaba tanto cidades como o campo, Céline só vía chemineas de fábricas e de campos, mentres Streicher contáballe o que os nazis fixeran con este país e os seus habitantes.
Céline soubo así que expulsaran todos os profesores xudeus, incluídos tres Premios Nobel, que xa non había escritores, pintores, músicos e actores da raza maldita; que todos os médicos e avogados xudeus, a excepción dalgúns antigos combatentes, non podían exercer a súa profesión, que un xudeu non tiña dereito a ser vendedor de gando ou trapeiro, e que todas estas medidas se aplicaban tamén aos arios que tiñan muller de orixe xudía. Céline entusiasmouse particularmente cando soubo que os xudeus non podían empregar criadas arias menores de corenta e cinco anos.
–Todo isto é só o comezo, engadiu Streicher. O xudeu é o inimigo de todos os pobos e hai que aniquilalos. A súa concupiscencia, sobre todo, é perigosa. Só soña con seducir rapazas arias, con deixalas embarazadas e contaminalas. Eu relato estes feitos con todos os seus pormenores cada semana, na miña revista Stürmer, da que o Führer le cada número de principio a fin. Alemaña débeme que os xudeus sexan condenados case todos os días por crimes contra a raza a dez ou quince anos de traballos forzados. Infelizmente, aínda hai xuíces que non pronuncian a pena máxima.
O cerimonial da recepción en Berlín foi o mesmo que en Aix-la-Chapelle. De pé nun auto descuberto, Céline e Streicher atravesaron todas as rúas da capital, pasando baixo a porta de Brandemburgo, e ambos saudaron co brazo tendido á multitude que berraba sen cesar Heil! detrás dun cordón de soldados, de policías e de SS.
A mesma noite, unha solemne cea en honra do hóspede francés tivo lugar na casa de Goebbels. Como Céline se asombrara da calidade e variedade do menú, o ministro de propaganda sorriu.
–Para hóspedes coma vostede temos de todo.
Non é necesario dicir que Goebbels invitou tamén ao escritor a escribir para a prensa alemá as súas impresións sobre o III Reich, en condicións moi interesantes, enténdese.
–Pode escribir o que queira, dixo. Entre nós non é como en Francia, onde todo o mundo ten o dereito a criticar unha obra de arte. Nós abolimos a crítica, que só reflicte o espírito xudeu. Os arios non critican, os escritores nacional-socialistas non teñen, por tanto, nada a temer no III Reich. Polo que respecta aos nosos adversarios, non teñen a posibilidade de se exporen ao xuízo público, porque non poden publicar nada e as súas obras anteriores queimámolas.
Céline estaba encantado de todo o que vía e oía. A súa convicción de que unha verdadeira cultura só pode nacer despois da destrución da influencia xudía, era xustificada e afirmada por todas as partes.
No curso dos seus paseos por Berlín, podía admirar algunhas das conquistas particularmente impresionantes da nova Alemaña. Extasiábase cos pequenos bancos pintados de amarelo, reservados ao xudeus, a fin de que o seu contacto non emporcase a ningún ario. Era feliz cando lle explicaban, pola mesma razón, que o acceso ás piscinas e aos parques públicos lles estaba prohibido. Mostráronlle carteis de almacéns que rexeitaban vender as súas mercadorías a non-arios e soubo con satisfacción que os xudeus non tiñan dereito a interpretar música alemá nos seus concertos. En tanto que médico, aprobaba sobre todo que lles fose prohibido frecuentaren as estacións balnearias e climáticas do Reich.
Para completar os seus estudos, abordou unha cortesá de luxo que atendía os clientes no hall do Hotel Adlon.
–É vostede xudeu ou ario?, preguntoulle prudentemente a dama.
–Ario, evidentemente, respondeu Céline cheo de orgullo.
Cara á alba, conseguira gañar a confianza da súa compañeira. Finalmente, ela mostroulle dous certificados que levaba sempre consigo: un certificaba que era de orixe aria, o outro que era xudía.
–No oficio, unha muller que se respecta ten estes dous certificados, dixo ela. Unha persoa que se prece ten moito coidado coa seguridade dos seus clientes.
Céline estaba consternado con tal indiferenza racial.
–Que quere vostede?, consolouno Goebbels ao día seguinte. Só podemos gañar o pobo moi lentamente. Imaxina acaso que o noso antisemitismo sae das profundidades da alma alemá? O pobo sente un odio escuro e inconsciente contra moitos grupos, por exemplo, contra os ricos, o mesmo que desconfía instintivamente dos seus superiores. Nós combatemos esa disposición repetindo incansabelmente que non hai máis que un xefe, o Führer, que é xenial e bo, e un só inimigo, o xudeu, que é malvado e perigoso. Non sei cal dos dous axiomas era máis difícil de propagar. Certamente, tivemos grandes éxitos, mais as masas alemás non son sempre verdadeiramente antisemitas. Así, non conseguimos convencelas da existencia do asasinato ritual a pesar dos esforzos que desprega sobre todo Streicher, aínda que penduramos o Strümer en todas as vilas e aldeas. Mesmo os pogroms que organizamos foron executados por membros do partido. O público, con cuxa participación contabamos, permanecía pasivo ou se escaqueaba. Evidentemente, é un bo medio de ditadura facer dos xudeus o bode expiatorio de todas as desgrazas, mais a iniciativa partía sempre do goberno e non é fácil encontrar en todo momento novas acusacións e novas medidas contra eles.
Céline seguía as deducións do ministro con moita atención. Estaba, non obstante, máis decidido que nunca a non abandonar a súa misión. Tiña confianza.
Naturalmente, tamén coñeceu a Goering. O presidente do consello de Prusia, presidente do Reichstag, ministro do Ar, xefe do plano cuadrienal, feld-marechal e moteiro-mor do Reich, recibiuno nun dos seus numerosos castelos, nun salón onde unha antiga espada de xustiza auténtica estaba pendurada enriba da cheminea.
–Cando miro esta espada penso no número de persoas que decapitou, dixo Goering soñador. Non é o sangue algo fortificante? O día do meu casamento mandei executar dous homes. Foi o meu máis fermoso regalo. Pensei niso toda a noite de vodas e a miña muller non tivo queixas.
Foi durante esta visita que Céline comprendeu até que alturas o antisemitismo pode levar a un home. A súa ambición nunca fora tan grande como fronte a este personaxe tan simple e tan amábel, e que non obstante podía ofrecerse os praceres máis requintados.
Mais a estadía en Berlín chegou ao seu final. Streicher quería levalo ao sur de Alemaña, onde a viaxe de Céline debía atinxir o seu punto culminante.
Ían en auto, desta maneira non tiñan máis que facer un pequeno desvío para visitaren un dos célebres campos de concentración.
–Xa que vostede é un amigo, non temos necesidade de anunciarnos e de facer preparativos, subliñou Streicher cun sorriso cómplice.
Mostráronlle, con efecto, ao hóspede francés todas as curiosidades do campo. Estaba o antigo deputado Herilmann que, porque era xudeu, estaba sometido a rigores particulares: debía vivir nunha casoupa para cans e cada vez que pasaba un garda nazi debía saír, tirar da súa corda e saudar. Moi interesantes eran tamén os calabozos nos que os prisioneiros eran encerrados de tanto en tanto para castigos suplementarios: eran celas tan pequenas nas que non se podían nin sentar nin deitar, o chan estaba inclinado, de maneira que era difícil sosterse de pé, e o ar só entraba por buracos que non deixaban pasar a luz. Finalmente, Céline viu que as correaxes que servían para xostregar os detidos conservábanse en auga para que os golpes fosen máis dolorosos.
–Que lle parece este campo de concentración?, preguntou Streicher.
–É un bo réxime, respondeu o doutor Céline con convicción.
Ao lonxe, vía prisioneiros construír en pleno campo unha estrada que non levaba a parte ningunha, empurraban coas mans un inmenso cilindro compresor, pois o comandante do campo xulgaba que era bo obrigalos a traballar substituíndo o carburante por forza humana.
–E agora teño unha gran sorpresa para vostede, declarou Streicher cando estiveron de novo en ruta. Imos a casa da señora Ludendorff (12).

IX

Na sagrada orixe da forza alemá

Ai daquel que se caga no Führer

O autor de Bagatelles pour un massacre sentiuse un pouco intimidado diante da viúva do grande estratega para quen todos os masacres non foran máis que unha bagatela. Non obstante, a célebre directora da revista Na sagrada orixe da forza alemá mostrábase moi amábel.
–Espero, dixo ela, que finalmente me dará a coñecer en Francia. O meu defunto marido tiña o costume de dicir que eu era a máis grande filósofa do noso tempo. É necesario estudar as miñas obras, que están cheas das verdades máis inesperadas. Moita xente pensa, por exemplo, que os xudeus, a Igrexa católica, os bolxeviques e os francmasóns son catro inimigos diferentes. Descubrimos, o meu marido e mais eu, que esta variedade só esconde unha única unidade: o xudeu eterno, pois tanto as loxas como o papado e o bolxevismo non son máis que axentes do xudaísmo. É debido a esta ciencia que o xeneral podía emprender os seus vastos estudos. Así conseguiu estabelecer que Goethe asasinou a Schiller; e Goethe era, ninguén o ignora, francmasón. O propio Mozart foi asasinado por xudeus. Estes dous exemplos son soamente os máis sensacionais. Todos os crimes, todas as guerras, todas as revolucións teñen os xudeus como instigadores. Interésalle saber que os nosos descubrimentos foron particularmente apreciados polos médicos nacional-socialistas.
E a xenerala buscou mensaxes e cartas de felicitación de asociacións de médicos, así como artigos do seu boletín oficial nos que algúns expertos certificaban a exactitude das constatacións científicas do matrimonio Ludendorff. Ao follear estes documentos, Céline pensaba con melancolía no atrasados que estaban a maioría dos seus colegas en Francia.
–Estude o mesmo problema no seu país, aconselloulle a señora Ludendorff cando se despedía, e chegará certamente aos mesmos resultados. Estou persuadida de que moitos franceses mortos antes de tempo foron en realidade asasinados polos xudeus, os católicos ou os francmasóns, o que son, non o esqueza, o mesmo.
O auto atravesaba Baviera na noite. Mais non foron moi lonxe. Unha sentinela parounos nunha aldea e un nazi uniformado cochicou moito tempo ao oído de Streicher, que se dirixiu a Céline.
–Xa que é médico, quere facernos un favor? Houbo un accidente.
–Non hai médico aquí?
–Había un doutor Ischock, mais era un xudeu e enviámolo a un campo de concentración
–Son pouca cousa como médico, mais é un pracer, sorriu Céline, e declarouse disposto a ver o doente.
Levárono a unha casa cuxo salón lembraba vagamente unha capela. No medio do muro había un gran retrato do Führer a cuxo pé estaban depositadas flores, rodeadas de grandes cirios acesos. Diante do cadro, unha muller, as mans xuntas, perdida nunha contemplación extasiada.
–Paranoia, declarou Céline sen dubidar. Vese axiña que non hai nada que facer. Esta muller debe ser transportada inmediatamente a un asilo.
–Non, dixo Streicher un pouco atrapallado, non está enferma. É a Führerina das mulleres alemás que se entrega diante deste altar ao seu recollemento cotián. O doente está noutra habitación.
Atravesaron o corredor e entraron nun cuarto onde un home estaba deitado. En verdade, era difícil tomalo por un ser humano. Non era máis que despoxos sangrantes dos que saían febles xemidos. A pel, arrancada do corpo, penduraba en farrapos e os riles formaban grandes manchas negras. Fedía a sangue, pus e excrementos.
–Cometeuse un erro, explicou Streicher. É un tal Schmidt, un home completamente anódino que confundiron cun xudeu perigoso. Trouxérono aquí porque é mellor non levalo a un hospital. Ben entendido, castigarei á xente que cometeu este deplorábel equívoco. Pode facer algo por el?
–Nada, respondeu Céline erguendo os ombros. Son erros que pasan, un médico non se espanta con estas cousas. Non podo mesmo porlle unha inxección, pois non lle queda un anaco de pel onde espetarlle a siringa.
–Entón é inútil perder tempo, concluíu Streicher.
Mais esta impresión desagradábel esvaeceuse cando, días máis tarde, en Nuremberg, Céline foi presentado a Hitler, quen lle tendeu a man con condescendencia.
–Teño moita simpatía por vostede, dixo o Führer. Eu mesmo son artista, deseñei os uniformes das S. A. e descubrín que o teito inclinado só corresponde aos arios. O teito plano é xudeu. Loito con todas as miñas forzas pola beleza na arte e fago esterilizar os pseudo-artistas que só procuran a fealdade e que non son máis que bolxeviques da cultura. Fixéronme un informe da súa campaña contra os xudeus. Sei, pois, que vostede é un verdadeiro artista e que a súa obra reproduce a beleza da vida. Felicítoo e ordenarei que se publiquen as súas máis fermosas páxinas nos nosos libros de texto. Non sei se sabe que son o máis grande editor de Alemaña e que varias editoriais son da miña propiedade.
O Führer deulle unha vez máis a man e saudouno cun Heil Hitler!
Despois Céline recibiu o permiso para participar nun desfile. E pouco máis tarde viviu o máis grande momento da súa vida.
Por riba da multitude, o Führer estaba na tribuna e regulaba con man firme os farois que brillaban na noite. Céline levaba a camisa parda, o cinto e o brazalete coa cruz gamada. Marchaba cos outros en filas apertadas e, como eles, marcaba o paso de ganso, lanzando as pernas ao ar, mentres a banda interpretaba o himno nacional-socialista cuxo autor, un rufián berlinés, fora asasinado prematuramente por colegas seus nun arranxo de contas.

Bandeiras ao ar! Apertade as filas!
As S. A. con paso tranquilo e firme.

Neste momento supremo, esquecía todas as contrariedades de Clichy, os compositores de mala vontade e os críticos malvados. Agora sabía que non estaba só, que había homes que pensaban coma el e o comprendían. Miraba para o Führer, o seu Führer, e o seu corazón enchíase de felicidade.

X
Sua culpa

Non tes vergoña de querer ser máis filósofo do que podes.
Chamfort

Non sei se Céline xa estivo en Alemaña ou se só irá no futuro. Todos os outros feitos mencionados son rigorosamente exactos e fáciles de verificar. Cando se fala do III Reich non hai necesidade de inventar nada. Perante a multitude dos seus horrores e das súas loucuras, só se ten a dificultade da escolla, e sería van querer esaxerar a súa realidade. Certamente, o nacional-socialismo non consiste só na persecución dos xudeus: a súa función histórica é protexer o capitalismo, fortemente comprometido en Alemaña, de lle gañar novos dominios e, sobre todo, de conter mediante o terror un pobo famento. Non obstante, o antisemitismo é a mellor arma do réxime hitleriano e quen profesa un non pode renegar do outro.
A caza dos xudeus é máis que nunca a vangarda da reacción máis negra. Quen di hoxe antisemitismo di inevitabelmente hitlerismo. Ora, como se comprende que un espírito como Céline poida caer a un nivel tan baixo que nós impón a idea de colocalo no mesmo plano que Streicher? Se unha intelixencia superior se deixa arrastrar a tales aberracións, que se pode entón esperar de xentes menos protexidas contra as tentacións máis simplistas? Velaí a angustiosa pregunta que supera o caso de Céline.
Non dubido que a avidez de ser orixinal non estea para moitos na súa evolución, así como a necesidade de se vingar de certas vicisitudes de todos os días, aínda que sexa el quen escribiu: «Igual que a felicidade, a vinganza nunca é completa e non obstante sexa sempre tan pesada que nos sorprende». Mais doume perfectamente conta de que nin a procura dun obxecto novo, nin o desexo de castigar algunhas persoas (que, en tanto que individuos, quizais o merezan), nin mesmo a voluptuosidade da confrontación, abundan para explicar Bagatelles pour un massacre. Son certamente razóns máis profundas que o levaron a escribir este libro velenoso e a propia obra de Céline as revela.
Porque, aínda que é un grande escritor, non sabe liberarse das súas angustias: está doente do noso tempo e non ten ningunha fe que o guíe e o ampare. Mais talento se ten, máis, probabelmente, se está atormentado por esta época na que todo se derrama e na que o futuro só se anuncia mediante impulsos contraditorios e moitas veces sen beleza. En verdade, cómpre apenas un temperamento pesimista para desesperar de todos os homes, de todas as clases e de todos os pobos, engulidos como estamos por un mundo contra cuxas servidumes o suicidio semella moitas veces a única defensa. Isto explica porque tantos homes sucumben en silencio ou en crises de loucura, mentres que outros se inclinan e esperan pasivamente o mañá. Moitos, felizmente, combaten e aceptan o fardo dunha tarefa tan fermosa como ingrata.
Céline –e nisto representa unha ampla capa– quere loitar, mais non sabe contra que adversario. Nunca se preguntou se non hai institucións malas que é necesario cambiar. Só ve os homes que, no entanto, son vítimas destas institucións como el mesmo. Así non se interesa moito polos problemas económicos e sociais. Só estuda os individuos que facilmente lle parecen típicos e, combatendo contra todo e contra todos, chímpase sobre os xudeus, como todos os que non reflexionan se devorcan sempre sobre as minorías de aparencia ricas e influentes, xa se trate de xudeus, de templarios ou de protestantes.
«Só existe unha fantasía lícita: a que se apoia sobre o imaxinario granito do siso. Demasiado lonxe desta conveniencia, non hai razón nin espírito que nos comprenda». É aínda Céline quen fala. Mais o siso non lle di que a maioría dos xudeus non son nin ricos nin influentes. Chamouse ao antisemitismo «o socialismo dos idiotas», e Céline pensa sobre a gran miseria do noso tempo como calquera pequenoburgués pouco instruído e de experiencia reducida. Non odia máis alá da punta do seu nariz, e o seu disciplinado odio lévao á rexión onde non hai xa razón nin espíritos para comprendelo. Non sei onde vai nin onde chegará. Non sei mesmo se debo desprezalo ou compadecelo.
Cada século ten a súa doenza que moitas veces aniquila os homes e outras inspíraos. O Mal do presente é particularmente perigoso: non só porque é endémico e se espalla cada vez máis, nin tampouco porque se declara baixo unha forma incendiaria, senón sobre todo porque tende á autodestrución de toda civilización. O antisemitismo, así como a vontade de abdicar de todo xuízo e o desexo de se someter cegamente a un mito representado por un xefe, non son máis que os síntomas desta doenza. As súas orixes son de orde material.
O organismo da sociedade contemporánea está alterado e quen queira curalo debe procurar remedios que sexan apropiados ás causas dos seus sufrimentos. Acaso non hai homes de boa vontade, como parece crer Jules Romains? (13) Mais os que son de constitución feble non resisten o contaxio e pérdense nos abismos onde coa razón acaba a humanidade.

XI
Semmelweis (14)

O home acaba onde o louco comeza.
Céline

De retorno a Francia Céline caeu nunha melancolía pesimista. En Alemaña todo o que vira era simple: un xefe, un partido, un estado de espírito. Agora era de novo a vida, desordenada, complicada e chea de problemas que era necesario resolver sen o apoio dun poder exterior. O III Reich aparecíaselle como un ideal afastado.
Debería lanzarse ao combate, enrolar tropas de asalto, vestilas con camisas de cor e inculcarlles a fe nunha bandeira que aínda había que encontrar, en suma, converterse en Führer francés a forza de discursos, de tumultos e de intrigas? O antisemitismo era un bo punto de partida, mais para que puidese abrollar e chegar a fins supremos, era necesario unha guerra perdida, millóns de parados e unha exasperación xeral que só pode nacer dunha miseria sen esperanza.
Máis Céline reflexionaba, máis vía as dificultades que se amoreaban no seu camiño. Que posición debería tomar, por exemplo, fronte ao cristianismo? A maioría dos nazis rexeitábao sen cerimonias como obra dos xudeus. Outros, non obstante, que non merecían menos confianza, probábanlle que Cristo era ario, «porque nunca un xudeu podería comportarse como Xesús». Era sen dúbida un argumento serio.
Toda a cuestión era saber como discernir a raza superior dos arios. Por Francia, era capaz de revalorizar o Novo Testamento […….…….] (15) capital: por que pagaba a pena que fose salvada? A lectura de Gobineau (16) ensinou a Céline que unicamente as provincias do Norte estaban habitadas por xermanos louros e dolicocéfalos e, segundo Hitler, o país enteiro está «negrificado». Como as investigacións do autor de Mein Kampf eran posteriores ás de Gobineau, era necesario evidentemente remitirse á autoridade do Führer. Nada a facer, por tanto, con Francia.
Proseguindo os seus estudos, Céline percibiu que todos os países bañados polo Mediterráneo estaban corrompidos polo sangue «mestizo» que, no curso de innumerábeis migracións, se espallara por todas as súas costas. Streicher quería recoñecer os gregos e os persas como arios, mais non pensaba soamente nos negros e os persas da Antigüidade?
Inútil examinar a composición racial doutros continentes, negros, amarelos ou xudeus. Semellaba en verdade que só os alemáns e os pobos emparentados con eles podían ser considerados arios verdadeiros. Foi entón que Céline descubriu os escritos do doutor Bérillon (17). A súa atención foi particularmente atraída por La Polychésie de la race allemande (París, 1915, Éditions Malone et fils, 27, place de l’École-de-Médicine), publicación que tiña tanto máis peso canto o doutor Bérillon non deixaba de enumerar os seus títulos: profesor da Escola de psicoloxía, médico inspector dos asilos de alienados, director de La revue de psychotérapie, médico xefe do Estabelecemento médico-pedagóxico de Créteil.
Eis o que leu Céline nesta obra memorábel:
«A poliquesia é a manifestación dunha superactividade anormal da función intestinal.
»É consecuencia da polifaxia e está en relación non só coa cantidade, senón coa calidade dos alimentos absorbidos. Tradúcese unha excreción esaxerada de materias fecais. A necesidade frecuente de defecación, que é a consecuencia, é a orixe, no dominio mental, de aberracións que se relacionan coa satisfacción desta necesidade.
»A poliquesia, pola súa frecuencia e a súa constancia, pode ser considerada como unha das particularidades máis acentuadas da raza alemá».
E o eminente doutor recordaba que a hiperquesia alemá era tal que existe toda unha ciencia escatolóxica alén do Rin. A repulsión ben coñecida de Céline por todo o que se refire aos excrementos explica a repugnancia que sentiu cando soubo que os alemáns tiñan profesores de escatoloxía, escatoloxistas nos hospitais e mesmo museos estercorarios nos que se expuñan numerosos modelos en cera ou en xeso e, no lugar de honra, a merda alemá normal.
O doutor Bérillon aseguraba que esta merda tiña un cheiro particularmente fétido e que a proporción das materias fecais dos alemáns se elevaba a máis do dobre da dos franceses.
Os exemplos que o sabio citaba se remontaban até Lutero, e algúns dos máis impresionantes databan da última guerra.
«Nas fábricas de papel de Cheneciéres, en Meurthe-et-Moselle, cinco centos cabaleiros alemáns residiron durante tres semanas. Absorberon unha cantidade enorme de víveres de toda clase. A consecuencia foi que obstruíron coas súas dexeccións todas as salas da fábrica. Un equipo de obreiros tardou unha semana en retirar da fábrica trinta mil quilos de materias fecais, os gastos desta retirada eleváronse a grandes contías. A acumulación destas dexeccións foi fotografada, elevábase a unha altura incríbel».
Céline ficou aínda máis sorprendido polo caso seguinte.
«En Liexa, despois dunha estadía de cento oitenta alemáns durante seis días no inmóbel do 112, bulevar de la Sauvenerie, os retretes desbordantes foron demolidos para poder evacualos. A casa enteira estaba ateigada de materias fecais. As camas estaban cheas. O lixo depositárase nos tapices, logo enrolados con coidado. As sabas foran emporcadas, logo colocadas nos armarios. Seis persoas estiveron ocupadas durante unha semana para proceder a esta espantosa limpeza. A cidade enteira mergullouse, segundo a expresión dunha testemuña, baixo unha vaga de excrementos».
En Valeivo, en Serbia, os montes de excrementos dos austríacos eran tan grandes e cheiraban tan mal que constituían un obstáculo para a marcha das tropas aliadas cando entraron na cidade. «Os serbios, dicía o doutor Bérillon, que me deron a coñecer este feito, aseguráronme que, nas dúas guerras dos Balcáns, non constataran un caso análogo nin nos búlgaros, nin nos albaneses, nin nos gregos, nin nos turcos».
A escatomanía alemá non se limita ao pobo baixo, declaraba o doutor Bérillon. E citaba, segundo O Diario dos Goncourt, un feito significativo da guerra de 1871. O emperador Guillerme I asentou os seus cuarteis no arcebispado de Reims, nun cuarto onde se deitara Carlos X cando a súa entronización. «Ao día seguinte, o rei-caporal cagou (sic) no recanto da xanela e limpou o traseiro coas cortinas». O doutor Bérillon aseguraba que o emperador emporcara mesmo o leito dos reis de Francia e que esta proba da poliquesia dos Hohenzollern fora obxecto de verificación.
Durante a última guerra, «O príncipe Radziwill, diplomático católico acreditado no Vaticano, pasou algúns días co seu estado maior no castelo de Grevel, magnífica propiedade do Sr. Munchen, burgomestre da cidade de Luxemburgo. Despois da súa partida, encontraron o gran salón de honra, decorado con móbeis recubertos de muaré, enteiramente emporcado. O muaré desaparecía baixo unha capa de sepia. No comedor, as sopeiras, os aceiteiros de prata estaban ateigados de materias fecais. Os vasos de cristal estaban cheos de ouriño; pensaríase estar nun laboratorio de análises dun farmacéutico».
Como o príncipe de Radziwill era un gran señor polaco, o caso impresionou moito a Céline, porque demostraba que a escatomanía era contaxiosa. O autor de Bagatelles pour un massacre preguntábase se, por contacto cos alemáns, non fora contaminado.
En todo caso, víase obrigado a aprobar as conclusións do seu eminente colega:
«1º A poliquesia da raza alemá, pola súa constancia, repetición e fixación, constitúe un carácter de raza…
«4º … A ampola rectal dos alemáns atinxe dimensións considerábeis en relación co exceso funcional de que é obxecto. O seu esfínter anal, como foi frecuentemente constatado no curso da anestesia cirúrxica, só ofrece unha resistencia extremadamente feble e se dilata coa máis grande facilidade.
«5º Desde o punto de vista metal, a escatomanía, da que a poliquesia é o punto de partida, debe ser considerada como unha manifestación da dexeneración hereditaria…
«7º …A poliquesía é a demostración formal da inferioridade é vez fisiolóxica e psicolóxica da raza alemá».
O argumento era, con efecto, decisivo. Por tanto, os alemáns e, en consecuencia, os pobos con eles emparentados non podían ser considerados como arios puros… Mais onde estaba entón a raza pura que se podería opor aos xudeus?
Céline mergullou nunha profunda meditación. Despois dunha noite ser durmir, de repente comprendeu toda a verdade. Si, a señora Ludendorff tiña razón, mais só en parte: o xudeu non se escondía detrás dos bolxeviques, os católicos ou os francmasóns. Céline sabía agora que empregaba numerosos disfraces, que se disimulaba por todas as partes: os franceses, os alemáns, todos os homes, todos, eran xudeus!
Estaba aparvado coa súa descuberta. A luz era demasiado crúa para non cegalo… respiraba con dificultade. Sen chaqueta, os cabelos despeiteados, a gravata de través, saíu con paso cambaleante.
É preciso que encargue axiña carteis, díxose. Cómpre advertir os homes e os previr contra eles propios… Pai de familia, sabes o que quere dicir deitares coa túa muller e ter fillos? Significa que cometes un crime contra a raza, porque a túa muller é xudía, os teus fillos serán xudeus e ti mesmo tamén es xudeu… Maldito aquel que non sabe elixir o aspecto conveniente aos destinos da nosa especie!
De repente berrou:
–Son Semmelweis!
Ignorante do seu entorno, enviso, extraviouse e errou polas rúas de Clichy, perseguido pola manda dos seus inimigos ficticios.
O acaso levouno ao dispensario. Entrou.
Un xudeu estaba deitado nunha mesa para ser auscultado. Entón Céline empurrou médicos e enfermeiras. Envorcando cadeiras, lanzando por terra instrumentos, apoderouse dun bisturí e chimpouse sobre o doente. Só viu a súa cara, esa figura maldita e odiosa de xudeu, e afundiulle a lámina na carne viva, berrando:
–Son o único home que non é xudeu! Cómpre destruír todos os outros!
O bisturí e as súas mans escavaban no corpo cuxo sangue zarrapicaba. O xudeu, ouveando en van, tentaba liberarse do seu agresor. Céline estaba posuído por ese poder que confire unha grande idea. Toda a súa raza endereitábase nel. Nin os médicos nin as enfermeiras eran quen de deter ese ario vingador que se abatera sobre o inimigo diseminando farrapos de pel e anacos de vísceras.
Era un erro de Céline. O home que tomara por un xudeu era un árabe, ao servizo dunha liga disolvida para combater os xudeus e para entregar a lúa aos lunáticos.

XII

O trobador do pogrom

Masacre, matanza de persoas indefensas.
Petit Larousse

Vostedes pensan que Céline emprega no título do seu libro a palabra masacre como unha figura retórica. Desengánense! Por difícil que sexa comprender a súa gramática fantasiosa, neste caso non hai dúbida. Esta vez non se trata dunha metáfora, senón dun substantivo no seu sentido máis preciso. Desexa a matanza dos xudeus e esíxea. O libro enteiro non é máis que unha incitación ao asasinato, unha glorificación do pogrom.
A Céline, Céline e medio. Coidareime, non obstante, de lanzar tal acusación á lixeira. Dígoo conscientemente. Non ironizo, non esaxero. Constato e repito: Bagatelles pour un massacre incita ao asasinato e glorifica o pogrom.
As probas entrégaas el mesmo. Porque non fala soamente mediante sobreentendidos. Exprésase claramente, sen equívocos, sen reviravoltas, sen pudor.
Que cadaquén xulgue os seus textos!
«Entón, ti queres matar todos os xudeus», pregunta alguén.
E Céline responde:
«Acho que eles non dubidan moito cando se trata das súas ambicións, dos seus purulentos intereses… (dez millóns só en Rusia)».
Noutro capítulo invoca a historia:
«Charles Martel, que non estaba louco, cando os negros lle falaban así (como fan os xudeus) durante a batalla de Poitiers, abriulles a todos a gorxa… acababan logo o barullo».
Ou aínda:
«Ah!, xa verás o antisemitismo! Ah! xa verás se tolero que me toquen sen facer nada!… Ah! Xa verás a revolta! O espertar dos indíxenas! Os irlandeses, durante cen anos, erguéronse todas as noites para estrangularen cen ingleses que non lle facían o cuarto do que nós soportamos dos hebreos!».
Pódese ir máis lonxe. Lede isto:
«Os que os colgaron debían ter as súas razóns… Deberon avisar a eses xudeus! Usar, esgotar moitas paciencias. Non vén só un pogrom… Un pogrom é un grande éxito no seu xénero, unha eclosión de algo… Non é moi humanamente críbel que todos os outros sexan unicamente lixo… Sería demasiado fermoso…».
Para explicar a palabra masacre, o Petit-Larousse dá o exemplo do masacre de San Bartolomeu (18). A palabra pogrom vén do ruso. Cando a política tsarista estaba nun beco sen saída, o goberno organizaba nun pogrom. Os cosacos e os homes das centurias negras penetraban entón nos barrios xudeus de onde antes fora retirada a policía. Durante días, asasinaban, violaban, saqueaban. As mulleres era destripadas, os nenos empalados e os vellos mutilados. Impunes, os asaltantes podían dar libre curso aos seus peores instintos, cometer todos os crimes, coller o que lles petaba, destruír canto lles molestaba, e as rúas ficaban cubertas de despoxos e de cadáveres. Isto é o que Céline chama «un grande éxito no seu xénero».
Está louco?… Probabelmente.
Mais hai loucos perigosos e sono aínda máis cando viven nunha época en que a loucura se xeneraliza facilmente. Os cronistas do século XII [……………………] (19) tiñan o aspecto de buscar.
El propio confesa que a lectura de Bagatelles pour un massacre podería provocar un acto de vinganza e para se protexer dá a entender que non se trataría dun acto irreflexivo, senón que sería obra dos «Sabios de Sión».
Aínda que non coñeza eses «consistorio» e escriba baixo a miña propia responsabilidade, podería seguir a Céline no seu terreo e devolverlle ameaza por ameaza. Non sería difícil encontrar unhas frases moi experimentadas con alusións coidadosamente veladas e insinuar o seu verdadeiro nome e enderezo (20). Se se sabe facer cun pouco de habilidade, sempre se pode dicir despois que non se quería dicir iso. Non obstante, os meus pequenos asasinatos rituais cométoos eu mesmo e soamente por escrito. E, sobre todo, se reprobo os métodos de Céline non é para imitalos.
Quero evitar calquera confusión, quero dicilo nos termos máis precisos: só conto como os xudeus foron, en todas as partes, expulsados e perseguidos; ao mesmo tempo había homes fuxindo da peste, a miseria ou o diabo que percorreron Europa flaxelándose e nenos que partiron en cruzada para liberar o Santo Sepulcro. Hoxe atravesamos un período semellante. Loucos individuais ameázannos e loucuras colectivas espréitannos. Por iso o caso de Céline non atinxe –ou non soamente– aos alienistas, senón tamén e ante todo á sociedade.
Dáse perfectamente conta do que afirma. A proba é que o trobador do pogrom ten medo da súa propia coraxe e teme que as súas intempestivas sádicas se viren contra el. Está convencido de que merece unha resposta e non pode concibir que non sexa outra que o asasinato. Así xa pensa refuxiarse en Irlanda. (Por que non en Alemaña?) Non dubida mesmo en declarar:
«Se me encontra unha mañá cun pequeno maletín […………….] (21) inútil non desexar represalias contra min, nin físicas nin materiais. Eu rexéitome normalmente sen excepción e sen reserva, e se un lector de Bagatelles pour un massacre chega a outras conclusións, quixera facer todo o posíbel para convencelo do seu engano. Penso que está claro».
Para facer a Céline inofensivo abonda con desenmascaralo. O que é inadmisíbel é que venda a súa propaganda nazi por literatura orixinal. O que é necesario é pór en evidencia que non se trata aquí de arte ou de psicoloxía, senón de propaganda hitleriana.
Que o pirata mostre o seu pavillón –a bandeira vermella coa cruz gamada nun círculo branco! Mais que non ande como un viaxeiro inocente á procura de emocións personais. Quere defraudar a alfándega. Porta veleno na súa bagaxe.

***

NOTAS
(12) Erich Ludendorff (1865-1937). Xeneral alemán, un dos máis importantes xenerais alemáns durante a I Guerra Mundial e teórico da «guerra total». Despois da derrota, culpou desta aos políticos de esquerda. En 1923 tomou parte, con Hitler, no intento de golpe de estado coñecido como «Putsch de Munich». Enfrontado con Hitler en 1927, este acusouno de francmasón (a quen escribira folletos contra eles!) e retirouse ao ano seguinte da política. Fundou coa súa segunda muller a «Sociedade para o coñecemento de Deus», unha escura agrupación esotérica que aínda existe hoxe. En 1933 reprochoulle a Hindenburg que lle dese o poder a Hitler, quen asistiu ao seu funeral mesmo en contra dos expresos desexos de Ludendorff (Ndt.)
(13) Referencia ao ciclo novelístico (28 volumes!) de Jules Romains (1885-1972), Les Hommes de bonne volonté (Ndt.)
(14) Ignaz Philipp Semmelweis (1818-1865), médico húngaro, un dos cumes da obstetricia. Foi o primeiro que afirmou que os médicos debían lavar as mans antes de examinaren os seus pacientes, idea subversiva a mediados do século XIX. Tamén lanzou a teoría dos xermes como transmisores das enfermidades, teoría que debido ao carácter apaixonado e autodestrutivo do seu autor non foi recoñecida, deixando, porén, o camiño aberto a Pasteur, Koch, Lister e outros. Céline dedicoulle unha novela, (sic) Semmelweis (Ndt.)
(15) Frase que falta na edición orixinal de 1938 (Ndt.)
(16) Joseph Arthur de Gobineau (1816-1882), escritor francés que, a despeito da súa calidade literaria, é coñecido, sobre todo, polo seu libro, biblia das teorías «racialistas», Ensaio sobre a desigualdade das razas humanas (seis volumes). No entanto, Gobineau, antidemócrata, non era antisemita e estaba en contra da política de colonización realizada polas potencias europeas (Ndt.)
(17) Edgar Bérillon (1859-1948), médico racista de delirantes teorías sobre a «raza alemá», autor, entre outros, do libro mencionado por Kaminski. Todo o que relata o autor do panfleto está tirado do devandito libro de Bérillon aínda que ao lector lle poida parecer unha invención delirante de Kaminski (Ndt.)
(18) Noite do 24 de agosto de 1572 en que os católicos asasinaron en París máis de 2000 hugonotes (máis de 20000 en toda Francia) onde se reuniran para asistiren ás nupcias de Henrique de Navarra e Borbón (hugonote, o futuro Henrique IV) con Margarita de Valois, filla da raíña Catalina de Médicis, responsábel última da matanza (Ndt.)
(19) Frase que falta na primeira edición de 1938 (Ndt.)
(20) Como sabe o lector, o verdadeiro nome de Céline era Louis Destouches (Ndt.)
(21) Frase que falta na primeira edición de 1938 (Ndt.)

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *