Hujar, o fotógrafo sincero do underground neoiorquino

0 comentários 🕔09:00, 20.Fev 2017

Non todos os artistas se deixan cegar polo esplendor da riqueza. Houbo algúns que mesmo souberon optar á pobreza no rompente neoiorquino do capitalismo salvaxe. A creatividade fotográfica de Hujar mostra o reverso desa moeda que vén sendo a sociedade triunfante norteamericana: duras realidades do downtown.

Lito Caramés

Peter Hujar: a la velocidad de la vida
Estes meses a Fundación Mapfre, nas súas salas da Casa Garriga i Nogués de Barcelona, instala a exposición máis ambiciosa e detallada que ata agora se ten feito do traballo fotográfico de Peter Hujar, escolma que recolle instantáneas desde os anos cincuenta ata a súa morte no ano 1987 e que leva por título Peter Hujar: a la velocidad de la vida. A mostra está organizada pola Fundación Mapfre e mais por The Morgan Library & Museum, de New York. A Biblioteca Morgan, hoxe biblioteca e museo, foi fundada en 1906 polo millonario Pierpont Morgan coa intención de conservar a biblioteca que fora xuntando ao longo da súa vida. A biblioteca é moi coñecida por albergar manuscritos de moitos escritores (W. Scott, Balzac, Dickens, Dylan, etc.), e incunables e documentos únicos; entre eles conserva o pergamiño Vindel, do século XIII, única copia existente na actualidade que contén a música das cantigas do poeta e xograr galaico-portugués Martín Códax. En 1924 foi ampliada a biblioteca e pasou a contar cun museo, con pezas de gran valor de pintores como Rembrandt, Rubens, Leonardo da Vinci, Miguel Anxo, Durero ou Picasso. Tamén participa no espallamento da obra de Hujar por medio desta exposición Terra, Foundation for American Art. A fundación Terra, con sede en Chicago, foi creada en 1978 por Daniel Terra, científico e empresario químico, co obxectivo de promover unha maior comprensión e apreciación do patrimonio cultural e artístico dos Estados Unidos a través da adquisición, estudo e exposición de obras de arte americana. En 1992 Terra abriu o Musée d’Art américain Giverny, en Francia.
Peter Hujar: a la velocidad de la vida xunta nas salas da Casas Garriga i Nogués un total de 160 imaxes procedentes da The Morgan Library & Museum e mais de nove institucións máis que accederon a prestalas, como o Princeton University Art Museum, o The Peter Hujar Archive LLC ou a Fraenkel Gallery. Esta exposición está comisariada por Joel Smith, director do Departamento de Fotografía de The Morgan Library & Museum desde 2012. A ordenación e montaxe das 160 fotografías de Hujar nas salas da Fundación Mapfre está ben estudada, e responde aos criterios que acostumaba usar o propio fotógrafo: poñer xuntas instantáneas contrapostas, temáticas rompedoras. Por isso, en moitas das salas as fotos cadradas de Hujar non están colocadas unhas a seguir doutras, nunha serie longa e reiterada, senón que en bastantes casos vense agrupadas en bloques de seis ou oito, representando cada unha asuntos ben diversos: un animal, un nu, unha rúa; imaxes de exteriores a carón doutras de interiores, etc. Deste xeito, a presentación decidida polo comisario é congruente co ser e pensar do autor, e produce sobre as paredes das salas un pentagrama onde as notas ora van xuntas, ora espalladas.

Hujar. Strmboli. 1963

Hujar. Stromboli. 1963

Peter Hujar, fotógrafo de moda?
O que me interesa é a superficie. Porque a superficie é o interior. A xente sempre di que hai que investigar dentro. Non. Todo está por fóra (…) Fotografo todo o que me atrae. E é esa atracción a que me guía. Aproxímome e disparo. Non cambio nada, nin engado nada, case sempre deixo cousas fóra do encadre, simplifico, por suposto. Simplifico moito (Lisette Model, fotógrafa).
O retratista Peter Hujar (Trenton, 1934 – Nueva York, 1987) viviu os primeiros anos da súa vida nunha granxa de New Jersey en compañía dos seus avós maternos, inmigrantes polacos. Aos seis anos, a súa nai, Rose Kuleba, camareira, levouno a vivir con ela a New York, na parte baixa de Manhattan, daquela unha zona deprimida. Sempre foi un rapaz calado, introvertido. A comezos da década dos 50 matricúlase nos estudos de fotografía da School of Industrial Art, onde parte do profesorado lle axudou tanto coa lingua inglesa como coas materias propias. E comeza a traballar como axudante nos laboratorios que os fotógrafos Otto Maya e Jess Brown teñen na rúa 40. Estes fotógrafos orientan os seus traballos cara o campo da moda (revistas de deseño e de moda) e executan as súas instantáneas en color. Peter traballa ben, e Maya e Brown permítenlle que, despois da xornada laboral, use os propios laboratorios para revelar as súas primeiras fotografías. Desta primeira época consérvanse algunhas positivacións e bastantes probas de contacto. En 1958, cunha bolsa de estudos para coñecer os retablos de igrexas florentinas, viaxa a Italia e aproveita para percorrer parte de Europa. Ao ano seguinte vai a Sicilia, onde fotografará as momias das catacumbas de Palermo. Vivirá principalmente en Europa ata 1963.
De regreso a Manhattan, moverase nos círculos un tanto selectos da escritora Susan Sontag e mais da Andy Warhol Factory. De Warhol fará varios retratos. Por estes tempos é cando Hujar se dedica á fotografía de moda, como free lance. Aínda que lle custou entrar nese mundo, acaba por publicar máis dunha ducia de reportaxes de fotos de moda en revistas tan prestixiosas como Harper’s Bazaar ou en GQ. Nestes anos de traballo para o mundo da moda, Hujar trata de seguir os pasos dalgúns dos fotógrafos de referencia para el, como Irving Penn, un fotógrafo que tamén traballou moito para Harper’s Bazaar, coñecido polos seus logros de iluminación en estudo e mais pola sinxeleza dos seus retratos. De Penn é a máxima: menos é máis, aludindo á austeridade das imaxes. Outro dos ídolos de Hujar era Richard Avedon, o gran retratista que tivo a orixinalidade de ir retratar mineiros polos estados do Medio Oeste, aos que descontextualizaba colocándoos diante dun lenzo branco, que imprimía ás imaxes unha dimensión de eternidade, de atemporalidade. Tamén lle agradaban os traballos directos de Lisette Model, quizais a retratista que lle axudou a descubrir nos corpos tanta forza e expresividade como nas faces das persoas. Nestas preferencias coincide con outro fotógrafo de moda, o xamán Manuel Outumuro.
Por estes anos traballou dentro do movemento dos homosexuais, no Gay Liberation Front de New York, creado no ano 1969, e para o que Hujar aportou a fotografía do seu primeiro cartel, realizado en 1970.

Hujar. Catacumbas de Palermo. 1963

Catacumbas de Palermo. 1963

Hujar. Susan Sontag. 1975

Susan Sontag. 1975

Intimismo, Desvergonza, Singularidade
Fago fotografías simples e directas, de xente e temas complexos e difíciles (P. Hujar).
Os retratos de Hujar, segundo contou o comisario Joel Smith na presentación de Peter Hujar: a la velocidad de la vida, distínguense por ter unhas constantes ben claras, aínda que ao longo dos anos o fotógrafo vire de preferencias. Paseando polas salas da Fundación Mapfre é doado percibir que un dos intereses de Hujar para reflectir nas súas instantáneas era o intimismo. Non tiña présas para lograr a foto que el xa visionara nos seus miolos; pasaba horas co/coa modelo, en silencio, disparando ás veces ata 20 carretes con tal de ir creando a atmosfera de complicidade entre retratista e retratado e así conseguir o comportamento natural das persoas, lonxe de afectacións e de poses estereotipadas. En palabras de Smith, Hujar quería entender ao personaxe en profundidade; non buscaba un arquetipo, senón plasmar un ser único e orixinal. Desa relación de horas e próxima que fomentaba, Hujar conseguía que os seus modelos –el por suposto que tampouco– non tivesen vergoña para posaren nus e en posicións e actitudes variadas e atrevidas. Para Hujar o corpo era tan importante para mostrar a personalidade de alguén como o propio rostro. Na Fundación Mapfre están colgadas nas paredes fotografías que poucas veces se ven: nus masculinos mostrando o sexo con total naturalidade (ata a masturbación); mulleres, transexuais de calquera idade. E por último a singularidade. Os retratos de Hujar inciden na individualidade, na consecución dun retrato de persoa ou animal que non se pareza a ningún outro. Os seres formando parte dun todo, pero orixinais, singulares.
Segundo comentaron algúns dos coetáneos e coñecidos, Hujar era unha das persoas máis difíciles de tratar. Quizais por iso, para lograr que os seus retratos tivesen as peculiaridades que enumerou o comisario, propúñase retos a si propio. Por exemplo, inmortalizou a moitas persoas tumbadas, nunha posición non moi ortodoxa para un retrato (un dos máis coñecidos é o retrato que lle fixo á súa amiga, a novelista Susan Sontag, 1975, ou o do tamén escritor William S. Borroughs, de 1975). Por exemplo, tapaba as faces dos modelos con velos, cabelos ou plásticos, tratando de impoñer misterio ou estrañeza ás persoas retratadas. Ou facendo retratos dobres, xogando así coa idea de singularidade, de interacción entre retratados, e destes coa cámara que os apuntaba.
Non acaban aquí as peculiaridades deste fotógrafo tan pouco coñecido do público xeral, aínda que moi apreciado nos círculos fotográficos. Para forzar as composicións usaba moitas veces as diagonais; diagonais descendentes de esquerda a dereita (en realidade o xeito de lectura tradicional en occidente, xa dun páxina escrita, xa dunha imaxe), que atrapan un corpo nu, ou unhas pernas, ou un bailarín, e aínda un can ou o volcán Stromboli. E tamén se ven con frecuencia composicións de exteriores nas que os volumes son tomados pola cámara en escorzos que se internan dentro do espazo encadrado pola fotografía. Así acontece con rúas de Manhattan, con estradas que penetran millas na paisaxe, con rañaceos neoiorquinos, camiños infinitos. As súas fotos sempre eran cadradas. As que agora se poden ver e analizar na Casa Garriga i Nogués da rúa Diputació (todas copias orixinais, feitas polo propio fotógrafo; fotografías vintage) foron feitas ou ben cunha Rolleiflex, a cámara de negativo cadrado por excelencia, ou ben con outras similares, pero que sempre lle ofertaban esas instantáneas cadradas tan apropiadas para as diagonais e para os primeiros planos.

Hujar. Candy Darling on Her Deathbed.1973

Candy Darling on Her Deathbed. 1973

Hujar. Ethyl Eichelberger. 1981

Ethyl Eichelberger. 1981

1973. Hujar underground; a estética do perdedor
O meu traballo provén da miña vida. Para min, a xente que retrato non son freaks ou anomalías. Gústame a xente que é atrevida. Retrato aos que se van aos extremos. Iso interésame, como tamén a xente que se aferra á liberdade para poder ser ela mesma (Peter Hujar, 1979).
No ano 1973 Peter Hujar toma a meditada decisión de abandonar a fotografía comercial. A partir dese momento retratará o que a el lle veña en gana, e só fará pequenos encargos para sobrevivir. Desde un loft da Segunda Avenida, situado por riba do Eden Theatre (un local de variedades e travestismo), Hujar, con 41 anos, opta pola coherencia, pola liberdade creativa; pola pobreza.
Desde ese momento o fotógrafo orientará o seu obxectivo cara persoas do mundo do downtown neoiorquino, a persoas e espazos que non teñen imaxe nos retratos da sociedade norteamericana que premia aos gañadores (os self made man). Hujar capturará coas súas cámaras todo o que rodea: a miseria, a ruínas industriais; mostrará a outra cara da moeda. A estética do perdedor. Para comezar, xa nese mesmo ano 1973 retratará Candy Darling, unha transexual que fora musa do triunfador Andy Warhol, no seu leito de morte (Candy Darling on Her Deathbed), nun cuarto do Columbus Hospital toda envolta de flores, semellando que non está sendo atacada por un cancro, senón que é unha actriz glamurosa de Hollywood que decidiu non erguerse. O retrato –un dos máis coñecidos de Hujar– presenta a Candy como unha princesa, serena e en actitude de agardar a parca. Morrería aos tres meses. Moitos anos despois, a imaxe de Candy Darling foi escollida polo grupo musical Antony and the Johnsons como ilustración para a portada do seu álbum I am a bird now (2005).
Centrado no mundo underground, participa nos movementos contraculturais daqueles anos. Puido ser un creador libre nunha cidade que aínda permitía ser pobre. Hujar estivo nas áreas neoiorquinas onde tocaban Janis Joplin ou Jimi Hendrix, ou comezaban os Ramones; onde as drag queens eran realmente as raíñas da noite. Son tamén os anos nos que Antoni Miralda, o artista das grandes performances na vía pública, chega e traballa en New York; quizais se coñeceron. Retratou a todas as súas amigas e amigos, e a moitos personaxes anónimos que vagueaban polos peiraos da cidade, á procura de supervivencia, á procura de sexo. Como el mesmo dicía, gustábanlle as persoas que son auténticas, que prefiren a liberdade para poder seguir sendo elas mesmas. Foi nestes anos cando coñeceu a Diane Arbus, pois os seus intereses estéticos eran similares. Pero non conxeniaron, Arbus desconfiaba de que Hujar quixese facer o mesmo ca ela, e o fotógrafo da bohemia separábase dela para que non o acusasen de copiala. Con todo, Diane Arbus dixo: Hujar era capaz de retratar un can na lameira, algo que podía parecer un ser fracasado, e convertelo nalgo marabilloso. E Richard Avedon, en 1979, escríbelle a Hujar: Se algún día tes obra nova que queiras vender, chámame; colecciono obra túa e admiro moitísimo as fotos túas que teño.
Dentro desa megacidade e nesas décadas de efervescencia artística (son os intres da consolidación de Pollock, de Kooning, Rothko ou Gorky, os rapaces do expresionismo abstracto), tamén coincidiu con Robert Mapplethorpe, máis novo e con grande éxito no seu traballo, a quen Hujar acusaba de mercantilista e efectista. Hujar tivo que navegar nesa megalópole ente eses dous grandes da fotografía, e o triunfo efectista de Mapplethorpe afectouno bastante, aínda que o traballo de Hujar é máis complexo e máis comprometido socialmente. Moitos outros retratistas optaron pola fotografía máis comercial, como é o caso de Halsman e a súa Jumpology.
Un dos temas que máis interesaban a Hujar era o relacionado coa morte. No ano 1976 publicou o único libro que vería a luz como tal: Portraits in Life and Death, onde combinaba as fotografías que lle facía ás persoas do seu círculo máis próximo con outras que fixera en 1959 ás momias que se conservan nas catacumbas dos Capuchinos de Palermo.
Preguntado Joel Smith por esta etapa final de Hujar, na que aposta claramente pola estética do perdedor, o comisario contestou que si, que desde que abandonou a fotografía comercial virou os seus intereses cara ás persoas máis próximas a el, a xentes que deambulaban por barrios deprimidos. Pero as fotografías que lles facía sempre alimentaban a dignidade da persoa, ou animal. E puxo un exemplo. Na fotografía Dog, Westtown, New York (1978), Hujar capta a imaxe dun can mollado e deitado na lama dos peiraos; pero na pose, no pelo manchado, na mirada mantén o cánido un porte, un estar rotundo, cadrado e unha actitude de solemnidade.
En 1980 coñece ao artista David Wojnarowicz e logo se fan amantes. Con el percorre os barrios deprimidos das aforas de New York e mais de New Jersey, fotografando a ruína: naves industriais abandonadas, espazos baleiros e cheos de ferralla pola banda de Queens ou do baixo Manhattan. Morre en 1987, aos 53 anos, vítima da praga apocalíptica que comezaba a decimar as poboacións, primeiro dos países ricos, e máis tarde dos do sur: a SIDA.

Lito Caramés

EXPOSICIÓN: Peter Hujar: a la velocidad de la vida
Fundación MAPFRE, Barcelona
ata o 30 de abril de 2017

Sobre o autor / a autora

Lito Caramés

Lito Caramés

(Galiza-Catalunha) Nado en Caroi, Cotobade, en 1949. Profesor de Ensino Secundario, e de Cultura e Lingua Galegas (Proxecto Galauda). Autor do libro de relatos "E agora pasa un tren" (Biblos) e coautor de traballos de historia e antropoloxía: "América, América" (Roure), "Galicia a lo claro" (Popular), "El Islam en las Aulas" (Icària), entre outros. Membro de Furafollas Agrupación Teatral.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *