<em>O conde Oxtiern</em>, obra teatral do Marqués de Sade (II)

O conde Oxtiern, obra teatral do Marqués de Sade (II)

0 comentários 🕔09:02, 09.Mar 2017

PRIMEIRA PARTE

ACTO SEGUNDO

ESCENA PRIMEIRA
OXTIERN, DERBAC

OXTIERN: Esta criatura ten unha sensibilidade…

DERBAC: Moi picante, non si? Que deliciosas son as mulleres cando as bágoas engaden aos seus atractivos toda a desorde da dor… Meu pobre conde, es o que se pode chamar un ser corrompido…!

OXTIERN: Que queres, amigo meu? Foi na escola das mulleres que aprendín todos os vicios con que agora as aflixo.

DERBAC: Cando menos, casarás con ela…

OXTIERN: Como podes sospeitar nin por un momento ese ridículo en min?

DERBAC: Mais unha vez no teu castelo, que escusas lle poderás dar a Ernestine para xustificares a túa conduta? Non soportará que vivas con ela como un amante coa súa querida.

OXTIERN: Oh!, as súas intencións, os seus desexos, as súas vontades son as cousas do mundo que menos me inquietan; a miña felicidade e a miña satisfacción, velaí os obxectivos, e están realizados, Derbac; e nunha semellante aventura, desde o momento en que eu estou contento, todo o mundo debe estalo.

DERBAC: Ah!, amigo meu… Meu caro conde, se me permitises un momento combater principios tan perigosos.

OXTIERN: Non. Desgustaríasme sen me convencer… Non esquezas nunca que a túa fortuna depende de min; que é un axente dos meus proxectos o que quero encontrar na túa persoa e non un censor.

DERBAC: Gabábame de que non vendo en min máis que un amigo, debías desexar os meus consellos… O que planeas é terríbel.

OXTIERN: Aos teus ollos, ben o vexo; porque non es máis que un simple subalterno, cheo de prexuízos medievais… a quen aínda o facho da filosofía non puido levar os seus raios… Un poucos anos na miña escola, Derbac, e xa non compadecerás a unha muller por tan pequena desgraza.

DERBAC: Un ser sensíbel e doce, que máis aínda para a nosa felicidade que para a súa, soubo colocar con tanta delicadeza toda a súa gloria e toda a súa felicidade na súa virtude, ten certos dereitos ao noso amor, á nosa protección, cando infames a aldraxan.

OXTIERN: Oh, Derbac! Estás a moralizar.

DERBAC: Si, de acordo; imos, ocupémonos soamente dos teus perigos. Non ves ningún en todo este asunto?… O coronel, o fillo do coronel…, o mozo Herman, tan tenramente amado por esta encantadora rapaza, non temes nada desta xente?

OXTIERN: O coronel é vello e loitaría con dificultade… non se baterá… O seu fillo nunca chegará até min; mandei espialo. (En voz baixa.) Se se achega ás miñas terras, é home morto. (En voz alta.) E para Herman, os grillóns cos que o fago xemer, son de tal xeito que nunca os poderá romper; tiven a astucia de envolvelo nun asunto de intereses, do que non poderá saír sen os fondos necesarios, e está moi lonxe de poder procuralos. Custoume moi caro… falsas testemuñas… xuíces corrompidos. Desafíoo a escapar de alí….

DERBAC: E as leis, meu amigo, as leis?

OXTIERN: Nunca vin que se resistisen ao poder do ouro.

DERBAC: E ese órgano interior, onde a virtude sempre soubo reclamar os seus dereitos… a túa conciencia, en fin?

OXTIERN: Tranquila… perfectamente tranquila.

DERBAC: Mais a Corte, caro conde, esta Corte da que ti es á vez ornato e deleite… Se chegase a saber a desorde da túa conduta?

OXTIERN: É o único que temo desta rapaza enfurecida; ameazoume, e por iso debo asegurarme ben. Lémbrate de dares as ordes precisas para que todo estea disposto mañá ao romper o día; quero afastarme de Estocolmo o máis axiña posíbel. Fabrice volveuse virtuoso e estamos aínda demasiado preto da capital para non temer os remorsos de semellante galopín. Non coñezo nada máis terríbel nin máis humillante que a obriga de tratar con miramentos a estes moinantes cando se ten necesidade deles. É o deber do crime, mais, santo Cristo, é o suplicio do orgullo. Para convencer a Fabrice, envieille o meu criado; e quen o acreditaría? Casimir non é tan firme como pensaba. Non tes idea, amigo meu, dos efectos dos choros dunha rapaza nesas almas débiles e pusilánimes.

DEBAC: Felizmente para a humanidade hai poucas tan pervertidas como a túa!

OXTIERN: É que a traballei, meu amigo. Vin moito e sentín moito. Se soubeses até onde se pode chegar a forza de experimentalo todo!

DERBAC: Soan ruídos no cuarto de Ernestine… É Amélie; apostaría que te esperan…Feliz mortal!

OXTIERN: Xa cho dixen, a única maneira de se facer amar das mulleres é atormentalas. Non coñezo medio máis seguro.

ESCENA SEGUNDA
Os mesmos, AMÉLIE

AMÉLIE (ao conde): A señorita Ernestine, señor, vai vir a este cuarto para vos falar algúns minutos, se os vosos asuntos volo permiten.

OXTIERN: Teño acaso ningún máis sagrado… que digo, máis querido que o de conversar coa túa fermosa ama? Amélie, dille que a espero coa emoción do amor… coa impaciencia do namorado.

AMÉLIE (con certa sorpresa mesturada con ira): Vos, señor?

OXTIERN: Eu mesmo. Sorpréndenche os meus sentimentos?

AMÉLIE: Oh, non, non, señor, non, nada me estrañaría hoxe de vos. A señorita vén agora, voulle dicir que a esperades.

ESCENA TERCEIRA
OXTIERN, DERBAC

DERBAC: Esta rapaza coñécete, amigo, e leo no seu rostro impresións que me narran todos os movementos da alma da súa ama.

OXTIERN: Como se pode tremer polos movementos da alma dunha muller? Pobre Derbac, os teus temores fanme rir…Anda, vaite, vixía os preparativos da nosa viaxe; lembra que non chegamos aínda a bo porto, que hai que chegar a el e que hai que chegar seguros.

DERBAC: Temo máis ca ti os posíbeis escollos e aínda non vexo acabado este asunto.

OXTIERN: Va, non temas nada (levando a man á fronte). Hai aquí dentro máis astucias que as que farían falta para incendiar toda Europa; xulga despois disto se debo preocuparme por algo que non é máis que unha intriga.

DERBAC (con vehemencia): Ah, querido conde!… Adeus… xa que non queres de min nin reproches nin consellos, talvez non verás en min durante moito tempo un amigo.

ESCENA CUARTA

OXTIERN (): Toda esta xente prodúceme mágoa, unha parvada pertúrbaos e desanímaos; non vexo a miña alma en ningún deles…. Continuemos a finxir con Ernestine… rapaza anxelical… Ás veces hai momentos en que penso en suspender os meus propósitos diante do que me fas sentir… momentos en que non penso máis que en adorarte. Ah, afastemos estas debilidades! Ernestine está demasiado ofendida para non ser de temer e se a salvo estaría perdido.

ESCENA QUINTA
OXTIERN, ERNESTINE

ERNESTINE: Aínda que me custa aparecer perante dos vosos ollos, señor, por humillada que estea diante de vos, no entanto debo preguntarvos, despois da acción infame que vos permitistes comigo, cales son as satisfaccións que a vosa probidade pode ofrecerme.

OXTIERN: É a miña probidade que hai que interrogar, Ernestine, cando o meu corazón está no voso poder… cando vos pertence enteiramente?

ERNESTINE: Sen dúbida non pensaredes que ese don poida facer a miña felicidade… Como tan sequera mo propoñedes?… Como despois da degradación en que me mergullastes xulgades ese corazón cruel digno de min?

OXTIERN: Os vosos reproches abáfanme tanto máis que os teño merecidos… Ah, non castiguedes tan cruelmente as faltas do amor!

ERNESTINE: Do amor… Vos? Oh, Deus! Se iso é o que o amor inspira, que nunca o meu corazón experimente un sentimento tan capaz de degradar o home!… Non, señor, non se trata de amor; non é ese sentimento consolador, principio de todas as boas accións… Podería o amor aconsellar o crime?

OXTIERN: O meu extravío foi espantoso, estou de acordo; mais adorábavos e tiña un rival.

ERNESTINE (con firmeza): Monstro, que fixeches con este rival?

OXTIERN: Non fun eu quen dispuxo o seu destino.

ERNESTINE (con firmeza): Só tu mo quitaches, só ti tes que devolvermo.

OXTIERN: A miña man nos vos privou del, Ernestine; as leis decidiron. Herman está encadeado por elas e eu só podo empregar o meu prestixio para suavizar o rigor das súas cadeas.

ERNESTINE: Fuches tin quen as forxou. Como podo ser tan cega até o punto de atreverme a implorarche que as rompas?… Vaite, non che pido nada… Eu, ofrecerche a oportunidade dun acto xeneroso… O medio de me facer esquecer os teus horrores… Xa o ves, Oxtiern, extravíome… E ben, que pensas facer coa túa vítima? Fala, onde a levas?

OXTIERN: Ofrézovos, Ernestine, a miña man e o meu corazón.

ERNESTINE: Encadearme ao meu verdugo… Nunca, nunca!

OXTIERN: Existen outros medios?

ERNESTINE: Si, sen dúbida, hainos… Non o sospeitades, señor? Ignorades que me queda un pai, un irmán? (Co máximo orgullo), ignorades que respiro?

OXTIERN: Todos eses crueis recursos non servirían de nada, custarían sangue e non vos devolverían a vosa honra: só aquel que acusades de roubala debe devolvela; convertédevos na súa esposa e todo se esquecerá.

ERNESTINE (con toda a enerxía posíbel): Traidor, que alianza podes formar comigo se me degradaches? Sen cesar entre o oprobio e a humillación, sen cesar en medio de mágoas e de bágoas, intentando comprometer o meu esposo con nós que el só formaría por deber; di, Oxtiern, que momentos de calma e de felicidade poderían nacer para min na terra? O odio e a desesperación, por un lado; a violencia e o remorso por outro; os fachos do himeneo serían prendidos para nós nas propias furias, as serpentes serían os nosos vínculos e a morte a nosa única esperanza.

OXTIERN (lanzándose aos pés de ERNESTINE): Pois ben, xa que só eu o merezo, golpea, Ernestine, velaí o meu corazón. Derrama coas túas mans este sangue culpábel; xa non merece animar o ser tan bárbaro como para descoñecerte tan cruelmente.

ERNESTINE (con máis forza aínda, e rexeitándoo): Oxalá desaparecese sen mollar a terra; faría brotar crimes.

OXTIERN: Que desexades entón, Ernestine? Que podo facer para probarvos o meu amor e o meu arrepentimento?

ERNESTINE (con desprezo, cólera e forza): O teu amor, nunca!… O teu arrepentimento, acreditarei nel se rompes os ferros con que a túa infamia cubriu o meu amado; vai revelar aos xuíces as túas maquinacións, vai recibir a morte que os teus crimes merecen. Non cargues xa a terra cun peso que a fatiga; o sol é menos puro desde que ilumina os teus días.

OXTIERN (con orgullo contido): Ernestine, non pensa, seica, na situación en que se encontra?

ERNESTINE (con nobreza e enerxía): Tes razón, Oxtiern; se pensase, ou non viviría ou ti estarías morto.

OXTIERN: Cando unha muller se xulga infeliz, debería coidar un pouco máis aquel de quen depende o seu destino.

ERNESTINE (con orgullo): Esta muller só depende de si mesma; non se debe máis que a si, e só ela resolverá o seu destino.

OXTIERN: Prosigamos o noso camiño, Ernestine; mañá chegaremos a unha das miñas posesións; talvez alá consiga abrandarvos e tranquilizarvos.

ERNESTINE (como antes): Non. Non irei máis alá; ao meu pesar, arrastráchesme até aquí: é preciso que aquí sexan vingada ou que morra.

OXTIERN: Estes impulsos dunha alma delirante, fatíganvos e non resolven nada, Ernestine. Esperaba de vos menos odio… unha resignación máis enteira…

ESCENA SEXTA
(Esta escena debe desenvolverse moi rapidamente.)
Os mesmos, AMÉLIE, CASIMIR
Cada un dos criados toma ao seu amo nun á parte, en cada recanto do escenario.

CASIMIR (a OXTIERN): Señor?

OXTIERN: Que queres, Casimir?

AMÉLIE (chegando un pouco despois): Señora?

ERNESTINE: Vés contarme novas desgrazas?

CASIMIR (a OXTIERN): Un oficial chegou á pousada.

AMÉLIE (a ERNESTINE): Un militar, que non puiden ver, pregunta por vos coa máxima urxencia.

OXTIERN: Intenta pescudar quen pode ser.

ERNESTINE (a AMÉLIE, cun movemento de alegría): É meu pai! Recibiría o recado e chegou!

CASIMIR (a OXTIERN): Señor, nos vos mostredes, é moi esencial que non vexades a ese home.

OXTIERN (a ERNESTINE): Perdoade, importantes encargos me reclaman. Podo presumir atoparvos máis tranquila cando regrese?

ERNESTINE (con nobreza e firmeza): Si, si, contade comigo, señor. Nunca me veredes por debaixo do carácter que debedes supor en min… Vos xulgádesme desprezábel, sen dúbida, a vosa conduta cando menos mo probou; pronto convencerédesvos de que merecía a vosa estima.

OXTIERN (retirándose): Ah!, vos merecedes sempre o meu corazón.

ESCENA SÉTIMA
ERNESTINE, AMÉLIE

ERNESTINE (moi rapidamente): Voa, Amélie, a ver quen é ese forasteiro… Ceos, se fose meu pai!

AMÉLIE (retirándose con rapidez): Oxalá veña terminar os nosos males!

ESCENA OCTAVA

ERNESTINE (Soa): Oh, o colmo da desgraza e da impudencia! Entre Oxtiern e máis eu ofrecemos o mellor espectáculo dun e doutra! Atrévome a desafiar a man do destino a que coloque á vez na terra unha criatura máis digna de compaixón ca min e unha máis impúdica que el… Ofréceme a súa man como indemnización dos males en que me afundiu a súa maldade… Acabaríame murchando se a aceptase. Non, non, Oxtiern, non é a túa man que quero, é a túa morte; só ela pode apouvigar o estado ao que me reduciu a ferocidade.

ESCENA NOVENA
ERNESTINE, O CORONEL FALKENHEIM

ERNESTINE (lánzase cara a el e afástase axiña con espanto): Pai, meu pai! Non son digna de vós!

O CORONEL: Que oio?

ERNESTINE (con dor): Por que me abandonastes, pai? Funesta viaxe… desgraciadas circunstancias!… O cruel elixiu o momento da vosa partida… enganoume; deume a esperanza da felicidade que vos vacilabades en me conceder; e aproveitándose da miña debilidade, fíxome indigna do día e de vos.

O CORONEL: Ceo inxusto! Só prolongaches os meus días para me facer testemuña de semellante horror! É preciso que o traidor pereza… (Quere saír.)

ERNESTINE (deténdoo): Non, non! Só a min pertence a vinganza, só eu me encargarei diso!

O CORONEL: Os teus proxectos inquiétanme!

ERNESTINE (rapidamente): Non intentedes descifralos, son xustos… e orgullosos como a alma que recibín de vos… Contaréivolo cando chegue a hora… Vístelo, pai? Atreveuse a se presentar diante de vós?

O CORONEL: Gardouse moito diso. Unha soa mirada miña aniquilaríao.

ERNESTINE: Entón o meu recado vos informou da miña fuga?

O CORONEL: Só el apresurou os meus pasos.

ERNESTINE (rapidamente): Ah, meu pai! Puidestes sospeitar de min por un intre?…

O CORONEL: Nunca; mais non deixabas defensores.

ERNESTINE: Acaso achan defensores os infelices? Oxtiern é rico, ten prestixio, nós somos virtuosos e pobres… Oh, si, meu pai, si, el debía ter razón… e do infeliz Herman sabedes algunha cousa?

O CORONEL: Faláronme dunha bancarrota na que se viu envolto. Ese lamentábel negocio, dixéronme, só pode acabar con moitos cartos, e nós non os temos.

ERNESTINE (á parte): Oxtiern, Oxtiern. Velaí como te vingas dun rival!

O CORONEL: Oxalá consentise o teu matrimonio! As miñas crueis negativas son a causa de todo!

ERNESTINE: Vos pensastes que eran xustas; non é todo o que necesito para esquecer o mal que me fixeron? Quen pode mellor que o autor dos nosos días xulgar o que nos convén?… Perdón, meu pai, rógovos que vos afastedes un momento, non teño nin un minuto que perder; partimos ao abrente para un castelo do conde; talvez mañá estarei encadeada para sempre, se non me libero hoxe… Evitade a Oxtiern, non o vexades… Fabrice, o dono desta pousada, paréceme un home seguro; ordenádelle que os esconda de todos e deixade o resto ao meu coidado.

O CORONEL (inquieto): Fabrice non estaba aquí cando cheguei. Dixéronme que estaba en Estocolmo, que un importante asunto o retiña alá, mais que se esperaba o seu regreso antes de acabar a noite.

ERNESTINE (perturbada): Fabrice marchou… Equivocaríame? En Estocolmo, que iría facer alá? Será por orde do conde? Coñéceo desde hai moito tempo!… Con que novo lazo vou ser atrapada? Todo me sorprende e me espanta!

O CORONEL (con nobreza e enerxía): Acouga, Ernestine miña, teu pai non te abandonará xamais. Cara e infeliz filla, ou triunfamos xuntos ou nos destruirán en brazos un do outro. Adeus!, que Amélie me avise da menor necesidade que teñas de min; e lémbrate que o neto do antigo amigo de Carlos XII non sabería animar máis que a un ser feito para soster a honra e a gloria da súa familia.

ESCENA DÉCIMA

ERNESTINE (soa): Non hai máis que un medio para me satisfacer, Oxtiern; é o meu sangue que tes que derramar, ou o teu, que verterei até a derradeira gota… Escribamos. (Instálase preto da mesa e le a medida que escribe.) Un home honrado non aldraxa impunemente a unha moza virtuosa; vos coñecedes as leis da honra, cumprídeas; o adversario que vos ofrezo é digno de se bater convosco. O xardín desta pousada serviravos de campo, as armas serán as vosas espadas. Cítovos esta noite ás once no lugar que vos indico. Un mozo, vestido de branco, presentarase perante de vos; atacádeo con firmeza, el responderavos da mesma maneira. Pensade que un dos dous debe de morrer, Oxtiern; sede tan valente como vil fostes; só a este prezo vos perdoa Ernestine. Adeus. (Esconde a súa carta e logo chama.)

ESCENA UNDÉCIMA
ERNESTINE, AMÉLIE

AMÉLIE (precipitadamente): Aquí estou, ás vosas ordes, señora.

ERNESTINE (rapidamente): Vai levar esta carta ao conde… E ten coidado que non te vexa meu pai… Espera, que vou retirarme. Farás vir o coronel a este cuarto e rógalle que permaneza aquí mentres vaias levar esta carta. Este recado, Amélie, é tan importante como secreto, non esquezas nin o máis pequeno detalle. (Sae.)

ESCENA DUODÉCIMA

AMÉLIE (Soa): Preocúpame esta carta. A cara con que ma deu, algunhas palabras que pronunciou ás veces sobre o seu irmán… Aposto que o avisou para que veña aquí e que vai enfrontalo ao conde… Hai que previr ao coronel… son os seus fillos. Nunca me perdoaría esconderlle as miñas sospeitas. Cantas desgrazas, meu Deus, poden provocar as odiosas manobras dun malvado! (Vai saír e atopa o coronel.)

ESCENA DECIMOTERCEIRA
AMÉLIE, O CORONEL

AMÉLIE: Ah, señor! A señorita, a vosa filla, suplícavos que permanezades un momento neste cuarto mentres vou levar ao conde Oxtiern esta importante carta que aquí vedes.

O CORONEL: Que di a carta?

AMÉLIE: Ignóroo, mais debe encerrar algo importante, xa que a señorita ma recomendou dun modo moi imperioso.

O CORONEL: E non imaxinas nada?

AMÉLIE: Perdoádeme, xulgo que se trata dun desafío. O señor, o voso fillo… A señorita, a vosa filla… o conde Oxtiern.

O CORONEL: O meu fillo? Explícate, que non entendo nada.

AMÉLIE (con viveza): Señor, apostaría que a señorita, a vosa filla, chamou a seu irmán para se vingar; que o enfronta ao conde Oxtiern provocándoo ao combate por esta carta; e que eses dous homes van baterse… Oh, señor!, non habería outros medios para castigar semellante atentado sen expor a vida de voso fillo?

O CORONEL: Hai outros, sen dúbida ningunha… haberá outros, seguramente… Non importa, vai entregar esa carta; fai o que che dixo a túa ama e conta cos meus coidados para terminar este conflito como debe ser. (Volve chamala con impaciencia.) Amélie, se viñese meu fillo… se se achegase a esta casa, que non fale con ninguén… que mo traian axiña; ordena todo o que sexa preciso para isto.

AMÉLIE (mentres sae): Si, si señor, quedade tranquilo. Comprendo toda a importancia desta recomendación.

ESCENA DÉCIMOCUARTA

O CORONEL (): Meu fillo non se baterá, son o único que debe lavar esta aldraxe… Oh, miña filla, miña filla, a túa defensa só me concirne a min. Medirei o meu valor co deste home atroz; e veremos se esta man experimentada no combate… conducida pola máis lexítima vinganza, terá por guía ao Deus que protexe a honra. Imos dar coñecemento destas resolucións ao pérfido conde, mais ocultémolas á miña filla… Quero que só saiba do combate pola miña vitoria… Si, o meu triunfo é seguro; é un monstro a quen vou castigar; e a providencia é demasiado sabia para deixar esmagar a virtude baixo os pérfidos atentados do vicio e a infamia.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *