<em>O conde Oxtiern</em>, obra teatral do Marqués de Sade (e III)

O conde Oxtiern, obra teatral do Marqués de Sade (e III)

0 comentários 🕔08:30, 16.Mar 2017

PRIMEIRA PARTE

SEGUNDA PARTE

ACTO TERCEIRO

O Teatro representa o xardín da pousada

ESCENA PRIMEIRA
O día vai caendo lentamente, de maneira que o teatro ficará na máis completa escuridade.

OXTIERN, DERBAC
O principio desta escena ten un ritmo lento e misterioso.

DERBAC: É para falar contigo no maior secreto, caro conde, que che roguei que baixases un momento ao xardín. Hai demasiados movementos nesta casa; desde que chegou o coronel Falkenheim, Ernestine encerrouse e non quere ver a ninguén; Amélie anda por todas as partes; e Casimir, que se decata de todo, contoume cousas bastante extraordinarias.

OXTIERN: Que sospeitas?

DERBAC: Non sospeito nada, amigo meu, seino todo. Empeza por ler esta carta, se a pouca luz do día que acaba cho permite. Amélie debía darcha; ao non encontrarte, deulla a Casimir para que cha dese coa maior dilixencia posíbel. Eu collina das mans do teu criado… e lina.

OXTIERN (ao ler a carta, só se detén nas seguintes palabras): «O adversario que vos ofrezo é digno de se bater convosco…» Sabes quen é este adversario?

DERBAC: Xulgo adiviñalo.

OXTIERN: Quen, entón?

DERBAC: A propia Ernestine.

OXTIERN: Ernestine?

DERBAC: Estou seguro.

OXTIERN: Que certeza tes de semellante extravagancia?

DERBAC: Vin o criado da pousada co traxe branco de que fala nas mans; levábao a Amélie. E baixo este disfrace atacarate ela mesma.

OXTIERN: Este proxecto é inconcibíbel; está ditado pola rabia e pola desesperación. Teremos que vingarnos e nada é máis fácil.

DERBAC: Mais o coronel está aquí…

OXTIERN: Aínda que houbese dez coroneis, esta criatura medita a miña morte. Teño que avisala. Non pelexarei con ela, mataríaa e quero que viva… que viva para se arrepentir. Se escapa aos meus designios, son un home perdido; lanzarase aos pés do rei e estarei deshonrado; os meus bens, os meus cargos, a miña consideración, todo será aniquilado; polo tanto, non teño outra saída que… Olla, Derbac, quen se achega cara á nós por esa fraga.

DEBAC: É Casimir. (O día segue a caer paulatinamente.)

ESCENA SEGUNDA
Os mesmos, CASIMIR

CASIMIR: O coronel Falkenheim acaba de ordenarme, señor conde, que vos entregue inmediatamente esta carta.

OXTIERN: Dáme. (Le con rapidez; logo, facendo un signo, despide a CASIMIR e achégase misteriosamente a DERBAC.) Amigo meu, é unha tarxeta de desafío do pai de Ernestine; ao saber que a súa filla arma seu irmán contra min, non quere ceder a ninguén o honor dunha vinganza tan necesaria. Vai baixar a este xardín e rógame que o espere para baternos. Como ves, trabucácheste. O irmán de Ernestine debeu entrar nesta casa sen que nos decatasemos. Ese é o inimigo que me oporía e o traxe branco debía servir para disfrazalo.

CASIMIR (achegándose): Señor, se me permitísedes unha palabra.

DERBAC: Fala, amigo meu, di o que sabes.

CASIMIR: O traxe branco non é para o irmán de Ernestine, señor; ese irmán non entrou na casa, estou seguro. Non perdín de vista a ningún dos forasteiros que chegaron e podo asegurarvos que ese mozo, a quen coñezo perfectamente, non apareceu. O traxe é para Ernestine, estade seguro diso; o criado da pousada, a quen o voso ouro soubo gañar, foi por el á veciñanza e é á propia señorita Ernestine a quen debe entregarllo.

DERBAC (insistindo): Todo está aclarado. Ves o que acontece, Oxtiern? Ernestine debeu dicirlle ao coronel, co fin de lle ocultar o seu proxecto, que pretendía servirse de seu irmán para se vingar. O coronel creuno; non quere que seu fillo se bata e el mesmo virá á cita.

OXTIERN (con viveza): E Ernestine virá tamén?

DERBAC: Sen dúbida ningunha.

OXTIERN: Virá vestida de branco?

CASIMIR: Iso é o certo, señor.

OXTIERN (con arrebatos enérxicos e feroces): Apertádeme, amigos meus. Buscabamos un medio para nos desfacermos desta rapaza: o destino ofrécenos un que nunca tivo igual. (Máis friamente.) Casimir, vai dicirlle ao coronel que o espero. Será de noite… dille que estarei vestido de branco: que ataque sen miramento ningún contra o individuo que vexa vagar vestido desa maneira nas tebras.

DERBAC (con berro de horror): Ah!, farás degolar á filla polas mans de seu pai?

OXTIERN: Silencio. Non vedes, amigos meus, que é o destino quen vén ofrecerme estes medios de castigo, e queredes que non os aproveite?

DERBAC: Este crime é execrábel e sublévame!

OXTIERN: É útil para a miña tranquilidade.

CASIMIR (intentando calmar o seu amo): Señor, señor!

OXTIERN: Cala, tunante. E se tremes vaite.

CASIMIR: Obedezo. O coronel saberá que o seu inimigo se dirixirá, vestido de branco, á cita. (Á parte, mentres se retira.) Ah, espero que Fabrice estea de regreso antes de que se consume este horror. (Sae.)

ESCENA TERCEIRA
OXTIERN, DERBAC

OXTIERN: Este criado impaciéntame, treme de máis. Estes imbéciles non teñen principios, todo o que se afasta da regra ordinaria do vicio ou da vileza estráñaos, os remorsos asústanos.

DERBAC (con viveza): Malditos sexan os infames a quen nada detén! Maldito sexas se teimas nisto! Nunca se concibiu crime máis negro, mesmo nos infernos.

OXTIERN: Estou de acordo, mais éme útil… Esta orgullosa criatura non tramara a miña perda?

DEBAC: Pelexaba contra ti! Expuña a súa propia vida!

OXTIERN: Xogar á heroína… Non me gustan os impulsos de orgullo nunha muller.

DERBAC: Ah!, o ser do mundo que merece as nosas mellores homenaxes, non ten dereito ao orgullo?

OXTIERN: Ben… máis unha vez volves aos teus moralismos. Por pouco tempo que te abandone, teño logo verdadeiras dificultades en recuperarte. Veña, Derbac, ánimo. Por temor a que Casimir non cumpra ben o meu recado, execútao ti mesmo. O coronel vai chegar; dille que se lance con ardor sobre o inimigo que verá adiantarse cara a el vestido de branco: será a súa propia filla… Óesme, Derbac?, e estarei vingado (Sae.)

ESCENA CUARTA

DERBAC (): Non, non podo decidirme a servir unha infamia semellante; deixemos estes coidados a Casimir e non nos mesturemos neste horror. Quero deixar a compañía deste home… Volverei caer na indixencia da que me apartaba o seu crédito; é unha desgraza, sen dúbida, pero menor que a de me corromper durante máis tempo na súa indigna escola. A pobreza espántame menos que o crime; por moito que sufra, a un home honesto sempre o consola o seu corazón… (Sae en canto ve que alguén aparece.)

ESCENA QUINTA

O CORONEL (errando nas tebras): Este é o lugar do combate… Pensei que se adiantara a min; non tardará, sen dúbida… Oh, desgraciado, que vas facer?… Leis crueis da honra, que inxustas sodes! Por que ten de arriscarse o ofendido cando o agresor é o culpábel?… Ah!, que me mate, que me esnaquice, non podo sobrevivir á miña deshonra! (Estremécese.) Paréceme que o oio… Por que a chegada deste adversario imprime en min sentimentos que non podo dominar? E no entanto nunca coñecín o medo. O desexo de vinganza pertúrbame e impídeme distinguir a verdadeira causa destas impresións que me conmoven; a noite faise tan escura que apenas poderei recoñecer a cor do traxe con que me dixeron estará vestido. (Moi baixo, a continuación, sobre todo para que ERNESTINE non poida oílo.) É el; ataquémolo en silencio, non fagamos ruído no combate. (Empuña a espada e lánzase sobre ERNESTINE, vestida de home e da cor que xa se dixo. Apenas comeza o combate, óense dous disparos no corredor: o de HERMAN e o do conde. HERMAN entra precipitadamente, acaba de matar a OXTIERN. FABRICE acode un momento despois.)

ESCENA SEXTA E ÚLTIMA
O CORONEL, ERNESTINE, HERMAN, a continuación FABRICE
Esta escena debe representarse coa máxima rapidez

HERMAN (aínda no corredor): Morre, traidor! Ernestine está vingada! (Corre a separar os combatentes.) Detédeos, santo ceo! Que sangue ides derramar! Infeliz pai, recoñecede a vosa filla!

ERNESTINE (lanzando a súa espada): Meu Deus! (Precipítase aos brazos de seu pai.)

O CORONEL: Cara e infeliz filla!

FABRICE (con exaltación, aparecendo agora): As vosas desgrazas remataron, coronel. Apenas informado dos horrores do conde, voei a Estocolmo e liberei o voso amigo das cadeas coas que o aprisionara Oxtiern. Aquí vedes o primeiro uso que fixo da súa liberdade.

HERMAN: O covarde. A súa derrota custoume ben pouco. É moi fácil triunfar sobre un traidor. Vencedor, acudo a vos, Señor, para informarvos das desgrazas que, ao voso pesar, facía o instrumento e pedirvos a man desta rapaza adorada que vos conservei e que agora me gabo de merecer.

O CORONEL (xesto de aprobación e de dor).

ERNESTINE (a HERMAN): Podo aínda pretender felicidade semellante?

HERMAN (tenramente a ERNESTINE): Ah!, os crimes dun infame como Oxtiern, poderían murchar a máis fermosa obra da natureza?

O CORONEL: Oh, Fabrice, canta xenerosidade. Como poderiamos pagarvos?…

FABRICE: Coa vosa amizade, amigos meus, merézoa. Fixen o mellor uso dos meus cartos… Castigar o crime e recompensar a virtude… que alguén me diga se é posibel colocalo a máis alto interese!

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *