Transmigrantes, por María Alonso

Transmigrantes, por María Alonso

0 comentários 🕔10:15, 27.Mar 2017

Souben que a miña tese obtivera o premio extraordinario de doutoramento da Universidade de Vigo mentres limpaba un retrete como housekeeper dun grande hotel a través dun dos tres contratos zero-hours que tiña naquel momento. Esta imaxe, dunha beleza dramática case kafkiana, representa moi ben a natureza do texto que, daquela, xa estaba a escribir nas poucas horas que tiña libres namentres intentaba triunfar na vida a mil cincocentos setenta e seis quilómetros da miña casa. Do meu fogar, quero dicir, porque a casa a leva unha ás costas.

Transmigrantes, fillas da precariedade é un ensaio que intenta explicar o devir dun grupo moi concreto de persoas de entre trinta e corenta anos que, durante a década da mal chamada ‘crise’ non foi quen de se asimilar no tecido laboral do país de orixe, e que ve na emigración un modo de supervivencia. Este colectivo, ao que me refiro como o ‘precariado transmigrante’ caracterízase por ter unha importante bagaxe formativa pero que, en canto cruza a fronteira, sofre unha depreciación como capital humano. Trátase da mesma depreciación que forza a súa saída. Esta xeración non é unha xeración perdida; senón que é a xeración das oportunidades perdidas para o país que as e os expulsa.

Non se pode dicir que non hai información sobre esta nova diáspora. Españoles por el Mundo ou Callejeros Viajeros son probabelmente dous dos mellores exemplos de programas de televisión que amosan a cara máis amable desta nova migración. Pero este tipo de programas non fan máis que desvirtuar a realidade dun fenómeno ao suxerir que quen emigra o fai porque quere, non porque non ten outra opción, e que o éxito está a esperar por nós alén das nosas fronteiras. E isto non sempre é así. Hai unha cara B desta nova diáspora que non queda recollida en moitas ocasións nos medios de comunicación. Cantas housekeepers ou kitchen porters saen nestes programas? Moi poucas, por non dicir ningunha. Esta versión idealizada que nos chega converte a nova emigración nun espectáculo e non nunha denuncia. Así o están a deixar de manifesto as ficcións culturais que, dende este colectivo de precariado transmigrante na diáspora, están a saír á luz pouco a pouco e que funcionan como contra-discurso a este tipo de programas que desvirtúan unha realidade non sempre tan amable. O documental No Cow on the Ice, do galego Eloy Domínguez Serén, é un bo exemplo do xeito no que a nova diáspora denuncia a situación de precariedade que vén padecendo. Transmigrantes, fillas da precariedade tamén aspira a converterse nun texto de denuncia a través do cal se deixa de manifesto a situación pola que este colectivo ten que pasar durante estes anos de escaseza.

DuranteMaría Alonso Transmigrantes os últimos anos, téñense publicado datos que suxiren que a emigración ten causado a perda de máis dun millón de habitantes no estado español e, polo menos, un de cada cinco destas novas e novos emigrados é galego. A última cifra feita pública indica que o número de galegas no exterior xa supera o medio millón. O Reino Unido tense convertido no destino dunha gran maioría deste novo colectivo migrante. Por exemplo, o consulado español en Edimburgo afirma que hai máis de vinte e cinco mil españois rexistrados xa ben como residentes temporais ou permanentes na súa base de datos. Pero este número non representa, nin de lonxe, a realidade da situación, xa que a gran maioría do precariado transmigrante non se rexistra. Isto pode acontecer por diferentes motivos, incluído o feito de moitas persoas consideraren a súa situación como algo temporal, dada a precariedade laboral que padecen, ou simplemente para non perder dereitos básicos no país de orixe unha vez que volvan.

A maioría destas novas e novos emigrantes non ve a migración como un fenómeno natural, probablemente porque xa non se lembra do noso pasado máis próximo. Isto sabémolo ben as e os galegos: quen non ten ou coñece a alguén que teña un familiar en América Latina, Suíza ou Alemaña? E agora, quen non ten un amigo ou unha compañeira da carreira en Londres, Berlín ou mesmo Nova York? Para calquera persoa migrante, a alienación tanto do país de orixe coma do de acollida convértese nunha carga difícil de levar; mesmo hoxe en día, a pesares das novas tecnoloxías que nos permiten estar ‘aquí’ e ‘alí’. Esta ansiedade ontolóxica é tan familiar para as e os galegos que até temos unha palabra para a describir: ‘saudade’. Manuel Forcadela, no seu libro Dama saudade e cabaleiro sombra, considera a saudade coma o construto cultural dunha comunidade e dunha época en particular de crise económica e inestabilidade política, facendo referencia á España de posguerra e aos corenta anos de ditadura. Seguindo esta liña de investigación, Transmigrantes, fillas da precariedade suxire que a nova diáspora galega tamén está condicionada por elementos similares, mais a situación, tanto histórica como económica, é diferente, polo que é necesario postular un paradigma alternativo para achegarse a este fenómeno do precariado transmigrante. No libro considérase á e ao novo transmigrante como un suxeito político que reinterpreta as metáforas e estereotipos existentes arredor da emigración como manifestación da súa revolta.

A falta de distancia histórica non invalida este achegamento ao que está a acontecer nestes momentos cunha xeración transterritorializada. Xa están a xurdir ficcións culturais como contra-discurso, o que significa que hai unha conciencia clara da necesidade de deixar plasmada esta angustia vital a través das artes. Transmigrantes, fillas da precariedade aspira a formar parte deste corpus. Despois dunha introdución á diáspora clásica galega, achégome ao fenómeno do precariado transmigrante actual tendo en conta as dinámicas políticas e en materia laboral que lle deron pé. A teoría poscolonial e da subalternidade axúdanme a postular esta achega alternativa á intramigración europea. Fágoo porque, como digo ao principio do libro, teño medo, “medo a quedar fóra para sempre, e por iso necesito falar alto e claro para canalizar de xeito produtivo esta angustia existencial que fai que me sinta viaxeira no tempo, xa que a miña é unha xeración que padece de anacronismo. Así é, somos reloxos dixitais nunha película de gladiadores romanos. Estamos fóra de lugar e, por iso, fuximos vagando polo mundo como se fósemos protagonistas dun poema épico propio que escribimos con cada contrato precario que asinamos. Agora ben, que non nolo quiten, que non nos quiten o dereito ao pateo.”

Se queres coñecer máis acerca do libro, podes descargar aquí un fragmento.

Se queres mercalo, podes facelo a través da tenda online de Axóuxere.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *