De oficio sepultureiro

De oficio sepultureiro

0 comentários 🕔09:30, 30.Mar 2017

Sebas era sepultureiro, como o foran o seu pai, o avó, seu bisavó e máis o tataravó. Era o seu o que se di un oficio herdado, do que se queixaba a cotío, pois tíñalle xenreira a os mortos.

-Por que non te dedicas a outra cousa?- dicíalle a muller, farta de oílo rosmar contra aqueles que xa non podían defenderse.

-Non ten volta, é o que hai. –contestáballe Sebas, moi filosófico-.

Despois de cavarlles o buraco ano tras ano aos que teñen a manía de morrer, e de andar a sachar ósos e caveiras, toda a vida no maldito camposanto, vello e artrítico, onde podería ir? Ao fin, aínda que o odie, non hai outro oficio que eu saiba desempeñar mellor.

-Iso é verdade -contestáballe ela-, que entre podremias e vernices de vellos e novos cadaleitos botaches ti os dentes.

Ao rematar o día, mentres limpaba as faragullas de terra que se lle metían baixo as unllas, e mudaba a roupa de faena no caseto dos trebellos, refungaba o sepultureiro:

-Malditos mortos e maldito traballo! Se non fose porque non teño onde caer morto, a boas horas aparecía eu mañá por aquí. ¡Xa bos podían dar a todos polo cu!

E sen deixar de rosmar, peiteábase con cuspe e mimo diante dun anaco de espello cheo de roña que tiña colgado da parede; para ir logo afogar as penas á taberna do Parrulo.

Ao saír do cemiterio, denantes de pechar as portas cunha chave enferruxada, miraba cara as tumbas e facía un xesto ben obsceno…

-Ei! Vos! Preguiceiros! Hoxe tampouco vides de foda?

Logo soltaba unha grande risada. Parecíalle aquela una grande ocorrencia.

A noite estaba moi escura cando, borracho perdido, o sepultureiro marchou do bar.

-Si que é raro -moumeou- Os pes lévanme por un camiño e por outro váiseme a cabeza…

A pouco estaba fronte ao Cemiterio e, coma se unha forza sobrenatural o empurrase cara o lugar do que tanto renegaba, despois de catro ou cinco intentos logrou abrir a porta. Facendo eses, meteuse por entre as tumbas e foi bater contra un ciprés… De rebote caeu nunca focha que estivera a cavar aquela mesma tarde.

-Deus, que duro está hoxe o colchón! Vese que a lacazana da muller non o sacudiu dabondo… E vós! Pódese saber o que facedes?

A pregunta ía dirixida a uns cantos esqueletos, que, asomados ao negro buraco, lle sorrían cordialmente.

-Ola, Sebiñas! –falou un, coa caveira máis pulida que unha bóla de billar. Que tal se está por aí abaixo?

-De puta madre, mamón! Quéresme dicir que fago eu no sitio onde deberías estar ti?

-Nin máis nin menos, o que facemos nós, cando os vivos nos sepultades. Preguntastes algunha vez se queremos ser enterrados? Nada diso! En canto estiramos a perna, soltades catro bágoas, non sei se de pena ou alivio, e fáltavos tempo para trincarnos na focha, cun monte de terra enriba. Bonita maneira de desfacerse dun! Non si, compañeiros?

–Ben certo si! -contestaron os demais esqueletos- A amolarse enterrador, agora tócache a ti ser o enterrado!

-Non, non! -berrou Sebas fora de si- Marchade! Fóra todos, fato de cabróns!

E, canto máis berraba e máis espernexaba, máis eran os tipos osudos que o arrodeaban, e, con risos de fol, lle botaban enriba presadas de terra. Logo, baixo a feble luz do luar, puxéronse a bailar derredor da improvisada tumba.

Antes de perder o sentido o enterrador viu como os esqueletos, envoltos nun halo verdoso, liscaban do camposanto, bambeando a pelve dun xeito coqueto e descarado… Dende a porta, volvéronse, e
berraron con sorna chiscándolle un ollo baleiro ao enterrador.

-Ou! Sebas! Borrachón! Nos sexas preguiceiro! Veña, home, érguete axiña, vente de foda con nós!

Cando o atoparon a Sebas teso, metido na focha, ninguén dubidou do seu celo profesional, que o levara ao extremo de se enterrar a si mesmo, aforrándolle ao fillo tan penoso asunto: Sebas júnior, o novo sepultureiro.

Sobre o autor / a autora

Chelo Suárez

Chelo Suárez

O mellor don con que fun bendicida ao nacer foi cunha sede infinita de libros. O gusto por respiralos e lelos, tan pronto aprendín a ler. Poeta e narradora, dedícome a crear universos que conxugan o realismo e a maxia.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *