Formamos un equipo triste. Notas sobre Günther Anders e Theodor W. Adorno (II), por Christopher David

Formamos un equipo triste. Notas sobre Günther Anders e Theodor W. Adorno (II), por Christopher David

0 comentários 🕔09:15, 03.Abr 2017

PRIMEIRA PARTE

Pódese ser á vez surrealista e conselleiro de Estado?

Günthers Anders ▬ Theodor W. Adorno

*

[Viena] 27 de agosto de 1963

Caro Adorno,

Finalmente acho tempo para responder á carta que me escribiu hai agora dous meses1. Lamento este horríbel retraso, mais non tiña gañas de ditar o que lle estaba destinado ao mesmo tempo que outros cen e é soamente hoxe que teño tempo libre para lle escribir unha verdadeira carta.

Si, talvez é bo que algunhas cousas que até hoxe nunca abordamos se digan dunha vez por todas. Ao longo das nosas relacións, que duran agora xa varios decenios, non tivemos nunca a ocasión de ter un intercambio verdadeiramente franco. Existiron escrúpulos polos dous lados, aínda que a afinidade da súa produción e da miña sexa desde hai moito tempo evidente (e non soamente en opinión de terceiros). Vostede formulou os seus escrúpulos. Déixeme agora formular os meus co risco de ver crecer aínda as tensións que existen entre nós. Talvez isto nos permitirá baleirar o absceso de forma saudábel.

O que me molesta de vostede tivo e ten sempre múltiplas causas que a maioría de feito se poden reducir a un denominador común. O que me fixo imposíbel o seu trato é o seu autocratismo. Cando fun long ago a Francfort a fin de pasar a miña habilitación, achei autocrática a súa actitude respecto ao meu proxecto e sentín tamén como tales as xestións que vostede realizou contra este. Esta impresión sobre a que comezaron as nosas relacións persoais non se atenuou despois e mesmo ás veces tiven o sentimento de ser vítima dunha forma de terrorismo pola súa parte. Dos dous últimos decenios, durante os cales apenas o vin, non podo dicir nada. Antes, en desquite, tiña vostede, a pesar da súa ostensíbel cortesía e a pesar das súas maneiras ostensibelmente burguesas, algo de particularmente opresivo. Ao falar con vostede, podíase ás veces sentirse fisicamente cornered [acantoado] e acontecía mesmo que o seu interlocutor, recuando primeiro lentamente, acabase por acharse desautorizado, inmobilizado nunha esquina do cuarto como nunha trampa para ratos. É perfectamente concibíbel que diversos homes se sentisen non só humillados por este comportamento, senón que mesmo tivesen o sentimento de que vostede quixera expresamente humillalos. Ora ben, eu persoalmente case non sufrín. Non nos encontramos máis que moi ocasionalmente e nunca me achei nunha situación na que dependese directamente de vostede, mais existen igualmente incidentes un pouco desagradábeis nas súas relacións comigo. Primeiro en América, onde ás veces fun tratado como un individuo apenas tolerado no círculo do Institut. Logo, cando volvín a Alemaña, fun por vez primeira a Francfort a fin de saudalo, a vostede, o outro emigrado regresado a Alemaña. Aquel día sentín o seu comportamento ofensivo, non, sinceramente como o rexeitamento dunha solidariedade que estaba en dereito de esperar: vostede librouse de min como dun pedichón inoportuno ao facerme dicir pola súa secretaria que o Señor Profesor no tiña en verdade tempo para me recibir.

Con esta palabra, «profesor», eisme chegado a outra das causas que fan difíciles as miñas relacións con vostede: non comprendo como é posíbel ser, dun lado, en tanto que filósofo, un vangardista no sentido máis forte do termo e ocupar, polo outro, un posto oficial, é dicir, aceptar ser recoñecido por instancias ás que rexeita, por outra parte, calquera estima nos seus escritos. Paréceme que non se pode vivir como un «Profesor Nietszche» ou como un «conselleiro de Estado surrealista». Hai, na miña opinión, algo desta hibridación en vostede. Este xénero de dupla existencia debe necesariamente ter, segundo eu, consecuencias nefastas. Un revolucionario –e, en tanto que teórico, é evidente que vostede é un– que se ata as mans ocupando un posto oficial esperta necesariamente a desconfianza.

Velaí por que, en numerosos momentos en que as potatoes políticas foron particularmente quentes (a situación nuclear, a lei de excepción), o feito de que a súa voz permanecese muda pareceume simplemente abafante. Que eu saiba, nunca tomou publicamente posición sobre estas issues [cuestións]. É difícil desprenderse da impresión de que sendo recoñecido como o papa da radicalidade, vostede non obstante creouse unha especie de interior confortábel na sospeitosa e lamentábel RFA. – Non hai, por outra parte, máis que un paso a dar para pasar desta ascese práctica á tentación de se vingar do seu público. Vostede sabe que non son insensíbel ao estilo: creo descubrir no seu o ton da vinganza, do desprezo e da violencia. Así inflixe, por exemplo, ao seu lector textos desprovistos de clímax, descoidando sistematicamente todo recorte en parágrafos e refusándolle, por tanto, calquera pausa. Vostede empúrrao cara a adiante mentres que as dificultades (obxectivamente lexítimas) polas que pasa o curso do seu pensamento o obriga, propiamente falando, a trepar á velocidade do caracol. Lánzao a corredores que deben semellarlles labirínticos (o que non son absolutamente en verdade, agás cando dan conta dun estado de feito el mesmo labiríntico) porque non posúe a súa visión global. – En resumo: teño a impresión de que este estilo é unha especie de vinganza. Rexeitando toda acción política ou participar nunha verdadeira oposición política, vostede intenta coa axuda de medios lingüísticos producir algo que se semelle á acción a fin de producir igualmente un efecto sobre no seu lector. – O vínculo co «terrorismo» do que falaba máis enriba está claro. Porque, ao mesmo tempo, vostede semella querer castigar os seus lectores por serlle sempre inferiores, é dicir, ser, no fondo, falsos lectores. Sadismo literario. Nas miñas Catacumbas de Malussie trato dun autor imaxinario que mira os seus lectores dunha maneira inhabitual: ten en conta, cando escribe, a súa estreiteza de espírito mais, Santo Ceo, nunca dá a impresión de lles faltar ao respecto. – Imaxino que vostede escribe de maneira menos oracular para homes que considera os seus iguais, que vostede amará e aos que estará cando menos vinculado.

Dicía que se tiña a impresión de que vostede se creara un interior confortábel na RFA. Son moi consciente que me seria necesario reformular estas declaracións con máis circunspección. As súas importantes investigacións sobre o antisemitismo de onte e sobre o que aínda hoxe ten curso non me son descoñecidas, mais a tregua política que semella que vostede concluíu con Gehlen2 non obstante me sorprende. Todo nel é sombrío, concédollo. Polo que respecta á ambición e a potencia do seu pensamento así como o seu gusto, é certamente de lonxe superior ao rabaño deses autores dos que vostede di que «progresan» de maneira continua mesmo se non fan máis que «mediocres progresos», e cuxa boa vontade balante me encoleriza tanto como a vostede –sobre isto non hai ningunha dúbida. Mais desde cando o feito de ser sombrío constitúe un mérito? Desde cando a potencia de pensamento e o gusto anulan a culpabilidade? Non, o que vin desde o meu regreso a Europa, hai agora trece anos, non me incita nin a renunciar á miña intransixencia nin a me sentir obrigado a falar con homes –non tan bos filósofos como el por outra parte– se, como Gehlen, se adheriron adultos ao nazismo. Vostede non sentaría na mesma mesa con Heidegger. (Vostede debe saber que a causa do seu pasado nazi, Gehlen non puido aínda reiniciar o seu ensino na universidade de Viena aínda que os pardos convertidos en negros sexan particularmente apreciados neste estabelecemento.) Non, non podo subscribir esta tregua política. Prefiro, se é necesario, reducir a cero o numero de xentes que frecuento –e este número redúcese hoxe a algunhas persoas dignas de confianza e a outras, máis novas, que tiveron a sorte de non poder emporcarse.

Que puidese ofendelo, Adorno (vou ao seu reproche) porque rexeitei a Gehlen, isto fícame incomprensíbel. Vostede xustifica a súa opinión dicíndome que foi Gehler quen lle fixo observar «con total inxenuidade» que eu estaba alá e que grazas a el vostede puido dirixirme a palabra. É posíbel que, nesta situación, dese por unha vez probas de inxenuidade mais, bromas á parte, é puro azar se lle sinalou a miña presenza. Viume xusto antes que vostede. Vostede recoñeceríame dous minutos máis tarde sen a súa axuda ou sería eu quen o recoñecería e entón nos saudariamos. Vostede afirma que nese momento dei probas de «agresividade» (mentres que non fixen máis que defenderme) e esta «agresividade» cualifícaa máis lonxe de «ostentosa» e «chulesca». Acepto estas palabras. Facer ostentación e chulería paréceme, se por iso se refire á maneira en que ostensibelmente tomei as miñas distancias con Gehlen, perfectamente aceptábel. O mundo post-hitleriano fai como se nada ocorrese, convén, paréceme, que nos subliñemos expresamente que «pasou algunha cousa, e que é porque pasou onte algunha cousa que continúa hoxe a pasar algunha cousa». Pola miña parte síntome incapaz de estreitar a man como a un chum [colega] de congreso a un home que «tomou as súas distancias» con xentes como nós dunha maneira tan indignante e de intercambiar con el small talks [banalidades] a propósito das últimas novidades en materia de crítica da cultura. –Vostede ten razón: «Sobre este punto temos carácteres diferentes». Ás veces fago xestos que poden ser percibidos como a proba dunha falta de educación ou ben cono afáns un pouco xuvenís, mais son bastante maiorciño para saber que non se paga un prezo demasiado elevado demostrando unha rectitude xuvenil (que por outra parte no tiven ningún pracer en mostrar). Agora, vostede pensa que igualmente me comportei como un adolescente púber (mesmo se non usa estas palabras) durante a filmación para a televisión que se realizou na xornada. Vostede ve mal as cousas, Adorno. O que o infeliz público debeu aturar é estar alá, cego e a pasar calor nun cuarto estreito sen poder escoitar o que se dicía. Cando deixei este cuarto protestando, é porque, como toda a xente, non podía xa aturar a calor dos proxectores que chegaba directamente ao lugar tropical en que eu me encontraba. O problema principal é que eu estaba escandalizado de ser utilizado abusivamente para facer número como figurante e deber asistir a unha discusión que, aínda que debería ser organizada polas persoas presentes, non o fora en realidade máis que para ser retransmitida. A isto hai que engadir –mais vostede non o podía saber– que a mesma escena tivera lugar días antes na mesma sala, durante unha lectura de [Tibor] Dery, e que fora necesario entón facer recuar os infantes do equipo de filmación porque estes demos cegadores danzando tanto arredor do vello Dery que este último non podía case ler e que nós non podiamos nin velo nin oílo. Por que deberiamos nós, nós que loitamos, deixarnos violentar por estes obstinados? Cando me di que a miña protesta estaba igualmente dirixida contra vostede –porque vostede fala, na súa carta, do meu comportamento cara a vostede– non teño necesidade de lembrarlle quen tiña a palabra naquel momento. –Éme necesario aínda responder a algúns puntos que aborda a súa carta. Vostede presenta como chismes o feito de que se me informase que vostede tivera palabras desprezativas sobre a miña persoa. Que debo facer? Dúas testemuñas aseguráronme que non eran chismes. Ora, como non podo acreditar nun e noutro, éme preciso, xa que logo, contar estas palabras ad acta.

Agora o seu último punto, que remonta a tempos tan arcaicos como a miña propia observación sobre na época en que nos coñeceramos en Francfort. Vostede dime que eu describira un día a Walter Benjamin como un «literato de cafés» [caféhauslitterat]. Isto paréceme absolutamente imposíbel mesmo se, despois de tantos anos, non podo, por suposto, dicirlle nada preciso. É posíbel que utilizase esa expresión sen prestarlle o sentido que vostede lle dá. Walter foi efectivamente clasificado entre os «literatos de cafés» en certos círculos universitarios de Hamburgo, nos que só se xuraba pola filosofía universitaria. É seguramente evocando estes círculos que eu empreguei esta expresión, non vexo outra explicación. Sabe en verdade que Walter e máis eu nos fixemos amigos na época en que ambos viviamos en París, antes de 1936 (antes deste período só nos vimos raramente), e que me axudou enormemente a resolver cuestións de estilo. Mesmo traballamos un pouco xuntos (sobre a cuestión da tradución3). A súa existencia foi e fica para min dunha moi grande importancia. Os dous tomos do meu diario filosófico, que cedo aparecerán, estanlles por outra parte dedicados. Todo isto non pega moi ben co feito de que eu o tratase de «literato de cafés», concederamo. Debe en verdade haber un malentendido pola súa parte sobre este punto. –En fin, polo que respecta «á carta infinitamente» protectora que eu lle tería escrito despois da saída da súa edición das obras de Benjamin, estou obrigado a crelo, pois non me acordo. Achando o feito de se mostrar protector tan odioso e inxurioso como vostede, non creo que nunca o protexese. No caso de que non destruíse esa carta, gustaríame moito vela.

Escribinlle unha carta máis longa do necesario. Quizais a súa longura probará até que punto a súa existencia éme pouco indiferente e até que punto igualmente lamento que a afinidade entre o seu traballo e o meu non entrañase outro tipo de relacións entre nós.

Cos meus mellores desexos para vostede e a súa produción.

O seu vello (facéndome lentamente mais seguramente vello)

Günthers Anders

P. S: Volvo unha última vez sobre a situación de Francfort, antes dos anos 1930. – A posteriori, moitas cousas seméllanme hoxe máis comprensíbeis. Para empezar, a miña des-heideggerización non acabara aínda totalmente na época (aínda que puxese secamente termo a toda relación persoal con Heidegger varios anos antes): vostede non considerou, sen dúbida, o resto de vocabulario que eu continuaba a utilizar como os últimos farrapos senón como indicios que me facían verdadeiramente sospeitoso. – A isto hai que engadir que na época escribía sobre problemas filosóficos ligados á música. Vostede debeu sen dúbida sentir isto como unha intrusión no seu eido de investigación máis persoal. – Polo que respecta á filosofía da música, recoñezo hoxe que a súa pretensión ao monopolio era completamente lexítima (tan lexítima como o é a miña polo que respecta á interpretación das imaxes). Considérome mesmo, por curioso que lle poida semellar, sub specie das tensións existentes entre nós, entre os músicos –que xeralmente se senten incómodos con vostede– e os musicólogos –que se contentan xeralmente con esbozar esqueletos de reflexión–, como un incorrixíbel adorniano.

O que pode acontecer a un home, a dous homes, non pode acontecer a todos.

A.

*

[Francfort] 31 de outubro de 1963

Caro Anders,

De regreso de Lucca, oTheodor W. Adornonde polo demais descansei perfectamente, quixera finalmente responder á súa carta do 27 de agosto.

Vostede fala do meu autocratismo. Pola miña parte, non son consciente, en todo caso non no sentido en que estaría habitado por unha vontade de dominación persoal. Permanecín ao longo da miña vida demasiado concentrado en cuestións estéticas para intentar, por outra parte, estender a miña dominación sobre os outros homes. A pesar de todo o saber teórico que acumulei sobre o poder, o meu interese polo pode empírico ficou subdesenvolvido. Aquí equivócase vostede con respecto a min. Se, mais novo, puido acontecer que me conducise de maneira estúpida, levado pola paixón, toda vontade de abafar os outros éme estraña e o proxecto de acantoalo no ángulo dun cuarto paréceme dificilmente conciliábel coa miña natureza. As tendencias que vostede me presta eran máis ben as de Brecht; non sei se ten que queixarse del a este respecto.

Que o seu traballo de habilitación non me agradase na época, non ten nada a ver co feito de que eu quixese conservar a miña posición. O asunto remonta a hai moito tempo, mais lémbrome aínda claramente de dúas cousas. A primeira é que o seu texto, a causa da súa lingua mais tamén do conxunto do seu contido, semelloume na época extremadamente heideggeriano, moito máis heideggeriano do que é no recordo que vostede ten hoxe, que está totalmente emancipado de Heidegger. A segunda: encontrei as bases musicais do seu texto –quero dicir, os coñecementos técnicos que mostraba en materia de composición– demasiado insuficientes. Aínda hoxe diría que non se pode xulgar satisfactoriamente sobre elementos constitutivos dunha arte se non se está completamente ao corrente do conxunto dos vínculos concretos internos desa arte. Tales cousas non existen no dominio intelectual e eu non teño ningún gusto polo monopolio, mesmo na elección dos obxectos sobre os que traballo. Alégrome de achar no post-scriptum da súa carta, que trata da filosofía da música, unha frase sobre os musicólogos que quixese interpretar como unha oposición contra o recente entusiasmo suscitado por Heinrich Schenker. Eu acho as teorías de Schenker tan espantosas como vostede; no que respecta aos schenkerianos, eles áchanme a min espantoso.

No asunto da súa visita aquí, a Francfort, declárome efectivamente culpábel. Se o ferín, laméntoo de todo corazón. Non obstante, só é falta nun sentido moi xeral. Teño tantas cousas a facer que me vexo a miúdo reducido a defender con uñas e dentes, como un pobre animal, o tempo do que dispoño para traballar. Compórtome así con todo o mundo. Mesmo entre Horkheimer e mais eu prevalece unha convención tácita: telefonámonos sempre antes de visitarnos a fin de saber se o outro está libre. Vostede pode ver aquí un inicio de consciencia alienada mais, sen tal inicio de consciencia alienada, non se pode máis que moi dificilmente saír deste mundo totalmente alienado. Sería demasiado pedirlle que me telefonase antes de vir a visitarme? Podemos así inmediatamente convir un momento. Déixeme engadir sobre este punto que o meu comportamento (un comportamento que corresponde en min a un temor case pánico polas visitas imprevistas) non lle concernía dunha maneira específica.

O conxunto de problemas que aborda a partir da palabra «profesor» debería ser discutido de viva voz.

Vou responderlle á súa pregunta more hebraïco, facéndolle pola miña parte outra pregunta. Rexeitaría vostede un posto de profesor [Ordinariat] –co grao de independencia material que isto ofrece, coa posibilidade de ter unha produción autónoma e sobre todo coa protección que isto implica contra todas as instancias de control– se se lle propuxese? Perdoe que o dubide. A cuestión «profesor ou non profesor» non se formula así. A resposta depende do contido que se queira dar a esta actividade. Imaxino que non teño que avergonzarme do que fixen e do que continúo a facer e, sobre todo, cando penso que así puiden exercer unha influencia sobre un número máis considerábel de homes dotados e honestos do que podería influír extra muros. Convídoo a reflexionar sobre a cuestión de saber se a existencia dun escritor libre –unha existencia sobre a que pesa non só a presión do mercado, senón tamén, con frecuencia, a dos editores– é hoxe tan libre como a dun profesor cuxo oficio esta aínda, polo momento, preservado das numerosas formas de thought control.

Certamente calei sobre numerosos horrores, mais non son un xendarme que debe estar inmediatamente presente en todos os recantos do mundo onde hai disturbios. Decido a propósito de que interveño e esta decisión non está sempre en función da importancia do obxecto: tómoa a miúdo por efecto de nerviosismo, de maneira repentina. Hai talvez oito anos, Der Augenblick [O Instante], a revista editada por Max Bense, publicou unha crítica favorábel do meu libro Prismas4. Bense precisou nunha nota que a redacción de Der Augenblick acollera este crítica aínda que estivese en desacordo comigo en numerosos puntos. Segundo eles, eu descoidara tomar posición contra Billy Graham. Penso que vostede non faría o que fixo Bense, mesmo se non se pode colocar no mesmo plano a guerra nuclear e o señor Graham sen precaucións, como non obstante lle gustaría ao último. Se sempre evitei escribir sobre a bomba atómica, é por unha razón difícil de precisar, talvez a causa da desproporción entre, dun lado, o puño alzado dalgúns intelectuais e, do outro, o poder dos Estados posuidores da bomba, seguramente non porque me falte valor. Nas miñas Eingriffe [Intervencións] hai unha pasaxe que non deixa ningunha dúbida ao que rexeitarían comprender o que eu penso a partir das miñas outras tomas de posición5. Son bastante presuntuoso para poder contar con lectores capaces de extrapolar. A situación actual non esixe unha técnica de escrita menos elaborada que a do século XVIII.

En canto ao que vostede di sobre a lingua que escribo, dificilmente creo que vostede o pense en serio. A súa argumentación revela unha verdadeira obsesión do lector. Manifestamente non comprendeu aínda que o meu obxectivo non é nin captalo nin maltratalo, senón xusto exporlle da maneira máis adecuada o obxecto de que se trata. É a única cousa seria que é posíbel facer desde o punto de vista lingüístico contra a industria cultural. Alguén que, como vostede, pretende non ser insensíbel ás cuestións de estilo, non debería condenar as intencións estilísticas que persigo –intencións que por outra parte estou disposto a defender até o final– coa axuda de argumentos saídos dunha esfera coa que vostede tomou distancias con tanta enerxía coma min, unha esfera na que se acusa a aquel que asume a responsabilidade das súas formulacións de ceder a unha forma de autismo de autor. Quere que relaxe o meu esforzo lingüístico ou a densidade do meu pensamento –pouco importa o nome que se lle dea? O positivismo de Brecht, que radicaba nunha incompresión do que é a industria cultural, fascínao? Debo lembrarlle que o escritor non pode resistir á fascinación dominante por todas as partes máis que na medida en que produce á súa vez unha fascinación? Apelo ao dialéctico que hai en vostede.

Sobre o caso Gehlen habería moitas cousas a dicir. Cando decidín regresar a Alemaña sabía ben que tería relacións con nazis –arrepentidos e duros de roer. Na época, interesarse nisto semellábame inxenuo. Que pretende vostede facer nos nosos días en Viena e este propósito? Pola miña parte, evito todo contacto con homes que cometeron actos viles. No caso de alguén como Gehlen, certamente un dos máis complicados, non se trata disto, senón dunha toma de posición á que me opuxen tan radicalmente como vostede, mais que esixe algo máis, ao meu parecer, que a indignación. Xa lle falei disto. Gustaría só engadir que todo o que toca, aínda que sexa de maneira afastada, á incivilidade ou alboroto éme infinitamente estraño. O orgullo macho de atacar ao individuo (ao que, por principio, non se debe tocar) é un xesto de auto-afirmación que me supera. É bastante posíbel que isto non sexa, despois de todo máis que un momento desas maneiras «ostensibelmente burguesas» que vostede di me caracterizaban na miña mocidade. Éme hoxe tan indiferente saber a quen estreito a man, en tanto que nada de malo pase destas maneira á miña man e logo á folla de papel sobre a que escribo. Esta posición vale tamén para eses señores que vostede chama con razón «os infantes do equipo de filmación». Estou demasiado afeito a pensar colectivamente para esperar nada da acción espontánea mais illada dos individuos. Aquí son máis sabio e conto coa onda que, cando teño sorte, parte dos meus traballos para gañar o espazo público.

Debo mostrarme teimudo polo que respecta a Benjamin. Lembro infelizmente con moita precisión –e isto marcoume demasiado fondamente– que coa señora Arendt6 vostede describía naquela época a Benjamin como un «literato de cafés» e non soamente baixo a forma de relata fero. Cando eramos novos, vostede era capaz de se mostrar moito máis profesoral do que pode decentemente reprocharme selo hoxe, á miña idade. Non llo reprocho. As diverxencias que moi cedo apareceron entre nós son, nunha certa medida, debidas ao acordo que mostraba na época coas opinións universitarias dominantes. Eu sei pola miña parte que nada cambiei sobre neste punto. Se vostede se coñece ben, concederame verosimilmente esta observación.

Adxúntolle unha copia da carta que me escribiu cando publiquei as obras de Benjamin7: «fala por si mesma». Observará que cualifica a Universidade de «saída máis evidente» [Nächstliegende] e me pide precisións sobre os salarios universitarios.

Espero ter sido abondo preciso sobre as nosas discrepancias que vostede quixo remover. Para min tamén todo isto é serio e verdadeiramente interésame moito que naza entre nós unha atmosfera máis conveniente ao que nos convertemos hoxe. Velaí porque considerei escribirlle unha carta tan detallada como a súa.

O novo libro (infelizmente demasiado longo) que consagrei á música –Quasi una fantasia– sae nalgunhas semanas. Enviareillo. Xa moi avanzado, o meu gran manuscrito filosófico8 está non obstante nun estado caótico que non é habitual en min e que, por esta razón, me asusta.

Cos saúdos amigábeis do seu certamente non menos vello.

Adorno

***

NOTAS

1 Ver a carta de Adorno a Anders do 24 de xuño de 1963 que está, como toda a súa correspondencia (máis ou menos vinte e cinco cartas) no Österreichisches Literaturarchiv da Österreichisce Nationalbibliothek de Viena. As dúas cartas presentadas aquí foron xa publicadas con este mesmo título en Alemaña en Adorno, Eine Bildmonographie, Suhrkamp, Francfort, 2003 (nota de Christopher David –C.D.).

2 Arnold Gehlen (1904-1976), filósofo e sociólogo nazi, logo desnazificado (sic), teórico do neoconservadorismo alemán. Para saber máis, visitar google (ndt.)

3 Un texto inédito de Anders e Benjamin sobre a tradución, así como un texto de Anders sobre o mesmo tema serán publicados na revista L’Animal (Nota de C.D.)

4 Ver Günther Kligmann, «Kulturkritik und Gesellschaft. Notizen zu Adornos Prismes», Augenblick, Jahrgag 1, Heft 3. (nota de C.D.).

5 Adorno alude, sen dúbida, ao final de «Que significa repensar o pasado?» (Modèles critiques, Payot, 1984, p. 112) (Nota de C. D.)

6 Anders foi o primeiro marido de Hanna Arendt. Esta última odiou toda a súa vida a Adorno, a quen botaba toda a culpa dos males de Heidegger, de quen estaba namorada e de quen se converteu na súa escudeira contra aqueles que o tachaban de nazi, nos anos 1960. (ndt.)

7 Trátase da carta de Anders a Adorno do 5 de marzo de 1952 (nota de C. D.)

8 Trátase de Dialéctica negativa (ndt.)

NOTA DE PALAVRA COMUM: a foto de Theodor W. Adorno está na Wikipédia.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *