Insurreccións: as emocións colectivas e a estética da rebeldía

0 comentários 🕔10:00, 06.Abr 2017

O filósofo Georges Didi-Huberman é o responsable da exposición Insurreccións. Unha análise do tratamento estético que diferentes formas de arte acaban dando á rebeldía social. Unha viaxe polos xestos, verbas, accións e reaccións encol da sublevación. As testemuñas de revoltas pasadas teñen algún valor social?

Lito Caramés

A poética e a estética da rebeldía

No intre de escribir estas liñas –marzo de 2016– unha trece mil persoas que foxen dos desastres da guerra atópanse detidos en Idomeni, norte de Grecia. Toda a Europa oficial, por medio da voz oportunista e covarde dos seus dirixentes (a Historia non nos aprende que unha soa covardía política págase moi cara nun prazo máis ou menos longo?), nega a estas persoas a hospitalidade mínima que esixe o máis elemental sentido ético e que ditan as normas do dereito internacional. Cal é o destino dos pobos cando se comeza a confundir o estranxeiro co inimigo? (G. Didi-Huberman, filósofo e comisario)

Con estas verbas tan claras e tan acusadoras comeza Georges Didi-Huberman o texto que inclúe o catálogo da exposición temporal Insurreccións, que vén de abrirse no Museu Nacional D’Art de Catalunya (MNAC). Esta mostra é especial, tanto pola súa xénese como pola súa evolución ao longo dos meses. A idea nace do centro de imaxe Jeu de Paume de París, o famoso Xogo de Pelota onde se xestou a Revolución Francesa e onde estivo, durante décadas do século XX, o museo do Impresionismo. Alí, comisariada polo filósofo e historiador da arte Georges Didi-Huberman, aparece a mediados do ano pasado Soulévements: est une exposition transdisciplinaire sur le thème des émotions collectives, des événements politiques en tant qu’ils supposent des mouvements de foules en lutte, segundo proclama o propio comisario. O centro de imaxe Jeu de Paume como tal non ten fondos documentais, non é un museo ao uso, por tanto organiza exposicións con materiais foráneos, e onde a imaxe –pictórica, audiovisual, deseñada– ten o protagonismo.

A outra orixinalidade de Insurreccións (Soulévements) vén dada polo percorrido que fará fóra de París e polos compromisos de varias entidades de diferentes estados. A carón de Jeu de Paume, Insurreccións está co-organizada polo Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC), polo Museo da Universidad Nacional Tres de Febrero (MUNTREF) de Bos Aires, polo Museo Universitario de Arte Contemporánea (MUAC) de México, e pola Galerie de l’UQAM-Université du Québec, de Montreal. Cal son as razóns desta colaboración entre entidades museísticas tan dispares e tan afastadas unhas das outras? Pois que ese será o periplo que fará Soulévements ao longo duns dous anos. A iso cómpre engadir que cada entidade organizadora da mostra adaptará, na súa cidade, a exposición ás realidades sociais e políticas do territorio onde se atope. Unha boa parte das obras que se puideron ver en Jeu de Paume xa quedaron en París, e cada museo engadirá unha boa porcentaxe de pezas que só se verán –segundo onde se radique a exposición– en Bos Aires, México ou Montreal. O mesmo acontece agora con Insurreccións en Barcelona.

Carles Fontseré. Llibertat, 1936

Carles Fonseré. Llibertat, 1936

Soulévements / Insurreccións en Barcelona

Cada vez que se erga un muro sempre haberá xente “levantada” para “saltar os valados”, é dicir, para atravesar as fronteiras. Aínda que sexa “imaxinando”. Como se inventar imaxes contribuíse –unhas veces modestamente, outras poderosamente– á reinvención das nosas esperanzas políticas. (Didi-Haberman, comisario)

A primeira escala de Soulévements é en Barcelona, no MNAC. Na presentación da mostra, tanto o director do MNAC, Pepe Serra, a directora do Jeu de Paume, Marta Gili, como o comisario, non dubidaron en afirmar que tiveron que repensar a tradución de Soulévements, pois a correspondencia máis directa de tal substantivo vén sendo “alzamento”. Pero esa verba en España ten funestas connotacións franquistas; así que entre outras posibilidades escolleron Insurreccións. Hai agora nas salas de exposicións temporais do MNAC unhas 300 obras, correspondentes a unhas 100 autorías diferentes. E, como di o comisario, é unha mostra transdisciplinar, que mestura medios e técnicas tan diversas como a pintura, os gravados, a escultura, os deseños, as fotografías, os carteis, os filmes e a documentación escrita.

Desas 300 pezas, 90 son as que o MNAC engadiu a Soulévements na súa etapa barcelonesa. Ditas obras fan referencia a rebeldías do século XIX, á Guerra Civil e á loita antifranquista, e proveñen a meirande parte das coleccións do propio MNAC, e algunhas outras do Arxiu Fotogràfic de Barcelona e mais do Arxiu Nacional de Catalunya. Para esta adaptación á realidade e ao pasado desta sociedade, Didi-Huberman contou coa colaboración de Francesc Quilez, coordinador de coleccións e conservador xefe do Gabinete de Deseños e Gravados do MNAC. Quilez é comisario da exposición Ramon Casas, la Modernitat Anhelada, que naceu nos museos de Sitges e agora se pode ver en Madrid.

A hipótese que o comisario Didi-Huberman propón nesta mostra non é facer un percorrido testemuñal polas loitas contemporáneas que se teñen producido en todos os continentes. Máis bem, trátase de observar as axitacións sociais e políticas, as revoltas, as insubmisións ao poder, e buscar as imaxes coas que os artistas representan a rebeldía. O comisario buscou, por tanto, a estética da revolta, as plasmacións poéticas que a creatividade e o paso do tempo vai deixando das revolucións. Didi-Huberman, ao explicar que é Insurreccións, botou man dunhas palabras de Victor Hugo, o grande escritor romántico francés, que definía insurrección como “unha tempestade de liberdade. Un vento que se esparexe”. E máis adiante, no percorrido polas salas, e ante as imaxes, citou unhas verbas do poeta Baudelaire referíndose á revolución: Un homme libre est plus beau que le marbre.

Outra reflexión á que tamén convida a presencia de Insurreccións no MNAC, vén provocada pola “oportunidade” da mesma. Na presentación, Pepe Serra, o director do MNAC, afirmou como un dos obxectivos dese museo: El museu s’ha de convertir en un lloc que participi dels fenòmens del seu temps; ha de generar debat i discusió. Quizais dentro desa filosofía, o MNAC acolle unha exposición de reflexión estética que vén de París, pensada e organizada desde a capital francesa, aínda que se reserve unha parte para mostrar imaxes dos diferentes lugares polos que vai peregrinar Soulévements. Pero non se agacha a coincidencia que se produce entre a situación política que algúns partidos políticos (e unha parte importante da sociedade catalá) están a xerar e o concepto de Insurrección. A inauguración desta exposición temporal fíxose –curiosamente– o 23 de febreiro. Todo isto só son casualidades?

Na presentación de Insurreccións preguntáronlle ao comisario por que non había ningunha imaxe das mobilizacións do 15 M. E Didi-Huberman comentou que non buscaba facer unha nómina de revoltas para deixar testemuña de cada unha delas, e que do 15 M non atopara imaxes icónicas que lle parecesen esteticamente sobresaíntes. Georges Didi-Huberman é un filósofo e historiador da arte moi recoñecido na actualidade. Á marxe de ser comisario de exposicións, é un gran teórico, sendo o tema dos seus estudos e reflexións a imaxe. Nos seus libros mira de combinar a interpretación das imaxes que concede a historia da arte coa que fai a psicanálise. Entre os seus traballos publicados e traducidos ao español destacan: Cuando las imágenes tocan lo real, Atlas, ¿Cómo llevar el mundo a cuestas?, Ante el tiempo, La invención de la histeria, Ser cráneo, etc.

Català Pic, Aixafem el feixisme. 1936

Català Pic. Aixafem el feixisme, 1936

As xestualidades intensas que dan comezo ás resistencias

Cada vez que me enfronto a un proxecto novo, desde hai anos, sempre parto del. Goya marca o comezo do pensamento moderno na relación entre arte e política. A partir de Goya a imaxinación adopta unha función política. A imaxe adquire unha función crítica. (Didi-Huberman, comisario)

Para mostrar de xeito eficiente a hipótese da que arrinca o comisario para Insurreccións (a lóxica estética e poética que albergan certas manifestacións sociais), Didi-Huberman estrutura a exposición en cinco apartados diferentes. Ao comezo organízanse as imaxes “por elementos”; os elementos físicos que metaforicamente son identificados cun levantamento, cunha revolta: o vento que arremuíña obxectos, unha tempestade, bandeiras voando,… Neste comezo moitas das imaxes son deseños, estudos para obras definitivas. A destacar entre elas a fotografía de Pere Català Pic, Aixafem el feixisme (1936): nun chan empedrado atópase unha cruz gamada, mentres unha espardeña (que semella vir voando) está a punto de pisar ese símbolo nazi. Esta fotografía é unha verdadeira icona das campañas do Govern de la Generalitat de Catalunya contra o “alzamiento” dos militares africanos contra a II República.

O segundo apartado, “por xestos”, xa entra en materia. Cando se quere iniciar unha acción, xa cotiá, xa de insubmisión, o primeiro é o movemento, os xestos. Erguer os brazos, saltar, abrir a boca, son xestualidades que preceden outros momentos da acción. Entre moita imaxe evocadora e provocadora de rebeldías sociais merecen ser citadas cinco obras de Julio González, o grande escultor, da serie Montserrat e que forman parte dos estudos preparatorios que González fixo para a súa famosa Montserrat, a escultura de muller campesiña que o escultor confeccionou para que estivese presente no Pavillón da II República na Exposición Internacional de París, 1937, e que é símbolo da resistencia da poboación civil fronte ao fascismo. En Insurreccións está Cap de Montserrat cridant (1936), un bronce con toda a forza do xesto, da voz que non sae, pero que se adiviña. E tamén están a Mà esquerra aixecada e a Mà dreta aixecada (1942) que falan por si soas –que tanto lembran algunha das mans que Picasso pintou no Guernica– e que poden ilustrar un conflito latinoamericano, como un asiático ou de calquera dos outros continentes. A xestualidade universal. E tamén entre os xestos hai uns cantos carteis de propaganda da Guerra Civil Española. Un deles é La Defensa de Madrid (1937), de Juan José Moreno Llebra; a forza e o dinamismo dun home rexeitando as tropas fascistas.

Julio González, Man esquerda Levantada, 1942

Julio González. Man esquerda levantada, 1942

Poetas e panfletos: as verbas berradas na rebeldía

O terceiro apartado é tamén o seguinte paso na execución dunha acción: “por palabras”. Palabras exclamadas, ditas, berradas; palabras para cantar, discutir, imprimir, transmitir a mensaxe que se quere proclamar, que se pretende converter en chama para a sublevación. Por iso os poetas moitas veces están por diante das mobilizacións sociais. A forza que pode chegar a ter un poema ou unha canción son incalculables. As notas de Grândola Vila Morena na voz de Zeca Afonso foron o lóstrego que iluminou a Revolução dos Cravos. Para ilustrar esas verbas que acompañan os xestos, que son un paso máis alá dentro da acción, hai moitas imaxes agora no Palau Nacional de Montjuïc, sede do MNAC. Así, a foto de Joan Andreu Puig, Miting de cloenda de la Setmana de Solidaritat de Catalunya amb Madrid (praza Monumental de Barcelona, 1937), reflicte á perfección o significado das verbas: as verbas que está a dicir La Pasionaria na súa alocución a tanta xente que enche a praza de touros, as verbas dos grandes carteis que se poden ler (Catalans! Ajudeu Madrid). Outro tanto acontece na imaxe de Pilar Aymerich, Miting de la CNT a Montjuïc (1977) –o fondo da imaxe é prcisamente o Palau Nacional, é dicir o MNAC–. Este mitin, histórico, celebrado no ano 1977, xuntou multitudes, e tivo como gran novidade que foi o primeiro acto público da ex-ministra republicana Federica Montseny en España, despois da Guerra Civil, evidentemente. Seguindo coas palabras, o comisario, no seu artigo, emocional e reivindicativo, dentro do catálogo de Insurreccións, bota man do uso da palabra cantada nos cárceres como signo de resistencia, de liberación. E lembra que no flamenco hai un “palo” que nace nas prisións, chamado carceleras. E o propio Didi-Huberman cita a letra dunha das carceleras: A mí me metieron en un calabozo / donde yo no veía ni la luz del día, / gritando yo me alumbraba / con el lucerito que yo encendía.

Quizais como resumo dos xestos e das palabras como elementos fundamentais nas insurreccións, sexa doado citar a acción dun coñecido cineasta alemán, Harun Farocki, cando, para protestar polas atrocidades que EEUU estaba a facer co napalm en Vietnam, filmou, en 1969, Nicht löschbares Feuer (Lume inextinguible). Na cinta de 25 minutos o cineasta le a testemuña dunha sobrevivente da guerra do Vietnam; logo fai un monólogo mirando a cámara: Como mostrarlles a vostedes a acción do napalm? E como mostrarlles as feridas causadas polo napalm? Se lles mostramos os efectos do napalm nas vítimas, pecharán os ollos. Primeiro pecharán os ollos ante as imaxes. Logo pecharán os ollos ante a lembranza das imaxes. Logo despois pecharán os ollos ante os propios feitos. Logo pecharán os ollos ante a relación deses feitos. Entón, en silencio, Farocki agarra un cigarro acendido do cinceiro que hai na mesa e, mentres a cámara pecha o plano sobre os seus brazos, apaga completamente o cigarro sobre a pel do dorso do seu antebrazo esquerdo. Mentres tal cousa fai, unha voz en off explica que o cigarro arde a 500ºC, mentres que o napalm arde a 3000ºC. Logo segue un documental sobre o uso e os efectos do napalm sobre as persoas e mais o medio. A potencia comunicativa da combinación de palabra e xesto. Farocki dicía: unha imaxe nunca é inocente.

KORDA, El Quijote de la Farola, Plaza de la Revolución, LHavana, Cuba 1959

Korda. El Quijote de la Farola, Plaza de la Revolución, Habana 1959

Das verbas aos feitos. Conflitos

Que nos subleva? Son unha serie de forzas: psíquicas, corporais, sociais. Con elas transformamos a inmobilidade en movemento, o abatemento en enerxía, a submisión en revolta, a renuncia en alegría. As insurreccións prodúcense con xestos: os brazos érguense, os corazóns latexan rápido, os corpos despréganse, as bocas libéranse. Tampouco se dan sen pensamentos, que a miúdo se converten en frases: a xente reflexiona, expresa, discute,… (Didi-Huberman, comisario)

Na boa lóxica inconformista, o proceso segue o seu curso e alcánzase o intre de pasar das palabras aos feitos. O desexo de ser libre, berrado, exclamado, desemboca en folgas, manifestacións e outros actos máis contundentes, como barricadas. Contra estas accións, conflitos manifestos, acostuma haber a represión das forzas da orde do sistema, que se nega a ceder ás demandas dos sublevados. O cuarto apartado de Insurreccións leva por título Por conflitos. Neste apartado as imaxes son duras: algúns dos gravados de Goya para Los Desastres de la Guerra, e tamén unha serie de gravados de autor descoñecido, que se conservan no MNAC, e que levan por título Los Horrores de Tarragona (1811-1814) e que reproducen as violencias represivas das tropas francesas na vila de Tarragona durante a Guerra da Independencia. Son escenas de asasinatos de poboación civil, desarmada, polas rúas máis céntricas de Tarraco e dentro de edificios públicos. Todos os gravados levan unha lenda onde explican o feito ilustrado e o lugar e data do acontecido. Un deles, por exemplo, reza: Doncella que prefiere la muerte antes que ceder al torpe deseo de su enemigo en el presbiterio de la catedral la noche del 28 de junio de 1811. Os gravados de Tarragona non teñen a excelencia das pezas de Goya, pero demostran mestría no tratamento do claroscuro e do equilibrio das composicións.

As ilustracións de conflitos circulan por fotografías anónimas e de autores coñecidos, mormente a través de fotografías. Así hai algunhas da Comuna de París de 1871 (non esquecer que algunhas desas fotografías de asembleas e xuntanzas –das primeiras fotografías que se tiraban en exteriores– serviron meses despois para que a policía identificase os revolucionarios, os detivese e executase a centos deles), outras da Setmana Tràgica (1909), de Frederic Ballell, unha de Pérez de Rozas do enterro de Durruti (1936), e por suposto fotografías das manifestacións antifranquistas e máis da represión policial ás mesmas. Especial relevancia teñen as que fixo Manel Armengol o día 1 de febreiro de 1976.

Maria Kourkouta, Idomeni, 2016

María Kourkouta. Idomeni. 2016

O desexo é indestrutible. Testemuñas e resistencias

E que teñen que ver estas fotografías coas insurreccións, tema desta exposición? Non hai que mirar só as imaxes e o que representan, senón entender que as imaxes son actos, como as palabras. E para este anónimo autor, que seguramente morreu nese campo, a súa esperanza era que esas fotografías chegasen a nós algún día. Fíxoas non para el, senón para nós, e iso é insurrección. (Didi-Huberman, comentario a fotos do campo de Auschwitz).

Como é ben sabido, as rebelións non sempre triunfan. Son moitos os casos nos que rematan coas represións e mortes das persoas que buscan a liberdade. Nestes casos de derrota momentánea hai un desexo de perpetuar a memoria do ideal enarborado, das persoas loitadoras. Esas testemuñas de tantas e tantas resistencias enchen a última sección da exposición: Desexos. Desexos que non se borran, que non desaparecen. Pódese tratar das marchas todos os xoves das nais e avoas da Plaza de Mayo, de Bos Aires, da rebeldía mostrada ano tras ano e mes tras mes en Gaza contra as tropas israelís. Aínda está no MACBA a exposición de Miralda MADEINUSA que, entre outras moitas performances súas –en plena rúa–, ofrece unha titulada Santa Comida e que consiste basicamente na representación de 7 divindades iorubas levadas polos escravos a América, e os seus atributos, entre eles os alimentos. As tales divindades seguiron sendo adoradas polas africanas e africanos en América, pero baixo os disfraz dun santo católico. Outro xeito de resistencia.

Aquí hai imaxes moi diversas, mais todas van encamiñadas a demostrar iso: a necesidade de perpetuar as memorias, de manter a chama dos ideais non alcanzados. Así, móstranse deseños preparatorios que Joan Miró fixo para a súa obra –un tríptico excelente– L’esperança del Condemnat a mort, unha homenaxe particular ao xove anarquista Salvador Puig Antich, executado polo franquismo en 1974. Cal é a esperanza do que morre? Tamén están nesta última sección catro fotografías diminutas de 1944, en branco e negro, tomadas por algún prisioneiro do campo de exterminio de Auschwitz e nas que se ve a un grupo de mulleres empurradas cara a cámara de gas e logo a cremación posterior dos corpos xa gaseados. A persoa anónima que conseguiu (a saber como) tirar esas fotos, probablemente formaba parte dun sonderkommando, que axudaba nos traballos de levar as persoas á cámara de gas, aínda sendo xudía. Esa persoa, que colaboraba nesa tarefa tan espantosa, para que fixo as fotografías? Para deixar constancia do que alí acontecía, para transmitir o horror. Segundo Didi-Huberman iso tamén é insurrección.

Castelao. Paraíso Feixista(1)

Castelao. Paraíso feixista. 1948

(Xulio Ríos -a quen agradecemos a súa amabilidade- facilitounos a versión do texto en chinés para o galego:

O paraíso do fascista.

Eles alardean da prosperidade e o florecemento, fanfurriñan sobre a tranquilidade e a felicidade. Eles establecen o paraíso seu na terra, no que non hai amor nin sorriso, tampouco flores nin luz, por non falar de cantos de adultos e risas de nenos; aquí só quedan morte e tristeza.)

Castelao. Derradeira leccion

Castelao. Derradeira lección do mestre. 1948

A barbarie reflectida nos álbums de Castelao

Moitas son as testemuñas da barbarie nos guerras e conflitos. Moitas das creacións sobre a violencia e sobre a derrota poderíanse engadir ao último apartado de Insurreccións. E tamén a pregunta de para que?, para que deixar imaxes, relatos do acontecido? Que ben entran aquí os cadernos de estampas de Castelao, tanto Atila en Galicia como Galicia Mártir. Na liña dos gravados de Goya están deseños como Todo pola Patria, a relixión e a familia, ou Esta door non se cura con resiñación, ou A derradeira lección do mestre.

Sobre as estampas de Castelao, Juan Prados –investigador– brinda en exclusiva o seguinte texto que el mesmo titulou: Os Deseños negros de Castelao traducidos ao chinés:

A investigación para escribir a biografía do pintor José Luís Rey Vila “SIM”, aportou datos descoñecidos deste artista. A súa obra foi a máxima expresión artística da Guerra Civil Española ata a chegada do Guernica, de Picasso. O seguimento da produción artística de Rey Vila permitiu descubrir que os seus álbums –realizados a pé de rúa en Barcelona– foron reeditados en Shanghai en 1938, cos seus textos traducidos ao chinés, polo escritor, tradutor e loitador contra o imperialismo, Ba-Gin (nome oficial Li Yaotang). Para informar dos feitos acontecidos durante a Guerra Civil Española, o activista Ba-Gin escolleu dous artistas: a Rey Vila e a Alfonso Rodríguez Castelao. Do médico de Rianxo seleccionou dous dos seus cadernos negros: “Galicia mártir” e “Atila en Galicia”. Na Biblioteca Pública Arús (Barcelona) atopamos esta edición dos cadernos traducidos por Ba-Gin ao chinés cun curioso título en italiano: “Il Sagne di Spagna”, e datados en 1948. A difusión desta obra foi decisiva para coñecer fóra de España e Europa as pinturas e os debuxos de Alfonso Rodríguez Castelao, para min o verdadeiro fundador do nacionalismo político galego.’

Juan Prados Tizón (Mugardos, 1943) é un investigador que, facendo parella con Jaume Rodón (Valls, 1944), leva publicado importantes traballos. Un deles é a publicación Eugenio R. Serrano de Casanova nedense universal, onde demostran que Serrano de Casanova foi o creador da primeira Exposición Universal que se fixo en España, a de Barcelona no 1888. Segundo o libro, este home de Neda converteuse nun experto en Exposicións Universais, pois asistiu a moitas delas. Como empresario propúxolle ao Concello de Barcelona celebrar na cidade unha Exposición Universal, ao modo doutras capitais. E aceptaron. Serrano de Casanova corría con todo o financiamento e gastos da organización. Adecuouse todo o que hoxe é o Parc de la Ciutadella para acoller os pavillóns, e o coñecido Arc de Triomf ergueuse para albergar os despachos de venda de entradas. Cando os popes da cidade (entre eles Francesc Rius i Taulet, alcalde) viron a importancia do acontecemento, decidiron que non podían deixalo nas mans dun galego, dunha persoa de fóra. E así retirárono do proxecto e seguiron pola súa conta. Esta parella de estudosos tamén veñen de alumar unha nova publicación: Biografía de la Lamprea, un exhaustivo traballo histórico e gastronómico sobre ese manxar mariño de primavera.

Lito Caramés

EXPOSICIÓN: Insurreccions

MNAC

ata o 21 de maio de 2017

Sobre o autor / a autora

Lito Caramés

Lito Caramés

(Galiza-Catalunha) Nado en Caroi, Cotobade, en 1949. Profesor de Ensino Secundario, e de Cultura e Lingua Galegas (Proxecto Galauda). Autor do libro de relatos "E agora pasa un tren" (Biblos) e coautor de traballos de historia e antropoloxía: "América, América" (Roure), "Galicia a lo claro" (Popular), "El Islam en las Aulas" (Icària), entre outros. Membro de Furafollas Agrupación Teatral.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *