Entrevista a Emma Pedreira: “Prefiro o contacto co mundo a través da arte porque así o mundo fai menos dano”

Entrevista a Emma Pedreira: “Prefiro o contacto co mundo a través da arte porque así o mundo fai menos dano”

0 comentários 🕔10:00, 20.Abr 2017

- Palavra Comum: Que é para ti a literatura?

- Emma Pedreira: É a miña zona de conforto, un refuxio, un lugar onde habitar as posibles vidas paralelas polas que unha persoa pode preguntarse en determinados momentos. Tamén é un lugar de preguntas e de respostas, de interpelación, autoexploración e experimentación, de aprendizaxe. Unha escola non regulamentar subsidiaria. E un buraco negro que, ás veces, ameaza con tragarme.

- Palavra Comum: Como entendes -e levas a cabo, no teu caso- o processo de criação literária?

- Emma Pedreira: Agora mesmo existe nas redes sociais un debate –un pouco descomedido e invasivo, mesmo aleccionador, para o meu gosto– sobre se a literatura galega está pouco amasada ou se hai unha tendencia a non reescribir. No meu caso é así. A miña escrita, díxeno varias veces e non sinto vergoña en volvelo dicir, é case automática, sobre todo no caso da poesía. Eu escoito os poemas, a súa musicalidade, as palabras exactas dentro da miña cabeza e, en canto saen, todo vai encaixando dunha maneira moi natural, non os volvo tocar máis se sinto que funcionan. Se un texto non cumpre o mínimo para satisfacerme, abórtoo, xa non chega a nacer, queda no cuarto escuro da cabeza. Algo semellante ocorre cos relatos e microrrelatos nos que veño traballando ultimamente. Levan horas de traballo ás escuras e en silencio mais sen escribir unha soa palabra. Cando abrollan é para ficar. E, sen falar da corrección de grallas e pequenas puntualizacións, non adoito reescribir, corro sen mirar atrás, pero non ás toas, senón firmemente convencida do trazado e da ruta, todo abordado moi polo miúdo antes de saír da casa. Hai, coma min, moitísimas autoras que se definen a través desta escrita automática, mesmo esquizofrénica, e que confesaron escoitar as voces que lles ditan os seus textos. Cada proceso literario é propio, persoal e intransferible e mesmo pode variar dunha obra á seguinte.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (fotografia, música, artes plásticas, etc.)? Como é a tua experiência nestes âmbitos?

- Emma Pedreira: Non entendo a literatura sen a sinestesia e, para iso, hai que ter os poros abertos a outras sensacións. Adoro a mestura, o interdisciplinar, a fusión das artes, a camaradaxe que cada vez máis está a darse a nivel literario. Escribo no silencio e na música, pero visualizo todo o que fago. Gústame fotografar e convertir en imaxe parte dos meus versos e, no meu último traballo poético, O FOTÓGRAFO, mesturo poemas, fotografía e collage. Á hora de recitar tamén estou engadindo elementos musicais e a experimentación coa imaxe.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos (desde qualquer ponto de vista)?

- Emma Pedreira: Antes de escribir paso tempadas lendo frenética, compulsivamente. Despois deixo os libros e collo os folios, así que son permeable a calquera efecto que o lido, escoitado, observado nesa tempada previa fixo en min. Ultimamente só leo literatura feita por mulleres (nun 80%, case) e as súas voces van nutrindo a miña. E ás sempre presentes Plath, Sexton, Veiga, Romaní, Pato, Bachmann, Mansour, vanse engadindo novas voces que vou asumindo e nas que procuro aprender.

- Palavra Comum: Que escritor@s, em geral, reivindicas por não serem suficientemente (re)conhecid@s?

- Emma Pedreira: Teño na mesa de noite tres montañas de libros que baixan en altura. Aí vanse acugulando lecturas que nunca chegan porque veñen outras prioritarias e outras que nunca marcharán porque volvo a elas. Destas obras permanentes teño tres de autoras que, agora mesmo, me resulta incrible que non se citen máis frecuentemente: a poeta uruguaia Marosa di Giorgio, a xa desaparecida Belén Feliú e a potentísima Angélica Liddell.

- Palavra Comum: Que vínculos existem, ao teu ver, entre arte(s) e vida?

- Emma Pedreira: Non me interesa unha vida sen literatura, papeis por encher, música, danza, teatro, artesanía. Non me gusta a industralización, as cousas asépticas, feitas en serie, a insensibilidade, o pasar polo mundo como unha maleta pola cinta transportadora dun aeroporto. Prefiro o contacto co mundo a través da arte porque así o mundo fai menos dano, ese mundo con todo o de tóxico que ten. A arte proporciona a alteridade, a maneira de non tolear ante a verdade desprovista de paliativos, a vida real sen arte é unha espera pola morte e un transcurso de días vougos e intrascendentes.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje –e para a cultura galega, em particular–?

- Emma Pedreira: Ultimamente reflexiono sobre o poder do instantáneo, do repentismo, de abrir espazos –físicos– novos para ofrecer propostas artísticas. Non todo debe reducirse ao libro e ás librarías senón que dislocar un pouco os espazos e os formatos habituais reforza o efecto sorpresa e o chamado da atención do público sobre as obras. O aquí e o agora, o recital-concerto, o libro obxecto en exposición, a mestura de imaxe, son e poesía e o visibilizar todo o que acontece antes, durante e despois da creación literaria, paréceme fascinante para achegarnos máis a potenciais lectorxs.

- Palavra Comum: Que opinião tens sobre a língua e cultura galegas (e também sobre a sua relação com a Lusofonia), e o seu estado actual?

- Emma Pedreira: Non entendo moi ben cando no meu propio país me preguntan por estas cousas, como me sinto coa lingua, por que escribo en galego, que opinión teño. Pois escribo, leo, penso, soño en galego, vivo nesta lingua e nesta cultura porque é a que me tocou en herdo e por coherencia con ela estou aquí, dentro. Opto tamén pola convivencia con outras escollas ortográficas que enriquecen e empoderan a cultura e a lingua, que acrescentan o territorio e o número de lectorxs potenciais.

- Palavra Comum: Fala-nos da tua perspectiva sobre o(s) feminismo(s)…

- Emma Pedreira: Ocórreme o mesmo que co anterior. Non entendo que unha muller non sexa feminista, que non asuma que a protección, empoderamento, visibilización e educación da muller ten o punto de partida nas propias mans das mulleres para que, afinal, como di Chimamanda Adichie “todxs sexamos feministas”. Que na educación que deamos a nosxs fillxs está a pervivencia ou a desaparición de certas desigualdades e que a loita contra certas hexemonías é lícita, debe ser firme en todos os niveis da vida e da sociedade, por ser dereitos naturais o da liberdade e a igualdade.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Emma Pedreira: Despois de ver como funcionou o proxecto O FOTÓGRAFO nos roteiros literarios da AELG, teño intención de convertilo nunha exposición e poder levalo a distintos espazos culturais por toda Galiza. É a miña prioridade neste ano porque 2017 é unha data chave no sentido desta obra. Tamén difundir o fanzine bilingüe FLUIR/FLUÍR no que a poeta barcelonesa Elena Barrio e eu traducímonos simultáneamente nunha obra poética moi íntima, tanto como os fluídos menstruais, mesturados co deseño e a manufactura de Henar Bengale. Por outra banda gustaríame retomar algún poemario que teño a medio escribir e facer un terceiro libro de microrrelatos que siga a liña de Corazón e demais tripas e Bibliópatas e Fobólogos.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *