Entrevista a Marta Dacosta

Entrevista a Marta Dacosta

0 comentários 🕔10:00, 27.Abr 2017

- Palavra Comum: Que é para ti a poesia (e a literatura)?

- Marta Dacosta: Comunicación. É fundamentalmente unha forma de comunicación, de expresión de emocións, sentimentos ou ideas, empregando as técnicas e as ferramentas que a arte nos permite. Ferramentas coas que podemos conseguir conmover e que, por tanto, inciden positivamente na recepción da nosa mensaxe.

- Palavra Comum: Como levas a cabo, no teu caso, o processo de criação poética?

- Marta Dacosta: Considero que é un proceso en tres fases. A primeira unha fase de escrita impulsiva, non premeditada e, por tanto, caótica. Os poemas vanse amoreando, nun arquivo de word, nunha gravación de voz, nun caderno, nalgúns casos até ser esquecidos mesmo. E quedan levedando durante un tempo inconcreto, para mostrar a súa verdadeira idoneidade ou necesidade de corrección.

A segunda fase implica a revisión do escrito. Poden pasar meses e meses tras a primeira fase. É unha relectura que acaba por atopar os fíos sobre os que xirou a creación da primeira fase. É unha especie de momento de clasificación temática. É o momento en que decido se existe un fío do que interesa tirar para construír un libro.

A terceira fase é a da construción do libro. É unha fase de re-elaboración e elaboración. A revisión dos textos ocupa a maior parte do tempo, mais nesa fase de revisión, e provocados polo corpo que vai tomando o libro, xorden novos poemas ao tempo que o libro se vai estruturando e pechando.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (audiovisuais, fotografia, música, etc.)?

- Marta Dacosta: Pois a que cada creador ou creadora considere en cada momento. Entendo que en ningún caso poden vivir de costas unhas a outras. Considero que unha das características de calquera arte é traducir o contexto en que se produce e, por tanto, outras manifestacións artísticas que a rodean. Debe ser permeábel. Ser espello. Contaminarse da música, da plástica, da escena, en definitiva do mundo e o tempo en que se produce.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos (desde todos os pontos de vista)? Deles, quais reivindicarias por serem insuficientemente reconhecidos a dia de hoje?

- Marta Dacosta: Nunca sei ben responder a esta pregunta. Por un lado, porque me parece imposíbel citar algúns nomes concretos. Por outro, porque non sei se teño a perspectiva suficiente para xulgarme, non sei se lle corresponde á autora ditaminar cales son as influencias imprescíndibeis ou innegábeis. Talvez esas influencias sexan máis perceptíbeis para quen recibe a obra.

En todo caso, veño da lectura. De anos e anos lendo todo o que atopei diante de min. Así lin clásicos galegos como Rosalía ou Castelao. E universais: Manzoni, Bronte, Víctor Hugo, Balzac… Abandonei os xogos na rúa para ler. Roubei (roubo) minutos ao sono. Levei e levo os libros canda min onde queira que vaia. Lin todo. O que atopaba, o que me recomendaban, o que eu soa descubría: Curros, Pondal, Gioconda Belli, Benedetti, Ana Luísa Amaral, Bernardino Graña, Xosé María Álvarez Cáccamo…

Por outro lado, a pintura, tamén a fotografía, está a ser nos últimos anos un pre-texto ineludíbel. De aí naceron algúns dos textos do meu último libro, precisamente tamén co afán de reivindicar a obra das máis invisíbeis, as mulleres. Por iso no libro están Henrietta Rae, Matilda Anderson, Evelyn de Morgan ou María Cardarelly.

- Palavra Comum: Que vínculos existem, do teu ponto de vista, entre arte(s) e vida?

- Marta Dacosta: Todos. Sen vida non hai arte. E como dicía antes, a arte traduce o contexto en que se produce, é resultado dun tempo e un espazo. A vida condiciona o proceso de creación. A arte que se considera afastada da realidade e completamente fantástica éo por un proceso de fuxida ou de transformación da realidade en que nace, cando non unha alternativa alegórica. Dalgún xeito a vida está detrás de todo o que creamos, como barro que tentamos moldear até darlle a aparencia e a forma que consideramos necesaria.

- Palavra Comum: Qual é o estado da literatura galega, do teu ponto de vista?

- Marta Dacosta: É o estado da lingua. Amordazada. Atada de pés e mans, imposibilitada de espreguizarse e moverse con liberdade. De mostrarse, de exhibir a súa beleza.

A literatura galega é unha literatura capaz de competir con calquera outra, ao nivel de calquera literatura normalizada no plano creativo. Mais, unha vez escrita comeza o seu calvario. O calvario da edición, da promoción, da comprobación da falta de apoios institucionais, hoxe necesarios mesmo para as literaturas e as linguas normalizadas.

Hai quen diga que temos poucas lectoras e lectores, que é dependente dos programas de lectura escolares, que non todos os xéneros gozan da mesma vitalidade, etc. Mais, non son esas as eivas de todas as literaturas do mundo? Que a lectura non sexa unha necesidade para todas as persoas ou que os libros que máis se venden son os que están ligados á escola ou os que gozan dunha forte promoción publicitaria é unha constante para todas as linguas.

Os nosos problemas propios son os da nosa lingua: carencia de apoio institucional e consecuentemente, dificultades na promoción e visibilización.

A nosa literatura ten o elemento imprescindíbel: capacidade creadora. Mais falla no final do proceso: na existencia de lectores e lectoras, indisolubelmente ligada á saúde da lingua que cada día perde máis e máis falantes, e na visibilización do produto literario, o libro galego, invisíbel nos escaparates e andeis de tantas librarías, maioritariamente grandes librarías e franquicias que non senten ningunha vinculación coa nosa cultura e son simplemente espazos mercantís.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?

- Marta Dacosta: Desde o meu punto de vista, no literario, cómpre volver á palabra, ao protagonismo da palabra. Teño para min que a preocupación por proxectar a literatura e especialmente a poesía levounos a priorizar outros elementos por riba da propia forza da palabra e iso, que redundou beneficiosamente no produto resultante, non quere dicir, exactamente, que a palabra e o texto acadasen ese mesmo beneficio.

Por outro lado, entendo que a estética debe estar ao servizo da mensaxe, e que calquera que sexa a forma, o marco, o método, o canal que usemos, sempre debe haber un relato, unha idea que trasladar ou construír.

A capacidade de sermos orixinais ou abrirmos vías estéticas non transitadas é limitada. En todo caso, os camiños necesarios serán os que consigan que a literatura pase da man da súa creadora á receptora e que esta se apropie dela, ao descubrir que ten a capacidade de expresar o que está sentindo.

- Palavra Comum: Qual é a tua visão sobre a língua galega hoje (e a vinculação que tem com a Lusofonia)?

- Marta Dacosta: A miña visión é que precisamos continuar nunha actitude de compromiso activo, reclamando de quen nos goberna que poña medios para frear a perda da lingua entre as xeracións máis novas. Cómpre accións decididas, como derrogar o actual decreto que ten por obxecto impedir o desenvolvemento da nosa lingua a través do subterfuxio do trilingüismo. Derrogalo porque algúns dos seus artigos son ilegais segundo sentenza xudicial e porque hoxe a suma do Decreto e da LOMCE, que tamén nos cómpre derrogar, está impedindo a presenza da nosa lingua nas aulas.

A nosa lingua precisa que a amemos. E amala consiste en tela presente en momento fundamentais. Por exemplo, cando exercemos o noso dereito ao voto. Acaso non é un momento fundamental para a lingua? Éo. O noso idioma precisa de persoas que o estimen e potencien desde as institucións, cando esa situación se dá a sociedade percibe ese cambio e actúa en consecuencia, adoptando o noso idioma e sendo respectuosa con el.

O exemplo témolo nos anos 2009 e 2010, un momento en que os ataques continuados contra a nosa lingua, a través do ficticio debate da imposición do galego e a promulgación do decreto do trilingüísmo, tiveron, por un lado, unha contestación que implicou non só a galego-falantes e que deu lugar a algunhas das mobilizacións máis numerosas no noso país despois de Nunca Máis; por outro lado, a falta de sensibilidade dos gobernantes alentou a perda de respecto á nosa lingua e houbo quen xa non sentiu pudor en deixar de utilizar o galego onde antes era utilizado.

Canto ás relacións coa lusofonía, considero que non se teñen suficientemente en conta, desde as dúas bandas do río e do mar. Quero dicir que non se aproveita o feito de que temos un amplo abano de produtos aos que nos achegar, culturais, audiovisuais, etc., a través da canle común que é o idioma, ao igual que nós podemos ofrecer as nosas obras ou produtos a un público moi, moi extenso. Vivimos de costas (insisto, dun lado e do outro), cando temos moito que compartir.

- Palavra Comum: Como seria a tua Galiza Imaginária? Que há dela na realmente existente a dia de hoje?

- Marta Dacosta: A miña Galiza imaxinaria é unha nación dona de seu en que a nosa lingua viva unha situación de normalidade plena. Nada diso existe neste presente. Mais son unha optimista convencida e practicante que cre no futuro.

Todo chegará. Eu dou o que son para que non demore.

- Palavra Comum: Fala-nos da tua experiência na AELG. Que caminhos achas sugestivos para a entidade de cara ao futuro?

- Marta Dacosta: Son xa varios anos. A experiencia é gratificante porque estou rodeada de persoas que cren no que somos, escritoras e escritores, e traballan arreo para visibilizarnos e prestixiarnos. Unha tarefa que redunda en beneficio da literatura de noso.

Creo que continuar con actividades que poñen en contacto a escritora e o escritor co seu público ou que nos serven de encontro ás creadoras e creadores, son enriquecedoras e deben ser liñas centrais no traballo dos vindeiros anos. Compartir e escoitar son tarefas necesarias no proceso de creación, por iso ese tipo de actividades acaban por ser necesarias.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Marta Dacosta: Ando a presentar o meu último libro. E teño varias cousas ciscadas polo faiado da cabeza. Non podo responder á pregunta de que me gustaría chegar a desenvolver porque igual acabo a entrevista en enxurrada. Deixádeme que diga só que ando á procura de ter máis tempo para a escrita e así cumprir con algún traballo pendente, do que xa falarei cando proceda, e poñerme a proba a min mesma, con novas e diferentes tarefas.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *