Entrevista à música galega MJ Pérez

Entrevista à música galega MJ Pérez

0 comentários 🕔09:15, 04.Mai 2017

- Palavra Comum: Que é para ti a música?

- MJ Pérez: Para min a música é un xeito de expresión. Un medio de expresión cando parte de min cara á persoa que escoita, e un cúmulo de sensacións cando son eu a que me empapo dela a través doutros artistas.

- Palavra Comum: Como entendes (e levas a cabo, no teu caso) o processo de criação musical?

- MJ Pérez: Non me considero “creadora” no eido da música. Utilizo a música como ferramenta para darlle forma a aquilo que quero transmitir. A creación para min non é un proceso, non é algo que se rixa por uns pasos determinados. En ocasións todo nace dunha idea, outras dunha letra, outras dunha melodía… e ás veces ata dunha soa frase! Cada canción é un mundo e cada unha delas nace nun momento e nunha circunstancia diferente. Agora ben, unha vez poño o tema sobre a mesa e penso “isto xa está”, aí si que entro nun proceso de análise, de buscar arranxos, de ver cal é o mellor xeito de interpretala, etc.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a música e outras artes (literatura, fotografia, banda desenhada, artes plásticas, etc.)? Como são as tuas experiências neste sentido?

- MJ Pérez: A música percibímola polo sentido do oído, e iso fai que sexa unha arte que se complementa moi ben con outras como é o caso da imaxe por exemplo. Eu creo que aínda que se faga distinción entre varios tipos de arte, ao final todo é arte, e como tal, considero que todo se pode complementar.

Na miña experiencia, que parte sobre todo do audiovisual, considero esta relación como algo fundamental. Ben é certo que existen filmes sen música, pero tamén hai que recoñecer que a música eleva a maior parte das historias a outra dimensión. Existen películas que se “salvaron” grazas á música, como o caso de Psycho de Hitchcock, que non só se “salvou”, senón que ata rematou por converterse nun dos maiores referentes da historia do cine.

A música ten un “aquel” especial que fai que se poda “diluír” e así estar presente en prácticamente todo.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes (num sentido amplo)?

- MJ Pérez: Son un pouco inconsciente neste aspecto. Está claro que todo o que escoito e recibo inflúe dun xeito ou outro no que despois fago. Mais, no meu caso resulta que a música que adoito escoitar dista moito do que logo fago. Son amante do Fado, e se ben a miña música non é Fado, hai algo que si teño en común con este xénero, que é a “filosofía”. A xente adoita “etiquetar” o Fado coma unha música na que todo é dor, lamento, desamor… e o Fado é moito máis. Algo que me gusta do Fado, e que levo sempre conmigo, é o feito de enfrontarse á dor sen medo, ás cousas das que custa máis falar. Onde algúns prefiren a música como evasión, a min gústame o xeito que ten o Fado de empregala para falar e mirar aos sentimentos máis profundos sen medo.

Se teño que falar de referentes, aínda que non teñan moito que ver coa miña música, debo falar de figuras como Amália Rodrigues ou Edith Piaf, que non só admiro polas suas traxectorias, senón polo que foron antes de chegar a ser as grandes figuras nas que se converteron, como comezaron a cantar, como xurdiron da “nada”… iso é o que me gusta delas. Escoito tamén moitas propostas que veñen dende Portugal, un exemplo son os Deolinda (aos que sigo dende os seus inicios). Tamén artistas como Dom La Nena, coa que me sinto identificada no aspecto minimalista ou Emilie Simon, que me axuda a valorar outras sons.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, discursivos, etc.) estimas interessantes para as artes, na sua comunicação com a sociedade a dia de hoje?

- MJ Pérez: Debo dicir que se ben é certo que temos moitos tipos de artistas que se rixen por vías de expresión moi diversas, algo que boto un pouco en falta é a universalidade… teño a sensación de que en moitas ocasións nos esquecemo do público, da xente á que nos diriximos: precisamos empatizar. Eu noto que a arte non chega a toda a xente. Certo é que hai moitos factores que inflúen nisto, pero a veces pechámonos moito en nós mesmos no noso proceso creativo e non chegamos á xente.

Isto non quere dicir que sexa partidaria de facer as cousas por e para contentar á xente, non, mais considero que como artistas debemos achegarlle á xente o que facemos, “baixar do escenario” en sentido metafórico e achegarnos á xente, que sintan que o que lles vas mostrar non está tan lonxe do que poden atopar no seu interior. Isto sobre todo apréndese cando tes que facer o teu propio camiño e non tes grandes estratexias se márketing e de difusión para dar a coñecer o teu traballo… é aí cando a empatía é o mellor punto de partida.

- Palavra Comum: Que perspectiva tens sobre o estado da música e da cultura, em geral, em Galiza (e das conexões com outros espaços, nomeadamente com a Lusofonia)?

- MJ Pérez: Estanse facendo moitas cousas, hai unha actividade cultural e musical moi grande e hai moito talento. Creo que disto non nos podemos queixar, porque eu en Galiza vexo talento por todas partes a distintos niveis e non só na música. Curiosamente, os proxectos que máis me atraen son os que pasan máis desapercibidos, ver que hai xente que está facendo grandes cousas sen axuda de ninguén para min ten un “plus” moi importante. E isto faime sentir especial ilusión e esperanza polo que está por vir, hai futuro e achéganse grandes cousas.

Con respecto a Portugal, desexo ver creada unha verdadeira conexión cultural. Considérome tan galega coma portuguesa, a partes iguais (xa dixen en moitas ocasións que miña mãe é portuguesa). A min gustaríame que esa ponte cultural fose unha realidade e, de feito, farei todo o que boamente poda para axudar a conseguilo. Vendo as cousas dende Galiza e véndoas dende Portugal, teño a sensación de que non soubemos entender Portugal… soa un pouco “brusco” pero é a conclusión á que cheguei despois de todos estes anos a un lado e ao outro do Miño. Mais, o que me resulta moi alentador é ver que hai cada vez máis artistas e produtores portugueses que miran para Galiza e tamén o feito de que cada vez máis Galiza mire cara Portugal. Agora ben, a empatía é a clave de todo, e a base para poder tecer un fío con Portugal é coñecer ben como é a súa xente, costumes, gostos… etc. e non partir da base de que todo “é o mesmo”, hai matices, pero iso está ben, é bo e enriquecedor para sumar e aprendermos uns dos outros.

- Palavra Comum: Que vínculos existem, ao teu ver, entre Arte(s) e Vida?

- MJ Pérez: Eu non concibo a vida sen arte. Aínda que o mellor xeito de responder a esta cuestión é collendo as palabras de Ferreira Gullar: “A arte existe porque a vida não basta”

- Palavra Comum: Que projectos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- MJ Pérez: Agora mesmo estou coa gravación co meu terceiro disco, que suporá un antes e un despois en MJ… vai ser o primeiro CD de estudo, con banda e con colaboracións do máis enriquecedoras! Queda moito traballo por diante, pero estou moi ilusionada porque hai moito traballo detrás e estouno preparando con moito cariño. Será, ademáis unha simbiose de estilos, mantendo a esencia de MJ (presente en todo momento), pero exploro outros camiños e estou seguora de que vai ser unha sorpresa para aqueles que coñecen o meu traballo :)

De cara o futuro, morro de ganas de cantar máis en portugués e tamén noto como me pide o corpo explorar novos camiños, e iso farei. Xa se van abrindo cada vez máis colaboracións co país veciño e eu continúo traballando e buscando eses novos camiños, novos sons, etc.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *