Outra correspondencia exemplar: Theodor W. Adorno/Gershom Scholem

Outra correspondencia exemplar: Theodor W. Adorno/Gershom Scholem

0 comentários 🕔09:00, 08.Mai 2017

Hai cousa dun ano apareceu na arxentina Eterna Cadencia Editora a correspondencia entre Theodor W. Adorno e máis Gershom Scholem (Adorno & Scholem, Correspondencia 1939-1969, Buenos Aires, Eterna Cadencia Editora, 2016, edición de Asaf Angerman, tradución de Martina Fernández Polcuch e María Graciela Tellechea). Adorno e Scholem foron os dous grandes correspondentes do filósofo alemán Walter Benjamin, ademais de seren amigos –o outro gran correspondente foi Gretel Karpus, a muller de Adorno. Coñecíase a correspondencia de Benjamin cos dous primeiros e con Gretel, no 2015 apareceu o volume que recolle todas as cartas entre Adorno e Scholem que se puideron encontrar. Calquera que coñeza algo da vida de Benjamin sabe que até o seu coñecemento mutuo en Nova York, en 1938, Scholem era reticente a respecto de Adorno e viceversa. E ambos os dous eran máis que reticentes a respecto da influencia que, segundo eles, exercía Brecht sobre Benjamin.

O editor desta correspondencia, Asaf Angerman, que anota pertinentemente nomes, datas e feitos, ponlle un pequeno posfacio á edición. Posfacio que se inicia da seguinte maneira: “A correspondencia entre Theodor W. Adorno e Gershom Scholem, publicada aquí por vez primeira de forma íntegra, constitúe o terceiro lado, que até o de agora faltaba, dun triángulo epistolar”. O triángulo é a figura xeométrica en que se pode encerrar a vida, e a obra, de Benjamin.

Se Dante fala de círculos infernais, podiamos dicir, como sabe todo aquel que lera dous textos de Benjamin e unha pequena biografía súa, a de Bernd Witte, que non é das mellores nin das máis completas, que a súa vida –solitaria– semella fechada en triángulos infernais: o das compañeiras: Jula, Dora, Asja; o dos correspondentes: Adorno, Brecht, Scholem; o das liñas de fuga rompidas: Moscova, Xerusalén, Nova York; o dos polos magnéticos: xudaísmo, anarquismo, comunismo marxista. O único triángulo que non se converte en “infernal” é, malia as experiencias, o de certas cidades: Berlín, tan amada, da que, finalmente, debe fuxir; Moscova (a pesar do dito), que abandona, sen nostalxia mais si, talvez, con melancolía (lembremos o que escribe cando abandona esta cidade, porque lle é imposíbel adherirse á orde burocrática dos vencedores e dos arribistas, vai coa “gran maleta nos xoenllos” e “chorando polas rúas crepusculares”: ninguén abandona chorando unha cidade se non a ama); París, a cidade elixida: infelizmente, os prolegómenos do suicidio. Sen unha interrelación dialéctica entre estes tres triángulos nunca se poderá comprender nin a vida nin a obra, por suposto, de Benjamin. Se un estudoso, ou un biógrafo, se decanta por calquera dos lados do triángulo subestimando calquera dos outros dous, rómpese o triángulo, é dicir, o intento de se achegar tanto á vida como a obra do alemán. Tamén é certo que nestes triángulos radica, en certa maneira, a riqueza e a inapreixabilidade (sic) do pensamento benjaminiano, e, por suposto, a escrita do alemán. Querer reducilo ao marxismo (aínda que sexa unha redución importante), ao xudaísmo, ou a un simple crítico da cultura, non é unha redución, é, ademais dunha parvada, unha negación de Benjamin. Do pensador e do home. Por outra parte, deses tres lados do triángulo que forman os correspondentes: Brecht pouco escribiu sobre B.; Scholem tardou anos en escribir, publicamente, unha palabra sobre o seu amigo, aínda que lle dedicara algúns dos seus máis importantes libros, logo entrou unha espléndida biografía, que subtitulou “Historia dunha amizade”, e recolleu unha serie de ensaios dedicados ao seu amigo (Benjamin e o seu anxo), así como a súa correspondencia con el; e, con Adorno, dedicou tempo á primeira entrega (en dous volumes) da correspondencia de Benjamin; mais, a pesar de todo, a súa importante obra sobre o xudaísmo e os seus rebeldes e heréticos, non é un diálogo co seu amigo. Adorno: a súa obra –aí están, A dialéctica da Ilustración, Filosofía da nova música, Teoría estética, Dialéctica negativa, A xerga da autenticidade, o seu libro sobre Kierkegaard, e toda unha serie de traballos “menores” (?)– é un perpetuo diálogo (polémico ou á contra moitas veces) co seu amigo, ou correspondente. Adorno foi influído (ou influenciado, segundo a palabra de que máis se guste) por Benjamin, e nunca desa influencia renegou. Brecht pouco falou del, menos do que sería necesario (é de obrigada lectura o libro de Wizisla Erdmunt, Benjamin y Brecht. Historia de una amistad, Barcelona, Editorial Paidós, 2007, interesante aínda que discutíbel en moitos aspectos). En suma, o triángulo dos correspondentes é un triángulo… escaleno, nin isósceles nin, moito menos, equilátero.

A correspondencia entre estes dous lados do triángulo, o filósofo alemán e o estudoso do misticismo xudeu e da cábala empeza en 1939 e acaba 30 anos despois, coa morte do filósofo. (Sobre o enterro do filósofo, é moi recomendábel o “conto” de Alexander Kluge, “Momento de perigo para os últimos da teoría crítica no enterro de Adorno”, publicado en El hueco que deja el diablo, Barcelona, Ed. Anagrama, 2007 –en realidade, moi recomendábel é todo o libro: mágoa que sexa unha escolma e non estean incluídos todos os relatos da edición orixinal. O “relato” acaba con este parágrafo: “De momento estaban fisicamente salvados, non emocionalmente. Vinte anos despois, o planeta despediu á última desas sabias cabezas [Leo Löwenthal?]. O mundo nunca volveu ser o mesmo.”) Ambos xudeus, alemáns de nacemento, Scholem fíxose sionista e foi vivir a Palestina a inicios dos 1920, aínda que segundo S. Moses (O anxo da historia) ao final da súa vida notábase decepcionado do sionismo, como Adorno ficara desencantado do movemento comunista nos inicios dos anos 1930, cando o Instituto de Investigación Social fixo unha enquisa, que non publicou para non prexudicar os comunistas, entre os obreiros votantes do Partido: daban os mesmos resultados que a que fixeran entre os votantes do Partido nazi: xenofobia, machismo, autoritarismo, etc. Scholem tiña unha tirada cara ao anarquismo (1); Adorno nunca renunciou ao marxismo, a pesar de todos os pesares.

As cartas cruzadas entre Scholem e Adorno (224, outras 12 conforman a correspondencia entre Scholem e Gretel, xa viúva de Adorno) inícianse un ano antes da morte de Benjamin, e vemos os dous preocupados pola sorte do amigo común. E o 8 de outubro de 1940, Adorno envía desde Nova York unha carta a Scholem, que continúa en Xerusalén, na que lle notifica o suicidio do amigo. Acaba a misiva do filósofo: “Pídolle encarecidamente que me escriba. Non teño a menor idea de como se segue despois da morte de Walter, e unha noticia de vostede sería de inmensa importancia”. Esa dor, esa pena pola morte do amigo, atravesan as primeiras cartas que se dirixen os dous correspondentes; cartas que, xa en plena guerra mundial, tardan meses en recibirse cando non se perden. Noutra carta, datada o 19 de novembro de 1940, Adorno escribe a Scholem: “O que significa para nós [a morte de Benjamin] non llo podo dicir en palabras, modificou a nosa existencia espiritual e empírica até o máis profundo de nós, e envolveunos a Gretel e a min nunha indiferenza que probabelmente xa teña o seu límite no inmediato ocaso da propia vida”. Non imos negar que había diferenzas (filosóficas, xa que logo políticas) entre Adorno e Benjamin, mais acho que ninguén pode dubidar da fonda amizade que os unía, amizade que se plasma non só na correspondencia entre Adorno e Benjamin, senón tamén na que cruzaron Gretel e máis o autor de Rúa de sentido único. Tamén son importantes as cartas en que Adorno lle explica a Scholem que non entende por que se suicidou o amigo, xa que tiña todos os papeis para poder pasar a fronteira franco-española, atravesar España e embarcar en Lisboa até Nova York: el e os seus amigos moveran a todas as súas amizades e conseguíranlle os papeis para entrar en Estados Unidos. Mesmo tiñan persoas dispostas a intimidar á policía franquista para que lle deixasen cruzar a fronteira.

A partir da instalación de Adorno en Alemaña, a correspondencia e máis fluída, e entón empeza o gran traballo: publicar a Benjamin. Os dous correspondentes chegan a certa afinidade electiva, aínda que un continúa a ser antimarxista e o outro nunca será sionista, mais o amigo común uniunos e vemos como se envían os seus traballos. Son as cartas nas que Adorno lle comenta a Scholem a lectura dos traballos que lle enviou, e viceversa, aquelas outras en que Scholem lle comenta a Adorno os seus escritos, cando o nivel intelectual chega ao máximo, a correspondencia, alcanza as súas cotas máximas no que a “pensamento” e teoría se refire. E ningún dos dous se “corta”: Scholem lle di que non entende certas frases ou que non está de acordo con certos conceptos adornianos, e Adorno o mesmo: mais nunca hai enfrontamentos, senón un verdadeiro diálogo intelectual. As discusións sobre certos conceptos tanto de A xerga da autenticidade como de Dialéctica Negativa alcanzan verdadeiros cumes de diálogo intelectual. No entanto, hai que dicir que Scholem xoga con “vantaxe”: Adorno é un profano nos temas que estudou Scholem, e este era un profundo coñecedor dos temas filosóficos que trataba Adorno, mais cabe afirmar que aquel nunca se “aproveita” desa vantaxe.

Tamén son moi interesantes as cartas que se cruzan a respecto da edición dos dous volumes de correspondencia de Benjamin, dos que Adorno e Scholem foron os editores: o traballo de recompilación das cartas mediante contactos con correspondentes e amigos e ex-amigos, á familia, á procura de cartas de Benjamin e mesmo de inéditos, etc. etc. Ver como dúas grandes figuras intelectuais, ateigadas de traballo, dedican horas e máis horas a confeccionar listas de cartas, a lelas, a seleccionalas, a axudar a transcribilas, a anotalas, é unha mostra de suprema amizade. Curioso é tamén constatar que tanto para un como para outro hai tres personaxes coñecidos, que foron amigos de Benjamin, que son algo así como o demo: Brecht, Hannah Arendt e Ernst Bloch.

Á parte destas informacións, as diferentes cartas van entregando informacións sobre Benjamin e as súas amizades: unhas por parte de Scholem, o máis vello amigo de Benjamin, sobre persoas da mocidade deste que Adorno non coñecía; noutras é Adorno quen informa a Scholem sobre persoas amigas do amigo común que o estudoso da cábala non coñecía. Entre unhas e outras informacións, o que queda claro é que Benjamin era un home bastante difícil de tratar e, tamén, un home necesitado de, digamos, cariño: de aí, talvez, que mantivese amizade con persoas tan diferentes.

Tamén nestas cartas se poden recoller informacións sobre as vicisitudes tanto de Adorno na Alemaña de posguerra (ás veces era atacado simplemente porque era xudeu; o antisemitismo era máis visíbel e palpábel nas universidades do que na rúa, etc.) como de Scholem en Israel (atacado polos ortodoxos). E unha curiosidade. Nun momento determinado Scholem pregúntalle a Adorno se non escribiu algo contra Lukács. O filósofo dille que si, que se esqueceu da consigna “nada contra Lukács” e atacouno a respecto do libro Problemas actuais do realismo, mais só despois de que Lukács o atacase a el –véxase “Reconciliación extorsionada”, en Th. W. Adorno, Notas sobre literatura, Tres Cantos, Ediciones Akal, 2003, pp. 242-269. A consigna “nada contra Lukács” correu moito tempo entre a esquerda non comunista (é dicir, non pertencente a calquera partido comunista “oficial”) occidental até que se deron conta de que Lukács, como Brecht, era, como escribiu Alain Brossat, un “stalinista en situación”. Noutra carta, Scholem escríbelle a Adorno que non responda aos ataques de Hannah Arendt (Arendt tiña un verdadeira fixación –no sentido freudiano do termo– con Adorno, e en cada ataque que sufría Heidegger vía detrás a man adorniana). Adorno fíxolle caso e nunca publicou nada contra a Arendt (2), o seu escrito quedou en borrador e inacabado, e só viu luz postumamente: véxase “Sobre a interpretación de Benjamin”, de 1968 (Theodor W. Adorno, Sobre Walter Benjamin, Madrid, Ed. Cátedra, 1995, pp. 94-97). Ou como o posfacio de H. Marcuse a unha recompilación de textos de Benjamin subleva a Scholem. Adorno tenlle que explicar que Marcuse escribiu o posfacio e lle enviou o orixinal para que llo corrixise e discutise: a editorial meteuno en imprenta antes de que Marcuse fixese as pertinentes correccións, etc. Ou que a primeira edición das obras completas de Benjamin gozou dunha forte subvención por parte… da Fundación Wolkswagen, etc. Tamén saberemos que Scholem lle pide a Adorno que non lle chame Gherard –en alemán–, senón Gershom, en hebreo, e que este último parece pensar que para falar dos xudeus non só hai que ser xudeu, senón sionista –non é que o diga categoricamente, mais dedúcese das súas duras críticas a Horkheimer (“Os xudeus e Europa”), das anotacións que fixo no seu exemplar de Dialéctica da Ilustración, no capítulo “Elementos do antisemitismo”, etc.

Ao cabo dos anos, a pesar de manter posicións filosóficas diferentes (como dixemos, Scholem nunca deixou de ser antimarxista e Adorno nunca abandonou o marxismo como medio de coñecemento: é algo que nun momento determinado lle bota en cara Scholem, a quen lle repugna todo canto soe ou cheire a marxista –a pesar de que seu irmán, asasinado polos nazis, pertencera ao Partido Comunista Alemán, ben que, finalmente, fóra expulsado deste), diciamos, a pesar de manter posicións filosóficas diferentes están de acordo en moitos puntos, sobre todo nun: nunca houbo, e nunca haberá, porque non foi posíbel e agora é imposíbel, un diálogo xermano-xudeu. Ante a falacia deste diálogo, ambos correspondentes indígnanse e sublévanse.

Esta correspondencia vén, polo tanto, non a encher un baleiro, porque tal baleiro non existía, senón a marcar con trazos máis grosos dous dos lados do triángulo escaleno que conformaron as amizades profundas de Walter Benjamin. Pódese afirmar, sen medo a equivocarse, que sen Adorno, e sen Scholem, a obra de Benjamin tardaría anos aínda en ser recuperada. E a proba son estas cartas, nas que se levantan acta das xestións e presións, dores de cabeza, cesións (para poder publicar algunhas cartas) etc., que exerceron estes dous homes, sobre todo Adorno, sobre editores e persoas para que, finalmente, os escritos de Benjamin visen luz. Ao final, á parte da importancia da correspondencia en si, as cartas cruzadas entre o filósofo e o estudoso do xudaísmo herético demostran non só que as afinidades electivas poden unir as persoas máis diferentes, senón que a amizade pode ser un punto de apoio para esas afinidades.

NOTAS
(1) Tirada cara ao anarquismo e cara á utopía, sobre todo a utopía implícita no mesianismo xudeu, non en van Scholem escribiu en “Para comprendermos o mesianismo xudeu”, en Le Messianisme juif. Essais sur la spiritualité du judaïsme, París, Calmann-Lévy, 1974: “O mesianismo xudeu é na súa orixe e na súa natureza a espera de cataclismos históricos. Anuncia revolucións, catástrofes que deben producirse durante o paso do tempo da historia presente aos tempos futuros mesiánicos”, p. 31. Ou “Aínda que os tempos mesiánicos non poden chegar sen horror e nin terror, foron descritos igualmente baixo unha forma utópica. A utopía baséase sempre no pasado para estimular as esperanzas de restauración”, é dicir, o reino de Deus sobre a terra. Este “anuncio dunha humanidade nova representa a herdade profética do mesianismo utópico” e foi, segundo Scholem, o que permitiu aos xudeus, “nas épocas de tebras e de persecucións, superar as humillacións que foron o seu pan de cada día”, pp. 38-39.
(2) Algún día haberá que colocar os puntos sobre os is sobre temas escuros no pensamento e na obra de Arendt.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *