Viaxe ao corazón de Gales

0 comentários 🕔09:00, 22.Mai 2017

Sinto aínda a esperanza como a miña concepción do porvir – J. P. Sartre

A finais do outubro pasado, o meu bo amigo Phil Davies invitounos a un grupo de persoas a asistir ao congreso anual do Partido Nacionalista de Gales, Plaid Cymru, que tivo lugar na vila de Llanllogen, no nordeste do país. O plan de Phil tamén incluía diversas visitas a lugares emblemáticos da cultura e historia galesas, o que xerou en min unhas expectativas que non foron defraudadas. A pesar de levar vivindo xa máis dunha década en Gales, un se acomoda a certas rutinas e non sempre lle saca todo o proveito que podería á súa riqueza cultural. A excursión presentábase, polo tanto, como unha excelente oportunidade para saber máis sobre o meu país adoptivo, e da man dun galés que ten un profundo coñecemento da vida desta nación.

Un grupiño Tŷ Mawr 2formado por xente de orixe galesa, catalá, galega, e mesmo un inglés de ascendencia vasca, partiu de Bangor na mañá do 22, en dirección ao condado de Denbighshire. A nosa primeira parada foi Tŷ Mawr (‘Casa Grande’, en galés) no Wybrnant Valley, a casa onde naceu o bispo William Morgan en 1545. Morgan xogou un papel crucial na conservación da lingua galesa, xa que foi o autor da primeira tradución da Biblia a esta lingua, publicada en 1588. A súa tradución considérase un fito na historia do galés, posto que lle permitiu adquirir prestixio como lingua litúrxica e axudou a que non se perdese o seu uso diario. Por desgraza, Tŷ Mawr estaba pechada cando chegamos, mais puidemos entrar no xardín e ver os exteriores de preto.

Despois desta breve visita, apurámonos para chegar ao congreso e non perder moitas das primeiras charlas. De camiño, ao cruzar sen deternos a vila de Corwen, puidemos ver desde o coche a estatua de Owain Glyndŵr, o derradeiro príncipe de Gales orixinario do país e figura de vital relevancia na súa historia. Glyndŵr proclamouse príncipe en 1400, non moi lonxe de Glyndyfrdwy (Denbighshire), e liderou unha revolta contra o monarca inglés Henry IV. Dentro dos seus plans estaba a creación dun estado galés independente, unha das razóns polas cales é considerado un heroe nacional e símbolo do nacionalismo. Tras o fracaso da revolta, Glyndŵr nunca foi capturado, negouse a aceptar o perdón do rei e desapareceu. Algúns contan que pasou o resto da súa vida oculto baixo outra identidade. Hainos tamén quen din que algún día voltará para liberar ao seu pobo… Atopábamos, sen dúbida algunha, no corazón de Gales.

De camiño,Llangollen Phil contoume tamén a historia das chamadas “Ladies of Llangollen”, dúas mulleres irlandesas que escaparon das súas nobres familias para vivir xuntas, algo impensable na época. Establecéronse nesta vila galesa, onde a pesar da súa intención de levar unha existencia apartada do mundo, comezaron a recibir visitas na súa casa Plas Newydd (Nova Mansión), por parte de persoeiros da literatura como Wordsworth, Shelley, Caroline Lamb, Byron e Walter Scott. Quedei con ganas de visitar a casa, mais non había tempo. Xa chegábamos un pouco tarde ao congreso.

Como era de agardar, moitos dos discursos aos que asistín en Llangollen xiraron en torno a unha Gales post-Brexit. Plaid Cymru fixera campaña a favor de Remain, mais agora había que aceptar o resultado do referendo. Porén, dentro dese escenario, as representantes do partido expresaron a súa preferencia por un ‘soft Brexit’ e a súa vontade de acadar o mellor resultado nas negociacións para Gales, cuxa economía se podería ver afectada pola perda dos fondos europeos (do Regional Development Fund) e o impacto que a saída da Unión podería ter para os negocios do país. De aí o seu chamamento a que tanto Gales coma Escocia e Irlanda do Norte tivesen voz nas negociacións. No horizonte (como pasará seguramente tras as eleccións xerais do próximo 8 de xuño), a certeza de que a marcha da UE levará a unha maior centralización no Reino Unido. Por iso, afirmouse, nese mesmo horizonte debe estar sempre a independencia de Gales. Co Brexit de fondo, as políticas delineadas nas palestras partiron dun enfoque sempre humanitario e social, que atendese ás necesidades económicas das comunidades galesas mais tamén tivera cuestións coma o xénero ou un maior apoio ás enfermedades mentais no seu centro.

Fronte á fría escuridade que sentimos tras o racismo que o Brexit fixera xurdir en certos sectores da sociedade británica, en Llangollen notamos unha cálida benvida. O rexeitamento da xenofobia e as expresións de solidaridade tanto coas migrantes europeas como cara as refuxiadas de Oriente Próximo estivo presente no discurso de moitas das representantes do partido. Como declarou a súa líder, Leanne Wood, en varias ocasións: ‘If you live here and want to be Welsh, you are’ (se vives aquí e queres ser galesa, xa o es). A atmósfera non foi só de tolerancia, senón tamén de optimismo e esperanza. Se cadra algo inocente ou inxenua? Eu diría que máis ben necesaria nestes tempos escuros que estamos a vivir. Por iso o corazón de Gales debe later non só forte, senón tamén quente e esperanzado, para loitar no presente e nun futuro inmediato contra as forzas que se aproveitan da crise dos valores humanitarios para seguir creando unha sociedade cada vez máis inxusta e desigual.

ConfortadosValle Crucis Abbey 2 polo calidez do discurso de Plaid, puxemos rumbo de regreso a Bangor. Aínda tivemos tempo de facer dúas paradas máis. Primeiro na abadía cisterciense Valle Crucis Abbey, cuxas impresionantes ruínas contemplamos coa cor laranxa do atardecer e o verde dos campos de fondo. E despois o castelo de Denbigh, que xa vimos coa noite sobre nós.

Os recordos desta pequena viaxe, e aDenbigh Castle experiencia no congreso de Plaid Cymru, seguiron resoando na miña memoria nos meses seguintes. Non só me levaron a darlles forma escrita, senón tamén, na medida das miñas posibilidades, a través de Phil, a botar unha man na campaña do partido para as eleccións xerais de xuño.

Sobre o autor / a autora

David Miranda Barreiro

David Miranda Barreiro

(Galiza-Gales) David naceu na Coruña, onde se licenciou en Filoloxía Hispánica. En 2005 emigrou ao País de Gales. Tras obter o seu doutoramento, acadou a praza de profesor titular de Estudos Hispánicos na Universidade de Bangor. Xunto con Martín Veiga, é co-editor da revista Galicia 21: Journal of Contemporary Galician Studies. Ademais da súa actividade académica, David foi membro de diversos grupos musicais, entre eles Nouvelle Cuisine. En 2011 publicou un disco con María do Cebreiro, titulado ‘Lembrarás este cuarto?’(https://bangor.bandcamp.com/album/lembrar-s-este-cuarto).

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *