Melancolía de esquerdas

Melancolía de esquerdas

0 comentários 🕔08:30, 25.Mai 2017

Algunha vez, nalgún lugar, Álvaro Cunqueiro escribiu que vivir nunha memoria melancólica é unha forma de vivir como outra calquera. Talvez vivir nunha memoria melancólica é unha das mellores maneiras de fuxir do erro que constitúe a nostalxia, talvez…

A melancolía, malia os grandes estudos dedicados a ela: Richard Burton, Anatomía da melancolía, 3 tomos na edición española da Sociedade Española de Neuropsiquiatria, de Panofsky (Saturno e a melancolía), de Roger Bartra, etc., malia ese pequeno mais incisivo traballo de Freud, Doo e melancolía, é un concepto en certa maneira inapreixábel, tanto desde o punto de vista médico –que viría ser unha especie de depresión– como literario e/ou filosófico.

Para Freud, na melancolía “úrdese unha multitude de batallas parciais polo obxecto, nela enfróntanse o odio e o amor, o primeiro pugna por desatar a libido do obxecto, e o outro por salvar do asalto esa posición libidinal. A estas batallas parciais non podemos situalas noutro sistema que no Icc, o reino das pegadas mnénicas da cousa”. Segundo Rosa Mora Petit, De memòria: història, somnis, records,… en format tant electrònics com materials, para Marc Augé, as “pegadas mnénicas” serían “as lembranzas infantís, labradas polo esquecemento, e na medida que neste lado da lembranzas detectamos as pegadas que atormentan sen razón evidente o presente do individuo”. Talvez “neste lado da lembranza” se instala a melancolía. Porque ao cabo, quizais o melancólico é un ser descontento co mundo real e ese descontento pode acabar, entre outras, de dúas maneiras: na esquizofrenia –o ser crea outro mundo máis soportábel– ou na rebelión. Ora ben, nunha rebelión consciente de que quizais o fin, o obxecto, nunca será alcanzado e, polo tanto, trátase de ganar esas “batallas parciais” de que falaba Freud.

É nesta segunda maneira ou modo que a melancolía se pode converter nun sentimento político. Mais, nace esta melancolía política, rebelde, da demolicións das ideoloxías ou da esperanza do seu triunfo máis ou menos próximo? As derrotas políticas, tocan a morte polo futuro ou o futuro aproveita as cinzas das derrotas para se realizar? Velaí as cuestións a partir das cales Enzo Traverso, coñecido historiador, argallou a súa, por agora, última obra: Mélancolie de gauche. La force d’une tradition cachée (XIXe-XXIe siècles), Paris, Éditions de la Découverte, 2016, 228 páxinas.

Mélancolie de gauche constitúe unha recompilación de diversos traballos (artigos alongados, cursos destinados a seminarios, traballos de homenaxe, etc.), mais dunha gran coherencia no tratamento do tema. O autor comeza por definir o seu cadro teórico antes de utilizar, ademais da filosofía política, producións artísticas para desenvolver o seu punto de vista. Mais o libro non fala só da melancolía de esquerdas, senón tamén da relación dos pobos cos fracasos revolucionarios e o espírito de utopía que estes, curiosamente, poden dar nacemento á vez de maneira epistemolóxica, histórica e filosófica… e desa outra teima do autor que atravesa todos os seus libros: a memoria.

Traverso consagra dous capítulos a definir as diferentes facetas da melancolía. Sentimento negativo, sentimento positivo; ás veces parálise do corazón canso e farto, ás veces potencia para actuar que tira no pasado a súa forza creadora.

Desde o nacemento do socialismo utópico, e mesmo antes, cando a Revolución francesa, a esquerda tivo sempre como horizonte o que poderiamos denominar a ideoloxía do progreso. Traverso convoca a Walter Benjamin para demostrar que a carón da ideoloxía do progreso, que fai da marcha forzada cara ao futuro o motor da política revolucionaria, existiu outra relación co tempo no seo dos medios da esquerda radical: a memoria das revoltas fracasadas e dos sacrificios que conlevan, memoria que crea unha tradición arraigada no imaxinario político dos militantes revolucionarios. Mais tradición, digámolo máis unha vez, “agachada” –concepto tirado de Hannah Arendt. Tradición que está presente, subrepticiamente, en Marx, e é visíbel en Blanqui, Sorel, Louise Michel, Péguy… (non estará de máis lembrar, xa que non o fai Traverso, que algúns destes ideólogos e revolucionarios foron usados e serviron ás ideoloxías da extrema dereita: Péguy, Sorel, non así Louise Michel e, en menor medida, Blanqui, e que todos os citados, agás Michel, eran fortemente racistas e antisemitas –véxase Xenealoxía do racismo, de Michel Foucault). A memoria desta tradición, unha vez convocada pola confrontación do proxecto de transformación radical da sociedade e dos obstáculos ao que se enfronta, transfórmase en xustificación da loita. É dicir, a melancolía é creadora, non esquizofrénica…

Traverso observa que este sentimento de melancolía creadora está presente nas producións políticas e artísticas dos revolucionarios a finais do século XIX e na primeira metade do século XX, mais parece desaparecer despois da caída do muro de Berlín e o afundimento do comunismo. Consagra un capítulo (“Imaxes melancólicas. O cine das revolucións vencidas”) á comparación entre as diferentes representacións artísticas da revolución e as súas iconografías antes e despois de 1989, tratando especialmente o cine, sobre todo o italiano. Neste medio, a diferenza de tratamento da tradición marxista e revolucionaria é patente. Representada primeiramente como unha gloriosa historia de masas combatentes cuxas derrotas non son máis que un chanzo para alcanzar as futuras vitorias, o vento vira despois da caída da URSS, e mesmo antes, e as ruínas substitúen os proxectos de utopía. Persoalmente acho que aquí Traverso puido botar man, tamén, doutros filmes: Cela s’apelle l’aurore e Nazarin, de Buñuel, Grupo salvaxe, de Peckinpah, Cinzas e diamantes, Paisaxe despois da batalla e mesmo Kanal, de A. Wadja, etc.

Outro capítulo está dedicado ás sempre difíciles relacións do comunismo coas loitas de emancipación nacional, co colonialismo (“Espectros do colonialismo”). Traverso certifica que o campo revolucionario ignorou durante moito tempo os movementos de liberación nacional. Non cabe a menor dúbida: os movementos marxistas europeos eran eurocentristas: aí están os traballos de Marx dedicados á colonización inglesa da India; ou de Engels sobre a invasión francesa de Alxeria, etc. Ou as opinións do italiano Antonio Labriola sobre a ocupación italiana de Libia, xa no século XX. Ou que, lembrémolo, para o partido comunista francés, Ho-Chi-Minh, en 1945, era un axente do imperialismo americano. A lista é demasiado longa para recitar todos os casos. A pesar da actualización que realizou o marxismo e do avance do marxismo nos pobos colonizados, marxismo e anticolonialismo nunca acabaron ir en realidade de mans dadas [No parágrafo citado, libro de Foucault, o pensador francés lembra nas páxinas finais unha verdade da que nunca se falou en voz alta: ao movemento obreiro liberouno do racismo, non do colonialismo… o reformismo socialdemócrata. Haberá que lembrar que a URSS stalinista, a Polonia comunista (?) –pero a quen se ocorre intentar facer unha sociedade comunista nun país en que os obreiros rezan o rosario?–, a Romenia de Ceaucescu, en moito menor grao a Hungría de Kadar, eran antisemitas, non oficialmente, claro, mais si na práctica?]

Por outra banda, lembra Traverso, os pobos colonizados, despois de expulsaren os europeos, non crearon alternativas fortes perante o capitalismo occidental. É máis –e isto xa é de colleita propia, é dicir, miña–, talvez os movementos anti-colonialistas que triunfaron en África e Asia foron a gran decepción. Neste punto Traverso puido afondar algo máis: a esquerda revolucionaria occidental pasou, nos anos 1960-70 do século pasado, dun eurocentrismo case que colonialista a ver en cada revolución, ou rebelión, anti-colonial o futuro paraíso perdido do comunismo: as decepcións foron máis que grandiosas: Exipto, Siria, Alxeria, Etiopía, Cambodia e un longo etcétera que aburriría a calquera lector. Outros mitos, como o maoísmo, afundíronse hai xa algunhas ducias de anos (xa ninguén se lembra de que no seu enfrontamento coa URSS, a China maoísta apoiaba a movementos máis que dubidosos: a UNITA, Mugabe, os negocios co Chile de Pinochet cando había dous días trataran a Allende de traidor, etc.; ou que para se enfrontar a unha suposta conspiración soviético-vietnamita, a China aínda maoísta aliouse cos estadounidenses para manter no poder a Pol Pot: de aí a curta guerra chino-vietnamita en 1979, cando 86.000 soldados chineses invadiron Vietnam, etc.).

O último capítulo está dedicado a Daniel Bensaïd, morto no 2010. A súa traxectoria é utilizada como exemplo da evolución dos militantes revolucionarios fronte ao seu pasado e os sacrificios dos seus predecesores. Bensaïd, trotskista, case non escribira nada antes de 1980, a non ser escritos máis ou menos tácticos. Foi entón cando integrou no seu pensamento o pensamento de Benjamin, entre outros, e partir de aquí, sen deixar de ser revolucionario, o vello trotskista, sen renegar da súa ideoloxía primixenia, integra outras correntes revolucionarias no seu pensamento. Bensaïd tívoo ben claro a partir de 1980: as derrotas inflixidas polos nosos inimigos, o que considerabamos o noso inimigo principal, non foron nada comparadas coa derrota case que total que nos inflixiu o que coidabamos era o inimigo secundario e, en certos momentos, os nosos amigos e/ou aliados. E dicir, o afundimento do pensamento e da acción revolucionarios non foi debido ao capitalismo e os seus axentes, senón ao que se denominaba comunismo, comunismo burocrático ou socialismo real. As maiores derrotas do pensamento e da acción revolucionarios inflixiunas a URSS. O problema é que certa esquerda só se decatou, se se decatou, despois de 1990: outros xa o viran antes: anarquistas, consellistas, etc., ou movementos literarios/artísticos (sic), como o surrealismo. Lembremos que en 1950 André Breton dicía que unir as palabras comunismo e Stalin era un insulto aos caídos en nome do comunismo.

O interese do libro é, por outra parte, duplo. Ofrece un cadro teórico a longo termo da representación da historia revolucionaria. A melancolía privilexiada por Traverso é un elemento que transcende a tristeza e, en certo modo, ritualiza a conmemoración das derrotas: a Comuna parisiense, a rebelión spartakista, a España republicana, o Chile de Allende… Todos estes acontecementos convértense no pretexto para conseguir un novo movemento revolucionario. As tentativas e as experimentacións que xeraron antes de seren esmagados, son outras tantas brechas abertas valentemente por homes e mulleres que pagaron ás máis das veces coas súas vidas. Logo, Traverso repasa a historia das ideas baixo o prisma cultural e sitúa o cine ou a pintura e mesmo a arquitectura no seu xusto papel de pontes e de e testemuñas dos cambios de relacións coa historia dos revolucionarios. A obra é entón didáctica e as claves da súa lecturas son facilmente transmitidas ao lector.

Mais talvez, ou sen talvez, a elección consciente do seu autor deixa trenco o libro. Expliquémonos. Traverso limítase a reivindicar unicamente a tradición comunista/marxista (fóra da Comuna, que é outra cousa). É máis que evidente que a URSS, e en particular a súa desaparición, é utilizada por Traverso para deseñar simbolicamente a fronteira entre melancolía utópica creadora e melancolía fría da derrota total. Mais a historia do movemento revolucionario é moito máis complexa e outros movementos desenvolveron unha ollada crítica máis que interesante sobre a URSS no curso do século pasado. Por exemplo, os anarquistas, malia os seus graves erros tácticos e estratéxicos, non hai dúbida de que foron testemuñas privilexiadas da melancolía revolucionaria, e non só na sociedade capitalista, senón no propio interior dos movementos revolucionarios. As súas derrotas fronte aos bolxeviques, a súa desfeita durante a guerra de España, foron acontecementos que deron pé, nos anarquistas máis conscientes, a un sentimento melancólico moi pronunciado, máis que nos movementos marxistas. É certo que Traverso utiliza algunhas obras anarquistas, mais pasa moi por enriba delas.

Outro punto discutíbel da súa obra é que Traverso acha que son as revolucións pasadas as que crean o movemento utópico dos movementos futuros. Aquí, talvez, cabería lembrarmos o Marx de O 18 Brumario de Luís Bonaparte e aquelas frases onde nos lembra que a historia candos e repite, repítese en forma de comedia, ou de farsa, e que a revolución do século XIX ten que tirar a súa poesía do futuro. Porque só no futuro, descansarán as vítimas que piden ser vingadas. As do pasado, as de onte e as de hoxe, talvez só sexan vingadas soñando ese futuro, se é que se chega –xa é hora de que nos deamos conta que quizais ese futuro nunca chegará, pero non por iso hai que deixar de camiñar cara a el. Isto, penso, é o que quería dicir Karl Marx e a “aposta melancólica”, por tomarmos a expresión de Daniel Bensaïd (é o título dunha escolla de traballos seus), non é nunha unha aposta nostálxica. A aposta melancólica é, entre outras cousas, integrar o pasado non no presente, senón futuro, mais sen que nunca ese pasado dirixa o camiño para o futuro: do pasado hai que atizar a faísca da esperanza en todas as cousas que hai nel. Un exemplo: o último artigo escrito por Rosa Luxemburg, do que damos unha versión galega a partir da tradución francesa. Porque Benjamin non reivindica o pasado para contrapolo ao presente (nin ao futuro): reivindica a esperanza que está soterrada no pasado, no que aínda aniña a faísca da esperanza. Se esa faísca non aniñase nas ruínas que son o pasado, ruínas que deixou ao seu paso devastador o Progreso, o pasado so sería iso, pasado, e talvez nin pagaría a pena lembralo.

Mais tamén a “aposta melancólica” é, ou debe ser, a organización das forzas do pesimismo, que demandaba Pierre Naville na súa xeira surrealista –logo se fixo trotskista que entrou na fase do optimismo histórico compartido por todo o movemento obreiro (agás algúns consellistas: Karl Korsch… e o escritor Traven, que foi spartakista).

Outro dos temas, recorrente en Traverso, é o da memoria. A memoria, dinos, nunca foi moi considerada polos historiadores marxistas que pecaron, por así dicilo, de “futurismo”. Talvez tomando como exemplo o Marx de O 18 Brumario…, sen querer veren, eses historiadores, os intersticios de melancolía que atravesan os escritos de Marx e doutros revolucionarios posteriores, como Rosa Luxemburg. Mais tamén é certo que eses mesmos historiadores, que os revolucionarios de todos os países, sabían, e así actuaron, que o tempo da lembranza é o presente: non é certo que os bolxeviques actuaron conta todo e contra todos, mesmo aqueles que foron nun tempos seus aliados ou compañeiros (os anarquistas, os socialrevolucionarios…), empurrados pola “lembranza” do desastre da Comuna parisiense)? Non é certo tamén que os historiadores marxistas, malia os erros que cometeron, sabían moi ben que o importante era entender e que lembrar era secundario, aínda que para entender hai, inescusabelmente que lembrar?

A memoria é parcial,2017_05_XGG_Palavra_Comum_Traverso ou mellor dito, parcialísima, selectiva e como a historia un campo de conflitos. Así é todo, é necesaria, mais necesaria sen esquecer que tamén está impregnada de ideoloxía e que, ao revés que a historia, non está suxeita ao control da esfera pública separada da subxectividade. Porque a memoria, o que algúns denominan deber da memoria, induce a unha relación afectiva, moral, co pasado, pouco, ou nada compatíbel, co distanciamento e a busca de intelixibildade que son o oficio do historiador. De aí que os primeiros en reivindicaren a memoria foron unha serie de historiadores que fuxían do marxismo como da peste e cuxo representante maior é Pierre Nora, como ben ve, por outra parte, Traverso. A memoria, sobre todo a memoria das vítimas, debe estar presente sempre no historiador, sobre todo para que non se efectúe, como denunciaba Adorno, unha “elaboración do pasado”, que é o que aconteceu durante moitos anos na República Federal Alemaña, e no noso país, no denominado Estado Español. “Elaboración do pasado” que non significaba, explicaba o filósofo alemán e recolle Traverso “’traballar seriamente sobre o pasado, nin que unha consciencia lúcida rómpese o seu poder de fascinación’”. Máis ben ao contrario, quería dicir “pasar definitivamente a páxina e se é posíbel borralo da memoria”. A memoria debe ser un dos moitos instrumentos da historia, do historiador, mais nunca debe ser a súa substituta, porque, ao cabo, a memoria é subxectiva. De aí, talvez, que durante moitos anos os historiadores marxistas non tivesen en conta a memoria. O que, por outra parte, non son especialista no tema, acho que non foi totalmente así.

Mélancolie de gauche é un excelente libro que quere servir, e serve, para tomarmos conciencia dun pasado, o das vítimas, que algúns queren dar por “definitivamente pasado” mais que está aí. Non para revivilo, senón para asumilo e integralo dentro dunha tradición revolucionaria que… aínda debe nacer.

***

Apéndice

Rosa Luxemburg

A orde reina en Berlín (1)

“A orde reina en Varsovia”, declara o ministro Sebatiani, en 1831, na Cámara francesa, cando, despois de lanzar o seu terríbel asalto sobre o arrabalde de Praga, a soldadesca de Souvorov (2), penetrou na capital polaca e iniciou o seu oficio de verdugo.

“A orde reina en Berlín”, proclama con berros de triunfo a prensa burguesa, igual que os Ebert e os Noske, como os oficiais das “tropas vitoriosas” que a escoura pequenoburguesa acolle nas rúas de Berlín axitando panos e berrando: “Hurra!”. Diante da historia mundial, a gloria e o honor dos exércitos alemáns están salvados. Os lamentábeis vencidos de Flandres e de Argonne restabeleceron a súa fama conseguindo unha vitoria esmagante… sobre os 300 “Spartakistas” do Vorwärts (3). As fazañas que datan da gloriosa invasión de Bélxica polas tropas alemáns, as fazañas do xeneral von Emmich, o vencedor de Liexa, palidecen diante das fazañas de Reinhartd e Cía. nas rúas de Berlín. Asasinato de parlamentarios que foran a negociar a rendición de Vorwärts e que a soldadesca gobernamental mallou a culatazos, até o punto de que é imposíbel a identificación dos corpos, prisioneiros aos que lles rebentaron os cranios e cuxo cerebro saltou: quen, xa que logo, en presenza de feitos tan gloriosos podería evocar as derrotas sufridas ante os franceses, os ingleses e os americanos? O inimigo é “Spartakus” e Berlín é o lugar en que os nosos oficiais compiten para conseguiren a vitoria. E o xeneral que compite para organizar estas vitoria, alá onde Ludenforff fracasou, é Noske, o “obreiro” Noske.

Quen non evocaría a bebedeira da manda dos partisanos da “orde”, a bacanal da burguesía parisiense danzando sobre os cadáveres dos combatentes da Comuna, esa burguesía que acababa de capitular covardemente diante dos prusianos e de entregar a capital ao inimigo exterior despois de liscar? Máis cando se tratou de enfrontarse aos proletarios parisienses famentos e mal armados, a enfrontarse ás súas mulleres sen defensa e aos seus fillos, ah!, como o valor viril dos fillos dos burgueses, desta “mocidade dourada”, como o valor dos oficiais, estalou! Como a valentía destes fillos de Marte, que se cagaran diante do inimigo exterior, se deu libre curso nas atrocidades bestiais cometidas contra homes sen defensa, feridos e prisioneiros!

“A orde reina en Varsovia”, “A orde reina en París”, “A orde reina en Berlín”. Cada medio século, os gardiáns da “orde” lanzan así nun dos focos da loita mundial os seus boletíns de vitoria. E estes “vencedores” que exultan non perciben que unha “orde” que necesita manterse periodicamente mediante hecatombes sanguentas, camiña inelutabelmente á súa perda.

Esta “Semana Spartakista” de Berlín que nos achegou, que nos ensina? No ámago do combate, en medio dos clamores de triunfo da contrarrevolución, os proletarios revolucionarios deben xa facer o balance dos acontecementos, medilos, eles e os seus resultados, no gran patrón da historia. A revolución non ten tempo que perder, prosigue a súa marcha cara a adiante –por enriba das tumbas aínda abertas, máis alá das “vitorias” e as “derrotas”–, cara aos seus obxectivos grandiosos. E o primeiro deber dos que loitan polo socialismo internacionalista, é estudar con lucidez a súa marcha e as súas liñas de forza.

No presente enfrontamento, podía esperarse unha vitoria decisiva do proletariado revolucionario, podía esperarse a caída dos Ebert-Scheidemann e a instauración da ditadura socialista? Certamente non, se damos entrada no libro de contabilidade a todos os elementos que deciden a resposta. Abonda con pór o dedo sobre o que é na hora actual a chaga da revolución: a falta de madurez política da masa de soldados que continúa a se deixar enganar polos seus oficiais e a ser utilizada con fins contrarrevolucionarios é a única proba de que, neste choque, unha vitoria duradeira da revolución non era posíbel. Por outra parte, esta falta de madurez non é máis que o síntoma da falta de madurez xeral da revolución alemá.

O campo, de onde saíu unha gran porcentaxe da masa de soldados, continúa a estar pouco tocado pola revolución. Até hoxe, Berlín está illado do resto do país. Certamente, en provincia os focos revolucionarios –en Renania, na costa do mar do Norte, en Brunswich, na Saxonia, en Wurtemberg– están en corpo e alma ao lado do proletariado berlinés. Mais o que falta é a coordinación da marcha cara a adiante, a acción común que daría aos ataques e ás respostas da clase obreira berlinesa unha eficacia completamente diferente. Logo –e é desta causa máis profunda que proveñen todas estas imperfeccións políticas– as loitas económicas, este volcán que alimenta sen cesar a loita de clase revolucionaria, estas loitas económicas só están aínda no seu estadio inicial.

Do que se deduce que, na fase actual, non se podía esperar unha vitoria definitiva, unha vitoria duradeira. A loita da semana pasada constituía polo tanto un “erro”? Si, se se tratase dun “ataque sanguento” deliberado, do que se chama un “pustch”! Mais cal foi o inicio dos combates? Como en todos os casos precedentes, o 6 de decembro, o 24 de decembro: unha provocación brutal do goberno!

Antes o atentado contra os manifestantes desarmados da Chausséestrasse, o masacre dos mariñeiros, esta vez o golpe intentado contra a Prefectura de Policía, foron as causas dos acontecementos ulteriores. É que a revolución non actúa ao seu antollo, non opera en campo aberto segundo un plano desenvolvido polo miúdo por hábiles “estrategas”. Os seus adversarios tamén mostran determinación e mesmo, por regra xeral, moito mellor que a Revolución.

Colocados perante a provocación violenta dos Ebert-Scheideman, os obreiros revolucionarios estaban obrigados a tomaren as armas. Para a revolución era unha cuestión de honor rexeitar o ataque inmediato, con toda a súa enerxía, se non se quería que a contrarrevolución se xulgase animada por un novo paso adiante; se non se quería que fosen quebrantados os rangos do proletariado revolucionario e o creto do que goza no seo da Internacional a revolución alemá (4).

Polo demais, das masas berlinesas brotou espontaneamente, cunha enerxía tan natural, a vontade de resistencia que, desde o primeiro día, a vitoria moral estivo do lado da “rúa”.

Ora, existe para a Revolución unha regra absoluta: non se deter nunca unha vez dado o primeiro paso, non caer nunca na inacción, na pasividade. A mellor ostentación é asestar ao inimigo un golpe enérxico. Esta regra xeral, que se aplica en todo combate, vale sobre todo para os primeiros pasos da revolución. É evidente –e semellante comportamento demostra a xusteza, a frescura de reacción do proletariado– que non podía satisfacerse con volver instalar a Eichhorn (5) no seu posto. Espontaneamente ocupou outras posicións da contrarrevolución: as sedes da prensa burguesa, o despacho da axencia oficial de informacións, o Vorwärts. Estes pasos foron inspirados á masa polo seu instinto: a contrarrevolución non ía, pola súa parte, satisfacerse coa súa derrota, senón preparar unha proba de forza xeral.

Outra vez nos achamos aquí en presenza dunha das grandes leis históricas da revolución, contra a cal se rompen todas as habilidades, toda a “ciencia” dos pequenos revolucionarios da U.S.P. (6), que en cada loita só procuran unha cousa: pretextos para se bateren en retirada. Desde o momento en que se formula claramente o problema fundamental dunha revolución –e aquí é o derrocamento do goberno Ebert-Scheidemann, primeiro obstáculo para a revolución do socialismo–, entón este problema non cesa de rexurdir en toda a súa actualidade e, coa fatalidade dunha lei natural, cada episodio da loita faino reaparecer en toda a súa amplitude, por pouco preparada que estea a revolución para resolvelo, por pouco propicia que sexa a situación.

“Abaixo Ebert-Scheidemann!”. Esta consigna brota sen falta a cada nova crise revolucionaria; é a única fórmula que acaba con todos os conflitos parciais e que, pola súa lóxica interna, quéirase ou non, empurra non importa que episodio da loita até as súas derradeiras consecuencias.

Desta contradición entre a tarefa que se impón e a ausencia, na etapa actual da revolución, das condicións previas que permitan resolvela, deita que as loitas se terminen por unha derrota formal. Mais a revolución é a única forma de “guerra” –e é tamén unha das leis do seu desenvolvemento– en que a vitoria final só poderá obterse mediante unha serie de “derrotas”.

Que nos ensina toda a historia das revolucións modernas e do socialismo? A primeira laparada da loita de clase en Europa acabou nunha derrota, o levantamento dos canuts [teceláns da seda] de Lyon, en 1831, saldouse nun pesado fracaso. Derrota tamén do movemento cartista en Inglaterra. Derrota esmagadora do levantamento do proletariado parisiense no curso das xornadas de xuño de 1848. Finalmente, a Comuna de París coñeceu unha terríbel derrota. O camiño do socialismo –das loitas revolucionarias– está pavimentado de derrotas.

E non obstante esta historia conduce irresistibelmente, paso a paso, á vitoria final! Onde estariamos hoxe sen todas estas “derrotas”, das que tiramos a nosa experiencia, os nosos coñecementos, a forza e o idealismo que nos animan? Hoxe, en que estamos xustamente nas vésperas do combate final da loita proletaria, estamos acampados nestas derrotas e non podemos renunciar a ningunha delas, porque de cada unha tiramos unha porción da nosa forza, unha parte da nosa lucidez.

Os combates revolucionarios son o oposto á loita parlamentaria. En Alemaña, durante catro decenios, no plano parlamentario non coñecemos máis que “vitorias”; voabamos literalmente de vitoria en vitoria. E cal foi o resultado durante a gran proba do 4 de agosto de 1914?: unha derrota moral e política esmagadora, un afundimento inaudito, unha bancarrota sen par. Pola contra, as revolucións, até hoxe, non nos achegaron máis que derrotas, mais estes fracasos inevitábeis son precisamente o garante reiterado da vitoria final.

Cunha condición, é verdade! Porque hai que estudar en que condicións se produciu cada vez a derrota. Resultou do feito de que a enerxía das masas foi romperse contra a barreira das condicións históricas que non alcanzaran unha madurez suficiente, ou ben é imputábel ás medias medidas, á indecisión, á debilidade interna que paralizaron a acción revolucionaria?

Para cada unha destas dúas eventualidades dispomos de exemplos clásicos: a revolución francesa de febreiro, a revolución alemá de marzo. A acción heroica do proletariado parisiense, en 1848, é a fonte viva da que todo o proletariado internacional tira a súa enerxía. Pola contra, as lamentábeis pequenezas da revolución alemá de marzo son como un grillón que frea toda a evolución da Alemaña moderna. Repercutiron –a través da historia particular da socialdemocracia alemá– até nos acontecementos máis recentes da revolución alemá, até na crise que acabamos de vivir.

Á luz desta cuestión histórica,como xulgarmos a derrota do que se chama a “semana spartakista”? Procede da impetuosidade da enerxía revolucionaria e da insuficiente madurez da situación ou da debilidade da acción realizada?

Da dunha e da outra! O duplo carácter desta crise, a contradición entre a manifestación vigorosa, decidida, ofensiva das masas berlinesas e a indecisión, as dúbidas, os retrasos da dirección, tales son as características deste último episodio.

A dirección foi defectuosa, mais pódese e débese instaurar unha dirección nova, unha dirección que emane das masas e que as masas escollan. As masas constitúen o elemento decisivo, a rocha sobre a que se construirá a vitoria final da revolución.

As masas estiveron á altura da súa tarefa, fixeron desta “derrota” un elo na serie das derrotas históricas que constitúen o orgullo e a forza do socialismo internacional. E velaí porque a vitoria florecerá sobre o solo desta derrota.

“A orde reina en Berlín!” Esbirros estúpidos! A vosa “orde” está construída sobre o sabre. Desde mañá a revolución “erguerase de novo con estrépito” proclamando a son de trompeta para o voso gran pavor:

Eu era, eu son, eu serei! (7)

Die Rote Fahne, nº 14, 14 de xaneiro de 1919.

NOTAS
(1) Esta tradución está tirada da versión francesa publicada en Les Spartakistes, 1918: l’Allemagne en révolution, presentada e anotada por Gilbert Badia, textos traducidos tamén polo propio Badia, París, Julliard, 1966 (Col. Archives).
(2) Erro de Rosa Luxemburg: Souvorov morreu en 1800, as tropas rusas estaban mandadas por Paskevicht. Nota de Gilbert Badia.
(3) Xornal do Partido Socialdemócrata Alemán (Ndt.)
(4) Naquel momento tratábase aínda dunha Internacional completamente teórica, xa que o primeiro Congreso da III Internacional aínda non tivera lugar. Nota de Gilbert Badia.
(5) Xefe da policía de Berlín, membro do USPD (Partido socialdemócrata independente), que pensaba que desde ese posto podía traballar para a “revolución”. Eichhorn foi despedido polo Ministerio do Interior prusiano, o que foi considerado, porque o era, unha provocación. Die Rote Fahne, o órgano do Partido comunista/spartakista, convocou unha protesta, que foi multitudinaria e deu lugar ao que se coñece como “semana spartakista” (Ndt.)
(6) USP(D). Partido socialdemócrata independente; escisión da socialdemocracia alemá: os deputados que en decembro de 1915 votaron contra máis créditos de guerra e que formaron finalmente este partido en abril de 1917. A súa posición sempre foi ambigua. Colaborou co Partido socialdemócrata en novembro de 1918, despois uniuse aos spartakistas, finalmente, unha parte do partido integrouse no Partido Comunista e outra, logo dun errático traxecto, acabou integrándose no Partido socialdemócrata (Ndt.)
(7) Verso tirado do poema de F. Freiligrath “A revolución”. Nota de Gilbert Badia.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *