O gato de Hilario

O gato de Hilario

0 comentários 🕔09:30, 03.Jul 2017

Hilario volveu de América máis pobre que marchara. Para disimular a súa frustración, presumía diante dos colegas de ter vivido en Brooklyn un sen fin de aventuras; ata de pertencer a unha famosa banda de gángsters alá polos dourados anos vinte.

No asalto a una importante xoiería, os dividendos do roubado reportáranlle a Hilario un diamante purísimo do tamaño dun ovo de paspallás. Mais por mor dunha delación, a banda caera en mans da policía, agás un, que saíu sen problema da redada, ao escapulirse dos detectives. O tal non era outro que Hilario, quen ao amparo da noite, apresurouse a agachar o diamante nun burato, baixo unha pedra da ponte de Brooklyn. Esperaba que a a poli esquecese o asunto, recuperar logo o seu diamante, e volver rico á terra, disposto a emprender unha vida honrada, para a que non lle faltaban calidades.

Vendo Hilario que as cousas se complicaban, puxo o mar por medio. Volveu a Galicia sen máis riquezas que os soños e unha boa vestimenta para cegar aos paisanos: traxe gris, a raias diplomáticas, sombreiro de feltro, calado ata as cellas, camisa e garabata de cores rechamantes, e zapatos novos, baixo os que tremeu o chan do peirao cando botou os enormes pés fóra do barco, pisando coa firmeza dos que triúnfan. Coa fachenda e a labia que gastaba, de seguida espertou a admiración de parentes e veciños que axiña empezaron a chamalo “Un americano a raias”. Iso ía polo traxe, do que nunca se apeaba. Amigo de dobrar o lombo non era, e o primeiro que se lle ocorreu foi vender axiña a herdanza que lle tocou pola lexítima. Unhas boas terras de labradío. Cos cartos puxo taberna, onde o viño corría de balde, se os clientes sabían escoitar. Así foi como toda a parroquia soubo das correrías ata aquí contadas e do famoso diamante, agochado unha noite, baixo unha pedra na ponte de Brooklyn. O diamante, co tempo, foi medrando nas fabulacións do taberneiro, ata adquirir o tamaño dun ovo de galiña.

Hilario xuraba que un día volvería a Brooklyn, a rescatar o seu tesouro, e vivía coa ilusión de mostrarlles aos incrédulos clientes a famosa xoia, que levaba máis de vinte anos fermentándolle nos miolos. Tiña Hilario unha querenza: O seu gato Washington. Washington era un gato atigrado, que non se separaba nunca del, nin poñía obxeccións ás medras do famoso diamante, que ía xa polo tamaño dun ovo de avestruz.

Chegou o día en que perdida a credibilidade, e o vistoso traxe a raias, o único que lle aguantaba as lerias era o gatiño.

-A Washingtón só lle falta falar! Disimula porque no pasado foi un cantante de mérito!

De como Hilario foi acusado de asasinato en primeiro grao non tivo a culpa ninguén máis ca o gato.

Unha mañá, entrou un veciño todo alporizado na taberna, advertíndolle que ao seu Washington acababan de atropelalo na rúa, onde se é que a tiña, non tardaría nin ren en entregar a ánima. Saíu Hilario a fume de carozo, lamentándose e botando as mans á cabeza. Cando chegou onda o animal, este, aínda que os gatos teñen sete vidas, a piques de despedirse da derradeira, abriu un ollo, e clamou con ascendente voz de barítono.

- “Vinganza, Hilario, vinganza!! Atropeloume o carro da panadería Barbeito!”

- Cago no gato! Xa sabía eu que falaba! Por que diaños esperaches a morrer para pronunciarte? –berrou o taberneiro fóra de si.- Despois, correu entolecido a buscar unha vella pistola que agochaba baixo o colchón; presentouse con ela na panadería e, sen mediar palabra, disparoulle catro tiros ao panadeiro. Logo de caerlle a perpetua, Hilario acabou no cárcere, contándolle a quen o quixera escoitar, que noutrora fora un gángster de mérito, aló en América, onde deixara agochado, nun lugar moi coñecido, o máis fabuloso diamante que ninguén puidese imaxinar.

- O día que lisque do caldeiro, -dicía- irei buscar o meu diamante. É tan grande e brilla coma un sol pequeno! Tede por certo que aínda segue agochado baixo unha pedra da ponte de Brooklyn, agardando por min.

Sobre o autor / a autora

Chelo Suárez

Chelo Suárez

O mellor don con que fun bendicida ao nacer foi cunha sede infinita de libros. O gusto por respiralos e lelos, tan pronto aprendín a ler. Poeta e narradora, dedícome a crear universos que conxugan o realismo e a maxia.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *