Dupla homenaxe a Antonio Gramsci e Primo Levi

Dupla homenaxe a Antonio Gramsci e Primo Levi

0 comentários 🕔10:30, 17.Jul 2017

O 27 de abril de 1937, despois de once anos nos cárceres fascistas, morría o secretario xeral do Partido Comunista de Italia, Antonio Gramsci, polo que este ano conmemórase o 80 aniversario do seu pasamento. Cincuenta anos despois, case día a día, o 11 de abril de 1987, suicidábase (?) o escritor, resistente antifascista, de orixe xudía e supervivente da Soah (estivo internado en Auschwitz durante uns 11 meses; dos 650 italianos que enviaron con el foi un dos vinte que sobreviviron), Primo Levi, polo que se conmemora hogano o 30 aniversario da súa morte. Os dous son abondo coñecidos como para presentalos, por iso, a nosa homenaxe hoxe é, simplemente, a tradución de dous escritos de ambos. Un lémbranos os erros que se puideron cometer, e se cometeron, na transmisión do herdo da resistencia antifascista. O outro recórdanos que nada nos di cal será o resultado das loitas, que só se pode prever a loita, e máis nada; ademais doutras cousas de grande importancia.
Tanto un como outro escritos, son aínda actuais. Non estamos a ver cada día como se quere enmascarar a loita antifascista, a loita antifranquista en España? Non vemos como, co pretexto de «derrubar ídolos», se mente descaradamente, como os fascistas reconvertidos nos anos 60 do século pasado están a ser considerados como resistentes –e quen os loa son antigos loitadores antifascistas, ex-membros de grupos de esquerda ou do Partido Comunista: de Andrés Trapiello a José-Carlos Manier, pasando por Jordi Gracia e outros–, non se acaba de condecorar con non sei que medalla a Rodolfo Martín Villa, que vestiu camisa azul até meses despois da morte de Franco, e do que está por facerse unha «biografía» que nos explique os seus manexos. Haberá que lembrar, entre outras cousas, por exemplo, que cando era Gobernador Civil de Barcelona, cando un comando de ultradereita incendiou os almacéns da distribuidora Libros de enlace, para que os propietarios dos libros (as editoriais progresistas de España, na súa maioría) puidesen cobrar o seguro necesitaban unha firma oficial, firma que Martín Villa negou? Outras aventuras deste señor, mellor non mencionalas: podemos acabar no xulgado. Non vemos, día a día, que o que se chamaba «memoria histórica» foi sepultada polo Partido Popular (en Cataluña por Convergència, hoxe independentista co nome de Partit Demòcrata de Catalunya para intentar borrar da memoria o seu pasado corrupto) e manipulada polos partidos denominados de esquerda ou pseudo-esquerda, nacionalistas ou non, que só lles interesa a memoria histórica se lles serve aos seus intereses electorais? (Non lembro agora que publicación era, pero vin un volume que recollía as actas sobre un congreso dedicado á memoria histórica realizado no noso país. Nese volume había unha lista de fusilados/asasinados polo franquismo na zona de Viveiro, ou naturais daquela zona: cal non foi o meu asombro ao ver alí os nomes Agapito García Altadell e Pedro Penabade: si, foron pasados a garrote vil pola xustiza franquista, pero porque fuxiran do Madrid asediado cando a xustiza republicana decidiu ir por eles: non foron mártires da represión, non morreron defendendo unha ideoloxía, eran delincuentes comúns que usaron a súa ideoloxía –ou o seu partido: García Altadell, o PSOE, Penabade o Partido Galeguista– para nos momentos de confusión roubar e quen sabe se asasinar. Evidentemente, no tal volume disto non se dicía palabra: só eran dous «mártires» máis.) Ou no ámbito universitario, non vimos como se interesaron pola memoria histórica cando houbo cartos e logo, «adiós, muy buenas». Non vemos a dirixentes independentistas cataláns, dun partido que ten no seu nome o substantivo esquerda, homenaxear a un para-fascista como Josep Dencàs, conselleiro de Gobernación do primeiro goberno de Lluís Companys, que desencadeou unha terríbel represión contra os anarquistas e que, curiosamente, cando en 1936 se viu obrigado a exiliarse escolleu… a Italia mussoliniana? Ou non vemos como aqueles que din defender a «nación», ás clases populares, etcétera etcétera, hoxe non son máis que corpos incrustados na sociedade que funcionan máis como axencias de colocación que como partidos políticos? Non dá a impresión, moitas veces, de que as loitas dentro dun mesmo partido son para conseguir a praza de «funcionario» ou liberado dese partido? Non vemos como cargos electos por partidos denominados de esquerdas empregan, con cartos públicos, a esposas/maridos, irmás/irmáns, fillo/as ou outros familiares? Onde queda a igualdade de oportunidades promovida e preconizada pola esquerda durante dous séculos?
Noutro terreo, o da literatura, non escoitamos a moitos escritores queixarse de que hai demasiadas novelas sobre a guerra civil e mesmo sobre o franquismo? Non vemos como coa súa primeira obra publicada calquera escritor/a espera un recoñecemento a non se sabe que, no canto de lanzar unha botella ao mar (a obra en cuestión) e esperar a ver que acontece? Non vemos como algúns «pais» da patria lles din a novos/as investigadores os camiños que deben percorrer para chegar ás conclusións verdadeiras (as que promoven eses pais da patria), coartando, no fondo, calquera tipo de liberdade en investigación? Como o método seguido por eles lles foi ben, ese método deben seguilo todo/as; é o que nos están a dicir. (Léase o que escribe Gramsci a tal respecto no escrito que del se traduce). Non vemos como non buscamos explicacións ao que ocorre nesta hora coa literatura galega, cando despois do optimismo delirante dos 80 e 90 do século pasado, a nosa literatura case non conta para a nosa sociedade? Non vemos como sempre lle botamos a culpa ao adversario, ao inimigo, e nós nunca temos ningunha?
Os escritos que traducimos manteñen viva a súa actualidade e de ambos pódese tirar unha lección moi clara: hai que continuar a loitar, mais sen esperarmos que os obxectivos sexan alcanzados: o único obxectivo é o que produza a loita, o combate, no momento en que este se realiza. O que cómpre é camiñar, aínda que nunca cheguemos á meta, máis dá a impresión que todos queremos camiñar coas alforxas cheas e que recoñezan o noso cansazo de camiñantes. Dunha vez por todas: nunca saberemos se conseguiremos o noso obxectivo e ninguén ten por que recoñecer que camiñamos. Quen desexe medallas, que se apunte a campionatos de atletismo.

***

O TEMPO DA ESVÁSTICA
Primo Levi

A Mostra da Deportación, que se inaugurou en Turín en (pódese dicir) ton menor, acadou un éxito inesperado. Todos os días da exposición, a todas as horas, diante daquelas terríbeis imaxes houbo unha multitude densa e conmovida; a data de clausura foi adiada en dúas ocasións. Igualmente sorprendente foi o acollemento do público turinés aos dous sucesivos coloquios destinados aos mozos, que tiveron lugar nos locais da Unione Culturalle, no Parlacio Carignano: un público concentrado, atento, pensativo. Estes dous resultados, en si positivos e dignos de fonda atención, contiñan en xerme un reproche: talvez si se tardou de mais; talvez desperdiciamos anos, calamos cando era tempo de falarmos, desilusionamos unha expectativa.
Mais conteñen tamén un ensino (en realidade nada novo: a historia dos costumes é unha serie de redescubrimentos): na nosa época estrepitosa e publicitaria, inzada de propaganda aberta e de suxestións ocultas, de retórica automática, de compromisos, de escándalos e de esgotamento, a voz da verdade, a piques de se perder, adquire un timbre novo, un énfase máis nítido.
Semella demasiado fermoso para ser verdade, mais é así: a ampla desvalorización da palabra, escrita e falada, non é definitiva, non é xeral, algo se salvou. Por moi estraño que semelle, aínda hoxe quen di a verdade encontra quen o escoite, e é crido.
É para nos alegrarmos; mais esta manifestación de confianza implica, impón, un exame de consciencia a todos. Nesta espiñenta cuestión, de como transmitirmos aos nosos fillos un patrimonio moral e sentimental que consideramos importante, non nos equivocamos tamén nós? Probabelmente si: pecamos por comisión e por omisión. Calando, pecamos de preguiza e de desconfianza na virtude do verbo; e cando falamos, pecamos moitas veces, adoptando e aceptando unha linguaxe que non era a nosa. Sabémolo, a Resistencia tivo inimigos e aínda os ten, e estes, como é natural, manobran a fin de que se fale da Resistencia o menos posíbel. Mais tamén a sospeita de que este abafamento se desenvolve, de modo máis ou menos consciente, con medios máis sutís, é dicir, embalsamando a Resistencia antes de tempo, relegándoa obsequiosamente no nobre castelo da Historia Patria.
Ora, a este proceso de embalsamamento contribuímos, temo, tamén nós. Para describirmos e transmitirmos os feitos de onte, adoptamos moitas veces unha linguaxe retórica, haxiográfica e, xa que logo, vaga. Que á Resistencia se lle dedique a denominación de «Segundo Risorgimento», pode sosterse ou negarse coa axuda de argumentos óptimos: mais pregúntome se é oportuno acentuar este aspecto, ou máis ben insistir no feito de que a Resistencia continua, ou cando menos debería continuar, porque os seus obxectivos só foron realizados en parte. En realidade, desta maneira afírmase unha continuidade ideal entre os feitos de 1848, 1860, 1918 e 1945, a expensas da máis ardente e evidente continuidade entre 1945 e hoxe: a cesura dos vinte anos fascistas perde relevo.
En conclusión, acho que se desexamos que nos nosos fillos sintan estas cousas e, polo tanto, se sintan os nosos fillos, deberemos falar un pouco menos de gloria e de vitoria, un pouco máis de vida dura, arriscada e ingrata, do desgaste cotián, dos días de esperanza e de desesperación, e dos nosos compañeiros mortos aceptando en silencio o seu deber, da participación do pobo (mais non todo), dos erros cometidos e dos evitados, da experiencia conspirativa e militar fatigosamente conquistada mediante erros que se pagaban ao prezo de vidas humanas, da laboriosa (e non espontánea, e non sempre perfecta) concordia entre formacións de diversos partidos.
Só así os novos poderán sentir a nosa historia máis recente como un tecido de acontecementos humanos, e non como un «pensum» a sumar a moitos outros dos programas ministeriais.

Il giornali del genitore, II, nº 1, 15 de xaneiro de 1960.

Recollido en Primo Levi, L’asimmetria e la vita. Articole e saggi 1955-1987, a cura di Marco Belopoliti, Turín, Giulio Einaudi Editore, 2002, pp. 15-17.

***

O CONCEPTO DE CIENCIA
Antonio Gramsci

§ (15). O concepto de ciencia. A formulación do problema como unha busca de leis, de liñas constantes, regulares, uniformes, está vinculada a unha esixencia, concibida dun modo un pouco pueril e inxenuo, de resolver perentoriamente o problema práctico da previsibilidade dos acontecementos históricos. Posto que «semella», por unha estraña inversión das perspectivas, que as ciencias naturais proporcionan a capacidade de prever a evolución dos procesos naturais, a metodoloxía histórica foi «cientificamente» concibida só e en canto habilita abstractamente para «prever» o porvir da sociedade. De aí a busca de causas esenciais, ou mellor, da «causa primeira», da «causa das causas». Mais as Teses sobre Feuerbach xa criticaran anticipadamente esta concepción simplista. En realidade pódese prever «cientificamente» a loita, mais non os seus momentos concretos, que non poden ser senón o resultado de forzas contraditorias en perpetuo movemento, nunca reducíbeis a cantidades fixas, porque nelas a cantidade se converte en calidade. Realmente, «prevese» na medida en que se obra, en que se aplica un esforzo voluntario e, polo tanto, se contribúe concretamente a crear o resultado «previsto». A previsión revélase, xa que logo, non como un acto científico de coñecemento, senón como a expresión abstracta do esforzo que se realiza, o modo práctico de crearmos unha vontade colectiva.
E como podería ser a previsión un acto de coñecemento? Coñécese o que foi ou o que é, non o que será, que é un «non existente» e, xa que logo, incognoscíbel por definición. A previsión é, polo tanto, só un acto práctico que non pode, en canto non sexa unha futilidade ou unha perda de tempo, ter outra explicación que a xa exposta. É necesario fixar exactamente o problema da previsibilidade dos acontecementos históricos para estarmos en condicións de criticarmos exhaustivamente a concepción do causalismo mecánico, para baleirala de todo prestixio científico e reducila a puro mito, que quizais fose útil no pasado, no período primitivo do desenvolvemento de certos grupos sociais subalternos.
Mais o concepto mesmo de «ciencia», como resulta do Ensaio popular (1), hai que destruílo criticamente; este áchase prisioneiro completamente das ciencias naturais, como se estas fosen a única ciencia ou a ciencia por excelencia, como así foi fixado polo positivismo. Mais no Ensaio popular o termo ciencia é empregado con moitos significados, algúns explícitos e outros sobreentendidos ou apenas indicados. O sentido explícito é o que ten a «ciencia» nas investigacións físicas. Outras veces, porén, semella indicar o método. Mais existe un método en xeral, e se existe, que outra cousa significa senón filosofía? Podería significar outras veces soamente a lóxica formal, mais se pode denominar a esta un método e unha ciencia? É preciso fixar que cada investigación ten o seu método determinado e constrúe a súa ciencia determinada, e que o método se desenvolveu e elaborou xunto co desenvolvemento e a elaboración de tal investigación e ciencia determinadas, e forma un todo único con elas. Xulgar que se pode facer progresar unha investigación científica aplicando un método tipo, elixido porque deu bos resultados noutra investigación á cal era inherente, é un estraño erro que nada ten a ver coa ciencia. Existen, no entanto, criterios xerais que, pode dicirse, constitúen a conciencia crítica de cada científico, calquera que for a súa «especialización», e que deben ser sempre espontaneamente vixiados no seu traballo. Así se pode dicir que non é científico aquel que demostra escasa seguridade nos seus criterios particulares, que non ten un coñecemento pleno dos conceptos utilizados, que ten escasa información e coñecemento do estado precedente dos problemas tratados, que non é moi cauto nas súas afirmacións, que non progresa de maneira necesaria, senón arbitraria e sen concatenación, que non sabe ter en conta as lagoas existentes nos coñecementos alcanzados e as agacha, contentándose con solucións ou nexos puramente verbais, no canto de declarar que se trata de formulacións provisionais que poderían ser retomadas e desenvolvidas, etc.
Unha recriminación que pode facerse a moitas referencias polémicas do Ensaio é o descoñecemento sistemático da posibilidade de erro por parte de cada un dos autores citados, polo que se atribúe a un grupo social, do cal os científicos serían sempre os representantes, as opinións máis dispares e as intencións máis contraditorias. Esta recriminación vincúlase a un criterio metodolóxico máis xeral: non é moi «científico», ou máis simplemente, «moi serio», elixir os adversarios entre os máis estúpidos e mediocres; e tampouco elixir entre as opinións dos adversarios as menos esenciais e as máis ocasionais, e presumir de «destruír» «todo» adversario porque se destruíu unha das súas opinións secundarias e incidentais; de destruír unha ideoloxía ou unha doutrina porque se demostrou a insuficiencia teórica dos seus defensores de terceira ou cuarta fila. Non obstante, «é preciso ser xusto cos adversarios», no sentido de que hai que esforzarse por comprendermos o que estes quixeron dicir realmente e non deterse maliciosamente nos significados superficiais e inmediatos das súas expresións. Sempre que isto sexa co propósito de elevar o ton e o nivel intelectual dos propios seguidores e non co fin inmediato de crear o baleiro en torno a si con calquera medio e de calquera maneira. Hai que colocarse neste punto de vista: que o propio seguidor debe discutir e manter o seu punto de vista en discusións con adversarios capaces e intelixentes, e non só con persoas bastas e carentes de preparación, que se convencen «autoritariamente» ou por «vía emocional». A posibilidade de erro debe ser afirmada e xustificada, sen menoscabo da propia concepción, porque o que importa non é a opinión de Tizio, Caio ou Sempronio, senón o conxunto de opinións que se volveron colectivas, un elemento e unha forza social. A estas hai que refutalas nos seus expoñentes teóricos máis representativos e aínda dignos de respecto pola altura do seu pensamento, e tamén por «desinterese» inmediato, e non xa pensando que con iso se «destruíu» o elemento e a forza social correspondente (o que sería puro racionalismo iluminista), senón unicamente que se contribuíu: 1) a manter e reforzar o espírito de distinción e de separación no propio partido; 2) a crear o terreo para que os propios partidarios absorban e vivifiquen unha doutrina orixinal, correspondente ás propias condicións de vida.
É de observar que moitas deficiencias do Ensaio popular están vinculadas á «oratoria». No prefacio, o autor lembra, case a título de honra, a orixe «falada» da súa obra. Mais, como xa advertiu Macauly a propósito das discusións orais entre os gregos, ás «demostracións orais» e á mentalidade dos oradores vincúlase a superficialidade lóxica e as argumentacións máis sorprendentes. Polo demais, isto non diminúe a responsabilidade dos autores que non revisen, antes de imprimilos, os traballos de orixe oratoria, a miúdo improvisados, cando a asociación mecánica e casual das ideas substitúe o vigor lóxico. O peor acontece cando, nesta práctica oratoria, se solidifica a mentalidade superficial e os freos críticos xa non funcionan. Poderíase facer unha lista das ignorantiae, mutationes, elenchi do Ensaio popular, probabelmente debida ao «ardor» oratorio. Un exemplo típico é, ao meu parecer, o parágrafo dedicado ao profesor Stammler, que é do máis superficial e sofístico.

Antonio Gramsci, Quaderni del carcere, tomo II, Turin, Giulio Einuadi Editore, 1975, Edición crítica do Istituto Gramsci, a cargo de Valentino Gerratana, pp. 1043-1046.

NOTA
(1) Trátase, como sabe o lector, do Ensaio de socioloxía popular, de Nicolai I. Bukharin.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *