As realidades oníricas de Giorgio de Chirico

0 comentários 🕔09:00, 07.Ago 2017

Ter a sorte de observar un bo mangado de creacións de Giorgio de Chirico sempre é un privilexio. Aínda que sexa para volver sentir as sensacións de desacougo, de incomodidade que a moitas persoas provocan as pinturas e esculturas do mestre da pintura metafísica. Que simboliza un manequín perdido no medio dunha praza deserta? Por que as cores son uniformes, planas? E as sombras cegadoras? Canto de surrealista teñen os xeitos de de Chirico?

Lito Caramés

Fondazione Giorgio e Isa de Chirico

O día está a punto de nacer. É a hora do enigma. E tamén é a hora da prehistoria. O canto en soños, o canto revelador no último soño da mañá do profeta adurmiñado ante o plinto da columna sacra, preto do simulacro frío e branco dun deus. Unha das sensacións máis estrañas e profundas que nos deixou a prehistoria é a do presaxio. Esa sensación existirá sempre. É como unha proba eterna da non-sensación do universo (Giorgio de Chirico, 1913).

En Caixaforum Barcelona inaugurouse este 19 de xullo unha extensa e completa exposición sobre a obra artística do italiano Giorgio de Chirico. Esta mostra é posible grazas á colaboración da Fundació LaCaixa coa Fondazione Giorgio e Isa de Chirico. A Fondazione foi instituída no ano 1986 por vontade de Isabella Parkszwer Far, viúva de de Chirico e mais de Claudio Bruni Sakraischik, responsable da catalogación das obras de de Chirico. A Fondazione naceu e está situada nun edificio da Piazza di Spagna, de Roma. Nesa casa residiu o artista os últimos 30 anos da súa vida, por iso o propio de Chirico xoga coas verbas e os seus significados ao comentar que vive no centro do centro do mundo: Dicono che Roma sia il centro del mondo e che piazza di Spagna sia il centro di Roma, io e mia moglie, quindi si abiterebbe nel centro del centro del mondo, quello che sarebbe il colmo in fatto di centrabilità ed il colmo in fatto di antieccentricità.

Entre outros obxectivos, a Fondazione procura a: conservazione, studio e prestito di opere della propria collezione costituita da dipinti, disegni e sculture, ter a iniziative dirette a contrastare il fenomeno delle falsificazioni e archiviazione delle opere autentiche del Maestro, ou a pubblicazione biennale della rivista bilingue «Metafisica. Quaderni della Fondazione Giorgio e Isa de Chirico».

O presidente da Fondazione Giorgio e Isa de Chirico, Paolo Picozza, que estivo presente na presentación de El món de Giorgio de Chirico. Somni o realitat afirmou que estaba moi contente pola concreción desta mostra, da súa organización e mais do resultado final. O señor Picozza coñeceu a de Chirico hai moitos anos, por mor dunhas falsificacións das pinturas metafísicas de de Chirico. Paolo Picozza era avogado e defendeuno nun preito. Sobre este particular, tamén o presidente da Fondazione comentou que seguía habendo moitas falsificacións de pinturas de de Chirico, mormente en museos alemáns e feitas por un pintor ben coñecido: Óscar Domínguez, surrealista. As falsificacións que deste artista se fixeron son tan numerosas que desde a Fondazione chegaron a facer unha exposición só con falsificacións das pinturas metafísicas de de Chirico. Neste vídeo o señor Picozza mostra as instalacións da Fondazione, intercalado con imaxes do propio de Chirico pintando.

A preguntas dos periodistas, o presidente da Fondazione dixo que se coñecían unhas 4000 obras de de Chirico, das que cincocentas aínda estaban por autenticar. Só nas dependencias da Fondazione teñen máis de 600 pezas. Por outra parte, Paolo Picozza tamén afirmou que para el os dous grandes artistas que destacaron e marcaron os vieiros da arte no século XX foron Pablo Picasso e mais Giorgio de Chirico. E comentou unha palabras de Pablo Picasso: cando comezaron a chover críticas contra de Chirico (por parte dos surrealistas) porque xa non facía pintura pre- ou surrealista, Picasso dixo contundente: de Chirico pode facer o que lle pete.

Salas, con esculturas

Salas de Caixaforum con esculturas.

El món de Giorgio de Chirico, Somni o realitat

Pintar é a arte máxica, é o lume prendido dos últimos raios nos vidros do hotel rico, e nos do tugurio humilde fronte ao solpor, é o símbolo longo, o símbolo húmido, é o movemento rápido do lagarto inmortal sobre a roca inflamada pola calor meridiana, é o arco da vella da conciliación, nas tardes tristes de maio, é a nube negra que fan fuxir os sopros vehementes dun Eolo furioso, é o disco nebuloso da lúa fugaz, é o sangue do touro que empapa a area, do guerreiro caido no fragor da batalla … (de Chirico, 1938).

Da colaboración entre a Fundació LaCaixa e a Fondazione Giorgio e Isa de Chirico, nace a exposición que estes días presentou Caixaforum Barcelona, El món de Giorgio de Chirico, Somni o realitat. É unha escolma antolóxica ben remarcable. De Italia chegan a Barcelona 142 obras en total do mestre da Pintura Metafísica. As pezas repártense entre óleos e deseños, litografías e mais esculturas. El món de Giorgio de Chirico, Somni o realitat está estruturada en seis ambientes diferentes, seguindo tamén unha orde cronolóxica. Neste vídeo é doado facerse unha idea da dimensión da mostra. Unha proba da importancia desta exposición vén dada, non só pola cantidade de obras, senón tamén pola súa cualidade, e porque as creacións de de Chirico abranguen todas as súas etapas creativas; poden admirarse obras que van desde o ano 1913 –cando Giorgio de Chirico contaba con 25 anos e andaba por París– ata o ano 1976, xa con 88 anos. Incrementa o valor de El món de Giorgio de Chirico, Somni o realitat que sexa a oportunidade de ver e coñecer pezas de de Chirico pouco exhibidas, como por exemplo algunhas esculturas de terracota, elaboradas a partir do ano 1940, así como outras pasadas ao bronce e en edicións limitadas, máis serodias (entre 1968 e 1970).

As 142 creacións do autor de Il Vaticinatore (1944), proveñen na case súa totalidade da Fondazione Giorgio e Isa de Chirico. Tales obras aínda teñen outro valor engadido, son pezas que se conservan na Fondazione porque formaban parte da colección particular de de Chirico. É dicir, viñan sendo aqueles temas e concrecións que máis estimaba o mestre de Gli Archeologi (1927). Con todo, unha ducia de pezas proveñen da Galleria Nazionale d’Arte Moderna, de Roma, onde actualmente tamén se poden ver –como parte do préstamo e dos intercambios– unha escolma de obras do fondo da Fundació LaCaixa que conforman unha exposición titulada Conversation – Piece.

A escolma El món de Giorgio de Chirico, Somni o realitat está comisariada, a dúo, por Mariastella Margozzi e mais por Katherine Robinson. Margozzi é historiadora da arte do Ministerio dei Beni e della Attività Culturali e del Turismo (MIBACT) e autora de moitos estudos e publicacións de historia da arte. E Katherine Robinson é membro do consello directivo da Fundazione Giorgio e Isa de Chirico. Aquí aparecen as comisarias ilustrando a exposición. Paolo Picozza, o presidente da Fondazione, comentou un aspecto un tanto peculiar de de Chirico. Por variadas circunstancias, o creador de Ettore e Adromaca replicaba varias veces moitas das súas pezas; o que quere dicir que hai obras moi similares que levan o mesmo título. Isto anima a desalmados a facer falsificacións. Pero ás veces esas repeticións de obra son provocadas polo comprador. Alberto Sordi, o famoso actor italiano, pediulle a de Chirico un Il Trovatore nos anos 50. Pero como o actor quería que fose orixinal, de Chirico firmouno coa data 1921, como se fose feito no primeiro momento. Deste xeito hai pezas de de Chirico que levan dúas datas, unha a da obra primeira, e outra a da réplica que fixo despois.

Giorgio de Chirico veu por primeira vez a España no ano 1929. Estivo en Madrid e visitou o Museo del Prado. Desde entón quedou prendado con Velázquez e mais con Goya, e Rubens… O presidente da Fondazione dixo textualmente que de Chirico quedara iluminado por eses grandes pintores. Esta é a primeira vez que vén a España unha exposición tan ampla e completa do mestre da pintura metafísica. Antes houbo outra en Valencia (2008), pero foi parcial. A partir do outono El món de Giorgio de Chirico, Somni o realitat viaxará a Madrid, Zaragoza e Palma de Mallorca.

de Chirico. Piazza de Italia con fontana, 1968

G. de Chirico. Piazza d’Italia con fontana, 1968

G. de Chirico. Il Trovatore, 1972

G. de Chirico. Il Trovatore, 1972

Dúas forzas complementarias: Picasso e de Chirico

E tanto que Picasso me interesa como pintor, pero reprócholle que nunca se enfrontase de verdade ao problema da pintura. Algunha vez escoitei dicir que Picasso se pechou no seu estudo para facer retratos ao xeito de Velázquez, pero eu nunca vin eses retratos. Picasso gústame de verdade cando comeza a pintar corridas de touros, as grandes mulleres, a época chamada neoclásica (Giorgio de Chirico, 1985).

Na presentación de El món de Giorgio de Chirico, Somni o realitat, Paolo Picozza, presidente da Fondazione Giorgio e Isa de Chirico, fixo un grande eloxio da importancia que tivo o autor de Il Vaticinatore como artista do século XX, e da súa repercusión sobre outros creadores ao longo desa mesma centuria. É máis, chegou a dicir textualmente: “Que os mestres Picasso e de Chirico representan os dous esteos principais sobre os que construíu a arte moderna é un feito indiscutible para os historiadores da arte”. E, a continuación, para buscar reforzos á súa afirmación –que quizais se podía tomar como esaxerada, sendo el parte interesada– botou man das palabras escritas polo profesor de arte italiano –gran coñecedor dos movementos artísticos do século XX–, crítico de arte e comisario de numerosas exposicións, o doutore Maurizio Calvesi, que nunha das súas obras establece unha comparanza entre Pablo Picasso e mais Giorgio de Chirico. Calvesi vén dicir que estes dous xenios da arte son diferentes, pero que nun ollar histórico, as súas maneiras e traxectorias creativas refórzanse mutuamente. As palabras do profesor son as seguintes:

Picasso como o longo día, e de Chirico, a longa noite. Picasso o consciente, atento e cabreado, nunha época de ferro e lume, de máquinas e exterminio. De Chirico, o inconsciente, turbado nos seus claroscuros pero imperturbable na súa soberanía. Picasso, a historia; de Chirico, a poesía do tempo perenne. Picasso, a aspereza, o pai; de Chirico, a dozura maternal. Picasso, a linguaxe, como expoñente ideolóxico en proceso; de Chirico, a regresión imaxinativa do curso e mais do recurso. Picasso, o inmanente; de Chirico, a metafísica.

O xogo lingüístico do profesor Calvesi pode semellar ata poético, pero denota un fondo coñecemento da obra deses dous artistas, un fondo respecto polos dous e unha homenaxe a dous traballadores incansables á procura do saber; o ibérico, na permanente loita dos espazos e mais das formas en constante transformación; o ítalo, á procura da orixe da memoria dos tempos. Será certo que dous artistas, saídos de dúas penínsulas mediterráneas, foron quen de conformar toda a arte do século XX?

de Chirico. Ettore e Andromaca, 1970

G. de Chirico. Ettore e Andromaca, 1970

de Chirico. Le Muse Inquietanti. 1947

G. de Chirico. Le Muse Inquietante, 1947

Pintura Metafísica. Piazza

Na construción das cidades, na forma arquitectónica das casas, das prazas, dos xardíns e mais das paisaxes, dos portos, das estacións de tren, … atópanse os primeiros fundamentos dunha grande estética metafísica. Os gregos tiñan certos escrúpulos nesas construcións, guiados polo seu sentido esteticofilosófico: os pórticos, os paseos sombreados, as terrazas alzadas como plateas ante os grandes espectáculos da natureza (Homero, Esquilo); a traxedia da serenidade (de Chirico, 1919).

O movemento estético e artístico Pintura Metafísica, propiamente italiano, nace formalmente no ano 1916, aínda que xa antes de Chirico investigase nesa dirección. A Pintura Metafísica arrinca dun encontro entre Carlo Carrà (quen logo se sumará a outro tipo de pintura ben diferente, o Futurismo) e mais Giorgio de Chirico na cidade de Ferrara, durante a Gran Guerra. Aquela cidade tan especial, tan renacentista, impresionou aos dous e convidábaos a plasmar plasticamente os seus propios mundos oníricos. A este movemento –de curta duración– sumáronse logo outros coñecidos artistas, como Alberto Savinio, Filippo de Pisis ou o propio Giorgio Morandi, o home que en Boloña será quen de fascinar e fascinarse con bodegóns monocromos, en branco. De Chirico e mais Carrà foron compañeiros de viaxe ao longo dos anos. Hai poucos meses que a Fundación MAPFRE presentou en Madrid unha excelente exposición titulada Retorno a la Belleza. Obras maestras del arte italiano de entreguerras. Nesta ampla e exhaustiva mostra –que reflicte unha reacción dos artistas contra as vangardas, e un regreso ás estéticas máis clásicas durante os anos 30 da pasada centuria– outra volta Carrà, Morandi e de Chirico van polos mesmos vieiros.

Con vinte e dous anos Giorgio de Chirico crea a pintura L’énigme d’un après-midi d’automne (1910). Con este óleo, de Chirico funda o que el mesmo chamou a pintura metafísica. A idea desta peza –que inaugura e anuncia as liñas básicas da creación do artista– veulle dunha revelación que tivo mentres estaba sentado na praza da Santa Croce de Florencia. O propio pintor explica que de súpeto tivo unha revelación, que comezou a sentir que todo aquilo o vía por primeira vez, con ollos e mirada diferente. Esa mestura de observar as arquitecturas renacentistas doutro xeito, xunto coa idea dun dejà vu, foi o que lle deu a idea da estrutura e forma do cadro: arquitecturas clásicas ou renacentistas, máis esculturas das mesmas épocas, nun espazo urbano aberto en longa perspectiva e baleiro de xente. Desde entón de Chirico expresa nas súas pinturas realidades oníricas, tocadas pola incerteza dos espazos, pola inquedanza do tempo. O enigma. Enigma da existencia humana, da perdurabilidade das cuestións fundamentais: a procura de espazos e de tempos alleos a calquera continxencia real.

No ano 1915 Giorgio de Chirico regresa de París para entrar no exército, despois do comezo da Gran Guerra. O seu destino será Ferrara, a cidade que foi re-deseñada no renacemento; por iso se di que foi a primeira cidade moderna de Europa; hoxe é patrimonio da humanidade. Ante aquela arquitectura renacentista que comezaba a convivir coas partes modernas, industriais, Giorgio de Chirico comezou a mesturar nas súas pinturas os enigmas eternos coa escenografía que lle aportaban as piazze renacentistas, as arcadas, os edificios con pórticos nos que nunca faltan os arcos de medio punto (moitas veces en perspectivas forzadas). Todo rematado en cores planas, uniformes, tales como os laranxas, vermellos, ocres, ou verdes dos ceos. Para rematar as composicións seguen estando presentes algunhas estatuas de inspiración clásica, a ausencia de seres humanos, e ao fondo de tales composicións inquietantes e de difícil lectura e interpretación, pode verse algunha cheminea que invita a pensar nalgunha instalación industrial, ou presenciar o paso dun convoi de ferrocarril, choscadelas á sociedade e vida modernas.

O tema da piazza, por tanto, convida á chamada do enigma. Trátase de presentar prazas, creadas para que nelas se levasen a cabo as relacións humanas (comerciais, amistosas, amorosas), pero sempre baleiras, sen persoas. Son prazas eternas, intemporais, nas que pode habitar unha estatua dun deus ou heroe, cruzada en diagonal por longas sombras de edificios ou esculturas. Estas arquitecturas espidas, de cores uniformes, logo foron recollidas polos surrealistas. Para os surrealistas de Chirico guindábaos directamente ao mundo onírico, aos reinos do subconsciente, de onde emerxen as teimas, as preocupacións, onde se instala o enigma. Destas creacións dos anos 10 e 20, de Chirico acabará por facer moitas réplicas, como xa se comentou. Concretamente da peza Il Trovatore coñécense 150, unha delas é a que Giorgio fixo para o actor Alberto Sordi, que agora se conserva na Fundazione Museo Alberto Sordi, de Roma.

Cómpre salientar a relevancia que as pinturas metafísicas de de Chirico tiveron para os fundamentos do movemento Dadá, e logo do propio surrealismo. Quizais por iso moitas pezas de Dalí parecen ter inspiración directa nas paisaxes desertas de Giorgio de Chirico.

de Chirico. Edipo e la Sfinge, 1968

G. de Chirico. Edipo e la Sfinge, 1968

de Chirico. Visione metafisica de New York, 1975

G. de Chirico. Visione Metafisica de New York, 1975

Pintura metafísica. Manichino, archeologi, interno

Abandonei a representación do manequín de pé (só ou con outro manequín). Foi o día que visitei o Duomo de Milano, unha catedral gótica, impresionado por unha estraña e misteriosa sensación que me provocaron algunhas figuras góticas, representación de apóstolos e santos sentados. Eran personaxes que só podías imaxinar sentados: “Os apóstolos góticos non están de pé”. A súa maxestade, a súa solemne inmobilidade, era inconmensurable. As pernas moi curtas, tapadas polos pregamentos da roupa, formaban con aquelas enrugas unha especie de base, de fundamento indispensable pero apto para soster o tronco monumental, e os brazos xurdían naturalmente en proporción ao tronco (Giorgio de Chirico, 1938).

A continuación, o autor de Ettore e Andromaca engade á praza pública das cidades renacentistas, xa ocupadas por estatuas e sombras, a figura do manequín. O manequín é unha figura humanoide, coa cabeza ovoide, lisa e sen face, con tronco case sempre recuberto de metal, e pernas que recordan a madeira, e sen brazos. Tal figura preséntaa o artista con diversas formas de cartabóns distribuídos polo corpo, e unha estrutura por tras que o sostén en pé. Con esta figura –anónima, que pode parecer carente de humanidade, de identidade– de Chirico quere representar os seres humanos, moi influído polas lecturas de Schopenhauer e mais de Nietzsche, ambos pensadores ocupados en estudar e negar a identidade individual de cada ser humano.

Pero, fronte á pura deshumanización, o manequín de de Chirico ten humanidade. Con leves movementos, con cores, posicións, o manequín expresa pensamentos, e ata sentimentos. Tal vez por iso esas figuras illadas en espazos monocromos provoquen no espectador impresións de desacougo, inquietude. O manequín é moitas cousas. Para de Chirico é un corpo teatral (parece tirado dalgúns dos ballets que se inventaba Sonia Delaunay, por exemplo), que tanto pode representar á/ao protagonista dun mito grego (Orestes, Edipo, Hector) como un ser que se pregunta: Quen son? Cara onde vou?, debaténdose na procura da súa propia identidade. Por iso tamén se pode tratar dun Hamlet ou dun Segismundo, á procura dunha saída á súa traxedia persoal. O manequín tanto pode ser unha metáfora da humanidade, como o resultado do que os deuses, sempre tan caprichosos, decidiron facer con el: a forza irrenunciable do destino. Dentro destas características están as tan coñecidas figuras de Il Trovatore, do que non se sabe cal pode ser o seu canto (o canto XXII da Iliada? A despedida de Héctor e Andrómaca?), ou aínda máis, as numerosas versións de Il Vaticinatore, título e proposta que se acomoda perfectamente aos desacougos dos humanos, e ao peso do propio sino.

Tal vez unha das pezas máis atractivas deste período de Giorgio de Chirico sexa Le Muse Inquietanti, creada orixinalmente en 1916. A pintura mostra dúas figuras de manequíns, abandonados no medio dunha amplísima piazza, rodeadas de obxectos ben coloreados (as cores planas), cunha perspectiva xeométrica moi marcada (reforzada por liñas paralelas que se perden cara o fondo da tela. Talmente unha escena teatral. As sombras tamén ben marcadas e violentas no claroscuro. Ao fondo, como parte da escenografía o impoñente castelo Estense de Ferrara, mentres á esquerda axexan casas novas e chemineas de fábricas. As musas, unha con corpo de esteo, de costas e en pé –lembranza do irrepetible Auriga de Delfos?–, e a outra sedente (como as esculturas góticas de Milano?), con cabeza ovoide mínima, envoltas por caixas pechadas e unha cabeza ovoide no chan. A parte dereita do cadro vén definida por unha cegadora sombra, da que só se libra unha estatua de trazos clásicos.

Polos anos 20, e dentro deste programa de manequíns fincados na piazza e nas arquitecturas urbanas, de Chirico comeza a nova serie de I Archeologi. Os arqueólogos representaraos en deseños, en óleo e en esculturas, como a realmente monumental que está agora en Caixaforum. Os arqueólogos deveñen figuras de deuses nos seus templos. De tanto investigar o pasado clásico, de tanta sabedoría acumulada, acaban sendo a representación divina dese pasado. Os arqueólogos, case sempre en parella, móstranse sedentes, coa súa cabeza ovoide, pero moi humanos, razoando ou debatendo entre eles. Nos seus corpos de Chirico insire moitos obxectos simbólicos do mundo clásico: frontóns, esteos, libros, restos de edificios; pero tamén ríos, vexetación. Os Arqueólogos, dominadores dos secretos do pasado, reflicten nas súas figuras os tempos antergos: tanto as paisaxes naturais, como aqueles logros da humanidade. Son a memoria, o misterio. Ante algunhas das esculturas –xa grandes, xa cativas– sorprende a similitude que mostran con creacións do escultor inglés Henry Moore.

Tamén a partir destes anos 20, de Chirico dálle outra volta ao tema da pintura metafísica, e pasa a facer as súas simbólicas composicións en interiores (interno), por exemplo Interno metafisico con paesaggio romantico. Estes interni ofréceos de Chirico cun cambio radical fronte á piazza, larga, vasta. Os interiores teñen os teitos moi baixos e preséntaos cunha perspectiva ben forzada, co que as liñas que indican o punto de fuga son moi evidentes. Como fuga ao agoniante interior (o seu cuarto, o seu estudo en Ferrara?) abre unha fiestra pola que se pode ver algunha paisaxe urbana ou rural. No centro da composición sempre emerxen grandes, desproporcionados para o pouco espazo, trebellos de pintor, de deseñador: cartabóns, regras, cabaletes, xunto con outros obxectos de mais difícil catalogación. A pintura referida, Interno metafisico con paesaggio romantico, que segue as mesmas pautas devanditas, permite evocar un dos pintores que máis o influíron nas súas orixes como artista. Trátase do pintor romántico Arnold Böcklin, un pintor moi na liña do tamén romántico Caspar D. Friedrich. Giorgio de Chirico, que estudou en Múnic, bebeu do simbolismo que cultivaba Böcklin. O cadro con paisaxe romántica que de Chirico instala no medio dese interno, de certo é unha homenaxe ao seu mestre.

Lito Caramés

EXPOSICIÓN: El món de Giorgio de Chirico, Somni o realitat

Caixaforum Barcelona

Ata o 22 de outubro de 2017

Sobre o autor / a autora

Lito Caramés

Lito Caramés

(Galiza-Catalunha) Nado en Caroi, Cotobade, en 1949. Profesor de Ensino Secundario, e de Cultura e Lingua Galegas (Proxecto Galauda). Autor do libro de relatos "E agora pasa un tren" (Biblos) e coautor de traballos de historia e antropoloxía: "América, América" (Roure), "Galicia a lo claro" (Popular), "El Islam en las Aulas" (Icària), entre outros. Membro de Furafollas Agrupación Teatral.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *