Visións

Visións

0 comentários 🕔11:00, 11.Set 2017

Tocar unha estrela coas mans,
unha estrela de mar,
faime sentir e pensar
que toco entre as ondas o ceo,
que o tacto esvaradío do peixe
é frío e suave
como o pálido hálito da lúa.

*

O río, verde e revoltoso ancián,
garda intacto no seu ventre de limo
o segredo do peixe…
E no terso espello da superficie,
o rostro feito anacos do que nel se mira.

*

O sol álzase, pálido marmelo,
envolto en dourada resurrección.
Renovado froito que alimenta
enxames de rubias abellas.
Derramado mel, venérote.
Dende o ángulo en sombras
desta noite que acaba.

*

Fragmentadas nun principio do eterno,
se é que o eterno foi principio algunha vez;
o sol, a lúa e as estrelas, malia ser infinitamente vellas,
tanto ou máis ca o noso mundo,
ofrecen á mirada
o inicial gozo
do acabado de nacer.

*

Un día ti, descoñecido, estarás aquí.
Ocuparás o meu lugar.
Serás dono das miñas mesmas emocións…
E terás tamén a sensación
de que un día che serán roubadas.

*

Vexo a morte do sol,
apagarse todas as estrelas.
E desaparecer a Vía Láctea.
Camiño cega pola negra escuridade.
Ese é o momento
en que, en silencio, o aire fala.
E di que en adiante
ha ser o noso reino.

*

Collerei un acio de mañás
bendicidas e alagadas pola choiva.
Prendereinas na miña solapa
para alegrar a miña tristeza.
Encherei a ánima co pálido rumor
de todo canto está creado.
Mentres flúen ríos amarelos
polos ollos insomnes da lúa, agosto amañece gris.
En cinzas do aire convértense
as últimas estrelas;
xunto aos pensamentos
xa gastos
dun verán que declina.
Para onde marcharon as horas,
que esgotaron tan a présa a luz?
Tan irremediablemente
como se esgota o tempo
nun reloxo de area.

*

Ceo e mar míranse.
Bébense, acarícianse.
Agasállanse mutuamente,
e bailan coas estrelas e coa lúa
melodías e murmurios
de cunchas e buguinas.
Con risas misteriosas
intercambian
soños de area e luz.
Ceo e mar, espazos liberados,
disque habitados
por anxos, santos e sereas.
Enganos e mentiras, que se ocultan
tras da branda meixela dunha nube.
nas ondas e nas brancas
pálpebras de escuma… A noite, en silencio,
colgou das árbores
paxaros de gasa.
E, a medida que as horas avanzaron,
as pólas ostentaron
o lene peso da lúa.
Pero en abríndose a mañá,
as follas foron chiscos de vidreiras,
relampos, caracois de pura risa.
Lapas verdes que ondearon
no aire máis azul
mediado o día.

Sobre o autor / a autora

Chelo Suárez

Chelo Suárez

O mellor don con que fun bendicida ao nacer foi cunha sede infinita de libros. O gusto por respiralos e lelos, tan pronto aprendín a ler. Poeta e narradora, dedícome a crear universos que conxugan o realismo e a maxia.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *