Entrevista a Brais das Hortas: “Temos un universo de propostas culturais”

Entrevista a Brais das Hortas: “Temos un universo de propostas culturais”

0 comentários 🕔10:35, 15.Set 2017

- Palavra Comum: Que são para ti as artes?

- Brais das Hortas: Con retranca e cariño, para min a arte é chegar a fin de mes sendo artista e con dúas fillas.

- Palavra Comum: Como entendes (e levas a cabo, no teu caso) o processo de criação artística?

- Brais das Hortas: Como podo! No meu caso, non é que me retire a un lugar bucólico a esperar polas musas. Póñome a crear mentres fago a comida, que veñen as nenas do cole, ou mandando un whatsapp de voz mentres cambio un cueiro, acabando un verso mentres redacto a proposta para un concello ou falando na furgo de camiño para un bolo…

A miña vida é máis a dun obreiro da arte que a dun artista romántico…

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre as diversas artes (música, literatura, fotografia, banda desenhada, artes plásticas, etc.)? Como são as tuas experiências neste sentido?

- Brais das Hortas: Sempre me gustou xogar a xuntar disciplinas diferentes, contos e música (como facemos na Tropa de Trapo), curtas e directos (en Sacha na Horta co Horta Revolution), blues, teatro e clown (en Blues do País)… Xa con Lugnasad, o grupo de folk que montaramos uns amigos aos 16 anos, fixeramos unha proposta de concerto con teatro e proxeccións de fotos. Non era nada novo realmente, pero xogar a fozar con cousas diferentes ábreche a mente e ensínache a ver as cousas doutra maneira.

Eu son partidario de experimentar non só coa ghasosa.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes (num sentido amplo)?

- Brais das Hortas: Non me chega unha vida para dicirche toda a xente que me serve de referente! Nos contos podería falar de Quico Cadaval, de Celsiño, de Paula Carballeira… e mil nomes máis! Ou mesmo da xente nova coma María da Pontragha, Vero Rilo ou a miña compañeira da Tropa de Trapo, Marta Ortiz.

Pero tamén amigas, familiares e veciñas, cos seus falares, frases feitas, conversas, aquilo que escoitei un día, ou como se emocionou nonseiquén falando de tal cousa. Todo iso é materia viva para os contos e para contar. Para velo, vivilo e desfrutalo.

E esa xente toda, dalgunha maneira, tamén me serve de referente para a música. E ao revés, músicos que me serven de referente para crear outro tipo de espectáculos.

Miña nai sempre di que de todo o mundo algo se aprende. Ir con esta filosofía pola vida créache un estado de receptividade e amor polas cousas e pola xente. E iso fai que o horizonte se encha de moitos faros para indicar o camiño.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, etc.) estimas interessantes para as artes, na sua comunicação com a sociedade a dia de hoje?

- Brais das Hortas: Hoxe en día pasamos moito tempo nun mundo virtual. A xente está aí, e se queres chegar á xente, tes que estar aí. Chegas a moitos lugares en tempo real. Cousas que antes non poderías nin soñar con facer. Un vídeo dun concerto en directo desde Cangas e estano a mirar non sei canta xente, un mozo en Castroverde que te segue e unha señora en Coristanco… É unha ferramenta moi poderosa.

Pero esta cousa tan grande do virtual tamén crea o contrario: a necesidade de seguir sentíndonos “reais” e humanas, vibrar con xente diante nosa… E iso fai que os directos precisen tamén un extra de ser humano, de potencia e entrega en cada espectáculo. Para min iso conséguese coa improvisación, con sinceridade e risco, lanzándonos en cada bolo, como facemos en Blues do País. E así pasa de todo!

- Palavra Comum: Que perspectiva tens sobre o estado da música e da cultura, em geral, em Galiza (e das conexões com outros espaços, nomeadamente com a Lusofonia)?

- Brais das Hortas: Creo que temos moitas e moi boas propostas en moitos terreos. Moita xente moi creativa en diversas artes, pero tamén xente con moi boas ideas creando espazos para defendelas. Redes que se tecen. Case sempre desde abaixo, con moito esforzo pero tamén con moita ilusión.

Somos unha cultura que sofreu e sofre a minorización, a marxinación, o odio, os continuos ataques para provocar a nosa desaparición, incluso desde as propias institucións que nos gobernan. E contra todo iso temos un universo de propostas culturais cheas de ideas, de ilusión, de Historia, de loita, de amor e dun feixe de cousas máis que me fan ver con esperanza o futuro.

Pero tamén penso que queda moito traballo por facer, especialmente á hora de vincularnos coa lusofonía, de mirar o mundo coma os mariñeiros, co Atlántico coma unha xanela que nos comunica co mundo.

- Palavra Comum: Como seria a tua Galiza Imaginária? Há algo dela que exista já, do teu ponto de vista?

- Brais das Hortas: A miña Galiza imaxinaria está cada vez máis ao sur do Miño. Agora que vivo tan preto dela e aproveito cando podo para darme unha escapada polas terras das irmás do sur.

- Palavra Comum: Que vínculos existem entre Arte(s) e Vida?

- Brais das Hortas: Para min moitos. De feito creo que son inseparables, desde o meu punto de vista. A arte interesante é a que amosa a visión propia de quen a fai, como ve a vida, o que nos rodea, o que sentimos colectiva e individualmente. Con ganas de amosárllela ao resto para falar, para intentar entendernos e sentirnos.

- Palavra Comum: Que projectos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Brais das Hortas: Agora mesmo estamos comezando con Charlatana, a nosa cooperativa de artistas, onde estamos Blues do País, Peter Punk Pallaso e a Tropa de Trapo, que facemos música, clown e contos respectivamente.

Eu estou en Blues do País e na Tropa de Trapo e traballo con Peter Punk en dous espectáculos. Un deles, o Concerto Punk Infantil, está piques de se estrear. Será en novembro, no Castañazo Rock de Chantada. E vai ser unha mestura entre espectáculo de clown para público familiar e, por outro lado, un concerto de punk con letras ácidas e subversivas para todos os públicos.

Coa Tropa de Trapo estamos proxectando para o ano que vén unha nova proposta que abordará o decrecemento enfocado cara o público máis cativo.

Ademais, toco nos Sons Miúdos, o gran proxecto de música infantil de Urdime, onde están Paco Nogueiras, Gloria de Mamá Cabra, Magín Blanco, Uxía e Ana Senlle, Pablo Díaz, Xoán Curiel, Ghazafellos… e na banda Pablo Vidal, Javier Constenla, Carliños Freire e eu. Ocasionalmente tamén toco con Mamá Cabra, fago bandas sonoras…

Onde xa non estou, e boto moito de menos, é en Sacha na Horta, banda na que toquei desde a fundación hai 10 anos e que deixei hai poucos meses. Tocar nos festivais, aínda que é esgotador, é todo un vicio. E máis cunha xente que quero tanto coma as sachadoras.

Quen sabe! Quizais nun futuro non moi lonxano naza algún proxecto por aí, música festivaleira… se me dá o tempo as enerxías!

Pero actualmente teño moitas portas abertas nas que sigo traballando: novo espectáculo con Peter Punk, novo espectáculo coa Tropa de Trapo que faremos o ano que vén, nova proposta de Blues do País, da que xa iremos contando cousas… e dúas fillas marabillosas que merecen moito tempo, atención e amor.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *