O soño atrapado polo rabo. As creacións surrealistas volven ocupar os espazos da galería Mayoral

0 comentários 🕔10:30, 23.Out 2017

L’espai dels Somnis

The Dream of the Superstition Contradicted is a Nightmare.
(Louise Bourgeois, in Hans Ulrich Obrist and Francesco Bonami, Sogni/Dreams, 1999)

A Galería de arte Mayoral, sita na rúa Consell de Cent, presenta agora en Barcelona a mostra L’espai dels somnis, unha escolma de traballos de artistas surrealistas (ou que pasaron polo surrealismo) de gran relevancia. O comisario, o intelectual Vicent Altaió, suliñou na presentación que L’Espai dels Somnis é unha exposición de museo. A afirmación vén confirmada polos artistas presentes e mais polas pezas que se poden contemplar nas paredes da Galería Mayoral. Antes de ser ofrecida á cidade de Barcelona, esta mostra foi estreada na emblemática vila de Cadaqués. Se algún lugar hai en Cataluña que logrou ultrapasar barreiras físicas e deixar de ser a pequena localidade pesqueira ampurdanesa para metamorfosearse en materia primeira dos soños, é Cadaqués. Só cómpre repasar as pinturas onírico-paranoicas de Dalí para ir atopando sempre a praia, os cons, as barcas. As barcas, símbolos da viaxe ao outro lado do espello?, ao Alén que non ten volta? Cómpre darlle, xa que logo, a esta exposición a consideración de excepcional, pois para unha galería privada xuntar tanta obra de primeira fila e de tan renomeados artistas representa un esforzo moi grande. En Mayoral isto é unha liña de traballo de anos: comisarían as súas propostas estéticas con figuras relevantes en cada caso, sempre que poden buscan a axuda e colaboración dos familiares dos artistas e editan con rigor excelentes catálogos. Proba da calidade do seu quefacer é a confianza que coleccionistas e museos teñen nos seus xestores, demostrada nos préstamos que logran para as exposicións temporais.

A Galería Mayoral leva desde 1989 na rúa Consell de Cent de Barcelona, e nas súas salas xa se puideron ver interesantes exposicións. É unha galería de arte especializada en arte moderno e tamén en arte de posguerra. Os seus donos –agora Jordi e mais Eduard Mayoral– interésanse moito polas vangardas artísticas, e mormente por artistas cataláns ou que tiveron algunha relación con Catalunya. Nas súas salas xa se viron monográficas de Picasso ou Miró, traballos de Calder, Magritte ou Chagall e creacións de Brossa, Miralles ou Chillida.

Rigorosidade e surrealismo

El llenguatge penetra en el temps. D’alguna manera el llenguatge és una cosa que portem dins del propi cos, no es troba només a l’exterior com a forma de comunicació o eina de representació de realitats. El llenguatge és en ell mateix motor i constructor de realitat. Si el llenguatge, doncs, és el pinzell, el somni és la part fecal, allò que es genera fora del seu ús racional, un excès natural, orgànic i espontani.
(Vicenç Altaió, comisario)

A anterior proposta que executou Mayoral foi Millares, building bridges, not walls, un percorrido pola obra de Manolo Millares moi completa. E con anterioridade, e volvemos ao surrealismo e a algo máis, ofreceu Mulleres Surrealistas, a primeira exposición que se fixo en toda España dedicada en exclusiva ás mulleres surrealistas. Iso no ano 2017!!! Un século despois de que comezase o movemento Dadá. Mudan os tempos? O surrealismo e o seu precedente o movemento Dadá xorden como revolucionarias propostas estéticas e vitais. Quizais. Nesta vangarda rachadora dos anos 20 e 30 do pasado século as mulleres tamén estiveron discriminadas: son as súas parellas masculinas e amigos os que constan e enchen páxinas e páxinas nos libros de historia da arte. Algunha cousa semella que se avanza. A Maruxa Mallo (en opinión da filósofa María Zambrano: “el ser más libre que conocí en mi vida”) estánselle adicando exposicións, e sobre Carrington a escritora Elena Poniatowska vén de publicar a novela Leonora, unha rigorosa e fermosa recreación da biografía desta artista, que pasou unha longa tempada recluída nun psiquiátrico de Santander por querer axudar ao seu amigo Max Ernst.

No caso presente, L’espai dels somnis, a rigorosidade vén dada polo traballo esixente dos responsables da galería Mayoral e mais pola valía do comisario, Vicenç Altaió. Vicenç Altaió é poeta, crítico de arte, articulista e editor de revistes sobre arte. Foi director do centre KRTU e de l’Arts Santa Mònica. E xa foi comisario de moitas exposicións de variada temática (artística, literaria ou científica) e tamén do Any Miró e do Any Dalí. Un dos libros que publicou ultimamente é Miró i els poetes catalans (21016). Actualment é presidente da Fundació Joan Brossa, cousa pola que ten moita implicación na gran exposición que vén de inaugurarse no MACBA: Poesía Brossa. Dentro da diversidade de intereses que ten Altaió, suliñar tamén que vén de representar o papel de Giacomo Casanova como protagonista do filme Historia de mi muerte, do director Albert Serra. Da súa man tamén sae o delicioso catálogo que vén de publicar Mayoral (The Space of Dreams). Envolvido nese azul que tinta os soños, sorprende a calidade dos textos e as colaboracións de Montse Aguer, directora dos Museus Dalí, de Rosa Maria Malet, directora dla Fundació Joan Miró e mais do cineasta Albert Serra.

L’ Espai dels somnis arrinca de dous libros

Je rêve que je suis dans mon lit et qu’il est tard. Impossible de dormir. Je souffre de partout. J’essaie d’allumer. N’y parvenant pas, je me lêve et, dans le noir, je me dirige à tâtons vers la chambre de N… Dans le corridor, je tombe. Incapable de me relever, j’avans lentement en rampant. J’étouffe, j’ai très mal dans la poitrine. A l’entrée de la chambre de N…, je m’endors (je rêve que je m’endors).
(Paul Eluard. Je rêve que je ne dors pas. Rêve de 18 de juin de 1937, recollido no libro André Breton, Trajectoire du rêve, 1938)

Na presentación de L’Espai dels Somnis, Vicenç Altaió quixo deixar claro que estaba a presentar unha grande exposición e que neste caso comisariala era unha ledicia pois Mayoral xa lle deu as obras coas que se contaba, e o seu traballo foi ordenar e atopar complicidades entre tanto autor. E comezou dicindo tamén que L’Espai dels Somnis arrincaba nunha vitrina que contén dous libros. Dous libros distanciados no tempo pero que veñen tendo un contido similar: a acumulación, a narración de soños por parte de artistas e persoas que os tiveron. O primeiro libro (unha alfaia bibliográfica é Trajectoire du rêve (1938), editado por André Breton, o pope dos surrealistas parisienses. Nese libro hai textos de Breton, pero o máis sorprendente é o resto: Breton invitou a unha serie de personalidades a que explicasen algún dos seus soños. Así o fixeron Paul Éluard, Magritte, Man Ray, De Chirico Leiris e outros máis.

Pasan os anos, e en 1999 os críticos de arte Hans Ulrich Obrist e mais Francesco Bonami publican Dreams, que dalgún xeito é a continuación do anterior, agora coa recompilación de soños de artistas, mulleres e homes, que entraban no novo milenio: Bourgeois, Abramovic, Hirst, Gibert&George, McCarthy, etc. Os libros, sempre os libros. Será o libro o alfa e o omega dos soños? Ao longo das salas, noutra vitrina, agarda a sorpresa do volume La Sèptieme Face du Dé (1936), de George Hugnet, un libro no que se alternan poemas con collages fotográficos. Na cuberta do libro está reproducida a peza fundamental de M. Duchamp, Why not aneeze Rose Sélavy? (1921), que vén sendo unha gaiola para paxaros na que hai 50 cubos de mármore pequenos (a modo de terróns de azucre), un termómetro e un oso de choco.

Importante consignar que unha figura chave para os surrealistas foi Sigmund Freud e a publicación do seu libro A Interpretación dos Soños (1899). As súas teorías sobre o inconsciente, sobre a implicación sexual de moitos dos soños, deu alas para o voo de literatos e artistas que buscaban alá por 1917 fuxir da violenta realidade da traxedia bélica e miraban de atopar outra realidade alternativa, liberadora. En L’Espai dels Somnis conviven creacións de Duchamp, Dalí, Domínguez, Picasso, Chagall, Calder, Miró, Tàpies, Ponç, Chevalier, Hamilton, Magritte ou Brossa.

Chevalier, Magritte, Calder

La nit és la porta a la verdadera vida, aquella vida plena on l’impossible regna i la mort no imposa la seva llei. És l’imperi dels somnis enigmàtics, insondables però també tendenciosos i perillosos perquè atempten contra la nostra lògica de pensament. Però, per sobre tot, els somnis representen desitjos. Són comuns a tots els éssers humans i estructuren el nucli més íntim del nostre jo, fent visible un jo operatiu que basa tota la seva activitat en la pulsió del desig…
( Albert Serra, cineasta, 2017)

Chevalier_Ophelie_Baigneuse_1929O elenco de artistas é de primeira división e as obras presentadas moi destacadas. Para comezar hai unha fotografía da artista Yvonne Chevalier titulada Ophélie (Baigneuse), 1929. Dentro da galería de mulleres fotógrafas que a tamén fotógrafa Colita se empeña en dar a coñecer e recuperar, Chevalier é presentada como pioneira da fotografía de vangarda. A fotógrafa Colita é a testemuña da gauche divine catalá dos anos 60 e 70, e os seus traballos tiveron unha ampla presencia na mostra que lle adiou La Pedrera: Colita, perquè sí! Dentro do seu portal web La Lamentable, a fotógrafa Colita ten a sección Viejas Colegas onde vai recopilando o traballo de fotógrafas de antano pouco coñecidas, ou esquecidas. A fotografía de Chevalier presenta a face dunha muller nova, mergullada na auga, entre herbas acuáticas. Ofelia ben pode significar a viaxe a outra dimensión: o soño, se dorme, a morte se o seu soño é eterno.

Magritte_La Recherche de lAbsolu_1948René Magritte está representado por un gouache que semella sinxelo, pero que contén complexidade, como xa insinúa o título: La Recherche de l’Absolu (1948). Unha austera paisaxe cunha soa árbore. Pero o ceo non ten nubes senón que de baixo arriba vai conformándose en táboas coas vetas propias de tal produto vexetal; a árbore non ten follas e as súas pólas están ben recortadas e diríase que sen volume; pero o tronco e as ramas máis gordas si que teñen –xogo equívoco–. O chan está inzado de follas e nel destaca a presenza dunha pedra branca, enigmática e inquietante,. Para rematar á esquerda da paisaxe aparece colgada do baleiro unha cortina rosa. Que dimensión agocha-suxire Magritte? Que xogo provoca? Magritte sempre estivo interesado no xogo da representación: o que pinta é unha paisaxe, ou só a súa representación? A cortina é o espazo de acceso á dimensión onírica, ou un simple xogo? Cómpre lembrar as polémicas nas que se viu implicado este artista, e a súa declaración solemne: Ceci n’est pas une pipe, a máis coñecida das súas imaxes da serie La trahison des images. Como o propio artista declarou esa pipa que el pinta non se pode encher, nin fumar por ela, por tanto non é unha pipa; se dixese que é unha pipa estaría mentindo. O surrealismo xoga sempre coas realidades, coas súas visións.

Calder. Untitled, 1970De Alexander Calder, o amigo de Miró, a galería Mayoral presenta tres pinturas Untitled as tres, dúas do ano 1953 e unha de 1970. Nestas obras Calder traballa o movemento, o movemento do universo, o movemento da vida. Nunha das pinturas do ano 1953 Calder pinta un sol personalizado con raios curvos, xirando, buscando a roda da vida, e unha lúa negra, estática, e unha espiral, e unha liña curva: a serpe, símbolo de vida, de resurrección. Todo sobre tres cores planas e básicas: vermellos, laranxa e verde para o espazo da noite. Na pintura de 1970 as cousas son algo diferentes. Na parte alta, sobre un fondo negro, sobresaen a lúa e mais o sol, e o resto da pintura son formas esféricas (astros?) de variadas cores (azul, vermello, amarelo) que xiran e semellan flotar por entre augas, representadas por liñas negras –a modo de ondas– por entre as que axexan serpes mariñas. A pesares das distancias temporais e conceptuais, hai nesta pintura dinámica unha referencia, un recordo á Noite Estrelada de Van Gogh.

Salvador Dalí, Joan Miró

El somni, en Dalí, com saben, es troba en la base del mètode d’interpretació de la realitat: el mètode paranoic-crític, una de les seves grans aportacions al surrealisme. Dalí sempre va investigar la representació del somni, fins al punt que, en alguna ocasió, es va referir a la possibilitat de fotografiar els somnis. També va veure el somni com una pel·lícula. El somni en Dalí és múltiple: és literari, és fotogràfic, és eròtic, és pornogràfic, subversiu, deliqüescent, cruel, hipnagògic, arquitectònic, i, sobretot, són realitzacions de desitjos solidificats.
(Montse Aguer, directora dels Museus Dalí, 2017)

Dali_Rhinoceros en desintegration_1950Como non podía ser doutro xeito, o artista máis representado na exposición L’Espai dels Somnis é Salvador Dalí. Por algo a mostra comezou a súa andadura en Cadaqués refuxio infantil e onírico do artista. Das seis pezas que agora están colgadas nas paredes de Mayoral cómpre destacar Rhinocéros en Désintégration (1950), unha excelente representación do seu período serodio místico-nuclear. É unha pintura na que tamén inclúe o deseño a tinta, tan do seu gusto. As dúas imaxes principais (se se poden chamar así) son o rinoceronte que está desintegrándose, e as súas partes van expandíndose como se dun universo se tratase, e unha figura de arcanxo, arriba á esquerda, vestido de vermello que sobresae moito das cores grises e pasteis do resto da obra. O rinoceronte escacha, o corpo principal mesmo é o mapa da península Ibérica, e o seu corno –de connotacións tan sexuais– penetra, coma un falo ou consolador, nun deseño da Cidade do Vaticano. Por baixo do rinoceronte estoupa a explosión desintegradora, que vai producindo imaxes de anxos e no medio a figura dunha piedade. Á esquerda, no que parece a terra máis anxos en diálogo, e diante do rinoceronte outro anxo que parece saír ou provocar outra explosión da que saen figuras xeométricas e unha man que parece copiada do Guernica de Picasso. Na parte alta rochas (que tamén poderían ser nubes) entre as que se distingue unha muller durmindo. O sono, o soño. En diagonal (abaixo á esquerda) un home durmindo que remitre a Miguel Angel e a W. Blake. Máis soños, máis onirismo?

MIRO11De Joan Miró cóntanse 5 obras. Entre elas está unha pouco coñecida: Sans titre III (1964). A pintura, un collage, ten o fondo totalmente negro. Sobre el Miró sitúa unha estrela, algúns puntos de cor (astros?) e un anaco de pintura que choca contra o fondo, salferindo en todas direccións (unha choscadela de ollo ao expresionismo abstracto americano?). Sobre iso Miró pega anacos de papel de moi variada procedencia e condición, rectangulares, o que é moi raro nas obras de Miró, o home das curvas e das sinuosidades. Hai dous anacos de papel pintados de azul e outro con manchas vermellas e amarelas que mesmo parecen parodiar a artistas do expresionismo abstracto, entre eles a Rotkho. Arriba á esquerda un papel con letra impresa. O tal papel é a portada do catálogo da Documenta Kassel dese mesmo ano, 1964. E por último un anaco de folla publicitaria, posta de xeito que non interesa ler, e que alcanza outra mensaxe ben diferente.

Domínguez, Picasso

¿Cómo imaginar siquiera que yo pueda estar de acuerdo un instante con la reacción y la muerte, contra el pueblo y la libertad? Al comienzo de la rebelión fui nombrado por el único gobierno legítimo de España, Director del Museo del Prado, puesto que acepté inmediatamente. Aquí tiene usted lo que estoy haciendo para el Pabellón Español de la Exposición. Y aquí las primeras pruebas del “Sueño y Mentira de Franco”. ¡En ellos está claramente expresada mi opinión sobre la casta militar que ha hundido a España en el dolor y la muerte!
(Pablo Picasso á revista Facetas de actualidad española, xullo de 1937)

Tamén hai obra do pintor canario Óscar Domínguez, que militou no surrealismo, formando parte do grupo surrealista de París, con amizades de Breton, Man Ray, Eluard e Dalí, entre outros. Cos anos acabou sendo amigo de Picasso. Dise que foi o inventor da decalcomanía, unha técnica automática que agradou moito aos surrealistas, consistente en estender gouache negro diluído sobre un papel con pincel ben gordo, a continuación ponse outra folla de papel por riba da que está impregnada, e exércese sobre ela unha forte presión. Logo érguese a segunda folla e sobre ela aparece unha representación plástica. Con esta técnica preténdese crear unha obra automática, que recorre á imaxinación do observador para que saque das manchas as súas propias imaxes.

Dominguez, Personnages Surréalistes, 1937De Domínguez a Galería Mayoral presenta a impresionante tela Personnages surréalistes (1937). A base da pintura, o chan, vén aparecendo estruturado en formas de pianos, máis visibles na parte dereita. Parece ser que tal deseño é unha referencia ás placas tectónicas, tan presentes nas illas Canarias. Por baixo dunha destas estruturas gris escuro, unha chave como as que abren a latas de conserva, mostra no subsolo restos de cadáveres (referencia á arqueoloxía canaria?). Sobre esa tarima con forma de piano un boi bravo ataca un piano, do que sae sangue que xera no chan unha rosa. As connotacións erótico-sexuais están servidas. Domínguez presenta o escenario terreal circundado de auga, unha illa, algunha das Canarias. Á esquerda acumúlanse un fato de figuras antropomorfas, con evidentes referencias a Dalí e tamén a Giorgio de Chirico. (Nestas datas hai unha mostra de de Chirico en Caixaforum ben recomendable. É unha antolóxica ampla e completa, onde non faltan pinturas, esculturas e deseños dos seus temas favoritos: arqueólogos, Hector e Andrómena, pintura metafísica, trobadores, manequíns, etc.) Unha das figuras femininas, sen cabeza e cos peitos fóra do vestido vermello vén sendo un león se se mira desde a esquerda (león símbolo da potencia sexual), Do fondo á dereita un volcán bota nubes brancas que percorren toda o lenzo e van creando formas arredondadas, eróticas.

No mesmo ano que Domínguez confecciona esa pintura (1937) a Pablo Picasso fanlle o encargo dun mural para o Pavillón da República na Exposición Internacional de París dese mesmo ano. Antes de que apareza o mural (o Guernica), paralelamente Picasso plasma sobre 2 láminas de cobre 18 imaxes que van representando a agresión, violencia e morte que provoca a sublevación dos militares africanistas en xullo de 1936. Nesas imaxes comezan a aparecer formas, figuras que logo estarán no Guernica: o cabalo, a muller ferida berrando, a nai co fillo morto, … Cada lámina de cobre alberga nove viñetas coas figuras da República serena que é atacada, un cabaleiro ridículo que nalgunha das viñetas monta un porco (a figura de Franco), e outras máis. Fíxose unha edición limitada sobre papel para vendelas e recadar fondos para a República; e aínda se pensou en facer outra edición viñeta por viñeta e vendelas máis baratas, como se fosen postais, co mesmo fin.

Picasso_Suenho y mentira de Franco I_1937Á edición destas dúas láminas ía acompañada por un texto do propio Picasso. Un texto totalmente surrealista, titulado Fandango de lechuzas, un poema en prosa que comeza así: Fandango de lechuzas escabeche de espadas de pulpos de mal agüero estropajo de pelos de coronillas de pie en medio de la sartén en pelotas -puesto sobre el cucurucho del sorbete de bacalao frito en la sarna de su corazón de cabestro- la boca llena de la jalea de chinches de sus palabras-cascabeles del plato de caracoles trenzando tripas -meñique en erección ni uva ni breva- comedia del arte de mal tejer y teñir nubes -productos de belleza del carro de la basura- rapto de las meninas en lágrimas y en lagrimones -al hombro el ataúd relleno de chorizos y de bocas- la rabia retorciendo el dibujo de la sombra que le azota los dientes clavados en la arena y el caballo abierto de par en par al sol que lo lee …

Non é este o único texto surrealista de Pablo Picasso. Pouco despois publicará o libro El Deseo atrapado por la Cola, editado en Francia durante a ocupación nazi (ano 1941), unha peza teatral onde se critica a miseria que sufre a poboación das vilas francesas, e que xa foi representado en 1944. No ano 1956 o director de cine Autant-Lara dirixe a cinta La traversée de Paris, protagonizada por Jean Gabin e Bourvil. Un estraperlista que ten que levar varias maletas nas que van porcos en anacos, pide axuda a un personaxe (Jean Gabin) que di ser pintor. Poida que nada teña que ver, pero ese pintor, atrevido, temerario, ben pode estar inspirado en Picasso.

Tàpies, Brossa, Ponç

Les paroles entren dans le sommeil. Elles son nues, elles s’expriment, non sans danger; elles sont crues, elles ont le ton de oracles, elles quittent leur forme sans perdre leur sens, meurtrières d’una raison trïnée dans sa misère. Elles depoétisent la poésie. (…) La pensée s’hallucine sur sa répétition; elle predre le parti d’un désinvolture tragique; elle réfléchit des images, elle les mange; elle exalte de atavismes, confond les élérments et rend l’océan au desért.
(G. Hugnet. Les revenants futurs, no libro La Séptieme Face du Dé 1936)

En Cataluña, acabada a Guerra Civil e mais a guerra mundial, a creatividade contestataria á ditadura pasou polo grupo artístico Dau al Set., que naceu no ano 1948. Na galería Mayoral pódense ver obras de tres dos artistas fundadores de Dau al Set. Resulta curioso que hogano as pezas de Tàpies, Brossa e mais de Ponç compartan espazos nesta galería co libro antes reseñado: La Séptieme Face du Dé (1936), pois o significado de ambas expresións vén sendo o mesmo.

Unha das pezas de Tàpies, presentes en Mayoral, que máis sorprende é a titulada Els Ulls del Fullatge (1949), xa que pouco se semella ao resto da súa extensísima creación pictórica. Unha pintura escura na que se combina a cor marrón escura con trazos de debuxo cos que amosan figuras estrañas. Vén sendo unha peza ben surrealista, na que se poden recoñecer trazas de Miró; tanto en enigmáticos personaxes como en signos e outras representación mironianas (por exemplo, un sexo feminino á dereita do cadro). De Joan Ponç tamén hai varias. Unha delas é a titulada Sense Títol (1953). Tamén neste caso a peza preséntase con cores escuras, con liñas rectas, formando rombos, triángulos e outras figuras xeométricas, e por riba das que tamén sobresaen figuras e símbolos propios de Miró: o sol e a lúa, estrelas, e un moucho á dereita abaixo que é a figura introdutora no cadro e que dá sentido ao que hai detrás: o reino da noite, o estado dos soños. A Fundació Cataluña-La Pedrera está a punto de inaugurar unha traballada exposición sobre Ponç: Diábolo, onde se poderán contemplar moitas das súas pezas máis emblemáticas.

De Joan Brossa hai dúas pezas ben recoñecibles como súas. Unha é Personatge (1988), e outra Trampa (1988). En ámbalas dúas está presente o xogo poético e mormente a opción visual que case sempre adopta este artista. En Trampa, por exemplo, mestúrase un naipe, nada menos ca o as de corazóns cunha trampa para cazar ratos. A trampa disparouse e capturou o naipe. Capturar o as de corazóns, que vén significando?, que os humanos rendémonos ao amor, ás frechas douradas de Eros? Ou que o golpe seco e duro que a trampa dá sobre ese corazón insunúa todo o contrario?: que a todos alcanza o desamor? Nas pezas de Brossa sempre está presente os duplos ou máis significados, o ben o o mal, o positivo fronte á negatividade. Apenas uns atrás abriu as súas portas a mostra Poesía Brossa, no MACBA, unha mostra que abrangue todos os espazos do primeiro andar do MACBA, que ofrece máis de 1500 obxectos á cidadanía e que é unha antolóxica completa: exhibe os primeiros traballos do poeta durante a Guerra Civil e remata con pezas dos anos 80. Interesante proposta para este outono.

EXPOSICIÓN: L’Espai dels Somnis. Galería Mayoral, (ata o 5 de xaneiro de 2018).

Sobre o autor / a autora

Lito Caramés

Lito Caramés

(Galiza-Catalunha) Nado en Caroi, Cotobade, en 1949. Profesor de Ensino Secundario, e de Cultura e Lingua Galegas (Proxecto Galauda). Autor do libro de relatos "E agora pasa un tren" (Biblos) e coautor de traballos de historia e antropoloxía: "América, América" (Roure), "Galicia a lo claro" (Popular), "El Islam en las Aulas" (Icària), entre outros. Membro de Furafollas Agrupación Teatral.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *