“Boiler Room India” e outros poemas

“Boiler Room India” e outros poemas

0 comentários 🕔13:50, 03.Nov 2017

 

 

 

 

BOILER ROOM INDIA

Unha sesión de techno na India.
Apoloxía do híbrido – Hindol poeta bengalí –
Outras respostas, outras preguntas
E non ficar no previsíbel.
A miña sociedade abúrreme porque ansío o non-homoxéneo.
Falo de pretéritos que reeducan a linguaxe.
Esta música dáme ganas de ir a un clube e crear o inesperado.
Bailar fainos libres: comprender o corpo e intentar capturar o imprevisíbel.
Algo que non queremos controlar.

 

ARMAS / PEACE

Alemaña anos 70.
Levas esa camisola da RAF para a hora do café
E sei que vés falar de amor.
Daquela rapaza do norte
Coa que falabas en bares e asembleas.
Armados con libros e cafés
Retiñamos algunhas anécdotas.
Ese fusil e o símbolo da paz que vestía eu.
Só aquel beixo
Solucionou o conflito
Quedaban máis mañás
Para recalcar a militarización do mundo
No 2000 e algo.
As invasións dos USA foron sancionadas
E agora en 2017
Desde México
Fálanme do desastre de Nicaragua.

 

SR. CHINARRO

Non será Que podo facer?
Mellor versión que a orixinal?
Porque non podo facer nada
Xa que isto foi dado ao azar.
Ao reencontro
Como unha acción situacionista
Posicionaches o destino, dicías
“Hai que face-la vida como se fixeramos unha obra de arte”
E el fíxome un beixo: facer e non dar desvía posesivos.
Ningunha deberíamos ter dono

 

THE BLASTING CONCEPT

Escoita. HC
Dereito aos teus ouvidos.
Raymon Pettibon.
Esa ilustración,
Como o día que estiven con Vivien
Non poder escapar, estar atado
Ao pescozo.
V/A e inventar o trazo do ruído.
Sentín medo no corpo
Quero o temor
Estou agonizando.
“Non teremos a onde ir” dis
Devastada entre amplificadores.
Salto.
Bailo.
Repito o estribillo.
California post punk, como se te coñecera en UCLA.

 

ULRIKE MEINHOF

Loitar contra as armas atómicas.
Non so.
Xornalista.
A RAF, pensando
Como unha revolucionaria
Vémolo na revista Konkret.
E nas conferencias en Berlín: oposición extraparlamentaria.
Non crer na democracia non ten porque ser delito.
Existen outras formas de organizar a sociedade
A comuna de París.
Tan pouco dura unha revolución e tanto o amor?

 

GORE

Traspasar a rede do amor
Enredada entre convencións que supoñen a aceptación do dito
Cando o non-dito se instala e converxe
Gore
Co acto
Atrapar o sexo mediatizado é
Acharse entre as trampas do espectáculo.
Facer de-lo un algo heroico
Como a guerra
Unha certa forma de guerra civil mundial
Chamamento
Requirindo papeis e experiencias
Para facer da trama
Unha conmemoración do encontro.
Se non queda nada…
Estareite agardando no resorte libre
Que se afasta do pasado
E así abrir novas vías de entendemento.

 

LES REVENANTS

Se non volves a min
Desfarei feitizos e áncoras con ferro
Desleixarei a trama e retornarei a ostracia
Desde ese bosque podo ver os teus pasos
Na miña busca
Afinarei, repetirei a metáfora e consolidarei o instinto
Aquel que me leva a ti sen máis arma que a palabra.
As neves non desfán a inercia
Apostando polo imprevisíbel e deixar constancia
Do medo de terte que deixar coa morte.

 

HENRY ROTH

Abulquerque, posicionados cara o deslizamento de fronteiras
Nun novo mapa mundial
Para celebrar o amor
Nesa montaña de México
Millo azul e comida moi picante
Reclamando a non-inercia
Bailando o guaxalote
O asombro constante
E facer do vivido
Unha biografía experimental
Sincronizar os incendios
E crear a palabra xusta.

 

LAST DAYS

Se estes son os meus derradeiros instantes
Farei unha festa no monte
E cantarei “Hoxe é o día”
Pero vou vivir para amarte
O día que nacín eu Kurt morreu
Únenos o 5 de abril
Asimilar o drama
Contar e recordar
E recoñecer a pertenza a unha especie de tribo
Repousando en sofás vellos
E convertendo en po os fragmentos desleixados.

 

BOS E XENEROSOS

Berramos acotío
Con micro
Unha epifanía violeta
Somos bos e xenerosos
E escalamos sentimentos de pertenza
Eu que non pertenzo a nada
Agás a ti
Unha nación como un corpo
Transitar, percorrer, habitar.
Un fogar.

*

Foto: Brigitte Mohnhaupt, em Diez en mil.

Sobre o autor / a autora

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *