“Els límits del silenci. La censura del teatre català durant el franquisme”, de Sharon G. Feldman e Francesc Foguet

“Els límits del silenci. La censura del teatre català durant el franquisme”, de Sharon G. Feldman e Francesc Foguet

0 comentários 🕔11:35, 29.Nov 2017

{Ler teatro}

Hai uns meses publicouse un interesante libro: Els límits del silenci. La censura del teatre català durant el franquisme, de Sharon G. Feldman e Francesc Foguet (Barcelona, Edicions de l’Abadia de Montserrat, 2016). Segundo os autores, o presente estudo pretende unicamente aproximarse á delimitar cales foron as marxes do editábel e do representábel no caso do teatro catalán a partir, sobre todo, dos límites do «discurso permitido».

O libro, ademais dunha introdución e un colofón, divídese en oito capítulos: 1.- Os límites da censura e as súas consecuencias; 2.- O tramado institucional da censura franquista; 3.- A lexislación franquista en materia censora; 4.-A incidencia da censura franquista na escena catalá. Veñen logo catro capítulos nos que se estuda como tratou a censura a outros tantos autores: «Joan Oliver: “catalanismo y protesta social”»; «Manuel de Pedrolo: “la libertad contra la tiranía”», «Maria Aurèlia Capmany: “claves y afirmaciones tendenciosas”» e «Josep Maria Benet i Jornet: “con marcado tufillo separatista», as frases en castelán están tiradas dos informes dos censores sobre estes autores.

O primeiro capítulo é un achegamento teórico ao fenómeno da censura, un achegamento xeral, con exemplos tanto cataláns como españois e internacionais. A partir de teóricos e investigadores como Foucault, J. Butler, M. Holsquit, M. Carlson ou novelistas como Coetzee ou Rusdie, entre outros, intentase lanzar unha hipótese do que é a censura. Os autores do libro fan súa a hipótese (ou tese) Holquist: «un proceso dinámico no que existe un intercambio dialéctico constante entre a opresión e a rebelión». Pasan logo a falarmos da censura actual nas democracias contemporáneas (neoliberais). A censura nestes estados é múltiple e, á vez, subterránea. Subterránea porque son moitos os mecanismos que teñen os estados e as súas institucións para exerceren unha censura que non se percibe a primeira vista: as subvencións, por exemplo. E remítense ao caso do Teatre Lliure de Barcelona. Este Teatre quixo, en 1980, pór en escena O concilio de amor, de Oscar Panizza. Recibiu ameazas de tipo económico por parte do Estado: a retirada de toda subvención, polo que, finalmente, se quería sobrevivir tivo que ceder e a obra continúa, que saibamos nos, sen ser representada en territorio español. (Sobre o tema, véxase Julio Monteverde: «La soledad de los infiernos. El concilio de amor frente al poder (1894-1997), in Oscar Panizza, El concilio de amor, Logroño, Pepitas de calabaza, 2015, pp. 155-180). Mais nas democracias non só exercen a censura o Estado e a Igrexa, senón outros colectivos que aparecen por arte, como quen di, de birlibirloque. Hai tantos casos que sería interminábel enumeralos, mais pensemos no actor italiano Lelio Bassi, por exemplo. E un perigo maior para a liberdade non só do teatro e do escritor ou do artista –que ao cabo non sería máis que un reflexo do que acontece na sociedade–: a corrección política. Como escriben os autores, «Coetzee articula en termos irónicos o seu cinismo respecto á tendencia actual a privilexiar a protección de sensibilidades ou sentimentos individuais por riba da liberdade de expresión cando comenta: “Para alguén que non respecta a súa propia ofensa, é difícil respectar no sentido máis profundo que outras persoas estean ofendidas». En realidade, a censura exercida en nome da «corrección política» non é máis que o medo do presunto ofendido a que as súas crenzas non sexan verdade, a estar, digamos, equivocado. A corrección política é un dogmatismo que coarta todo tipo de liberdades e, xa que logo, a liberdade, sen adxectivos.

Despois deste interesante, e ás veces un pouco alambicado, capítulo, os autores describen a trama de institucións que desde 1937 argallou o franquismo para exercer a censura; censura que, evidentemente, non desapareceu nin coa morte do ditador nin coas primeiras eleccións democráticas, aínda tardaría en desaparecer… a censura directa: as outras continúan. Despois de desentrañar a trama de institucións, describen as leis censoras do franquismo. A pesar de que estes dous capítulos poden resultar un pouco, digamos, pesados, os autores alixéiranos con exemplos e transcribindo os nomes dos lectores e lectoras que traballaban para a censura das obras teatrais en catalán: curioso, como din eles, é encontrar entre estes lectores-censores un nome como o de Mari Luz Morales, a quen o franquismo durante os seus primeiros anos non lle permitía asinar co seu nome as traducións: usaba as siglas: M. L. M. Outros nomes coñecidos: Federico C. Sainz de Robles, ou Florencio Ruíz, durante moitos anos o crítico «oficial» de poesía do suplemento literario de ABC, etc, etc.

O cuarto capítulo entra en materia. A incidencia da censura na escena catalá. Tanto nos sentido dos libros que se publicaban, aínda que non chegasen a se representar as obras, como da obras que subiron aos escenarios. Comezan por 1939, cando toda expresión en catalán é prohibida. Até 1946, case non se representa ningunha obra en catalán, en Cataluña (en Mallorca e Valencia hai un pouco máis de «manga ancha». É a partir de 1946, ao cambiar o gobernador civil de Barcelona, que empezan a se representaren obras en catalán: sobre todo clásicos, ou obras politicamente neutrais ou francamente reaccionarias. Sábese, por exemplo, que houbo un «gran cabreo» cando a reestrea dunha obra de Josep María de Sagarra, o dramaturgo máis popular en Cataluña en tempo republicano, congregou unha multitude. Tal cabreo houbo que o gobernador civil, franquista e monárquico, mais non falanxista, tivo que «dimitir». Cando as obras fracasaban, o alborozo das autoridades franquistas era maior. Enumerar os casos que citan os autores sería interminábel, mais, como sempre, o lector ficará abraiado pola arbitrariedade total con que actuaba a censura. Curiosamente, quizais a arbitrariedade foi maior a partir da Lei Fraga de 1963. Neste apartado aparecen dous nomes galegos, que sempre aparecen cando se trata de estudos sobre a censura: Fraga de Lis, que cada mes mallaba cos seus artigos aos socios do centro galego de Madrid no boletín desta institución, e o perigoso José Pardo Hidalgo, que logo de deixar a censura a mediados dos anos 1950, foi un dos directivos da editorial Noguer, e cando esta se afundiu, pasou a traballar para Planeta. (Digamos que Pardo Hidalgo foi un dos fundadores do Centro Galego de Barcelona.) Miguel Dalmau, que artellou unha escandalosa biografía de Gil de Biedma, que tivo certo éxito; outra non menos escandalosa de Cortázar, que tivo xa menos éxito, de Cortázar, publicou hai case tres anos un libelo, que quería pasar por libro (escrito a catro mans cun tal Ramón Piña), titulado: La mala puta. Réquiempor la literatura española, na que trata a Pardo Hidalgo de «caballero».

A censura exercida contra o catalán era maior que a exercida conta os autores españois: aparte da censura xeral, estaba a censura contra o idioma. Para que se autorizasen as representacións, había que axustarse a catro condicións: 1) só se podía estrear unha tradución ou adaptación estranxeira por cada catro estreas de obras orixinais de autores cataláns por temporada; 2) non se podía estrear, en catalán, ningunha obra estranxeira até que non pasasen dous anos como mínimo da estrea no país de orixe «agás que se acreditase por escrito a autorización do tradutor da versión castelán ou da compañía posuidora dos dereitos que tiña que manifestar explicitamente que non proxectaba estreala na “rexión catalá»; 3) aínda que pasasen os dous anos, se había unha versión castelá da obra, era necesario tamén o permiso do tradutor para estrear a versión catalá, «e, para complicalo aínda máis, 4) toda tradución ou adaptación dunha obra estranxeira que se estrease en catalán non podía manterse en cartel máis tempo do que figurara “la obra original de mayor permanencia en la temporada anterior”».

Finalmente veñen os estudos sobre os catro dramaturgos catalás máis castigados pola censura española. Evidentemente, polo só feito de escribir en catalán xa estaban no ollo da censura. E se eran exiliados que volveron, como Joan Oliver (Pere Quart), a vixilancia da censura era maior. O teatro de Joan Oliver, á parte de La fam, a peza que maiores problemas tivo coa censura, non deixaba de ser un residuo do teatro burgués que triunfou antes de 1940, con algunhas engádegas un pouco máis modernas e un subfondo político que, supomos, era o que molestaba aos censores, xa que estes, cando falan da forma (sic) din demasiadas parvadas. Pedrolo, que puido ser un interesante autor teatral, morreu como dramaturgo afogado ou autosuicidado pola censura (digamos que Martin Esslin, no seu capital libro sobre o teatro do absurdo (El teatro del absurdo, Barcelona, Seix & Barral, 1966), estuda a dramaturxia de Pedrolo: até hoxe, aínda que anticuado, talvez o mellor estudo sobre o teatro deste escritor catalán, que, por outra parte, talvez foi escritor de todo o Estado máis castigado pola censura. Tan castigado que só puido estrear Aquesta nit tanquem (esta noite cerramos), que estivo a piques de ser prohibidas, despois de varias supresións, no ano 1977!!! Maria Aurèlia Capmany foi unha ponte entre o de tipo máis ou menos existencialista –ao cabo, odres vellos para contidos novos– e o novo teatro, de raíz brechtiana (odres novos para contidos «eternos») que empezaba a darse en Cataluña. A súa mellor obra, na que a influencia de Brecht, e do teatro documental alemán, é máis patente, Preguntes i respostes sobre la vida i la mort de Francesc Layret, advocat dels obres de Catalunya, escrita en colaboración con Xavier Romeu, tivo que publicarse en París, nas Edicións Catalanes, en 1970, e até 1976 non puido publicarse en España: foi representada ao ano seguinte, aínda que en barrios obreiros e en escenarios de parroquias, se representara clandestinamente en tempos franquistas. O maior, en calidade e cantidade, autor dos catro estudados e Josep María Benet i Jornet, en cuxas primeiras obras se cebou a censura. Benet i Jornet foi, á parte de Espriu, e o fenómeno de O retablo do frautista, de Jordi Teixidor (obra que superou as mil representacións en tempo franquista), o dramaturgo máis popular nos últimos tempos da ditadura e anos posteriores, até que se converteu nun verdadeiro obradoiro de argallar series televisivas, que a partir dunha idea inicial súa, ou duns primeiros guións seus, interviñan ducias de guionistas, xa que algunha das series chegou a case mil capítulos. (Unha curiosidade: O retablo do frautista traduciuse ao español e foi representada, permiso concedido pola censura, polo grupo Tábano. Mais á segunda representación da obra, foi prohibida: o Burgomestre aparecía con cana de pescar e acento galego, polo que lembraba a Franco, e o xefe da milicia, toco e cosco, a Millán-Astray.)

En fin, o presente libro non só mostra as arbitrariedades da censura e de como a censura pode «arruinar» un dramaturgo, un escritor, senón, tamén, que a censura franquista non se dirixía soamente conta o contido da obras, senón contra o idioma en que estaban escritas. É dicir, o escritor en castelán enfrontábase a unha férrea censura. O escritor, o dramaturgo en catalán sabía que polo simple deito de estar escrita a obra na súa lingua, a censura sería aínda máis dura: o idioma en si xa era censurado.

A censura era un instrumento máis do xenocidio cultural que se intentou perpetrar en Cataluña. Xenocidio que, a partir da derrota dos fascismos europeos en 1945 non podía realizarse de forma «aberta», tal e como intentara levarse a cabo de 1939 a 1945.

Nestes momentos de resurrección do nacionalismo español máis cutre, cómpre dicirmos ben alto que estes resurrectos son herdeiros do franquismo e que como o franquismo queren, simplemente, outra vez, cometer un xenocidio cultural en Cataluña… e de paso non só en Cataluña, baixo formas máis ou menos «democráticas» ou amparadas pola «lei». E para afirmarmos isto último non fai falta ser independentista, senón mirar a realidade de fronte e as manifestacións de dirixentes políticos e ministros do PP e outros.

En fin, un libro que paga a pena ler e do que se poden tirar ensinos para o presente.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *