– Palavra Comum: Que é para ti a arte?
– Antón Patiño: Un xeito de achegarmos ao descoñecido. Cando sentes a vibración do novo, a respiración do que aínda non existe. Cando agroman impulsos vitais e creativos nunhas configuracións simbólicas inéditas. Unhas obsesións que van tomando corpo e nun momento determinado saen cara fóra… A arte para min representa unha ponte co outro lado da existencia, co ámbito nocturno e os eidos do inconsciente. Trátase dun xogo a vida e morte que latexa 24 horas ao día. Para min a arte é sinónimo de sentimento oceánico, vida na ebriedade do infindo.
– Palavra Comum: Como entendes e realizas, no teu caso, o processo de criação cultural e artística?
– Antón Patiño: Traballando e facendo esculcas non produtivas. Xogando, imaxinando e desenvolvendo na vida cotiá actividades que representan unha ximnasia heterodoxa da mente. Activando a resistencia poética e sensorial. Deixando moito espazo ao inconsciente. Camiñando, lendo, axexando o mundo, abrindo todas as xanelas. Regando polo miúdo unha planta chamada liberdade.
– Palavra Comum: Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre as artes plásticas e as outras artes (literatura, fotografia, audiovisual, etc.)? Que experiências tens, neste sentido?
– Antón Patiño: Coido que hai sinerxias e fonda solidariedade entre as distintas ponlas da creación. As vangardas do XX amosan esa realidade que xorde do decisivo laboratorio de experiencias que foi o romanticismo coas súas variantes posteriores coma o surrealismo ou situacionismo. Talvez hai unha raíz común creativa, unha sensibilidade poética compartida que se expresa ao través de distintos soportes e materiais. Participei en aventuras de grupo: “Loia”, “Colectivo da Imaxe”, “Rompente” e logo “Atlántica” ou “Microfisuras”… Nestas propostas houbo moito de experimento, debate, trasvasamento e descubertas entre distintos medios de expresión. Sempre dixen que as esculcas colectivas da mocidade foran a miña universidade.
– Palavra Comum: Que referentes (estilos, criador@s, etc., num sentido amplo) tens no teu trabalho criativo?
– Antón Patiño: En canto a movementos: o romanticismo, o surrealismo, o dadaísmo, a action painting, a arte povera, fluxus, o situacionismo, o letrismo, o posminimalismo, o atlantismo… Autores son moitos e con distintas orixes, mais sempre se poden dicir uns nomes que están aí perto, na galería libertaria de sombras familiares. Adoitan ser compañas heterodoxas, só creo nas marxes. Vai unha ringleira… María Zambrano, Rosalía de Castro, Max Ernst, José Ángel Valente, Reimundo Patiño, Antonin Artaud, Uxío Novoneyra, Georges Bataille, Manuel-Antonio, Maurice Blanchot, Le Corbusier, Gilles Deleuze, Antonio Saura, Lyotard, Sigmar Polke, Lois Pereiro, Luis Pimentel, Tàpies, Victor Hugo, Louise Bourgeois, Octavio Paz, Pessoa, Joan Miró, Cunqueiro, Henri Michaux, Walter Benjamin, J. E. Cirlot, Luis Seoane, Pollock, Kafka, Monet, John Cage, Gaston Bachelard, Samuel Beckett, Luis Barragán, Chirico, Picasso, Gicometti, Susan Sontag, Jean Dubuffet, Buñuel, Francis Bacon, Lezama Lima, Rof Carballo, Beuys, Eva Hesse, Otero Pedrayo, Baudrillard, Joyce, Bob Marley, Severo Sarduy, Urbano Lugrís, H. Bergson, Pasolini, Marcel Duchamp, Rafael Dieste, Brancusi… entre outros.
Hainos vivos tamén: Jonathan Borofsky, John Berger, Jannis Kounellis, Georges Didi-Huberman, Rosalind Krauss, Bruce Nauman, Enzo Cucchi, Andrés S. Robayna, William Kentridge, Susan Rothenberg, Laurie Anderson, Carlos Oroza, Anselm Kiefer, César Portela, Richard Serra, Manuel Rivas, Bob Wilson…entre outros creadores de hoxe que desenvolven un traballo moi sedutor para min.
Estou aberto a traballos e suxestións moi diferentes, a relación podería ser mesmo case interminábel… Nótase ben que nacín nunha libraría…(o chamado Efecto “Librouro”).
– Palavra Comum: Que opinas sobre a recepção (crítica, público, (re)conhecimentos, etc.) do teu trabalho? Que botas de menos?
– Antón Patiño: A arte é un singular proceso de comunicación (pois nace dende o pensamento salvaxe) onde se cadra o máis importante é lanzar preguntas arriscadas. Mover e axitar os marcos das regras de xogo, subverter a sintaxe predeterminada e non respectar os códigos do consenso. Fuxir das lindeiras establecidas. Intuír onde está o caduco (detectar a materia inerte). O que os vangardistas Dalí, Buñuel e Lorca chamaron con rebelde precisión “os putrefactos”. Desenvolver interrogantes provocadoras. Avanzar aínda que sexa dun xeito tatexante cara o territorio do inédito, coleccionar sorpresas a descubertas a eito… Poñer en pé daquela as preguntas que coidamos esenciais. Algo disto fixeramos Xavier Seoane e mais eu nun manifesto libertario que se chamou Hai suficiente infinito, que non tivo tan sequera acuse de recibo na sociedade galega. Escrito contra o remate do século, dacabalo xa case da fronteira do 2000. Sempre se pode mellorar o grao de recepción do traballo de cadaquén, cada artista coida sempre que é un incomprendido, que se valora pouco o traballo dun propio. Non se pode nunca renunciar á liña da utopía marcada na adolescencia. Hai que fuxir da estancia dos soños estragados. Escapar a modo do cuarto do desexo avariado. Cómpre reflectir a memoria da complexidade vital, teimar no pouso máis fondo da raigame metafísica. Son experiencias-caosmos subxectivas, feroces sinestesias utópicas, heterodoxas esculcas persoais que tentan reconstruír o labirinto dun propio mais sempre coa vontade transpersoal dun anceio experimental de universalidade.
– Palavra Comum: Que caminhos entendes seria interessante transitar nas artes, nomeadamente na comunicação com o público e a sociedade hoje?
– Antón Patiño: O capitalismo do espectáculo tenta eliminar todo posíbel referente de trascendencia, memoria e identidade. Ten vontade despótica de dominación xerando unha dimensión única do tempo vinculada a unha aceleración espectral, nunha alienante vertixe cara ningures. Son diferentes imaxinarios os que poderiamos atopar nun universo aberto, libre e plural, mais na sociedade administrada alén da gaiola de ferro transformada nunha inexorábel lei do desexo figura que non hai case nada. Todo é polo miúdo falsa percepción, moreas de imaxes instrumentais, ruín colonización pueril, brillante banalidade a esgalla, eficaz condutismo xeralizado, edulcorada amnesia programada. Vivimos mergullados nunha alienante sedución hiperreal. Fican poucos ámbitos de liberdade (nisto estou co diagnóstico implacábel dos inesquencíbeis Adorno+Horkheimer). Por iso a arte e mais o pensamento crítico son moi necesarios, precísanse case a xeito de antídotos.
O espazo da liberdade artística axuda a construír unha verdadeira vida. Traza os alicerces cara recuperar unha ponte cos sentidos.
– Palavra Comum: Como ves, desde a distância física, Galiza e a cultura galega, em geral? Como seria a Galiza imaginária em que te sentisses plenamente cômodo, e que há dela na actualidade?
– Antón Patiño: Non teño distancia coa realidade cultural galega, o meu fogar fóra é tamén un anaco máis da Galiza extraterritorial. Para Galiza foron importantes figuras como Castelao, Luís Seoane e Reimundo Patiño. Os tres conseguiron manter viva unha idea do país, fermosa e utópica… que bateu contra o Principio de Realidade. Tres contextos xeracionais que reflicten os atrancos de distintos contextos históricos.
Un dos problemas é que a sociedade galega figura non mirar cara adiante. Aínda non avanzamos cara unha sociedade laica e moderna, onde a autodeterminación persoal sexa o eixo da liberdade. A instrumentalización do poder autonómico (fusionado co actual dominio neocon) están a deixar na sociedade galega feridas culturais moi fondas. Haberá pasar tempo cara superar a modo as secuelas da chamada “crise” e aos poucos reconstruír paseniñamente un urdido simbólico (case terapéutico) que neutralice os estragos desta anomia antropolóxica provocada e a masoquista desfeita do autoodio, moi interiorizado.
Coido que no momento actual o Efecto Esperanza aparece no horizonte… Haberá ser a xente nova, a mocidade, coma sempre, a que máis loite cara osixenar o espazo do común. Eles son os que gardan o instinto do futuro. Precisamos novas cartografías para fuxir da incerteza.
Por outro lado, a única aportación de seu que pode facer a cultura galega é a que teña unha ambición universal, xa dende a súa xénese. A que estea afastada de medos e moi lonxe (a anos-luz) dunha atmosfera de covardía pactada.
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Antón Patiño: Estou a piques de rematar un ensaio sobre a percepción. Tamén quero depurar moitos apuntamentos que fixen de teoría estética (parellos ao proceso de creación). Agora sae un longo escrito chamado: Libro dos Lugares, publicado na Editorial Elvira e tamén un libro de poemas en Xerais: Teoría do riso.
No eido artístico hai varios proxectos, así mesmo. Accións, ideas e propostas que estou a levar adiante agora no obradoiro. Todas xiran ao redor do concepto de infinitude e límite, o espazo continuum e as lindeiras físicas, na procura dunha plenitude expansiva. Quero realizar tres ou catro exposicións en espazos amplos que permitan amosar unha panorámica do que estou a facer.
– Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?
– Antón Patiño: Simpatizo moito coas ideas e o criterio transversal de “Palavra Comum”, de fusión de medios expresivos, e coido que pode ser unha fiestra importante cara á creación e ao pensamento crítico (nun tempo onde foron esmagados moitos espazos na prensa). Vexo un certo atranco técnico na páxina web, non é doado atopar os contidos do arquivo. Os traballos parécenme excelentes en xeral, con aportes mois bos. Figura abofé que aínda hai moita xente en Galicia con gañas de traballar.
NOTA: a fotografia do autor é de Menchu Lamas.
You might also like
More from Antón Patiño
Plenitude do baleiro en Giacometti, por Antón Patiño
"O adeus de Giacometti" vén ser unha consigna privada que coido condensa a plenitude dende o lonxe. O traballo de …
Furna de Fingal. Viaxe a Escocia
Unha natureza vibrante, dunha dimensión interminábel, onde o longo horizonte vai reflectir unha beleza profunda. Mar, lagoas, terra, ceo… entremesturados …