Pepe Cáccamo: poesia visual

No url attribute defined!
«Todo o traballo de Xosé María Álvarez Cáccamo e o seu compromiso vital e social son testemuño dunha actitude poética excepcional que sempre o situou alén de calquera camiño poético doado, á marxe das regras máis convencionais da industria cultural e rebelándose contra os valados das convencións dominantes.
Desde o plano estritamente estético tamén é un creador que se posiciona nun territorio liminar, no gume que baliza as fronteiras das disciplinas e xéneros tradicionais (prosa que é poesía, poesía que é narrativa, objects trouvés que son poesía…). Aos poucos, mais dun xeito constante, a obra de Pepe Cáccamo foi consolidándose como un universo singular en expansión que ten alicerces profundos na cultura galega (as pezas desta exposición son un exemplo destas raíces) e que dialoga abertamente coas correntes máis innovadoras da poesía e das artes do mundo contemporáneo.
A mostra insire a creación plástica do poeta no vieiro aberto por Stéphane Mallarmé, Marcel Duchamp, André Breton, Meret Oppenheim, Joan Brossa ou Ángel Ferrant, conformando un conxunto de realizacións que seguen o ronsel da poesía visual, da arte povera e da arte conceptual.
O traballo de Pepe Cáccamo xira en torno á palabra e a figuración plástica. Cómpre termos en conta que poesía e artes plásticas son dúas prácticas que se definen pola súa condición artística, é dicir, como dúas prácticas que moran no mesmo mundo: o territorio da arte, o campo da estética. Teñen un mesmo calado categorial e, xa que logo, son dúas artes lexitimadas, comparadas e comparábeis.
Operacións de apropiación e manipulación “poética” dos obxectos como a realizada polo noso artista non cuestionan este presuposto da común artisticidade, mais reforzan o noso sentido reflexivo sobre a representación e a realidade. En certo sentido estas operacións revelan que as imaxes provocan en nós reaccións, respostas complexas que superan as súas simples calidades formais (léase O poder das imaxes de David Freedberg). Para a súa contemplación convén ter en conta o que afirmaba Roland Barthes sobre a fotografía e as respostas que suscitaba. O pensador francés dicía que para ver unha fotografía integramente cumpría combinarmos dúas voces: “a voz do banal (o que todo o mundo ve e sabe) e a voz do singular (para impregnar o banal de todo o sentir dunha emoción que apenas a min me pertence)”. Esta postura semella  que é a que toma Pepe Cáccamo con estas pezas, mais tamén, o que é moito máis importante, a que nós podemos tomar, e deste xeito podemos completar, como nunha disección ollar máis pormenorizadamente o obxecto.
Nas diferentes creacións reitéranse as referencias ao mundo literario, comezando polo título de Underwood, que procede dun coñecido poema vangardista de Pedro Salinas, salientando a presenza dos poetas galegos Eduardo Pondal e Manuel Antonio. Entre as pezas expostas por Cáccamo cómpre salientar obras como O telégrafo de Manuel Antonio, unha máquina de escribir arcaica en cuxo rolo podemos ler fragmentos do poeta vangardista galego en colaxe con outros anacos dun libro técnico en inglés que é unha guía de faros para navegantes. Trátase dun brillante xogo intertextual de precisa presenza visual. Outro salientábel traballo de inspiración poética é Cóncava furoca, na que un axente 007 dispara un poema de Eduardo Pondal no que se poden ler as palabras do título que proceden dun verso do autor do Himno Galego.
O mundo da escrita, constante nas diferentes creacións, aparece en obras como Organígrafo ou Pasantía, un pequeno encerado infantil con anacos de fita métrica e sedimento de lapis afiado. Neste caso o resultado acada un universo evocativo cheo de suxestións, coa memoria infantil como catalizadora.
En todo este labor o poeta actúa de xeito lúdico e reflexivo, gozando coa arte do refugallo e coa recomposición irónica. Son obxectos naturais interpretados ou incorporados, obxectos atopados e transformados que se converten en vehículos para a pura comunicación poética.»

Carlos L. Bernárdez