Estes días, despois de vela circular de muro en muro polos portais do facebook, chegou a min, da man de Verónica Martínez, unha petición para facer unha listaxe cos dez libros que me marcaron co seu estigma despois da súa lectura. Ela, Verónica, engadía un filtro á súa petición, libros lidos antes dos vinte anos. A miña primeira reacción ao recibir o pedido, foi a de rexeitalo sen dar máis explicacións, alén dunha negativa rotunda. Despois duns días e de varias charlas coa propia Verónica sobre o tema, decidín dar unha forma distinta á dunha simple listaxe á miña resposta. Nas conversas mantidas con ela, non dei as claves do meu cambio de actitude, mais agora, si considero que podo aclarar a resposta inicial e a mudanza posterior.
Orixinariamente, a preguiza e a efectiva falta de tempo, facían imposible unha reflexión demorada sobre o contido desa enumeración. Por que uns e non outros ou mesmo por que o intervalo até os vinte, eran preguntas que, posiblemente, levaría máis tempo resolver que o propio contido da mensaxe. A constancia e o poder de persuasión de Verónica, ás veces moi relacionado co esgotamento diante da súa implacable insistencia, fixeron que afrontase a cuestión dende outra perspectiva. Como separar as lecturas daquel ou doutro tempo, da miña experiencia vital e de cada un dos momentos que a conformaron? Coido ter aclarado nalgunha ocasión que a miña vida como lector comezou de xeito tardío. Tan só nos últimos anos dunha longa adolescencia, até que marchei de casa para estudar a enxeñería, dei atopado na lectura o acubillo preciso para dar resposta a moitas das preguntas que, como adolescente nunha sociedade problemática, ían ficando sen ela. A falta de recursos nese período facía que as futuras lecturas chegasen de dous xeitos, alén dos poucos libros que iamos adquirindo de novo (na mesma librería que hoxe anuncia o seu peche por melancolía), entre os meus irmáns e máis eu. Por unha parte, a biblioteca pública de Narón, que fornecía das novidades precisas para manterse ao día dentro do noso sistema literario así como do sistema do estado español.
Os grandes clásicos e esoutros non tan grandes, proviñan dunha tenda de libros de segunda man, hoxe pechada, pero que en tempos estaba na ferrolá rúa Magdalena (se non erro). Neste establecemento vendían libros de segunda man ao peso, polo que podiamos facernos cunha inxente cantidade de volumes a un prezo mínimo. O seu baixo prezo, normalmente, viña ligado, tamén, á baixa calidade das súas traducións. Aínda é hoxe o día en que, relendo aquelas lecturas pero en volumes de tradución coidada ou mesmo en edicións bilingües, atopo grandes diferenzas na significación, o que me abre campos inmensos na reinterpretación dos textos. Chegadas de todos eses lugares que me proporcionaban lecturas, podería destacar moitas, pero, se cadra, algunha cunha importante influencia posterior. Entre os primeiros libros, resaltaría un ensaio escrito por Thomas Mann sobre a obra de Wagner, Nietzsche e Shopenhauer. Daí, pasar ao amor romántico do Werther de Goethe foi case unha obriga, dado o efémero da súa existencia e a fraxilidade da mesma. Logo viría Flaubert coa súa Madame Bovary e Fausto para recuncar con Goethe. Voltaire achegaba unha compilación de obras nun único volume. Reencontro de Fred Uhlman. Baudelaire coas súas Flores do mal, os seus Paraísos artificiais ou La Fanfarlo, abriu unha senda que se volvería necesaria, para descubrir o que viría despois, inserido dentro da literatura francesa. Thomas Quincey co seu Inglés comedor de opio, do que falaría Baudelaire. Rimbaud e as súas Iluminacións, nunca descubertas na súa completa extensión. Whitman, para rematar, coas súas Follas de herba, que, co tempo e anos despois, darían pé para unha visión moi crítica sobre a conformación dos Estados Unidos, nas súas Democratic vistas. Mais, como esquecer aquel Zaratustra de Nietzsche, que serviría de inspiración para unha pequena obra teatral, premio Dorneda aló polo 1995.
Efectivamente, non podería separar estas lecturas do contexto da miña vida. Do mesmo xeito, non podería separar a interpretación que fixen delas, da maneira no que foron conseguidas e da calidade das súas traducións. Dou en pensar que, se no canto de lelas naquelas edicións baratas e mal propostas, o fixese, como no caso do Zaratustra en tradución de Sánchez Pascual, en volumes de edición coidada e rigorosa, o que eu entendo da literatura universal e mesmo o que eu escribo, despois de filtrar a bagaxe, posiblemente equívoca, coa realidade dos meus anos mozos, distaría moito do que estou a facer hoxe en realidade. O que me dá como resultado que o meu traballo no mundo da literatura é tan equívoco como a interpretación das lecturas que teño feito na miña adolescencia. A que non é en absoluto errada, iso podo aseguralo malia todo, é a diversión que me proporciona hoxe a escrita, como no seu tempo me proporcionou a lectura daquelas obras.
You might also like
More from Alberte Momán Noval
Erótica, de Alberte Momán
Erótica (PDF), de Alberte Momán Naval, é mais uma obra anteriormente publicada na Arcosonline, um projeto digital de Victor Domingos.
“O desexo”, pintura e poesía (II)
Estase a realizar unha exposición colectiva dos pintores Xulio Maside, Xoán Pardiñas e Fernando Riveiro (no Pazo da Cultura de …