XVII
Eva Lúa pedía sempre un dobre de xenebra.
Bebíao sen un respiro; logo reclamaba con voz de ortiga
unha cunca de té. Para lerme, dicía, nos pousos o futuro.
Eva Lúa tiña a beleza xusta da froita en sazón.
O tacto misterioso, carnal, que adoitan as magnolias.
Eva Lúa recendía a melaza e a verán
e aparecía densa, humana e moi sensual
no Whisky club, as noites que chovía.
E logo de beber cumpridamente,de rir e modular cancións
con ese acento seu, de almiscre e de canela,
concentrábase nos pousos do té.
Vexo -musitaba, lambéndome cos ollos…-
unha alma triste, moi triste
que está preto de ti.
Alma de seda que te adora.
Sen que ti o saibas.
XVIII
Tiña os ollos transparentes e cándidos
e adoitaba expresarse con tímidos acenos.
Era moi reservada, moi calada de seu…
Despois do sétimo día de nos coñecer
logo do cuarto cóctel e tres cubatas,
como múltiples ás, nacéronlle as palabras.
Nun intre, fíxome
unha embarullada e volátil declaración de amor.
Mentres eu sostiña entre os meus brazos
o seu corpo de bolboreta colocada…
A ritmo de rock and roll.
XIX
Entraches no club toda chea de orballo.
Abelorios de auga na túa pel escura.
E un sorriso de neve asomado aos teus beizos.
Xamais te vira alí.
Foi coma se de súpeto, flor recendente e líquida,
agromases da noite.
E a luz foi un lampo, tan breve e infinito
nese instante de verte.
Nese momento íntimo
que quedaches en min…
XX
Deixamos de bailar. Mireime nos teus ollos
e vin de pronto neles un fulgor de promesas…
E nos teus ombros nus, a albura dunha praia.
E unha onda incesante, un canto de marea
silenciou outras voces.
E a música, asumiu o teu corpo
nese espazo de sombra
cando eu te abrazaba.
XXI
Carraxe e desexo axitáronme a un tempo.
Ao tempo que bebía, e esnaquizaba a copa
mentres te contemplaba a través dun espello.
Nese íntimo abrazo
do que eu estaba ausente.
You might also like
More from Chelo Suárez
O gato de Hilario
Hilario volveu de América máis pobre que marchara. Para disimular a súa frustración, presumía diante dos colegas de ter vivido …
Emulando a Juan Eduardo Cirlot
Recreando ao meu admirado poeta Juan Eduardo Cirlot. Meu pranto Meu pranto é a cruz que me condena, meu pranto vai pola xustiza …