A obra de Stendhal foi, durante moitos anos, os deberes por facer da esquerda francesa e, por extensión, europea. Sobre todo da esquerda máis ou menos marxista. O exemplo «literario» desta esquerda foi, sempre, Balzac: a sombra de Marx e Engels era longa. A partir dalgunhas frases dos fundadores do marxismo, os seus herdeiros intentaron demostrar que era o grande escritor do século XIX e que se alguén quería converterse en escritor (novelista) guía do proletariado debía remitirse a el, a Balzac. Tal foi a influencia de Marx e Engels e, claro, de Lukács, que sistematizou –á súa maneira, e cun gusto completamente de gran burgués– as devanditas frases: en todos os libros sobre literatura do húngaro plana a sombra balzaquiana, cuxo herdeiro maior, e, xa que logo, o grande escritor da época, era Thomas Mann (todo isto, claro, segundo o filósofo húngaro). Ninguén vai negar a calidade literaria nin de Balzac nin de Mann, mais nin un nin outro foron os grandes escritores da súa época. Nin mesmo do seu país –ou da súa lingua.
No século XIX en Francia poden disputarlle, tranquilamente, e chegar antes que el á meta, ese título de grande escritor outros escritores, outros novelistas: Flaubert e Henri Beyle, coñecido como Stendhal, sobre todo. En Francia, nos círculos marxistas, dominados polo PCF até ben entrados os anos 1950, o escritor de referencia continuaba a ser Balzac. Houbo que esperar a que a Louis Aragon se lle ocorrese dicir que el prefería a Balzac, e que lamentaba que tanto Marx como Engels non o lesen no seu día, para que se levantase unha especie de «veto» invisíbel que parecía existir sobre a obra de Stendhal no interior do Partido comunista francés e, por tanto, entre os seus «intelectuais». Mais, así e todo, aquí non acabaron os «problemas». Un dos escritores orgánicos do PCF, até que marchou del a raíz da invasión e Hungría, Claude Roy, foi un dos primeiros intelectuais do PCF en lle dedicar unha monografía ao autor d’A cartuxa de Parma (Stendhal par lui même, 1ª edición, 1951, a que manexo). Pasa a tira de follas a intentar convencer ao lector de que Stendhal, cousa que sabía todo o mundo, era demócrata: menos páxinas lle dedica á súa obra literaria, infelizmente.
Con todo, e durante moitos anos, a figura de Stendhal, a súa obra, alimentou malentendidos. Os marxistas «revisionistas», entendendo estes aqueles que para escapar do stalinismo e da súa influencia intentaron unha nova lectura dos «clásicos» á vez que «aggiornaban» o marxismo converténdoo nunha especie de christianism for socialism, acusaban, por exemplo, a Lukács de que no seu día non elixise a Stendhal contra Balzac: ao cabo aquel era o que non era este: un demócrata dos que nun tempo se deu por chamar «socializante». Estes marxistas «revisionistas» acababan por demostrar que se ben Lukács se equivocou, enormemente, sobre literatura, eles nin entendían a Lukács e sobre literatura talvez non sabían tanto como o autor de Historia e consciencia de clase. Para entendermos a Lukács na súa complexidade, porque tamén era complexo, hai que empezar por entendermos o seu concepto de ideoloxía.
O húngaro define a ideoloxía como un complexo de relacións e de ideas que teñen como función, por definición, servir para a resolución de conflitos sociais (e poden incluír, xa que logo, a defensa do statu quo social –e político). Lukács enrólase e as moitas páxinas que dedica ao tema non poden ser resumidas aquí (quen teña máis paciencia que lea o volume IV da súa inacabada Estética, aforro así reducións inútiles e perigosas). Mais continuemos. Lukács estabelece unha distinción entre os tipos de ideoloxía que teñen unha función práctica directa (as ideas políticas ou xurídicas, e tamén as relixións, cuxo papel, Lukács dixit, é de intermediario entre a política e a filosofía), e os complexos de relacións ou de ideas que tanto son xeradas polos conflitos sociais da época como polos imperativos da súa solución, e realizan esta actividade por mediacións múltiplas, non mediante unha influencia práctica directa, senón visando as aspiracións da especie humana na súa integridade: isto designa a arte e a filosofía. Isto, é dicir, esta distinción, volvendo reducir o húngaro a uns niveis máis que vergoñentos, permítenos comprender o complicado proceso de mediación e de xeneralización que pasa, no acto da creación artística, o impulso xenético orixinario, cheo das contradicións sociais e históricas do momento. E non continuamos porque debería reproducir páxinas e páxinas deste libro inacabado de San Lukács evanxelista. Ao que queríamos ir: os estudos de Lukács sobre Balzac. Para nós (un montón de xente e máis eu), Stendhal (como novelista, como narrador) é superior a Balzac: por que, xa que logo, o húngaro non estuda a Beyle –por outra banda, politicamente máis progresista que o autor d’A comedia humana– e si a este último, politicamente reaccionario? Non vale o famoso dito de Marx sobre Balzac (que foi o alibí de tantos e tantos que nos recomendaron até o aburrimento a lectura do escritor francés), nin que desde unha perspectiva marxista clásica, Marx, Engels, Lenin… saibamos que unha ideoloxía retrógrada coexiste, pode coexistir, cunha creación artística grandiosa no espazo dunha mesma e soa personalidade. (Aínda que as cousas non son tan simples: hai anos, Olivier Revault d’Allones –«La désublimation libératrice», en Vers une esthétique sans entrave. Mélanges, Mikel Dufrenne, París, 10×18, 1974, p. 169– observaba que semellante separación «corre o perigo de se converter nunha separación “abstracta”». E citaba o caso de Céline no que, ao amalgarmos nunha unidade non diferenciada as súas novelas e os seus panfletos fascistizantes, un espírito lúcido pode descubrir un vínculo interno entre os dous planos: o pesimismo atroz que quere desmitificar todo e revolverse, mais tamén unha vontade de aldraxar, de humillar, de macelar e de reducir o ser humano á condición instintiva e de existencia larvaria. O que non fai máis que prefigurar, segundo Olivier Revault, o delirio «fascistizante» e o seu «pesimismo heroico». E o mesmo acontece con Kleist, cuxas obras maiores son, como demostrou Lukács, invalidacións categóricas dos seus prexuízos ideolóxicos e políticos. Mais continuemos con Lukács e Balzac. Por que escolle Lukács a Balzac? O noso filósofo comprendía perfectamente o vínculo entre a natureza da creación artística e as opcións ideolóxicas do escritor francés dunha maneira extremadamente matizada: mostra, por exemplo, que o realismo implacábel de Balzac na crítica da burguesía e do capitalismo, superior neste punto á de Stendhal, non deixa de ter relacións coa súa ideoloxía lexitimista e que, dunha maneira aparentemente paradoxal, son xustamente «as ilusións progresistas» da ideoloxía de Stendhal que explican a súa relativa cegueira perante os aspectos violentamente negativos das formas de vida burguesa durante a Restauración. Tal análise permite ao húngaro desvelar as implicacións negativas do liberalismo e do progresismo burgués na creación de certos escritores do século XIX (Byron, Hugo, Zola). Todo isto é vello como o recordo. Aínda que tamén é certo que non se comprende, desde esta perspectiva, o «negativismo» do húngaro cara aos grandes nomes do romanticismo… e outros.
Está claro que nin os marxistas «oficiais», nin os marxistas «revisionistas», oficiais ou non oficiais, entenderon nin a Lukács, nin a Balzac nin, finalmente, a Stendhal. Mais tiñan que «xustificar» a súa preferencia por este último, de aí os malabarismos que fixeron coa súa obra.
Mais deixemos todo iso, son vellas historias que, con todo, talvez conveña lembrarmos de cando en vez. No longo parágrafo dedicado a Lukács falabamos da «relativa» cegueira de Stendhal a respecto dos aspectos violentamente negativos das formas de vida burguesa da Restauración. Relativa, volvemos subliñar, porque en última instancia, nas súas obras e en moitos dos seus panfletos, o que intenta Beyle é desenmascarar, precisamente, a ideoloxía do «progreso», as «ilusións progresistas». Que non chegase até o fondo hai que comprendelo pola época en que lle tocou vivir, e, tampouco hai que esquecelo, a «ilusión do progreso» era o estandarte de todas as seitas proletarias e revolucionarias que existían no tempo de Stendhal e máis alá, até a aparición de Auguste Blanqui –sempre estamos a nos referir á esquerda social e política do XIX: a dereita era outra cousa, e o seu anti-progresismo ás veces é, simplemente, preludio do fascismo: Joseph de Maistre, Bonald, Donoso Cotés en España, etc., penadores lúcidos, mais prefascistas e ultraconservadores. Seitas que estaban, a maioría, influídas polo saint-simonismo. E é precisamente contra Saint-Simon e os saint-simonistas que en novembro de 1825 Stendhal dá ao prelo un panfleto: Dun novo complot contra os industriais –cuxa tradución se segue. Entregamos a tradución deste panfleto, a noticia que lle puxo Henri Martineau ao panfleto no volume Mélanges littéraires II, París, Le Divan, 1933; a recensión aparecida no xornal Le Globe; a recensión (sic) resposta dos saint-simonianos, no xornal que é o albo de Stendhal, Le Producteur; e, por último, a carta que este envía ao director do devandito xornal (os textos poden buscarse doadamente en Gallica).
Tanto os textos de Stendhal como as recensións falan por si sós, mais digamos algunha cousa. Hai que observar que o texto de Stendhal, escrito hai case 190 anos, contén un fondo de actualidade case total. E as respostas dos saint-simonianos, igualmente. Mais mentres un se situaría, hoxe, no bando do que se chama «alternativa democrática», a outra estaría no lado máis intelixente da clase dominante. Non imos facer unha crítica do saint-simonismo, nin descubrir o que este significou para moitos proletarios (véxase Jacques Rancière, La nuit des proletaires), mais o certo é que o saint-simonismo foi, en última instancia, unha ideoloxía «progresista» da dominación. Unha ideoloxía que, hoxe, continúa a estar en boga, de moda. Expliquémonos.
Hai uns meses apareceu un libro que cando isto se publique talvez xa estea traducido ao español (difícil, e infelizmente, verémolo en galego): O capital no século XXI, de Thomas Piketty (París, Éd. du Seuil, 2013). Este libro só pode parecer un libro de esquerdas porque os cenáculos ideolóxicos que o promoven, e dos que o autor está próximo ou aos que pertence, levan tempo encargándose de demolir todo o que facía que a esquerda fose a esquerda. Non é de estrañar que na prensa francesa fose loado por aqueles mesmos que antonte insultaban a Pierre Bourdieu cando denunciaba os estragos do neoliberalismo. Piketty, no seu libro, non denuncia nada que non se saiba.
O libro de Piketty vénnos dicir, como os saint-simonianos, que as desigualdades sociais son xustas e están xustificadas se se fundan no mérito e no traballo dos individuos. (No xornal Le producteur, poucas páxinas máis adiante da resposta a Stendhal, o correspondente do xornal en Martinica, que asina con siglas, afirma que hai que estar contra a abolición da escravitude: a abolición só traería desordes, inxustizas (sic) e violencia. Non reproducimos o que di dos negros por vergoña allea.) O seu libro, ao final, é unha peza máis –e unha carga de profundidade– da empresa de destrución do pensamento de esquerdas: para que o capitalismo sexa aceptábel e as desigualdades aceptadas, é necesario limitar, mediante os impostos, aquelas desigualdades que cada día son máis escandalosas e pouco, ou menos, xustificábeis. A crítica do «capital» e algunhas medidas fiscais interveñen aquí para salvar o paradigma en que se pensa o mundo sen as clases e sen os antagonismos de clases. Os intelectuais orgánicos da socialdemocracia e da esquerda dominante recibiron este libro como un libro de esquerdas, case de extrema esquerda: simplemente, porque a esquerda oficial no poder ou que aspira ao poder, está á dereita de Piketty.
A «recensión»-resposta de Le Producteur a Stendhal, e máis o extracto da presentación do primeiro número do xornal que cita o escritor francés, veñen dicir, máis ou menos, no fondo, que o que hoxe está a dicir Piketty, ou viceversa, se queremos ser «históricos»1.
Para acabarmos, unha cita máis, de Leonardo Sciascia, tirada do seu libro, Negro sobre negro, especie de dietario: «Mais o que me preguntei onte, entre o diálogo cos estudantes e a lectura do ensaio de Renard, é o seguinte: se Stendhal ten lectores en 1977, lectores mozos como os que pide sempre a súa xove obra, tívoos en 1880: unha primeira vaga na que van incluídos Friedrich Nietzsche, os escritores do realismo, os intelectuais que defenderon a inocencia de Dreyfus. Volveu telos en 1935: e na mesma data rexístrase entre nós a aparición da conciencia antifascista. Sería un bo sinal que os tivese neste 1977». Ou neste 2014.
Noticia sobre Dun novo complot contra os intelectuais
Henri Martineau
Le Producteur acababa de ser fundado en 1825 polos discípulos de Saint-Simon, pouco antes da morte deste. Henri Beyle sublevouse inmediatamente contra a doutrina dos que querían que a capacidade industrial xulgase o valor de todas as outras capacidades. De aí o seu panfleto tan sarcástico.
O folleto, asinado como Stendhal, apareceu no editor Sautelet, praza da Bolsa ese mesmo ano de 1825, e probabelmente cara a fins de novembro. J.-A. Buchen escribía o 26 de novembro a Sutton Sharpe:
«Fun onte a casa de Beyle… Atopeino a corrixir as probas dun folleto, adiviña sobre que tema? Sobre a industria. Parece ser que neste folleto fala moi mal dos industriais. Temo que sobre este tema non razoe tan agradábel e tan divertidamente como de costume. As obras de Beyle son tan divertidas polos erros que espalla como polas verdades abraiantes que asombran pola súa novidade. Mais aquí xa non se trata do terreo sempre disputábel e sempre disputado do gusto. A razón reviste formas menos insubstanciais e temo que o noso amigo Beyle caia en augas lamacentas e profundas».
Stendhal non se enlamou tanto como iso, se podemos acreditar en Sainte-Beuve que, no seu artigo das Causeries du Lundi, (2 de febreiro de 1854) se expresaba desta maneira sobre este áxil libelo:
«Nun pequeno folleto publicado en 1825 (Dun novo complot contra os industriais) el [Beyle] foi un dos primeiros en sublevarse contra o industrialismo e o seu trunfo esaxerado, contra a clase de palma que a escola utilitaria se concedía a si mesma. Non entro no punto particular do debate e non examino se entendía perfectamente a idea da escola saint-simoniana de Le Producteur que tiña no seu punto de mira entón, anoto simplemente que reivindicaba a parte eterna dos sentimentos abnegados, das belas cousas reputadas inútiles, do que os italianos chaman a Virtu».
Evidentemente non se debe pensar que se van encontrar nas poucas páxinas deste folleto improvisado unha fonda crítica do saint-simonismo. Beyle só aspiraba a afundir un dardo aceirado no flanco do adversario, ou mellor, pórlle un par de bandarillas. E como observou Saint-Beuve, é abondo curioso ver este Beyle que tantas veces tratan de materialista groseiro facerse o campión do ideal, dos sentimentos desinteresados, das belas cousas reputadas inútiles, contra os excesos da escola utilitaria.
Beyle confiara, seica, o seu manuscrito a Paul-Louis Courier2. O célebre panfletario aprobaríao. El tamén estimaba que «pensar é o menos caro dos praceres» e que a clase media e a que vive da súa pluma non deberían ser sometidas nin á industria nin á finanza, e que existen outros valores ademais da capacidade industrial.
Tan pronto como apareceu o pequeno panfleto, Le Producteur, cuestionado directamente, defendeuse, no seu número 10, mediante un artigo severo de catro páxinas nas que protestaba con violencia contra as pasquinadas3 do Sr. Stendhal. Este artigo, debido á pluma de Armand Carrel, non ía asinado. Tamén Stendhal respondeu mediante unha carta ao director de Le Producteur, Sr. Cerclet, o 30 de novembro de 1825. A carta teminaba así:
«O ton da súa carta faime esperar, Señor, que, mesmo non estimando vostede moito as miñas bromas e eu as súas escuridades pretensiosas, podemos continuar a vivir sobre un pé amigo. Se me permite rirme do que me parece afectado e que, por extraordinario, o meu folleto teña unha segunda edición, borrarei, sen que vostede me dixese nada a este respecto, o que puido parecer inculpar as súas intencións, porque as xentes que pensan non deben rirse dos que dixiren».
Le Globe, pola súa banda, tomou parte na querela. No seu número do 17 de decembro de 1825, publicou un extracto do folleto de Stendhal, precedido cun chapeu que non deixa de ter interese e nos semella aínda máis picante se se puidese probar, hipótese abondo plausíbel, que era do propio Stendhal. Sexa como for, entregámolo aquí en apéndice.
É aproximadamente neste tempo e a propósito desta polémica que se fixo correr este cuarteto, abondo malvado nos dous sentidos da palabra4:
Imprudente detractor dunha nova escola,
Beyle, en nome da industria, tremeu completamente.
Quen lle fixo esta palabra? Teme que non
Se pegue ao seu título de cabaleiro?
Cinco anos máis tarde un último eco destes pequenos acontecementos literarios deixábase escoitar nas Scènes contemporains et Scènes historiques da suposta Condesa de Chamilly (París, Barbesat, 1830, tomo II, p. 262). Os autores, Loéve, Veymars, Ramieu e Vandenburch, nun divertido diálogo titulado O Produtor, puñan en escena o barón de Stendhal e o Baron de Cotonet5, discutindo con Saint-Simon, Schlegel e Madame de Stäel.
[Stendhal, Mélanges de littérature. Essais de psychologie. Les moeurs et la société. Sur ses propres livres. II. Établissement du texte et préfaces par Henri Matineau, Paris, Le divan, 1933.
……………………………………………………………………………………………..
NOVO COMPLOT CONTRA OS INDUSTRIAIS
Stendhal
Se altamente vuoi utile forti, vanità combatti,
fatale in oggi di virtú nimica. Silvio Pellico.
PEQUENO DIÁLOGO
O INDUSTRIAL
Meu caro amigo, ceei excelentemente.
O VECIÑO
Tanto mellor para vostede, caro amigo.
O INDUSTRIAL
Non soamente tanto mellor para min. Pretendo que a opinión pública me conceda unha gran recompensa por darme no pracer de facer unha boa cea.
O VECIÑO
Arredemo!, é un pouco forte.
O INDUSTRIAL
Por casualidade, non será vostede aristócrata?
Tal é o extracto abondo claro dos catecismos do Sr. de Saint-Simon e dos seis ou sete primeiros números dun xornal escrito nun estilo escuro e que ten o ar de se bater a favor da industria.
O Sr. de Saint-Simon dixo:«A capacidade industrial é a que debe estar en primeira liña. É a que debe xulgar o valor de todas as outras capacidades e facelas traballar todas para alcanzar as máis grandes vantaxes».
Se non temos coidado, vannos deixar en ridículo.
Eu tamén son un industrial, porque a folla de papel branco que me custou dous céntimos, revéndoa cen veces máis cara despois de ennegrecela. Nomear esta pobre humilde industria, non é afirmar que non son nin rico nin pobre? Eu só me acho mellor situado para percibir o ridículo dos dous campos opostos, o industrialismo e o privilexio.
Quero acreditar que mil industriais que, sen faltar á probidade, gañan cen mil escudos cada un, aumentan a forza de Francia, mais estes señores fixeron o ben público a consecuencia do seu ben particular. Son boa e honesta xente, que honro e verei con pracer que sexan nomeados alcaldes ou deputados, porque o temor da bancarrota lles fixo adquirir costumes de desconfianza e ademais, saben contar. Mais procuro en van o admirábel na súa conduta. Por que debería admiralos máis que ao médico, que ao avogado, que ao arquitecto?
Certamente, nós, humildes xentes, amamos máis a industria que nos propón facer cambios e que quere comerciar connosco, que o privilexiado que pretende secuestrar quitarnos todos os nosos dereitos. A profesión dos industriais é moi estimábel, mais non vexamos nela o mérito de ser máis honrada que calquera outra profesión útil á sociedade. Por moito que diga clase encargada en Francia de fabricar a opinión, por falarmos en linguaxe industrial, será sempre a das xentes de seis mil libras de renda. Estas xentes son as únicas que teñen o lecer de se formaren unha opinión propia e non a do seu xornal. Pensar é o menos caro dos praceres. A opulencia áchao insípido e sobe no carro para correr á Ópera, non se dá o tempo de pensar. O home pobre non ten tempo, é preciso que traballe oito horas por día e que o seu espírito estea sempre tenso para realizar ben a súa tarefa.
A clase pensante concede a súa consideración a todo o que é útil ao maior número. Recompensa mediante unha gran estima, e algunhas veces mediante a gloria, os Guillerme Tell, os Porlier, os Riego, os Codrus, as xentes, nunha palabra, que arriscan moito para obter o que, con ou sen razón, xulgan útil ao público.
Mentres Bolívar liberaba América, mentres o capitán Parry se achegaba ao polo, o meu veciño gañou dez millóns fabricando panos, tanto mellor para el e para os seus fillos. Mais desde hai pouco manda facer un xornal que me di, todos os sábados, que teño que admiralo como un benfeitor da humanidade. Ergo os ombros.
Os industriais prestan cartos aos gobernantes e fórzanos moitas veces a facer uns orzamentos razoábeis e a non dilapidaren os impostos. Aquí, probabelmente acaba a utilidade dos industriais á cousa pública, porque pouco lles importa que os cartos prestados por eles axuden aos turcos ou axuden aos gregos. Acho na última obra do Sr. Villemain o diálogo seguinte entre Lascaris, que foxe de Constantinopla tomada polos turcos, e un xove Médici.
–Mais, di Médici, os xenoveses que ocupaban os vosos barrios eran os vosos aliados, os vosos mercadores!
–Traizoáronnos, respondeu o infeliz grego. Por que deberían sernos fieis? Comerciarán igualmente cos turcos. Só podía salvarnos a valentía desinteresada. (Lascaris, páxina 7).
Os banqueiros, os mercadores de cartos, necesitan un certo grao de liberdade. Un barón Rothschild era imposíbel baixo Bonaparte, que talvez enviaría a Sainte-Pélagie6 un prestamista recalcitrante. Os mercadores de cartos necesitan un certo grao de liberdade sen o cal non habería crédito público. Mais, desde o momento que o oito por cento se fai presente, o banqueiro esquece moi rapidamente a liberdade. Polo que respecta a nós, o noso corazón non poderá esquecer inmediatamente que vinte casas, tomadas entre o que hai de máis industrial e de máis liberal, prestaron cartos por medio dos cales compraron e colgaron a Riego. Que digo? No momento en que estou a escribir, a industria, ao achar que o pachá de Exipto é abondo solvente, non lle constrúe barcos en Marsella? Os industriais usan a liberdade como cidadáns franceses. Empregan os seus fondos como lles peta: faltaría máis. Pero por que vir a pedirme a miña admiración e como súmmum do ridículo, pedirma en nome do meu amor pola liberdade?
O industrialismo é un pouco curmán do charlatanismo, paga xornais e defende, sen que llo roguen, a causa da industria. Permítese, ademais, unha pequena falta de lóxica: berra que a industria é a causa de toda a felicidade da que goza a xove e fermosa América. Co seu permiso, a industria non fixo máis que beneficiarse das boas leis e a vantaxe de non ter as fronteiras expugnábeis que posúe América. Os industriais, mediante os cartos que emprestan a un goberno despois de tomar as súas seguridades, aumentan de momento a forza dese goberno, mais inquiétanse pouco do sentido no que esa forza vai dirixida. Supoñamos que un mal xenio envía aos Estados Unidos de América un presidente ambicioso como Napoleón ou Cromwell. Este home beneficiarase do crédito que achará estabelecido ao chegar á presidencia para pedir prestados catro centos millóns e con eses millóns corromperá a opinión e farase nomear presidente vitalicio. Pois ben, se os intereses da renda son ben servidos, a historia contemporánea está aí para nos ensinar que os industriais continuarán a lle prestaren millóns, é dicir, a aumentar a súa forza, sen se preocuparen do sentido en que é exercida. Que impide hoxe aos industriais emprestar ao rei de España? É a falta de moralidade deste príncipe ou a súa falta de solvencia?
Estas consideracións son moi simples, moi claras. Son abafantes. Así, vede a escuridade e a énfase nas que os xornais do industrialismo están obrigados a se procurar un refuxio. Non chamaron a Alexandre Magno o primeiro dos industriais?7 E observade que estou obrigado a pasar lixeiramente sobre os feitos máis asombrosos e máis achegados que confirman a miña teoría, porque non quero ir a Sainte-Pélagie nin crear un odio impotente na alma do meu lector. A industria, como todos os grandes resortes da civilización, ten como consecuencia algunhas virtudes e varios vicios. O industrial que presta a súa nave ao Gran Turco para efectuar o masacre de Quios é probabelmente un home abondo ecuánime e moi razoábel. Será un bo director de hospital e ministro abondo inmoral e por iso abondo perigoso: por tanto, os industriais non son axeitados para todos os postos8.
Todas as profesións practicadas con probidade son útiles e, xa que logo, estimábeis. Tal é a vella verdade que proclama a clase pensadora situada entre a aristocracia, que quere invadir todos os postos, e o industrialismo, que quere invadir toda a estima. O industrialismo declárase unicamente estimábel. Non obstante, Catinant, tan pobre, prevalece sobre Samuel Bernard. Os grandes industriais do século de Luís XIV son case todos ridículos na historia e Turgot, tan pobre, é un grande home.
Talvez se intentará respondernos facéndonos dicir o que non dixemos: velaí as explicacións. A clase pensadora, ao medir con coidado a súa estima sobre a utilidade, prefire moitas veces un guerreiro, un hábil médico, un sabio avogado que, sen esperanzas de salario, defende a inocencia9, ao máis rico fabricante que importa máquinas e emprega dez mil obreiros. Por que? É que para arribar a unha grande estima é necesario, en xeral, que haxa sacrificio do interese para algún nobre fin. Que sacrificios fixeron nunca Zamet, Samuel Bernard, Crouzat, Bouret, etc., os máis ricos industriais dos que a historia conserva a lembranza? Gárdeme Deus de afirmar que, desta observación histórica tiro a consecuencia de que os industriais non son honrados! Quero dicir unicamente que non son heroicos. Cada clase de cidadáns ten o dereito á estima e, aquí como noutras partes, o ridículo encárgase de facer xustiza ás pretensións esaxeradas. A clase pensadora honra a todos os cidadáns. Se é desprezada, se é inxuriada10, conténtase con devolver os seus desprezos e ao nobre barón cuxo trintaxésimo avó foi á cruzada de Luís o Xove, e ao espadachín imperial, e ao industrial tan orgulloso dos seus dez millóns cos que vai comprar un título feudal. Esta última clase, ao atribuírse toda a felicidade de América e ao esquecer a Washington, Franklin e La Fayette, parécenos a máis ridícula neste momento.
O honorábel Sr. de Saint-Simon dixo, e os xornais pagados polo industrialismo repiten nun estilo pretensioso: «A capacidade industrial é a que debe estar en primeira liña. É ela a que debe xulgar o valor de todas as outras e facelas traballar todas para o seu maior beneficio»11.
Ora, un carpinteiro de carros, un labrego, un carpinteiro, un cerralleiro, un fabricante de zapatos, de sombreiros, de telas, de trapos, de cachemiras, un carreteiro, un mariño, un banqueiro, son industriais. Esta enumeración pertence ao Sr. de Saint-Simon12 .
Tal enorme multitude como a que estaría composta por todos os labregos, todos os carpinteiros, todos os zapateiros, etc., non pode estar en primeira liña, ou ben todo o mundo estaría en primeira liña, o que lembraría un pouco a ese filósofo da comedia que, na súa súplica, di ao príncipe:
En famosos portos de mar cambiades todas as vosas vilas.
A primeira liña da sociedade acondicionada à la Saint-Simon é un pouco numerosa, porque vemos colocados todos os zapateiros, todos os albaneis, todos os labregos e moitos outros. É preciso ordenar aparentemente segundo os seus éxitos, é dicir, segundo as súas riquezas, os membros desta clase que está á cabeza de todas as outras. Ora, cal é o xefe desta clase en París? Quen é o home que debe ser o xuíz de todas as capacidades? É evidentemente o máis rico de dos industriais, o Sr. barón Rothschild, axudado, se se quere, nas súas funcións de xuíz, polos seis industriais máis ricos de París, Srs…, que honro demasiado para colocar os seus nomes neste tribunal burlesco. Así que os nosos grandes poetas, Lamartine e Béranger, se apresuren a facer versos, que os nosos científicos ilustres, Laplace e Cuvier, interroguen a natureza e proclamen descubrimentos sublimes, as súas capacidades serán xulgadas ou ben pola asemblea xeral de todos os albaneis, zapateiros, carpinteiros, etc., ou polos primeiros homes desta clase privilexiada, a saber, o Sr. barón Rothschild, escoltado de seis banqueiros que o público ve con el en todos os préstamos. Ao coñeceren a dignidade con que o Sr. de Saint-Simon e a súa escola os adobían, vexo desde aquí os banqueiros máis ricos de París berrar a coro:
Nada é máis perigoso que un amigo ignorante.
Mellor sería un inimigo sabio.
Mais deixemos estas loucuras, que se dirían inventadas por algún aristócrata para pór en ridículo ao pobo, é dicir, á orixe de todos os principios lexítimos. Eu tamén lin a Mill, Mac Culloch, Malthus e Ricardo, que acaban de ampliar os límites da economía política. Máis Francia estará imbuída das grandes verdades que subliñan, menos deixará meter a pata na fabricación dos seus orzamentos, máis fará camiños e sobre todo ferrocarrís.
Se o novo xornal se limitase a espallar estas verdades, que probabelmente ignora, desexándolle menos énfase no estilo e sobre todo un pouco máis de espírito, fariamos votos polo seu éxito. Pero, máis unha vez, reclama imperiosamente unha dose extraordinaria de consideración e de respecto polos Srs. banqueiros, manufactureiros e negociantes máis ricos13. Porque, repítoo, desexando sinceramente a súa felicidade, non se pode respectar a todos os labregos, a todos os albaneis, a todos os carpinteiros.
Sobre algunha preferencia se funda unha estima.
E é non estimar nada estimar a todo o mundo.
NOTAS
1 Anote o lector a seguinte frase de Le Producter na resposta a Stendhal: «nós non dicimos honra a quen cea ben, senón vergoña ao que cea mal pola súa culpa» (subliñamos nós) (Ndt.).
2 Un dos grande panfletistas franceses do XIX, de quen daremos nos próximos meses algunhas mostras da súa «produción» (Ndt.)
3 De «pasquín» (Ndt.)
4 É dicir, «malvado» e «malo» (Ndt.).
5 Máis ou menos «algondonciño» (Ndt.)
6 Cárcere francés (Ndt.).
7 Le producter, p. 22
8 Saint-Simon, Catéchisme, p. 38 e 39.
9 Exemplos: o xeneral Villars en Denain, o doutor Jennent descubrindo a vacina, Malesherbes defendendo a Luís XIV, Mazet indo a morrer a Barcelona.
10 Un industrial riquísimo dicía de d’Alembert: «Quere razoar e non ten mil escudos de renda!».
11 Catéchisme des industriels, 3º caderno, p. 1.
12 Páxina 1 do Catéchisme des industriels.
13 Podo afirmar que nada semellaría máis cómico en Inglaterra que loanzas dirixidas aos ricos manufactureiros. Hai moito tempo que os ingleses esqueceron este tipo de charlatanismo.
You might also like
More from Críticas
Sobre “Estado Demente Comrazão”, de Paulo Fernandes Mirás | Alfredo J. Ferreiro Salgueiro
Estado Demente Comrazão é um livro complicado. É por isso que não está na moda. Parabéns ao seu autor!
O tempo das “Não-Coisas”. E o uso excessivo das redes sociais segundo Byung-Chul Han
"O que há nas coisas: esse é o verdadeiro mistério" Jacques Lacan Agarramos o smartphone, verificamos as notificações do Instagram, do Facebook, …